SOÑO E VÉRTICE

1275933034473Veiga_evaPresentouse onte na Coruña, no local Portas Ártabras, da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, o libro Soño e vértice, co que Eva Veiga obtivo o premio de poesía Concello de Carral, na súa XVIII edición. Tamén estes días Eva comparte outro libro connosco, Silencio percutido, que case ao mesmo tempo obtiña o XXXI premio de poesía Cidade de Ourense. Os dous forman parte da colección de poesía da editorial Espiral Maior, o primeiro co número 265, o segundo co 266. Ambos foron presentados xa en Carral e Ourense, respectivamente, pero agora inauguran o ciclo  habitual e necesario dos libros de poemas, indo de cidade en cidade, procurando a íntima relación cos lectores.

Mentres lía Soño e vértice, acudiron á miña memoria imaxes de dúas películas. Aquel Paseo polo amor e a morte de John Huston e Hereafter de Clint Eastwood. A primeira porque dende hai anos, dende aquel Paisaxes do baleiro, de 1999, Eva lévanos da man por un carreiro estreito e límite entre a luz e a sombra, entre a lucidez e o desconcerto, guiados sempre polos seus versos que se transforman en frecha azul. A segunda porque a lembranza que eu gardo de Hereafter é a brancura; e o branco máis albo, no mesmo sentido no que era empregado por Eastwood na película, aparece aquí como elemento, para min, principal de este Soño e vértice de Eva.

Quizais xa co seu primeiro libro Fuxidíos, pero dende logo, na miña opinión, dende Paisaxes do baleiro, Eva iniciou un camiño único e singular na nosa poesía. Un camiño que libro a libro a achega ao esencial, despoxando a palabra do innecesario, prescindindo de adxectivación, dicindo o menos posible para suxerir e emocionar máis. Afondando ata o extremo na linguaxe poética, sen perder de vista a reflexión filosófica, atenta sempre á revelación da ciencia, Eva axúdanos a mellor comprender e, tamén, a procurar a plenitude.

Podemos ter sido a un tempo
unha multitude arrastrando
o morto cada quen cara a si
pero sempre até a noite
que ninguén ve. 

ou

Arde un bosque de néboa no cristal.
Unha granada de sangue ausente
a estalar nas rexións do olvido.
Quen pode negar que existe ese abismo
na mesma lingua dos verdes días de onde
ao ollarnos tan desordenadamente puros
dobraba a súa espada o sol?

son versos que me remiten a esa primeira referencia cinematográfica. Porén, a máis intensa sensación do libro está relacionada coa segunda.

Aqueles que viviron a máis límite das situacións, esa de estar, por uns minutos, no gume entre a vida e a morte, falan no regreso de luz e de brancura. Eva viviu esa experiencia e garda lembranza dese instante e do retorno. Da primeira un resplandor ou unha luzada; do camiño de volta unha pinga de auga caendo sobre unha folla. Intuíu, entón, que hai un non lugar onde se fonden o visible e o invisible, un espazo de difícil acceso, onde se concentra toda a tensión poética, a última razón de ser do poema, o misterio da vida e da morte, a máis reveladora achega ao enigma que somos. Non hai nela afán místico, si de transcendencia, de tentar comprender por medio da palabra e da imaxe poética.

Estamos aquí/ no máis escuro/ do branco máis albo./ É como se fose un xogo/ que é en realidade un xogo. Dinos nun poema. Non é doado expresar con palabras a memoria dese lugar que se nos oculta. Sabemos que a presa -acaso nós- de ambos lados foxe cara ao fondo, como foxe a vida, lóstrego fugaz da súa arelante extensión. É necesario levar a linguaxe ao límite, despoxala, espila para poder apreixar e compartir esa intuición, contar como é que sente o corazón ese lugar con auga e canaveiras, porque non sabemos realmente o que alí acontece.

O poema que fai o número 15, vai precedido dunha cita de Czeslaw Milosz, para min ben reveladora: Adoitábase esparexer millo ou alpiste sobre as tumbas/ para alimentar aos mortos que voltaban/ con disfrace de paxaros. Como nacer de novo en formas de flor branca, di Eva noutro poema, sabendo que mentres sexamos visibles, nada realmente importante acontecerá, porque a proposta de Soño e Vértice e, tamén, a comprensión do ciclo da vida e da morte como un todo, flor e bolboreta a un tempo, a certeza de que non somos máis ca proxección causada por un efecto de luz.

Teño para min que, acaso, tamén é ese non lugar da brancura, entre o visible e o invisible, onde acoden, nun ir e vir constante, as persoas maiores desconcertadas, as que esqueceron, as que perderon a vista ou as palabras. Si, creo que, ás veces, transitan por ese doce val da tenrura.

 

SENTIMENTALISMO: ANTOLOXÍA TRANSCENDENTAL

Varias persoas pregúntanme por Eva, logo da nova do seu regreso que din o día 12. Está ben e traballa en varios proxectos inmediatos, entre eles, un recital con poemas mariños, que con Fito e Bernardo, os músicos que compoñen con ela o grupo Ouriol, dará en Cabo da Cruz, o sábado 11 de xullo, dentro da programación cultural do Encontro de embarcacións tradicionais, que alí se celebrará esa fin de semana e que convocará a centos de embarcacións que, coas súas velas, navegarán o mar da Arousa. Animádevos.

Antoloxía sentimentalistaDicir que estes días saíu unha nova antoloxía sentimentalista, ese movemento creado por Xesús Manuel Valcárcel e que ten como casa a editorial Bubela. É a cuarta entrega, logo das etapas de fundación, de implantación e de expansión, chega esta denominada transcendental.

Nela participan: Carlos Arias, Xulio Cid Neira, Xabier López Marqués, Manuel Celo Matalobos, Mariña Pérez Rei, Elías Portela, Baldo Ramos, Helena Salgueiro, Xesús Manuel Valcárcel e Eva.

Mentres non nos chega Soño e vértice, o libro que mereceu o premio do concello de Carral, imos manténdonos co que temos, tamén cos versos que Eva achegou á antoloxía, dos que aquí queda unha mostra:

O BALEIRO VAI TOMANDO A FORMA

froito dunha meditación
o baleiro vai tomando a forma
para a árbore medrar
e no mesmo aire ábrese unha fiestra
para o seu perfume
e sae ao fin a lingua
coma serpe da súa cova
probar o que lle é estaño.

EVA REGRESA

Regresa Eva Veiga, sequera por un tempo e, como anticipo, como ese vento ou brisa que antecede ao día, ou ese sopro de aire que se propaga dende o cuarto verso, manda este poema que pertence ao libro Soño e vértice, premio concello de Carral deste ano e, polo tanto, aínda inédito. Un agasallo para a fin de semana.

na beira do río a garza
os seus ollos fixos
flúen vertixinosamente
propágase como un sopro de aire
o seu tempo de espera
a penas sentimos o roce
do que se nos oculta
mais sabemos
que alcanzamos ao cabo
o fío da ruína
a presa
de ambos lados foxe
cara ao fondo

EVA VEIGA: UN VENTO DE AMOR

Eva Gala das Letras 2015Compartimos estes días moita alegría arredor de Eva Veiga. A primeira por tela aquí, entre nós, sequera un par de semanas. A segunda porque o seu libro A distancia do tambor mereceu o premio, na modalidade de poesía, de entre os convocados e concedidos cada ano pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). A imaxe que acompaña este parágrafo corresponde á gala de entrega. Este enlace lembra a nova que se daba aquí, cando a publicación do libro:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2014/06/18/eva-veiga-a-distancia-do-tambor/

Onte estivo na casa, visitando a Maribel, convalecente. A intensidade e aEva Maribel emoción do encontro forma parte do íntimo. Comparto esta imaxe das dúas, logo do abrazo. Foi un momento feliz, na ledicia de estaren de novo xuntos, tras varios meses sen nos ver. Trae o sol de Torrox na alma e no corpo, que se percibe en forma, pola dúcia de quilómetros que camiña cada día.

A terceira alegría foi a decisión do xurado, encargado de fallar o premio de poesía de Carral de este ano, de concederllo ao seu libro: Soño e vértice. A el pertence este poema, que a xeito de anticipo comparto convosco:

Hai un lugar con auga e canaveiras
na miña imaxinación.

É un lugar de difícil acceso
e non sei realmente o que alí acontece.

O meu corazón detense
a unha distancia prudencial
e vólvese xa remando.

Sen afondar.