MAURO CASTELLÁ FERRER

Devolvín onte na biblioteca, logo de telo un mes na casa, este libro curioso, titulado Historia del Apóstol de Iesus Christo Santiago Zebedeo Patrón y Capitán General de las Españas. O autor Mauro Castellá Ferrer, militar e escritor que naceu en Celanova no ano 1567 e que morreu en Madrid no 1612.

Non foi o título, dende logo, o que me chamou a atención. Souben del por un artigo de Xosé Luis Méndenz Ferrín, publicado no suplemento cultural do Faro de Vigo e titulado: O erudito de Bubadela.

Mauro Castellá 1Nas setecentas páxinas cumpridas do texto, amósase Mauro Castellá Ferrer como un apaixonado defensor da historia do apóstolo como certa. Argumenta e replica todo canto argumento coñece que negue o que é para el verdade incuestionable. Informa de cousas curiosas, como que Pedro e Andrés pescaban á parella con Santiago e Xoán, no mar de Galilea, e que era Caifás quen lles mercaba o peixe.

Para min, o máis singular, é como conta Galicia dende a perspectiva do século XVI. O país dos neriones, dille, supoño que lembrando os nerios. Recolle todas as lendas que vinculan o noroeste peninsular coa mitoloxía grega. Interpreta o topónimo Pontecesures como Ponte feita por Xulio César; afirma que a Ara Solis estaba no lugar no que se ergue a igrexa de Santa María das Areas en Fisterra, e dá por certo que Santiago estivo en Iria Flavia, que el corrixe e cita como Illia Flavia, pero tamén en Duio, Muxía, A Coruña e Lugo, antes de marchar cara Braga. Segundo escribe, Ourense pillaría ao Apóstolo fóra de camiño, pero Mauro Castellá fala da cidade e do Castelo Ramiro. Algunhas achegas son ben singulares, como este mapa da xeografía apostólica:

mapa do santo

Afirma que nos días nos que o Apóstolo andaba por aquí de prédica, na Gallaecia había rebelións locais contra o Imperio, cousa que eu sempre sospeitei, aínda que non teñamos moita memoria deses feitos, ou eu non coñeza as probas.

A Historia de Lupa que nos conta é moi semellante á do Códice Calixtino, aínda que afirma que ela provén dunha familia romana, cousa que a min me custa crer. En fin, libro curioso, singular para días de chuvia