PONTEVEDRA, PONTEPOÉTICA

Tiven a sorte e o privilexio de participar esta fin de semana no festival Pontepoética de Pontevedra, ese acontecemento poético que sucede cada primavera dende hai seis anos. IES 6

Para Eva Veiga, Alicia Fernández e para min, o festival iniciouse o venres pola mañá, xa que cada un fomos falar cos alumnos dun instituto da cidade. A min tocoume o Sánchez Catón. Cando cheguei dixéronme: Vai ser aí. Vin que era un salón de actos e que sobre a porta poñía Paraninfo. Asusteime un pouco. Estaba advertido de que serían moitos os alumnos, pero coido que ao final acudiron máis dos que eu pensaba. Decidira cantar. Fixen un percorrido emocional e vital pola miña descuberta e relación coa poesía, a través da música e das cancións. Paseino ben e penso que eles tamén. Logo foi intenso o coloquio. Sorprendéronme moito. Un dos alumnos preguntoume canto había de real e canto de ficción na Noite branca. Cantei arriba e falei abaixo, así que as fotos non levar a orde do texto.

IES 9

Pola tarde empezaron os recitais no Teatro Principal. A organización funcionou moi ben: Antón Sobral, Xaime Toxo, Carmen Durán, Carlos Fontes, Isabel, Xesús e claro, Yolanda Castaño, que dirixe o Festival, fixeron que todo sucedese ben e nun ton afectivo e cordial. O esforzo principal é do Ateneo de Pontevedra, que recibe axuda do concello e da Deputación.

Sexta edición do festival, seis linguas e moi boas voces: por Irlanda, en inglés, Lorna Shaughnessy; por Portugal Renato Filipe Cardoso; por Euskadi Juan Ramón Madariaga; por Cataluña Blanca Llum Vidal; en castelán Miriam Reyes, que é de Ourense, pero que viviu dende nena en Caracas e agora reside en Barcelona, quen nos achegou unha mostra do seu traballo poético-visual nunha sesión nocturna nun pub da cidade; Gonzalo Hermo, Alicia Fernández, Eva Veiga e eu, en galego.

Tanto o venres como o sábado, achegouse xente querida ata o Teatro, entre eles o meu querido Bila Taoré, o poeta senegalés do quen xa teño falado aquí. Tanto o venres como o sábado, recitei por vez primeira poemas do libro Nova York: ceo e mazá, que o mes que vén sairá en Nova York, publicado pola editorial Artepoética press, que xa publicara antes unha plaquette con Bater de sombras e a antoloxía bilingüe Memoria de abril.

Pontepoética Todos

Aquí pousamos case todos, organizadores, participantes, amigos, o sábado ao final, coa porta do teatro a piques de pechar. Foi unha grande alegría, malia a chuvia ou por ela.

As fotos do IES son de Malores Villanueva, que veu comigo e fixo a reportaxe. A do grupo é de Manuel Hermida.

ANTÓN SOBRAL

Antón SobralO sábado, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, tivemos ocasión de visitar a exposición de Antón Sobral: Bitácora dun mariñeiro sentimental.

Son moitas as cousas que compartimos con el, moitas as iniciativas e as actividades nas que nos atopamos, sexan obradoiros de arte ao aire libre, encontros de embarcacións tradicionais, accións solidarias, paixón polas crebas, nécoras en Camariñas, memoria de Man ou paseos por Pontevedra.

Sobral 1

A pintura de Antón é oceánica, como o son os seus versos. Océano en calma unhas veces, tempestuoso outras. Ondas tinxidas de vermellos e laranxas, azuis intensos, grises tenebrosos. O trazo groso, decidido e firme, suxire máis que describe, chega a nós como imaxe poética, como sentimento e como canto.

Magníficas, tamén, as paisaxes da ría serena, na que podemos intuír o perfil urbano de Marín, poño por caso, cos seus guindastres e, ao fondo, os montes do Morrazo. Pero Antón, que é epicúreo, tamén soña coa beleza e co pracer, e debuxa fantasías con corpo de serea que as ondas arrolan.

SOBRAL 2Antón gusta de traballar con poetas. Forma parte da exposición o libro Caderno de mar, creación compartida co escritor Xaime Toxo, abano que se abre como un dos ventos recollidos por Cunqueiro. O libro, despregándose, elévase cara o alto, como acontecía coas camisas da doncela, na cantiga de Don Dinís, rei de Portugal, que cando a moza as poñía a secar, na herba, tendidas ao sol, o vento llas levaba ao alto.

Faro Sobral. texto

Eu non vivín un proceso creador compartido con Antón como fixo Toxo, pero si recibín o agasallo dun Caderno de Mar de Lira, no que a súa expresividade plástica, a súa inspiración, a cor dos seus ollos e dos seus soños, acompaña algúns dos meus versos, como estes dp poema Bolboreta.

Faro Sobral

Tamén puidemos ver no mesmo Centro Marcos Valcárcel, a exposición Creando especies, de Herikberto Quesada, moi interesante e suxerente.