MAURO CASTELLÁ FERRER

Devolvín onte na biblioteca, logo de telo un mes na casa, este libro curioso, titulado Historia del Apóstol de Iesus Christo Santiago Zebedeo Patrón y Capitán General de las Españas. O autor Mauro Castellá Ferrer, militar e escritor que naceu en Celanova no ano 1567 e que morreu en Madrid no 1612.

Non foi o título, dende logo, o que me chamou a atención. Souben del por un artigo de Xosé Luis Méndenz Ferrín, publicado no suplemento cultural do Faro de Vigo e titulado: O erudito de Bubadela.

Mauro Castellá 1Nas setecentas páxinas cumpridas do texto, amósase Mauro Castellá Ferrer como un apaixonado defensor da historia do apóstolo como certa. Argumenta e replica todo canto argumento coñece que negue o que é para el verdade incuestionable. Informa de cousas curiosas, como que Pedro e Andrés pescaban á parella con Santiago e Xoán, no mar de Galilea, e que era Caifás quen lles mercaba o peixe.

Para min, o máis singular, é como conta Galicia dende a perspectiva do século XVI. O país dos neriones, dille, supoño que lembrando os nerios. Recolle todas as lendas que vinculan o noroeste peninsular coa mitoloxía grega. Interpreta o topónimo Pontecesures como Ponte feita por Xulio César; afirma que a Ara Solis estaba no lugar no que se ergue a igrexa de Santa María das Areas en Fisterra, e dá por certo que Santiago estivo en Iria Flavia, que el corrixe e cita como Illia Flavia, pero tamén en Duio, Muxía, A Coruña e Lugo, antes de marchar cara Braga. Segundo escribe, Ourense pillaría ao Apóstolo fóra de camiño, pero Mauro Castellá fala da cidade e do Castelo Ramiro. Algunhas achegas son ben singulares, como este mapa da xeografía apostólica:

mapa do santo

Afirma que nos días nos que o Apóstolo andaba por aquí de prédica, na Gallaecia había rebelións locais contra o Imperio, cousa que eu sempre sospeitei, aínda que non teñamos moita memoria deses feitos, ou eu non coñeza as probas.

A Historia de Lupa que nos conta é moi semellante á do Códice Calixtino, aínda que afirma que ela provén dunha familia romana, cousa que a min me custa crer. En fin, libro curioso, singular para días de chuvia

O CAMBEDO

Chegoume a información de que o pasado 25 de febreiro, no Museu do Aljube de Chaves, estreouse un documental sobre O Cambedo, titulado O silencio, de António Loja e José Manuel Alves Pereira. A historia do Cambedo pódese ler polo miúdo neste enlace que segue. Eu non a vou repetir. Só lembrar, acaso, que O Cambedo forma parte común da historia da represión practicada polas ditaduras que, durante tantos anos, exerceron o seu poder a xente e as terras de Portugal e de España.

http://chaves.blogs.sapo.pt/filme-os-silencios-do-cambedo-estreia-1350137

Eu souben desta historia en 1996, cando se cumpriron 50 anos dos feitos e un grupo de persoas acudimos alí, en día de chuvia, para honrar a memoria dos que faleceron aquel 20 e 21 de decembro de 1946 e, tamén, a dos habitantes da aldea que sufriron unha acción de guerra criminal e desproporcionada e dos que foron apresados e confinados no peor presidio Portugués en Cabo Verde. Aquel día descubriuse esa lousa que coa lenda: “En lembranza do vos sufrimento: 1946- 1996” quería expresar agradecemento, solidariedade e amor por parte dos galegos.

O CambedoTempo despois, no ano 2004, a Asociación Amigos da República de Ourense, na súa celebración anual, rendeu homenaxe aos veciños que viviron aqueles feitos. Foron moitos os amigos da Raia que se achegaron a Ourense para participar nela. Daquela desvelounos moitos puntos escuros da historia a investigadora Paula Godinho, quen rematara a súa tese investigando O Cambedo. Publicouse, tamén, un libro, iniciativa da Asociación, con varios traballos sobre os feitos.

Xosé Luis Méndez Ferrín, no libro Estirpe, publicou un longo poema que leva por título o nome da aldea:

Agre pemento, e esgrevio
de vez, raíz. Torgueira do sentir, aló as cambas
que poñen rodopío ao corazón.
          Baixo as grandes abóvadas da luz Támega, de vez
          londras de traizón nas augas dos teus ollos, carniceira de ti, gorda.
Non; o home armado é non; Galiza.
          Pobo mestura o Cambedo, é.
          Delfina, meniña loira é.
          Chumbo no ventre, ollos abertos de nena morta,
          de garota triste, de almalla -inda non vaca- aluarada.
          Vellota seixo lembra sempre.
Culatas cen, pés mil. Mallan. El de alxemas e sangue na boca,
o Demetrio.
Disparo, viaxe ao centro do ollo, a luz que cega, en branco fica
Mestre Xoán Salgado.
Adeus mamaciña boa, bombón de metal su a lingua lista
do García.
          Olla, dona, como eles can sobre a terra do esquenzo.
          Olla como eles can sobre a terra do esquenzo.
Va, señores, que lles digo fogo de morteiro e de metralladora.
Dous mil contra o Cambedo, lembren Tebas.
Carne arde; fede, señores. Acolá, alcatrea.
          De pronto o verso hermético decai
          por lle deixar paso franco ao Pauto Ibérico.
          Gardas Fiscal, Republicana e Civil; PIDE, Falange Española.
          As verbas necesarias.
          Contra o Cambedo e ti.
          Vinte e vinteún de Natal do corenta e seis: Vossemecês
          aínda non naceran.
Bombardeo do Cambedo. Eu escoito o balbordo, tu deberas.
          Repara, corazón, que se me corta o leite que me daba a mamá.
Manuela, Engracia, Albertina, señoritas de todos, coraxe
nas matrices blindadas.
Pr’elas o beixo que che nunca quixen dar
por ser de esterco e broa feito.
Cópula, diamante orgánico nos cortellos
nos que o Partido construía o mundo
que non poidera ser.
          Os palleiros en lapas.
          Vexan como aquel can arrastra un intestino.
          Vacas loucas louquiñas
          arden de corna lírica.
          A res cos ollos fóra.
         Vexan as persoas humanas baixo mantos de estrume;
         castañolas, os dentes.
O día no que morreu Portugal.
A Espanha era comesta polo bode
das súas enxebres sombras inferiores (tan características).
Nós, sós.
          Chora Oimbra, carpen Vilarelho, Rabal e Outeiro Seco.
          Deica Verín e Chaves chega a labareda.
          ¡Cimo de Vila da Castanheira,
          Nantes!
Sabémo-lo enigma do Cambedo.
Consagración.
Sangues, de consún, nai, tu (gorda traidora), polos regos
dos lameiros de feno, dos lameiros de pasto.
          Baldío dos soños, república da morte.
          De raíz, cambas, corazón, abóvadas.

 

BORGES NOS XOGOS FRORAES DO IDIOMA GALEGO

No libro Borges dende o labirinto galego, publicado por la Xunta de Galicia en 2008, o autor, Claudio Rodríguez Fer, inclúe unha fotografía de Jorge Luis Borges falando no banquete dos “Xogos Froraes do Idioma Galego” do ano 1968, nun tempo no que aínda era posible fumar nos banquetes. Formidable a galeguización do nome do autor El brujo postergado, relato que ten a Compostela como referencia.

Borges

Xa a coñecía, pero din con ela de novo estes días, traballando un artigo de encarga sobre a relación entre Francisco Luis Bernárdez e Julio Cortázar, para o que moito debín remexer.

A intervención de Borges prodúcese no acto central dos Xogos, do día 31 de agosto. O mantedor central do acto é Xosé Luis Méndez Ferrín, a quen Borges dedica garimosas palabras.

Ferrín aproveita a viaxe e o día 9 de setembro reúnese co Consello de Galiza, dando conta das accións da UPG e da situación política no interior do país. O Consello, representante da legalidade republicana, vaille encargar a constitución dunha delegación na Terra. Historias esquecidas dun país con pouca memoria.