ALEXANDRE NERIUM

Alexandre 1Recibo estes días unha publicación que envía e asina o meu amigo, o poeta fisterrán Alexandre Nerium (Nocturnidade do sal, Vogar de couse) titulada Detrás da néboa o felo. Trátase dunha colección de poemas nos que Alexandre, a proposta do escritor e etnógrafo de Coles (Ourense), Emilio Araúxo, tende unha ponte ou un vínculo poético entre o seu mar de Fisterra, o mar de Fóra, ese mar que navegou e que tan ben coñece, e o entroido do val de Maceda, tomando como referencia a figura do felo, o personaxe que tanto nos lembra a outros da provincia ourensá, como peliqueiros e cigarróns.

Detrás da néboa o felo: abica o medo
escorrentando a ingravidez do día.
Novamente outro abismo, outra derrota:
cabelos de muller feitos sedelas
sentindo do ollomol a súa trabada.

Alexandre 2

Emilio Araúxo foille enviando fotografías do entroido, non as imaxes dunAlexandre 4 turista, senón instantáneas tomadas coa visión do etnógrafo, que humanizan as figuras da celebración, tan distantes e alleas cando a vemos correndo polas pistas e corredoiras, pero tan próximas cando as observamos no momento de ser vestir, no abrazo, na espera, no descanso. Consegue Alexandre un efecto fantástico nos versos, ao considerar el que tamén o mar é unha máscara de salitre: A máscara do mar ten ollos gacios./ Un sorriso de furna cada tarde/ sostén na comisura o precipicio./ O acantilado desminte o que pasou ás sete vagas. 

Alexandre 3

A colección de poemas remata cun soneto titulado Cinza, arte na que Alexandre é experto (poña cada un o fin de estrofa seguindo a clásica secuencia de versos 4/4/3/3, os catorce que pide Violante):

Arrostra o mar a máscara do día

cun xesto azul de clara escuridade.

A chuvia entre as pupilas, a saudade

levemente marfil xunta a avreguía.

Rosma o solpor febril, queda utopía

ancorada na cinza: exhausta idade

que se perde mordaz na inmensidade,

que se agocha baleira na ardentía. 

O mar esculca o vendaval vizoso.

co paraugas de man baila inconsciente.

Do chocallo a harmonía, o seu saloma. 

Simplemente vivir, grisáceo aroma,

requente sabor doce, aínda se sente

disfrazarse en Maceda o mar vidroso. 

Xa outras veces teño falado aquí de Alexandre Nerium, o poeta mariñeiro, o cabaleiro de mar, no seu día presidente do batallón da Costa da Morte, hoxe guía excepcional do centro de interpretación da pesca situado no Castelo de San Carlos de Fisterra, lugar de visita obrigada, tanto polo que amosa como, sobre todo, por quen o amosa, que o guía tamén é patrimonio.

Xeiteira de Lira. Maribel Longueira

Xeiteira de Lira. Maribel Longueira

Alí el explica como son as artes de pesca dese mar que se estende ao norte e ao sur do Promontorio Nerium, entre elas o xeito, unha das máis antiga e máis selectiva das nosas artes, exclusiva da sardiña e que deu unha embarcación tan fermosa como a xeiteira, amais de ditos e cantigas. Por iso, aínda co temor pola alarma recente da prohibición das redes de deriva, incluido o xeito, sen ter en conta as súas particularidades que a fan singular, e aliviados sabendo que acaso ese temor quede en nada, escoitamos a voz de Alexandre explicando que é o xeito para o programa Vivir o mar da CRTVG. Aquí queda este enlace ao blog de Miro Villar, As crebas, un dos vinculados a este, onde quen o desexe pode escoitar a Alexandre, quen remata con ese poema seu, tan fermoso, que se inicia co verso: O xeito faise ao mar sen despedida.

http://crebas.blogaliza.org/files/2014/12/XeitoNerium.jpg