POLA VACA, EN FISTERRA

Foi fermosa a tarde do sábado. Xuntámonos moitos por algo que non sendo esencial, si resulta importante: pedir que a Vaca de Fisterra soe de novo. Á convocatoria era ás 17,00, diante da lonxa. As catro e media estaba eu alí, pero aínda non había ninguén. Ao pouco tempo, chegou o coche do 112 e a policía municipal. Non sei como sucedeu, pero en poucos minutos, aquilo encheuse de xente.

Pouco pasaba das cinco, cando César Cambeiro iniciou a Andaina festiva. Había un

Marilar recitando baixo a Vaca

Marilar recitando baixo a Vaca

primeiro recital diante da lonxa mesma. Estaban convocadas doce voces. Pero foi necesario agardar, porque un grupo de pandereiteiras de Fisterra, coas que non contabamos, quixeron sumarse á festa. E sumáronse de vez, que camiñaron ata o faro cantando e tocando a pandeireta, complementándose coa gaita de Moncho do Orzán. Na lonxa, tamén, unha muller, nai, muller e filla de mariñeiros, recitou un poema popular que nos emocionou a todos. Elas foron parte da alegría e da emoción da tarde.

A prensa fala de trescentas persoas e trescentas habería. Polo camiño ata o faro, fomos deixando versos, parando para reagrupámonos na Virxe das Areas e na curva da fonte. En Fisterra vivimos o segundo recital, mentres o sol dun día luminoso e feliz procuraba o horizonte.

Moncho do OrzánAo regreso, no bar A Galería, de Roberto Traba Velay, un dos poetas participantes, deixamos caer a noite, bebemos e cantamos, levados polo acordeón de Moncho. Foron moitas as sensacións, moita a xente coñecida que acudiu e sempre, a sensación de compartíamos o obxectivo vital de reivindicar o invisible. Esta é a información de hoxe, domingo:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/fisterra/2015/09/20/vaca-fisterra-span-langglbruaspan-voces-poeticas-reivindicacion/0003_201509C20C19916.htm

http://www.elcorreogallego.es/area-de-compostela/ecg/poesias-musica-buguinas-reivindicativas-pie-cabos-fisterra-tourinan/idEdicion-2015-09-20/idNoticia-953639/

http://www.quepasanacosta.com/?p=46392

Quero dar as grazas a todos os participantes que nos acompañaron, ás peroas que inteveiñeron, os xa mencionados César Cambeiro, que nos levou entre risos, durante máis de tres horas e Moncho que foi o noso Hamelin. Por suposto, a esas pandeireiteiras que decidiron acudir e que tanto e tan ben nos amenizaron e, en particular, as mulleres e homes poetas que acudiron a recitar ou a quen nos enviou os seus poemas, esta sería a nómina: Juan Alberte, Iolanda Aldrei, Marilar Aleixandre, Suso Bahamonde, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Quiles, Anxo Cousillas, José Estévez, María José Fernández, Francisco X. Fernández Naval, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, Xosé Iglesias, Alex López, Miguel Mato Fondo, Alexandre Nerium, Olga Patiño Nogueira, Fernando Patricio, Marité Prieto, Xesús Rábade Paredes, X. H. Rivadulla Corcón, Pilar Silva, Francisco Souto, Nolo Suárez, Roberto Traba Velay, Miguel Vázquez Freire e Helena Villar, Cesáreo Sánchez Iglesias, Ramiro Torres e David Creus.

Este é o manifesto que limos ao final e que mañá faremos chegar á Autoridade Portuaria da Coruña:

Dende o mes de decembro de 1889, nas mañás de borraxeira, na noites bretemosas, nos días nos que os barcos navegaban no baleiro, un bramido actuaba a xeito de compás sonoro e situaba a pilotos, patróns e temoneiros sobre unha carta mariña invisible, pero certa, unha carta que tiña como referencia o bruar que proviña do promontorio de Fisterra.

Ao longo dos anos, os navegantes do mundo e os habitantes da comarca, interiorizaron ese son poñéndolle un nome: a Vaca de Fisterra. O son pasou a formar parte da vida cotián da xente, integrouse nas conversas, fíxose frase, música e os poetas tomárona como referencia nalgunhas das súas composicións.

Ese son forma parte do patrimonio da xente da bisbarra e de todo o país. Patrimonio inmaterial, o máis sensible porque non se ve, porque non se toca, pero referencia fonda do sentir colectivo, que resoa no interior da memoria e que constitúe parte esencial do ser comunitario.

Pero ademais, segundo nos comentaban estes días torreiros e fareiros xubilados, a Vaca, o nautófono de Fisterra, non só é importante polo valor simbólico do seu son, senón tamén pola singularidade do mecanismo que o produce, salientando que non son moitos os sinais sonoros destas características que se manteñen en funcionamento en Europa. Trátase pois dunha referencia que conxuga o valor do patrimonio material e inmaterial.

Os convocantes desta marcha festiva, poética e musical, que ten por obxectivo reclamar que a Vaca soe de novo, as persoas que nela participaron, as entidades públicas e privadas que a apoiaron, as asociacións, colectivos e persoas que a ela se adheriron, consideran imprescindible salvagardar este elemento patrimonial que forma parte do ser da comunidade e do propio promontorio de Fisterra, unha referencia máis que engadir a todas cantas atesoura e que fan deste lugar un dos símbolos culturais europeos.

Por iso solicitamos da Autoridade Portuaria da Coruña que, a través do seu Departamento de Pesca e Xestión de Patrimonio, adopte as medidas necesarias para garantir a conservación do nautófono e que o son da Vaca acompañe de novo a singradura dos navegantes e o vivir cotián dos habitantes do territorio máis occidental do continente.

Fisterra, 19 de setembro de 2015

 

AS VACAS DE FISTERRA

Modesto Fraga, Xosé Iglesias e eu, decidiumos formar tripulación e lanzarnos a esta travesía de reivindicar que As Vacas de Fisterra se escoiten de novo.

Reivindicamos o invisible, o que non é evidente, o inmaterial, o que tantos consideran innecesario, pero que na nosa opinión forma parte de nós. Reivindicamos o son protector das Vacas. Contamos coa colaboración e o apoio do concello de Fisterra.

Vaca de Fisterra. Vacas

Aquí vai a convocatoria da tarde festiva, cando xa temos confirmada unha nutrida representación poética, artística e musical.

AS VACAS DE FISTERRA: O BRUAR DA FIN DA TERRA

Dende 1889, nas mañás de borraxeira, na noites bretemosas do mar, nos días nos que os barcos navegaban sobre o gume dun eco, un bramido actuaba a xeito de compás sonoro e situaba a pilotos, patróns e temoneiros sobre unha carta mariña invisible, pero certa, unha carta que tiña como referencia o bruar que proviña do promontorio de Fisterra.

Ao longo dos anos, os navegantes do mundo e os habitantes da comarca, interiorizaron ese son poñéndolle un nome: a Vaca de Fisterra, por ser o seu berro un bramar semellante ao dunha vaca. O son pasou a formar parte da vida cotián da xente, integrouse nas conversas, fíxose música e os poetas tomárona ou tomáronas, que dúas era as vacas, como referencia nalgunhas das súas composicións.

Ese son forma parte do patrimonio da xente da bisbarra e de todo o país. Patrimonio inmaterial, o máis sensible porque non se ve, porque non se toca, pero referencia fonda do sentir colectivo, que resoa no interior da memoria e que constitúe parte fundamental do ser comunitario.

Porén, dende o ano 1999 a Vaca deixou de soar e o seu bruar xa non se escoita nos días de borraxeira, nin nas noites de brétema.

Por iso, en colaboración con concello de Fisterra, convocamos a todos os que valoran e defenden o noso patrimonio material e inmaterial, e a todos cantos aman a cultura do mar, a participar nunha marcha festiva, musical e poética, que o sábado 19 de setembro nos levará dende a lonxa de Fisterra ata o promontorio, baixo as dúas Vacas, reivindicando que o faro recupere a súa voz.

Deixamos aquí, como referencias, este artigo de Modesto Fraga, escrito en febreiro de 1999 e publicado entón no xornal Noroeste:

http://www.finisterrae.org/nova.php?noticia=66&idioma=gl&sec=2

así como este artigo e a ligazón ao vídeo poema de Xosé Iglesias, publicados no blog palavra común, en febreiro de 2014:

http://palavracomum.com/2014/02/26/a-vaca-de-fisterra-xose-iglesias/

Francisco X. Fernández Naval/ Modesto Fraga/Xosé Iglesias

A VACA DE FISTERRA

Hai algúns anos, en Lira, un día de borraxeira mesta, decateime de que non se escoitaba o son característico que sempre percorría o mar, en situacións meteorolóxicas semellantes. Non soaba a vaca de Fisterra, a vaca ou as vacas, que eran dúas as instaladas en 1889. En principio pensei que se trataba dun fallo mecánico e que axiña o repararían. Logo, Alexandre Nerium, tras me explicar que os altofalantes eran de pel, contaríame que decidiran non restauralos. Agora, Xosé Iglesias dime que implantaron un sistema de control e aviso tecnoloxicamente avanzado, que cumpre a función que antes executaba o sinal sonoro.

Vacas-de-FisterraPero creo que a Vaca de Fisterra era algo máis ca un sinal marítimo para días de néboa e borraxeira. As xentes da contorna, vintecinco millas cara o norte e cara o sur, aprenderon a convivir con el e puxéronlle nome. Incorporouse á literatura e á tradición oral e pasou a formar parte do patrimonio inmaterial, o máis sensible dos patrimonios, o que está en situación de perigo maior de desaparición xa que, ao cabo, trátase dunha realidade invisible, non tanxible, neste mundo no que todo necesita o certificado de existencia modelo Santo Tomás. O meu poema Borraxeira, incluído en Mar de Lira, empeza así: Berro de alén mar/ así e o bruar da luz da fin da terra/ cando a constancia da brétema absorve o espertar do día… Pero hai textos de Marilar Aleixandre e de Miro Villar, que lembre agora.

Desaparece unha cántiga, un refrán, un topónimo e non nos preocupa, sen nos decatar de que iso que perdemos é o verdadeiro ADN dunha colectividade, xunto coa lingua, que tamén é patrimonio inmaterial.

Dende hai tempo veño alertando sobre a necesidade de reclamar que as Vacas braden de novo. Agora atopei en Xosé Iglesias, poeta e mariñeiro de todos os mares, un compañeiro que pensa coma min. El, ademais, xa elaborou material reivindicativo, neste vídeo poema que aquí deixo e que é ben fermoso.

Iremos dando novas das iniciativas que desenvolveremos neste novo movemento que ben podería ter por nome. QUE MEDRE O MAR E QUE BRADE A VACA.

URBANO LUGRÍS

Onte, na Coruña, por quinto ano consecutivo e sempre por estes días previos a Nadal, celebrouse o día Lugrís. Urbano Lugrís ou Ylysses Fingal, que ese era o seu heterónimo escritor.

A festa tivo de todo: elaboración dun mural sobre unha parede medianeira, á beira dunha das casas nas que o pintor viviu na cidade. Obradoiro de decoración de paraugas, con moita cor, iniciándose logo unha manifestación surrealista ata o Xardín de San Carlos. Alí, nunha performance, representouse o momento do primeiro encontro entre Lugrís e Antón Avilés de Taramancos, convocados ambos polos versos que Rosalía lle dedicou ao xeneral inglés John Moore, alí enterrado. Fixo de Lugrís o escritor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Fotos Lugris.1

Logo a manifestación de cor chegou ao antigo Papagaio, onde no local Monty celebrouse un recital poético no que participaron Manuel O’Rivas, Xosé Iglesias e o Ulysses dos mares do norte, coñecedor das paisaxes do frío, o mítico mariñeiro de Monte Alto e tamén poeta, Serafín Mourelle.

Moncho do Orzán amenizou a festa co acordeón e a balada de Lugrís escoitouse en toda a cidade: Urbano, Urbano, Urbano Lugrís/ Urbano, Urbano, Urbano Lugrís/ que pintou o mar, soñou un país… Como cada ano, Xurxo Souto foi mestre de cerimonia.

Manuel O’Rivas lembrou os días do Xurelo e a expedición á fosa Atlántica para denunciar os verquidos radioactivos e que axudou a prohibir o verquido deste lixo ao mar en todo o planeta.

Fotos Lugris 2

Foi tarde festiva, poética, de alegría e de amigos.

As dúas imaxes de hoxe son de Xacobe Melendrez, na primeira Moncho do Orzán toca o acordeón. Na segunda Manuel Rivas conta a odisea do Xurelo, diante da foto da tripulación do pesqueiro.

Este é un fermoso poema de Ulysses Fingal, escrito en homenaxe a Picasso. Picasso, que aprendeu a pintar aquí, e non o digo eu, que o deixou escrito el. Por certo, o ano que vén, na Coruña, será o ano Picasso. O primeiro acto foi a presentación, o pasado xoves, do libro PICASSO AZUL Y BLANCO -A Coruña: el nacimiento de un pintor- de Rubén Ventureira e Elena Pardo.

UN RÉQUIEM CATIVO PARA UN PINTOR GRANDE

HOXE pregunteilles as vagas do Orzán,
-¿Qué tristura garda voso verde afán?
que ata as areas tan graves están…
Respondeu o vento -¡Ay foi un amor
do mar maior!
Do mar maior de Riazor,
con vilas sulagadas, e mortas en fror.
(E tódolos sinos do fondo do mar
hoxe todos andan a saloucar,
i a chorar),
as sereas calan. Soio canta o mar.
O mar, testemuño dun neno andaluz,
que tiña nos ollos gardada unha lus.
As ondas do Orzán
van, veñen;
van.

A TRANSFUSIÓN OCEÁNICA DE XOSÉ IGLESIAS

Alguén me falara del, un mariñeiro que escribía versos. Alexandre Nerium, respondera eu, pero non, era outro home mariño, da Coruña, que ía por aí co seu caderno, recitando os seus poemas manuscritos, un patrón de embarcación que estivera traballando nos mares do norte e que agora tiña un barco de baixura no porto coruñés.

A verdade ou a lenda fora construída por Xurxo Souto, que ten unha capacidade especial para crear mitos relacionados co mar. Pero Xosé Iglesias non era mito. A primeira vez que o escoitei foi o ano pasado nas xornadas que cada ano organiza a Confraría do Pindo. Organizáramos un recital con escritores que participaban no libro de versos dedicado ao Monte Pindo. Alguén lle dixera que quizais podía recitar e presentouse alí. Non nos recitou poemas sobre o Pedregal, pero si sobre o mar. Aos quince días coincidiamos de novo con el, nun recital no Freixo, co gallo do Encontro de Embarcacións Tradicionais.

Agora, con corenta anos, saca libro: Transfusión oceánica, o seu primeiro libro, con limiar de Xurxo Souto, ilustracións de Roberto Castro  e publicado por Caldeirón, a editorial de Malpica. Daniel, meu fillo, embarcouse con el hai un par de semanas. Tratábase de compartir con el o espazo do seu barco, vendo como larga as betas, escoitándolle falar do petón de Rockall, onde se forman as ondas máis grandes do planeta, sentindo como é a alborada no mar. Na páxina vivirnacoruna.es Daniel fixo unha fermosa e emotiva reportaxe,  na que non só fala Xosé, tamén Nassane Diop, o mariñeiro tripulante do barco Primeiro Villar I, o senegalés que traballa con Xosé, tamén ten voz. Aquí vos deixo o enlace, porque paga a pena.

http://vivirnacoruna.es/eventos-literatura/xose-iglesias-todo-marineiro-leva-un-poeta-dentro/

Nesa entrada podedes velo no seu barco, tocando a buguina entre as caixas do peixe e recitando. Neste outro vídeo que segue, escoitámolo recitar nun acto na libraría A lus do candil de Arteixo.

Transfusión oceánica é a crónica dunha emoción, un eco de ondas, un brillo de mascatos. Conxunto de poemas que inciden nun feito no que non reparamos o suficiente: estamos perdendo o mar e con el vaise unha cultura, un xeito de entender a vida e a morte, de nos relacionar cos outros e co medio, de comprender o ceo, a terra e as mareas. Vaise unha parte de nós, algo irrenunciable, que nos fixo ser quen somos, que nos deu unha parte moi importante do noso ser colectivo.

Son moitos os poemas que me gustan deste libro, pero o outro día funlle facer unha foto ao Galeón do Ézaro, porque me emocionou este que lle dedica Xosé e que incide no comentado máis arriba, e no que el fala sempre nas súas intervencións públicas.

ao galeón que repousa no Ézaro

As cadernas emerxen
coma quen busca na penumbra unha luz
Erguen o seu berro agónico
que afoga inundado no silencio da marea
Un martelo de estación descrava
coa empuñadura do tempo
anacos inmóbeis dunha velame pantasma
Da quilla brotan raices
dunha semente de singraduras
invadidas por un argazo letal
Nunha arañeira de mastros vencidos
a rosa dos ventos rabuña sobre o rumbo un epitafio
Nada sobrevive aos lóstregos do abandono
a fender o pulso moribundo da madeira
A proa a popa a cuberta pingan
o zume envenenado que quebranta todas as liñas
namentres que unha sombra recrava no areal o cadaleito