MONTE PINDO: VELLAS IMAXES, RELATOS DA MEMORIA

Estiven o venres en Guitiriz, participando no curso de verán A paisaxe como patrimonio, que cada ano a Universidade de Santiago de Compostela alí convoca, curso organizado por Roxelio Pérez Moreira e F. Javier López González. Non era a primeira vez que participaba, xa estivera noutra edición anterior falando das paisaxes do solpor. Nesta ocasión a miña intervención tiña o título de: Monte Pindo, símbolo e identidade.

Buscando imaxes para ilustrar a charla, atopei estas do arquivo de Maribel Longueira. Son do ano 1982. Na primeira vemos a Fernando Alonso Romero con Xan Louro, na segunda Maribel e Luis Monteagudo conversan con ese home ao que debemos boa parte do coñecemento que temos do Monte.

Xan Louro con Fernando Alonso Romero

Xan Louro con Luis Monteagudo e Maribel Longueira

Xan Louro foi compañía xenerosa daquel tempo. Coñecedor de cada recuncho do Monte, da súa microtoponimia, gozaba subindo a el e contando o que sabía. Foi el quen atopou a vasilla medieval, hoxe depositada no Museo do Pobo Galego. Foi el quen amosou algunhas das covas onde procuraban agocho os fuxidos ao Pedregal, logo do levantamento militar do 18 de xullo de 1936. Hoxe conmemóranse 80 anos daquel feito.

Entre os seus moitos valores, o Monte Pindo tamén atesoura o de ser referencia da memoria silenciada. Foron moitos os homes que alí atoparon refuxio, moitas as mulleres castigadas por axudar a maridos, irmáns, noivos ou fillos. Alí buscou refuxio Manuel Rodríguez Louro, o preso 4148 de Mathausen, que o 16 de setembro de 1941 sería asasinado no castelo de Hartheim, instalación anexa ao campo onde se experimentaba con métodos que asegurasen acadar de maneira rápida a “solución final”.

Nunca teremos palabras abondas, nin tempo, para restituír a memoria dos vencidos. Pero tampouco teremos acougo se non o intentamos.