EMPORCARTE

Emporcarte é unha iniciativa do concello de Lalín quen, cada ano, convoca aos artistas de Lalín Entroido 1todo o país a participar nunha mostra colectiva arredor do porco e do cocido en días de Entroido. Fomos por primeira vez o ano pasado, da man do pintor Xulio García Rivas, quen nos fixo coincidir alí con Antonio García Teijeiro e Susi.

O sábado alá fomos outra vez, en día frío e chuvioso. Esta vez tamén participaba Maribel con dúas fotos que, malia o motivo, resultaron moi modernas: unha de grelos e outra de porco. Desta volta tamén foi Alba, amiga de Antonio e Susi, e Javier, o fillo de Xulio.

Con Acisclo

Con Acisclo

Atopamos moitos outros amigos alí: Soledad Penalta, Acisclo Manzano ou Isabel Blanco, que tamén expoñían obra. Tal e como aconteceu o ano pasado, a hora da inauguración coincidiu cunha particular sesión vermú, na que mozos e homes se disfrazan de mulleres e acoden todos ao mesmo local. Vimos de novo a Celso Sanmartín, o poeta e contador, moi no seu papel de moza, lucindo espléndidas pernas que, como nos explicou, víamos fortes porque estaban afeitas a andar no monte.

A festa remata en cocido. Estivo ben o deste ano, en particular nas sobremesas: rosquillas, filloas, orellas e queixo. Pero a min pareceume que o de 2015 tiña máis fondura. O ano pasado puidemos comer carne de porco nos seus variados xeitos de conservación: salgada, adobada, afumada, fresca… Este ano a min pareceume que toda estaba salgada, agás un anaco de orella que estaba afumado. Con todo, non tivemos queixa.

No xantar coñecín o fotógrafo Ángel Luis Utrera, quen sabe un mundo de patrimonio da zona, en particular, pareceume que de mámoas e petróglifos. Foi el quen nos fixo esta foto na que estamos Antonio, Xulio e eu. Tamén no xantar atopei a Luís González Tosar, con quen tivera ocasión de falar por WhatsApp uns días antes, pero a quen non contaba ver alí.

Lalín 3 A

(As outras fotos son de Maribel Longueira.)

SOLEDAD PENALTA, DÍA A DÍA

CAM00796 (1)Levo trinta anos convivindo cunha escultura de Soledad Penalta. Trátase dunha peza que representa dous rostros que conviven en harmonía, unidos e autónomos ao tempo; cerámica refractaria, feita en barro cocido a moi alta temperatura, o que lle dá un certo ser volcánico, moi acaído á peza. Foi agasallo dela cando Maribel e eu acordamos formalizar a convivencia no rexistro civil.

Soledad 9

Coincidimos moitas veces. Recitais, inauguracións de exposicións de pintura ou de escultura, presentacións de libros. Compartimos amigos. O sábado pasado, no Soledad 7centro Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, puiden ver a súa última proposta: Esculturas do día a día. Saín fascinado.

Soledad é señora dos materiais, da terra, do ferro e das palabras. Digo o de señora no sentido recollido polo dicionario: persoa de certas propiedades, con autoridade. Francisco González, na inauguración, referiuse a ela como a gran dama da escultura galega.

Soledad 6Todas as pezas da exposición, e son moitas, están feitas con material metálico, ferro e aluminio. Porén, carecen de peso, levedan ou elévanse, no sentido expresado por Gaston Bacherlard respecto da obra poética. Porque hai moito de poema na exposición, xa dende a frase que serve de marco e reflexión e que expresa a suspensión da sílaba e da palabra. Acaso por iso, case todas as esculturas xogan coas palabras. Moitas semellan ser tránsito de anxo, pegadas de luz, construídas con sentido musical.

Soledad 1

Vin a exposición coa miña nai, quen interpretou as figuras antropomórficas recortadas e que se soldan ás formas, como flores, cousa que seguro gustará saber a Soledad.