AMIZADE QUE NON CESA

Imos atopando pequenos tesouros da vida con Pepe Fernández Ferreiro. Velaí, agora, esta foto, tomada o día da entrada na Academia, na que estamos os dous -eu perturbándolle no ombreiro o perfecto corte do traxe mercado para a ocasión- entre Manuel Álvarez Torneiro e Víctor Freixanes. Son pequenos tesouros para compartir, para vencer o paso dos días, por transcender o irreparable.

Na academia con Pepe

A ARTE DE ANDAR

Pepe Mondelo escribiu este poema sobre Pepe Fernández Ferreiro, cando aínda camiñaba varios quilómetros cada día. Compartilo aquí, xunto con esa fotografía de Maribel, feita no ano 2011, é unha emoción:

maribel longueira

A ARTE DE ANDAR

Para Fernández Ferreiro,
amigo dos camiños,
rebelde e soñador.
Eu quixera andar como F. Ferreiro
todo dereitiño polo paseo marítimo,
as mans ás costas,
o rostro erguido
-na barba rubidos os paxaros-
e o paso calmo e constante,
como quen vai de Espartedo a San Estevo
vendo pasar os castiñeiros.
Eu quixera andar así,
como F.Ferreiro,
as mans ás costas,
o rostro erguido
e o paraugas da chuvia ben collido,
Índose en manseliño polo paseo marítimo.
X. Pérez Mondelo

XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO: SAGA DE AFIADOR

Ribeirana do Sil
o día que eu morra,
chora por min.

Onte foise Xosé Fernández Ferreiro, escritor e xornalista de raza, membro da Real Academia Galega, amigo dos amigos, espirito libre. Marchou como quería, nun repente inapelable. Quizais o desexou antes, pero as cousas veñen cando veñen, que diría el.

Pepe Fernández Ferreiro

Hai unhas semanas, xa enfermo, dicíame que non fora quen de escribir un corpus unitario sobre o territorio que amaba: Espartedo, as serras altas de Luintra, a patria da infancia, lugares onde suceden as súas historias. Respondille que, se cadra, a súa obra non naceu con vocación de corpus, pero que a sucesión de historias e as perspectivas, si constitúe un patrimonio literario esencial para comprender ese territorio, e Galicia, e a emigración a Madrid a mediados do século pasado, velaí: A saga dun afiador, O minotauro, Agosto do 36, Co medo nas mans, O atentado, Os últimos fuxidos, Tempo de Centeo. Hai máis títulos, claro: Morrer en Castrelo de Miño, A morte de Frank González, Corrupción e morte de Brigitte Bardot.

Fran GonzálezSouben del no ano 1977, cando publicou o primeiro intento dun escritor galego por facer unha novela do oeste. Había entón un debate sobre a necesidade de que a literatura galega chegase ao territorio popular do quiosco. El realizou esa achega, libro ilustrado por Luís Seoane. Ese mundo non o pillaba lonxe. Unha das súas paixóns era o western. Creo que identificaba a vida solitaria dos heroes do oeste co rodar do afiador polos camiños do mundo. Algunha das súas novelas segue o modelo narrativo deste xénero cinematográfico.

Narrador, si, e cronista, durante tantos anos no ABC, en La Noche, en La Voz de Galicia. Pero o seu inicio foi unha colección de versos de título: Ribeirana do Sil, con limiar de Florentino Cuevillas, quen escribe: Vede, escoitade como na terra de Ramuín nace un poeta. Relaciona logo os elementos que forman o seu universo e que coinciden cos recollidos anos despois por Pepe: o nome das vacas, os afiadores, os lobos, a matanza dos porcos, os tesouros, os fiadeiros, os muiñeiros, a seitura, as medas e a malla… o que fomos e o que somos, podemos engadir.

Formou parte de Brais Pinto, o grupo que, dende Madrid, tentou poñer ao día a cultura galega nunha dirección de vangarda. Aí estivo con Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Bautista Álvarez, César Arias ou Reimundo Patiño. Antes, en Ourense, fundara o grupo Xente Nova, con Víctor Campio Pereira. De Xente Nova a Brais Pinto, velaí o libro no que conta ese tempo de iniciación.

Con Pepe

Na nómina de amigos habería que engadir o de Manuel Álvarez Torneiro, compañeiro nos días de La Voz de Galicia, compañeiro de café nas tardes, e aínda outros, ata formar unha relación imposible de recoller aquí.

Da súa man seguiremos percorrendo a fraga dos paxaros salvaxes e a cidade das chuvias, con el que foi home de aldea: galego de corpo e i-alma, que naceu e morreu na Terra.

(A primeira das imaxes foi tomada nos primeiros anos deste século, penso que polos días do Prestige. A segunda é de hai dúas semanas. Ambas son de Maribel)

XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO

Estes días pasei bastantes horas co meu amigo, o escritor Pepe Fernández Ferreiro, nacido en Espartedo, concello de Nogueira de Ramuín en 1931. Coincidiu, tamén, que sabendo destes nosos encontros, algunhas persoas me falaron del. En concreto, Xacobe comentoume que seu foi, quizais, o primeiro libro en galego que mercou, aquel Morrer en Castrelo de Miño, mítico para moitos de nós. Xacobe lembraba a impresión que lle causou, non só pola historia que contaba, senón tamén polo xeito duro de narrar. María Tilve, pola súa banda, preguntoume, cal era o seu último libro. Respondinlle que Tempo de centeo, e ela comentoume que o buscaría e lería, porque era un escritor que lle gustaba moito e do que lera case toda a obra publicada. Pepe Fernández Ferreiro

Conteille estes comentarios a Pepe e sorriu, cunha certa indiferenza, pero tamén con orgullo, porque a un escritor, e el é escritor de raza, sempre lle gusta saber o que pensan os lectores dos seus libros.

Pepe recoñece a débeda coa literatura americana, nese punto de dureza do que falaba Xacobe, en concreto, cando llo dixen, Pepe exclamou: Hemingway! Si, co premio Nobel americano compartiu oficio de xornalista e o gusto pola novela, pero tamén un certo xeito de narrar. Sobre os oficios de xornalista e de escritor, versou o seu discurso de entrada na Real Academia Galega.

Morrer en Castrelo de MiñoEu sempre considerei a Pepe como escritor bidueiro. O bidueiro é das primeiras árbores que ocupan os espazos máis castigados da fraga, logo dun lume ou dunha escorrentía, por exemplo. Os bidueiros sosteñen a terra e enriquecen o chan, facendo posible que alí medren outras especies, se cadra de máis porte, de máis prestixio social, pero non máis importantes. Fernández Ferreiro, con libros como A morte de Frank González, Morrer en Castrelo de Miño, A saga dun afiador, enriqueceu o corpo de lectores do galego e axudou a que sobre a súa obra se construíse outra, porque sabemos que a literatura é coma un castelo de naipes, arquitectura sutil na que unhas pezas sosteñen as outras. As súas achegas posteriores foron moi importantes, velaí, senón, títulos como A ceo aberto, Agosto do 36, A cidade das chuvias ou a que el considera a súa mellor novela, O minotauro.

O outro día, falando os dous sobre o feito de escribir, evocaba ese momento misterioso, e emprego a súa palabra, no que un sente que hai unha man ou un alento que impulsa a narración máis alá da propia vontade do escritor. Cando chega ese momento a novela case está feita, afirma con rotundidade.

brais_pintoTamén debemos a Pepe unha parte da nosa historia, recollida no libro De xente nova a Brais Pinto, contada por el, parte fundamental do grupo ao que puxo o nome dun suposto afiador morto en Madrid en accidente de tráfico. Ata escribiu un artigo sobre isto no ABC, cousas dos narradores.

Teño o privilexio de tomar café, moitas tardes, con el e con Manuel Álvarez Torneiro, amigos entrañables dende os primeiros anos de traballo en La voz de Galicia. Paradoxalmente, Pepe, da estirpe dos grandes novelistas, iniciouse no oficio cun libro de poemas, aquel Ribeiranas do Sil de 1952.

(A foto na que estamos os dous, é de Maribel Longueira)

GABO E ELENA

Onte pola tarde, tomando un café co meu amigo Pepe Fernández Ferreiro, falamos moito de Gabriel García Márquez. Anda arrefriado. Cousa do sol de Ourense, o sábado 12, día no que recibiu homenaxe, xunto co resto dos membros que restan do grupo Brais Pinto, todos agás Ferrín, que non acudiu. Por certo, Brais Pinto non é un grupo musical, que foi o que dixo o xornal La Región.

Pepe é da opinión de que a mellor novela de Gabo (el dille así), vén sendo Crónica dunha morte anunciada, pero que Cien años de soledad é algo que está máis alá do común, un monumento, un universo inabarcable. Onte, tamén, Elena Poniatowska recollía o premio Cervantes, cun discurso sobre os amigos escritores perdidos ultimamente, o que lle valeu para falar dos desposuídos de México e de América en xeral, en particular das mulleres.

Cada día recibo correos dunha sorte de axencia de información libre que funciona na rede, con novas sobre México, chamada Mexileaks. Sempre ofrece perspectivas interesantes sobre o que sucede alá. As persoas que escriben manteñen unha actitude valorosa e firme contra a corrupción e o narcotráfico. O outro día, nunha información sobre intelectuais orgánicos, viña esta foto que aproveito para ilustrar esta entrada. Non sei Gabo, pero non considero a Elena nin a Monsivais intelectuais orgánicos, dende ningún punto de vista, senón todo o contrario.

Sei que no grupo hai políticos e xente do xornalismo e do teatro que eu non coñezo. Só identifico a Elena de pé no centro, a Monsivais, na esquina esquerda e a Gabriel García Márquez, do outro lado no sofá. Eu dinlle a man unha vez, en Guadalajara e ceei nun restaurante, nunha mesa á beira da que el compartía cun grupo de amigos. Tamén tiven a fortuna de estar naquela feira na que el mantivo un diálogo con Álvaro Mutis, aínda que aquel día o diálogo case non existiu, xa que os dous confesaron a amizade que se tiñan e que entre eles non había nada que discutir. García Márquez sempre dixo que el foi a México, a visitar por unha semana ao seu amigo Mutis, alí exiliado, e en México quedou xa para sempre.

A propósito de García Márquez tiven que falar na radio o outro día. Lembrei o que me contou a min Paco Porrúa, de como chegou a el o nome do escritor colombiano, como o buscou e como recibiu o orixinal de Cien años de soledad. Dicir que Paco Porrúa, nacido en Corcubión, foi sempre un editor exemplar.

O que non contei na radio foi o esforzo que debín facer para vencer a tentación de mal emular o xeito de escribir de García Márquez. Do esforzo por borralo sobrevive o inicio da miña primeira novela, O bosque das antas, na que quixen xogar cun deses principios tan marabillosos cos que el nos agasallaba. Como en Cien años de soledad eu pretendín arrincar a historia proxectando a novela nos tres tempos narrativos. Non sei se o conseguín: Levaba moito tempo agardando aquel intre. Que para min tiña dinamismo, viña do pasado, fincábase no presente e abría a porta a acción que se iniciaba. En fin.

UNHA DO OESTE

O meu amigo Pepe Fernández Ferreiro, natural da aldea de Espartedo, no concello de  Nogueira de Ramuín, escritor e académico, con quen paseo a miúdo pola Coruña, en compañía de Manuel Álvarez Torneiro, é a persoa, das que coñezo, que mellor colección de vídeos e dvd ten sobre o western, xénero polo que sente paixón.

Sabe el de cine, xa que traballou sendo novo e estudante de xornalismo en Madrid, na produtora Suevia Films, da que era propietario Cesáreo González, tamén natural de Espartedo e que fora, ademais, mutilo, que é como se di aprendiz en barallete, a lingua dos afiadores, oficio principal en Nogueira de Ramuín ao longo da historia.

A querencia de Pepe polo cine, non se reflicte só na súa colección de filmes, senón tamén súa narrativa. Corrupción e morte de Brigitte Bardot é novela que sucede dentro do universo cinematográfico español dos anos sesenta do pasado século e Agosto do 36, aínda sendo novela situada nos días da represión que desencadeou o golpe militar contra a República, ten estrutura, estética e tensión de western.

As veces, entre nós falamos de cal é o western mellor ou o que máis nos gusta. As nosas opinións son diverxentes. El considera varios. Gústanlle os clásicos, entre eles algún de John Ford e, tamén, de Howard Hughes. Eu sempre invoco os mesmos: Centauros do deserto, de Ford e Duelo na alta serra, de Peckinpah.

Centauros do deserto, protagonizado por John Wayne e Natalie Wood, é o filme do oeste que máis me gusta, tanto pola súa dimensión épica, como pola fondura dos conflitos que propón, pola banda sonora e pola forza das paisaxes, transformadas en elementos vivos da historia, nun personaxe máis. Na miña opinión é, tamén, a mellor interpretación de John Wayne, que encarna aquí a un personaxe teimudo e complexo, ao tempo rancoroso e tenro, nunha historia que remexe nun conflito que existiu, aínda que pouco nos teñen falado del, o da mestura de sangues nas fronteiras e a nova realidade que este feito provoca. A vida, o amor e a morte, en definitiva, as tres feridas do teatro, do cine e da literatura, máis alá das razas, das crenzas, dos prexuízos e malia o efecto redutor dos que so ven o branco e o negro das cousas.

A película ten un fondo real e hai pouco, no suplemento Babelia de El País, Antonio Múñoz Molina escribía sobre ela. Natalie Wood dá vida ao personaxe histórico de Cynthia Ann Parker, muller raptada de nena polos comanches, en 1836, que medra con eles ata esquecer a vida anterior e o inglés, india de cabelo loiro da que se fala nos territorios fronteirizos e que remata sendo unha lenda, ata que nun ataque do exército en 1860, descóbrese que  non era un mito, senón unha realidade.

Cynthia casou cun comanche chamado Peta e tivo tres fillos, unha nena Topsana, ou flor das pradeiras, e dous nenos Quannah e Peanuts. Co tempo e a derrota dos indios nativos na guerra polo seu territorio, Cynthia, xunto con Topsana, será entregada aos seus tíos brancos. Cynthia tentará fuxir e, como non o consegue, déixase morrer de tristeza, como sucede con certos seres da natureza que non soportan vivir cativos. Quannah, o fillo maior, merecería outra película. Loitou contra os brancos invasores das terras e finalmente asinou a rendición do seu pobo, pasando a ser un gran líder en tempos de paz, reconvertendo a economía, sen renunciar ao xeito de ser. En 1911 morría, sendo enterrado coa súa nai e con Topsana, a súa irmá.

Ford, en Centauros do deserto, dá prioridade á lenda da muller de ollos azuis que vive cos comanches e a súa procura, durante anos, do seu tío, o personaxe de Wayne, prescindindo do resto da historia.

Quannah Parker

XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO

Onte pola mañá, Pepe Fernández Ferreiro, o escritor de Espartedo, aldea de Nogueira de Ramuín, leu o seu discurso de entrada na Real Academia Galega. O título: Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas, cousa da que sabe, xa que exerceu os dous oficios, e digo exerceu porque hai tempo que vive afastado do xornalismo, pero non do traballo de escritor, pois é el narrador de raza, firme coma os bidueiros, sempre a darlle voltas ao mundo dende a perspectiva das súas paisaxes naturais e emocionais de infancia. De pé, diante do público que ateigaba o salón da Academia, foi debullando liñas de relación ou diferenzas entre a actividade do xornalista e a do escritor, entre a maduración dun e doutro, entre as diferentes perspectivas dende as que escriben. El sabe ben deses camiños que, por veces, coinciden nas encrucilladas, xa que algún dos traballos informativos que realizou durante a súa longa carreira, deu logo unha novela, como sucedeu coas crónicas da loita dos labregos de Castrelo de Miño en contra do encoro, experiencia vivida intensamente e recollida logo na novela Morrer en Castrelo de Miño.

Foi un día de intensa emoción para os que o queremos, se cadra algo enturbada pola tensión que empana o ser da institución á que el accedía, perceptible nas olladas dos académicos e nalgún xesto displicente, que non pasou desapercibido entre o público.

Fernández Ferreiro na Real Academia Galega

Fernández Ferreiro na Real Academia Galega. Fotografía Maribel Longueira

Respondeulle, cun fermoso discurso, Manuel Rivas, no que comparou a actividade literaria de Pepe coa roda do afiador: “Hoxe é un día grande para a Academia, para as Letras galegas, para a literatura e para o xornalismo. Vai entrar un afiador” proclamou ao comezo da súa intervención.

É certo, a vida e a obra de Pepe ben pode ser contemplada dende a perspectiva da roda. Eu pensei sempre que el era coma un bidueiro, e así o recollín nun artigo que celebraba a súa última novela, Tempo de centeo e que agora recupero aquí, en homenaxe ao amigo.

BIDUEIROS E LITERATURA

Medran na fraga variadas especies de liques, herbas, fieitos, arbustos e árbores, cada unha achegando a súa singularidade e as súas características á complexidade do conxunto. Tamén acontece isto coa literatura, pensada como fraga universal, esa enorme arquitectura de palabras que a humanidade toda foi tecendo co paso dos séculos e coa que cada colectividade e cada lingua van construíndo o seu día a día. Sucede que a literatura, oral ou escrita, é memoria, cerna, un dos elementos que definen e dan carácter a unha comunidade. Tamén é memoria a fraga, memoria, fertilidade, diversidade e lentura. Na fraga, un dos elementos esenciais é o bidueiro, árbore primeira en ocupar as terras debilitadas e os chans pobres aos que cada outono achega materia orgánica, abono que o inverno transformará en vida. Virán logo, sobre o chan enriquecido, as outras especies máis singulares e fachendosas do bosque: as faias, os carballos, os acivros ou os teixos.

Toda literatura debe ter os seus escritores bidueiro, eses que sen a pretensión de facer unha literatura de vangarda, escriben magníficas historias destinadas ao público do seu tempo, libros que, en calquera sistema normal, garanten un importante número de lectores que medrará, cualitativa e cuantitativamente coas súas obras, enriquecendo dese xeito o conxunto do sistema. Son estes escritores de referencia que permiten que, sobre eles, outros experimenten e traspasen as liñas do cotián. Para min, eses escritores bidueiros son esenciais, e nós temos uns cantos, algún recentemente desaparecido como Manuel Riveiro Loureiro, pero o noso sistema literario aínda non deu creado o amplo corpo lector para as súas obras.

Non é a primeira vez que comparo a Xosé Fernández Ferreiro co bidueiro. Para min el é o exemplo dese tipo de escritores aos que me refería. Autor de libros que forman parte do imaxinario colectivo e da memoria común, como A saga dun afiador ou Morrer en Castrelo de Miño, que probou a escribir novela galega do oeste, que nos deu esa magnífica historia que é Agosto do 36, narrada co sentido dun western, chega agora de novo ás librarías coa súa última novela Tempo de centeo, unha obra realista ou, se cadra, como xa se ten apuntado, neorrealista, que conta a historia dun mozo, Antonio, que deixa a aldea e vai vivir a unha pequena cidade de provincias, Ourense, nos anos da fame, tempo no que a única posibilidade de soñar era a que proporcionaba o cine. Tempo de centeo, acaso a crónica dunha educación sentimental, a dunha xeración castrada, insiste Pepe, aínda que el, a diferenza do protagonista, si soubo vencer os horizontes limitados que describe na novela.