O GALEGO A ÚNICA BANDEIRA

Unha vez máis polas rúas de Compostela, convocados pola Mesa. Unha vez máis esixindo defensa, amparo, promoción, presenza, políticas activas, atención, coidado, cariño, do e co galego. Unha vez máis. Mani galego 2

Unha vez máis alí, malia non entender a frase ou o lema da convocatoria.

Dende o principio tiven a sensación de que eramos menos. Durante todo o percorrido pareceume advertir menor entusiasmo e un certo escepticismo. Imos breados e non atopamos o xeito de frear o deterioro, de virarlle a tella ao aire.

Non sabemos ou non podemos transmitir o amor pola lingua aos que desertan, aos que rexeitan, aos que recúan. Sei ben de quen é a responsabilidade maior, sei quen representa a irresponsabilidade maior, pero iso non evita que pretenda comprender, que olle ao meu redor, iso non me impide reflexionar.

Máis alá deles, máis alá de nós, hai vida, hai relacións, hai comunicación, hai simpatías e antipatías, hai comunidade. Velaí o espazo onde traballar.

Mani galego 3

Non leva razón o Sr. Feijoo, que onte volveu eludir o seu deber culpando en exclusiva á sociedade da deriva do galego. Aínda aceptando a responsabilidade colectiva, que é certa, á súa obriga é desenvolver políticas que actúen sobre a cerna do problema, prestixiando, dando valor, convocando e recuperando o consenso político e social, a acción común, achegando vontades.

Moito foi o mal causado á lingua en pouco tempo. A argumentación falaz, tantas veces repetida polas voces que gobernan e tan ben recollida nos medios de comunicación, encheu o fardel dos argularios; a estratexia de dividir e de danar deu azos aos inimigos da lingua, que haber, hainos, e incrementou o bando dos indiferentes.

Onte acudimos unha vez máis a Compostela, que non é terra liberada. Ata a conexión eléctrica na Quintana lle foi negada á convocatoria.

É imprescindible a profusión de bandeiras que ondean de cada vez e que a tantos arredan?

Gustaríame percorrer as rúas, en mañá de sol ou de chuvia, convocado por unha única chamada, por unha única bandeira: a da lingua. Penso que estariamos máis, se así fose. É tan difícil? Unha soa organización, a sociedade civil, comprometida e libre, sen outro pavillón, sen outro estandarte, sen outro emblema. Sumando e non restando. Sumando sempre.

FISTERRA

Era información xornalística do sábado. A Comisión de Cultura da Unión Europea retíralle a Fisterra o selo oficial de Patrimonio Europeo, co que fora recoñecido no ano 2007.

Laméntoo e dóeme. Eu vou moito alí. Adoito levar xente que nos visita, tanto dende a Coruña como dende Lira. Alí levei a Elena Poniatowska; a Sudeep Sen, poeta indio; ao pintor americano George Rodez; a amigas e amigos de paso, coñecidos do público ou non. Tamén son frecuentes as nosas excursións polo promontorio, con amigos queridos como Lino e María, Marisa e Moncho, procurando sempre a compañía de amigos fisterráns.

O Pindo dende Fisterra

O Pindo dende Fisterra

Dende hai dous anos advertía eu un abandono grande e grave na contorna do faro. Esta percepción era compartida por algúns dos visitantes aos que servía de guía. Algún, mellor dicir algunha, chegou a pedirme que a sacase de alí. Porque era difícil convivir coa profusión de camisetas e pantalóns prendidas dos ferros das antenas, como unha instalación espectral; ou coa borralla das fogueiras na que se queiman botas e roupas sudadas do camiño, esparexida por todos os recunchos das penedas. A min gustaríame saber de onde saíu esa moda? Como se permite? e, sobre todo, como foi imaxe dunha campaña de promoción turística da Xunta? Porque, aínda demostrándose o enraizado que poida estar ese acto de queimar, non todo o que foi tradición é digno de ser conservado, e menos cando falamos de permitir prender lumes sen control, con tanto poder contaminante, en calquera lugar dun espazo tan especial e tan visitado coma este.

Deixamos queimar a goma e o coiro das botas, pero non nos importou perder o sinal marítimo do faro, a Vaca de Fisterra, que era patrimonio inmaterial querido pola xente da contorna e que si merecía ser conservado.

Fisterra 1Hai máis cousas que dicir, ao meu xuízo. O faro de Fisterra é un lugar simbólico interesante, pero probablemente o menos importante de cantos forman o conxunto patrimonial do promontorio. Pouco explica o faro con respecto ao valor simbólico do cabo no seu conxunto, tránsito entre a vida e a morte, entre o mundo de aquí e o do máis alá. O patrimonio está arriba, na parte superior, onde sempre estivo situado o facho; o lugar onde se postraría Décimo Junio Bruto e dende o que George Borrow viu os cachalotes. Alí estaba o dolmen que acollía a lenda dese ser de ultratumba que é a Orcabella; as pedras santas (na imaxe inferior) onde segundo a tradición predicou Santiago; a ermida de San Guillerme e o leito pétreo da fertilidade. Sen coñecer esas referencias, o visitante marchará sen comprender o valor de Fisterra como símbolo non só xeográfico, senón, sobre todo, espiritual e antropolóxico. Ademais, tamén arriba, está a estación Marconi, de importancia histórica nas guerras mundiais; a vista que se ofrece do horizonte oceánico, de amplitude moi superior á contemplada dende o faro; a paisaxe que ofrecen os cantís do cabo da Nave, a praia de Mar de Fóra e a vila. E aínda están a románica Santa María das Areas, co seu cruceiro e o centro de interpretación da pesca no castelo de San Carlos.

Fisterra 2

Pero todo ese espazo marabilloso está abandonado. Mal sinalizado, cos camiños enlamados, os carreiros sen limpar, os toxos e as silvas comendo as vellas pedras.

Eu nunca entendín como sendo Galicia o destino dos camiños de peregrinación, atesourando referencias como a catedral compostelá e o mito que alberga, non somos quen, como comunidade, de poñer en valor todos os elementos que o forman. No Códice Calixtino ou Liber Sancti Jacobi, non só se fala do lugar de enterramento do Apóstolo. Nas súas páxinas está Padrón, ou o lugar do desembarco; o Pico Sacro e Duio, os tres, algún máis cos outros, fóra de circuito. Os turistas e camiñantes máis sabidos que van cara Fisterra, ao pasar por Duio pregúntanse como se aprobou a barbaridade urbanística que afianza os alicerces de formigón sobre o que foi cidade de mar, anterior á vila. Ese espazo, coa praia e o val, debería formar parte das de referencia do país.

Cal é o nome desta aldea? -díxenlle a unha muller cando pasabamos onda cinco ou seis casas ruinosas nun recodo da badía denantes de entrarmos na península de Finisterra.
– Esta non lle é unha aldea -dixo a galega-; esta non lle é unha aldea, señor cabaleiro, esta élle unha cidade, élle Duyo.
Tanto dura a gloria do mundo! Aquelas cabanas foron todo o que o ruxinte mar e a moda do tempo deixaron de Duyo, a gran cidade. Agora, adiante cara a Finisterra. 

(Da Viaxe por Galicia. George Borrow, en edición de Salvador García Bodaño, editada por Galaxia)

En Duio traballou nos anos corenta Esmorís e Recamán e moitos foron as evidencias atopadas de ser este lugar principal como sitio arqueolóxico, acaso a capital dos Nerios: dende obxectos de sílex a evidencias de romanización. Duio, ademais, achega a este conxunto lenda de ser cidade asulagada.

O alcalde de Fisterra, José Manuel Traba, a quen coñezo dende os días nos que traballei na Consellería de Pesca, celebra a importancia e singularidade que a Comisión de Cultura lle dá a ese espazo. Pero é que a Comisión non priva a Fisterra do selo oficial de Patrimonio Europeo porque careza de valor, senón porque recoñecendo o seu valor único, considera que non se trata como merece.

Falando da Vaca, eu invoqueina no poema Borraxeira, de Mar de Lira, que empezaba así: Berro de alén mar/ así é o bruar da luz da fin da terra/ cando a constancia da brétema absorve o espertar do día…

Pero é novidade destes días o último libro de versos de Marilar Aleixandre, Ovella descarreirada, publicado por Edicións Xerais, onde lemos este poema que afirma o valor patrimonial do son de Fisterra:

brúa a vaca

en días de temporal
á noitiña
cando os barcos poden perder o rumbo
estrelárense nos cons
aínda se escoita o bruar da Vaca de Fisterra
resoando de cabo a cabo

brúa a vaca
do cabo da Nao a Fisterra, de Fisterra a Touriñán
do Vilán ao Roncudo
do Roncudo a Punta Nariga
de Punta Nariga ás Sisargas
das Sisargas a Santo Adrián

brúa a vaca
máis alto que o bradar do mare
que o zoar do vento
para non perdermos o rumbo
en tempos atroces
brúa a vaca
contra desleixo e cobiza
do Pindo a Baldaio
do Monte Branco a Traba

brúa a vaca

DOMINGOS DE ANDRADE

O pasado 11 de novembro cumpriuse 300 aniversario do pasamento do arquitecto Domingos de Andrade, nacido en Cee en 1639. Non houbo moita conmemoración, malia ser Andrade un arquitecto excepcional, que non só deseñou obras importantes que aínda hoxe nos acompañan e conmoven, senón que, ademais, transformou o xeito de ollar as cousas e indirectamente, polo afán dos párrocos en querer imitar a Berenguela, a torre barroca da catedral compostelá, modificou a paisaxe de Galicia.

Quen o lembrou e si celebrou, foi o Museo do Pobo Galego, producindo unha exposición da que foi comisario Manuel Vilar Álvarez. O edificio de San Domingos de Bonaval transformouse así en receptor da exposición e, ao tempo, parte principal dela, xa que son moitas as pegadas que Andrade deixou no edificio, dende a fachada, o claustro ou esa marabilla que e a tripla escaleira que remata no balcón que se abre á cidade.

Eu tiven o privilexio de participar nese proxecto, elaborando o guión do vídeo que acompañou á exposición. Sorprendido polo descoñecido que Domingos de Andrade é para tanta xente, tamén para algúns benqueridos amigos seguidores deste blog, ofrezo aquí o texto do guión, xa que o vídeo son incapaz de copialo. Tampouco non podo indicar o nome dos autores das imaxes tomadas de internet. Dicir que o vídeo realizado por ATEC Crative Solutions, foi dirixido por Zaira Barcia Boullosa e Tania Pérez Arribas.

DOMINGOS DE ANDRADE, Excelencia do barroco
Durante os séculos XVI e XVII, algunhas autoridades eclesiásticas cuestionaron a predicación en Hispania de Santiago Cebedeo, así como que estivese enterrado en Compostela. Daquela, intentouse anular a consideración de Patrón de España do Apóstolo. O Cabido compostelá, reaccionou procurando darlle á catedral unha nova e fastuosa imaxe que amosase ao mundo a importancia do santuario xacobeo, propagando a idea dun patrón único das Españas.
O Papa Urbano VIII ratificará a condición de Compostela como lugar principal da cristiandade, instaurando a cerimonia da ofrenda ao Apóstolo. Iníciase, entón, un período de mudanzas na catedral e na cidade.
Son os días do esplendor barroco, coa súa vocación ornamental e perspectiva escenográfica. Novas construcións substitúen os pazos medievais e casas de madeira, transformando a cidade na urbe de pedra que hoxe permanece. Tamén a catedral vive reformas. Baixo os auspicios do arcebispo Antonio de Monroy, a inspiración do cóengo fabriqueiro José Vega y Verdugo e a colaboración da primeira xeración de arquitectos galegos formados arredor da escola taller catedralicia e da de San Martín Pinario, o templo substitúe o aspecto orixinal de fortaleza polo maxestoso e espiritual que hoxe coñecemos. Entre os arquitectos, destaca a figura de Domingos de Andrade.
Fillo de Domingos López de Andrade e da súa segunda muller, Alberta López, Domingos nace en Cee en 1639, no seo dunha familia de orixe fidalga e posición acomodada.
En 1654 figura matriculado na facultade de Artes da universidade compostelá, aínda que en 1655 aparece inscrito na carreira de Canons e Leis.
O 20 de decembro de 1659, en Corcubión, bautiza o seu primeiro fillo, que tamén o é de Isabel Areas Canosa, coa que casa en 1662, poucos días antes do nacemento do segundo. O matrimonio terá 11 fillos, dos que só 5 chegarán á idade adulta.
Para entón xa traballa na catedral, participando con Bernardo Cabreira e Francisco Antes na construción do novo altar maior. O seu nome aparece relacionado por primeira vez nos libros de fábrica en 1665, cando con Lucas Serrano asina o contrato para a construción do tabernáculo do altar maior.
Ata 1674 colabora con Juan de la Peña Toro, mestre de obras de carpintería e de cantaría da catedral. Con el viaxa por Galicia e aprende o oficio de arquitecto, sucedéndoo logo da súa morte. Como mestre, Domingos de Andrade formará a ilustres arquitectos, como Jerónimo Patiño, Miguel de Romay, Simón Rodríguez, Fernando de las Casas Novoa ou Lucas Caaveiro.
Otero Pedrayo refírese aos arquitectos dese tempo: Os nomes dos arquitectos galegos desta época son ben coñecidos: Domingo de Andrade, Fernando das Casas e Novoa, Simón Rodríguez, Sarela… Eles dispuxeron os grandes espacios onde calquera relevo anima a severidade, guiaron as seivas arquitéctonicas pola árbore das columnas para facela estalar en froitas e flores, nas esperanzadas xemas das cúpulas, nos gromos dos pináculos, na vivente curva das liñas”.
Andrade traballa por toda Galicia, dirixindo obras en edificios relixiosos, civís e militares. Cómpre destacar as executadas na catedral de Lugo, no mosteiro de Sobrado dos Monxes ou na capela do Santo Cristo de Ourense.
Atribúeselle a construción do baldaquino da igrexa de Oseira, semellante ao da catedral compostelá. Cando, logo da desamortización, as autoridades deciden trasladalo a Madrid, prodúcese unha revolta popular na que falecen sete persoas, abatidas por disparos da garda civil. Eduardo Blanco Amor recollerá estes feitos na novela Xente ao lonxe.
Pero será en Compostela onde Domingos de Andrade desenvolverá o seu traballo principal e onde o seu xenio creativo acadará a máxima expresión. Na catedral participa na construción da nova sancristía, que despois será Capela do Pilar e do Pórtico Real, así como na reforma da capela do Espírito Santo e da parte superior da Porta Santa.
A súa obra cimeira é o deseño e construción da Torre do Reloxo. Otero Pedrayo dedicoulle un poema que comeza así: Torre viva, lanzal e sorridente, / dona da lei das horas fuxidías, / es ao correr dos días / vago alciprés e pino verdescente.
Torre da Berenguela ou do reloxo

Torre da Berenguela ou do reloxo

Coa torre, Andrade non só consegue construír un contraforte que asegura todo o edificio, senón que nela vai expresar libremente a súa linguaxe estética e decorativa con froitas, motivos militares e xacobeos, simetrías, luces e formas.
A Torre crea un sentido de transcendencia, facendo máis pequeno o mundo e máis próximo o ceo. Imitada en moitos templos parroquiais, pódese afirmar que a influenza de Andrade transforma a paisaxe, coa integración nesta dos campanarios barrocos.
Ela e as outras torres barrocas da catedral son vistas polos peregrinos dende lonxe, provocando neles a emoción de sentir cumprido o soño que un día os fixo partir respondendo a unha chamada espiritual, unha ilusión, unha esperanza.
En Compostela, Andrade constrúe edificios para vivenda, velaí a Casa da Parra, a da Conga, ambas na Quintana, ou a do actual número 16 da rúa Nova; traballa para institucións como o Hospital Real, a Universidade ou o concello, deseñando planos e intervindo na construción de edificios públicos como o da Carnicería.
Deseña os retablos de San Paio de Antealtares e de Santa Clara. Pero onde realiza unha das intervencións máis singulares é no convento de San Domingos de Bonaval.
Amais da fachada principal e de tres panos do claustro, Andrade é o autor desa peza fermosa e única formada polas escaleiras que deben comunicar os cuartos dun e outro lenzo do claustro.
Escaleira de San Domingos de Bonaval

Escaleira de San Domingos de Bonaval

Falando dos vestixios que o convento garda de Andrade, Murguía escribiu: Entre todos e como o primeiro a tripla escaleira de caracol, oxival e emprazada na torre construída con tal obxecto. Famosa entre o vulgo, merece tamén atención preferente, pois non hai dúbida de que se labrou a un tempo para dar ingreso aos cuartos superiores do convento e como vixía.
Bucle funcional que xoga ás simetrías, a singularidade da escaleira vai máis alá da estética e do criterio innovador do seu deseño. Dende o balcón no que remata, Andrade suxírenos un cambio de perspectiva, un novo xeito de mirar e de ver, xa que, ata entón, a visión da paisaxe procurábase dende o interior da cidade, pero agora, esta transfórmase en centro e referencia visual.
Domingos de Andrade tamén deixou obra escrita. Nela sobresae o tratado: Excelencias, Antigüedad y Nobleza de la Arquitectura, publicado no ano 1695, no que reivindica o papel do arquitecto:
Mas digo que à los Maestros de Arquitectura, pertenece dar forma, traza, y disposición en las obras, como en los palacios, y casas tocale disponer salas, dormitorios, puertas, ventanas, y las mas piezas convenientes, y escoger, y eligir materiales; porque à los oficiales, solo les toca trabaxar, conforme lo manda el Maestro; luego el q hizo esto, con razon, le llamaremos Maestro, y Arquitecto”.
En 1699, viúvo, Andrade solicita o ingreso na orde sacerdotal. Tras unha longa enfermidade, falece o 12 de novembro de 2012, na súa casa do Pombal. Os seus restos repousan na Capela da Concepción da catedral compostelá á que lle dedicou a vida.
Sen Domingos de Andrade non sería posible o mellor e máis senlleiro do barroco galego, opinaba Mayán, e Gonzalo Torrente Ballester consideraba que o seu espírito debía sorrir coma un anxo.
Especializado no deseño e escenificación de festas, empregando fogos de artificio, destacou no seu tempo o catafalco conmemorativo da morte de María Luísa de Orleáns, consorte do rei Carlos I, ou a celebración, ao ano seguinte, da chegada a Compostela de Mariana de Neoburg, casada por poderes co rei.
Museo do pobo galego
Francisco X. Fernández Naval. 2012