DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Tal día coma hoxe, en 1837, nacía Rosalía de Castro. Dende hai anos son varias as entidades e institucións que enchen as horas e o país cos seus versos. Eu participo, habitualmente, na lectura que convoca a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Este ano, como o anterior, será no serán, no ÁGORA da Coruña.

Hoxe lerei os fragmentos do poema “Na tomba do xeneral inglés Sir Jonh Moore morto na batalla de Elviña (Coruña) o 16 de xaneiro de 1809“, poema que Rosalía dedia á súa amiga, nativa do país de Gales, María Bertorini.

Lerei exactamente os versos que acompañan a Moore no Xardín de San Carlos e aproveitando, lembrarei a figura de Amadou Ndoyé, o profesor de lingua e literatura española da Universidade de Dakar, que estivo por aquí no ano 2013 e con quen puiden recitar, acompasando as nosas voces, os versos de Rosalía na galería que olla ao porto coruñés.

De Amadou Ndoyé escribín hai anos, esta é a conexión a aquel artigo no que daba conta do seu falecemento en Dakar, poucos meses despois da súa visita. E penso que é acaído porque el faloume de Rosalía e de como a poñía como exemplo diante dos seus alumnos que querían ser escritores.

AMADOU NDOYE

Aquí queda, tamén, o poema completo de Rosalía, que ela incluíu en Follas Novas, na parte titulada Varia:

NA TOMBA DO XENERAL INGLÉS
SIR JOHN MOORE
MORTO NA BATALLA DE ELVIÑA (CORUÑA)
ó 16 DE XANEIRO DE 1809

A miña amiga MARÍA BERTORINI,
nativa do país de Gales
A Coruña, 1871.

¡Cuán lonxe, cánto, das escuras niebras,
dos verdes pinos, das ferventes olas
que o nacer viron, dos paternos lares,
do ceo da patria que o aolumóu mimoso,
dos sitios, ai, do seu querer; qué lexos
viu a caer baixo enemigo golpe
pra nunca máis se levantar, coitado!
¡Morrer asín en estranxeiras plaias,
morrer tan mozo, abadoná-la vida
non farto aínda de vivir e ansiando
gustar da froita que coidado houbera!
¡I en vez das ponlas do loureiro altivo
que do héroe a testa varonil coroan,
baixar á tomba silenciosa e muda…!

¡Ouh brancos cisnes das britanas islas;
ouh arboredos que bordás galanos
dos mansos ríos as ribeiras verdes
i os frescos campos donde John correra…!
Si a vós amargo xemidor sospiro
chegóu daquel que no postreiro alento
vos dixo ¡adiós! con amorosas ansias
a vós volvendo o pensamento último,
que da súa mente se escapaba inxele,
¡con qué pesar, con qué dolor sin nome,
con qué estrañeza sin igual diríades
tamén ¡adiós” ó que tan lonxe, tanto,
da patria, soio, á eternidá baixaba!

I o gran sillón, a colgadura inmóvil
do para sempre abandonado leito,
a cinza fría do fogar sin lume,
a branda alfombra que leal conserva
do pe do morto unha sinal visibre,
o can que agarda polo dono ausente
i o busca errante por camiños ermos,
as altas herbas da alameda escura
por onde el antes con solá paseaba,
o sempre igual mormoruxar da fonte
donde el nas tarde a sentarse iña…
¡cál falarían sin parar de Moore,
co seu calado afrixidor lenguaxe,
ós ollos, ¡ai!, dos que por el choraban!
¡Xa nunca máis…, xa nunca máis, ouh triste,
ha de volver onde por el esperan!
Partéu valente a combatir con groria.
¡Partéu, partéu…! e non tornóu, que a morte
segouno alí nos estranxeiros campos,
ca frol que cai onde a semilla súa
terra n’atopa en que arraigar poidera.

Lonxe caíche, pobre John, da tomba
onde cos teus en descansar pensaras.
En terra allea inda os teus restos dormen,
i os que te amaron e recordan inda,
mirando as ondas do velado Océano,
doridos din, desde as nativas praias:
“¡Aló está el, tras dese mar bravío;
aló quedóu, quisáis, quisáis por sempre;
tomba onde naide vai chorar, cobexa
amadas cinzas do que nós perdemos…!”
I os tristes ventos i as caladas brisas
que os mortos aman si lexanos dormen
do patrio chan, a refrescarte veñen
do vran na noite calorosa, e traen
pra ti nas alas cariñosas queixas,
brandos suspiros, amorosos ecos,
algunha bágoa sin secar, que molla
a seca pedra do mausóleo frío,
do teu país algún perfume agreste.

¡Mais qué fermosa e sin igual morada
lle coupo en sorte ós teus mortales restos!
¡Quixera Dios que para ti non fora,
nobre estranxeiro, habitación allea!
Que n’hai poeta, ensoñador esprito
non pode haber que ó contemprar no outono
o mar de seca amarillenta folla
que o teu mausóleo con amor cobexa,
que ó contemprar nas alboradas frescas
do mes de maio as sonrosadas luces
que alegres sempre a visitarche veñen,
non diga: “¡Asín cando eu morrer, poidera
dormir en paz neste xardín frorido,
preto do mar…, do cimeterio lonxe…!”
Que ti n’escoitas en jamás, ¡ouh Moore!,
choros amargos, queixumbrosos rezos,
ni os outros mortos a chamarte veñen,
pra que con eles na calada noite
a incerta danza dos sepulcros bailes.
Só dose alento do cogollo que abre,
da frol que mucha o postrimeiro adiose,
loucos rebuldos, infantiles risas
de lindos nenos que a esconderse veñen
sin medo a ti tras do sepulcro branco.
I algunha vez, ¡moitas quizáis!, sospiros
de ardente amor que o vento leva donde
Dios sabe só…, por sin igual compaña
dichoso tes na habitación postreira.
¡I o mar, o mar, o bravo mar que ruxe
cal ruxe aquel que te arrolóu na cuna,
mora onda ti, ven a bicar as pedras
dun chan de amor que con amor te garda,
i arredor teu deixa crecé-las rosas!
¡Descansa en paz, descansa en paz, ouh Moore!
E vós que o amás, do voso honor celosos,
fillos de Albión, permanecéi tranquilos.
Terra fidalga é nosa terra -tanto
cal linda Dios a quixo dar-; ben sabe
honra faser a quen merce honra,
i honrado así, cal merecéu, foi Moore.
Soio no está no seu sepulcro; un puebro
co seu respeto compasivo vela
polo estranxeiro a quen traidora morte
fixo fincar lonxe dos seus, i a elleos
vir a pedir o derradeiro asilo.

Cando do mar atravesés as ondas
i ó voso irmán a visitar vaiades,
poñé na tomba o cariñoso oído,
e si sentís rebuligar as cinzas,
e si escoitás indefinibres voces,
e si entendés o que esas voces digan,
a ialma vosa sentirá consolo.
¡El vos dirá que arredor do mundo
tomba mellor que a que atopóu n’achará
sinón dos seus antre o amoroso abrigo!

 

 

A MIÑA TÍA LELA

Esta fin de semana, en Oira, repasei coa miña nai imaxes do pasado. Ela tiña as coleccións de fotos alí á beira. Supoño que pasará moitas das súas horas deténdose no rostro e no sorriso dos que xa non están. Xuntos, o sábado, convocamos a moitos seres tan queridos para nós.

Lela barca

Para ela e para min foi persoa principal a miña tía Lela, a que a seguía, terceira e cuarta dun conxunto de seis, cinco irmás e un home. Miña nai sempre a considerou máis amiga que irmá, porque medraron xuntas, xuntas foron a festas e bailes, xuntas ían ao monte coas vacas, xuntas durmían no mesmo cuarto. Na foto que precede este parágrafo e que ten o valor etnográfico e patrimonial da barca, están ela, na popa, Olga a irmá pequena e, no centro, tan atrevida, Toña, unha das curmás arxentinas, que estaban pasando en Oira unha tempada e que chegaran traendo a novidade o tango, entre outras cousas.

Lela Anxo

Para min Lela sempre significou o río e dela sempre recibín cariño. Había algo nela que hoxe penso como desinhibición física, sempre disposta a tomar o sol ou arremangar a saia. Pero sobre todo, por ela recibín os versos de Rosalía de Castro e de Curros Enríquez, nun tempo no que mantivo relación coa xente da Agrupación Cultural Auriense, facéndose amiga de Anxo Martínez, de quen teño falado noutras entradas e viaxando con el e coa Asociación a excursións organizadas que percorrían o país. Penso que foi neses días cando aprendeu os versos que logo me recitaba. Na foto anterior podemos vela cun grupo de excursionistas, entre eles Anxo, quen olla para atrás sentado no ángulo da esquerda. Non sei con certeza cal é o templo románico que lles vale de fondo, aínda que, de memoria, apostaría por Santa Mariña de Augas Santas. Tampouco teño claro quen son os compañeiros da fotografía. Na seguinte Lela pousa diante do hórreo de Carnota, supoño que a finais dos sesenta ou primeiros setenta.

Lela Carnota

Eu dediqueille o libro Miño, cheo de referencias a ela. Dentro de poucos días cumprirase o noveno cabodano. Cando morreu eu estaba en México, de viaxe de traballo, abrindo o camiño para a presenza da literatura galega na FIL, a feira de Guadalajara. Aquel día, na distancia, escribín este poema que incluín no libro:

27 DE NOVEMBRO

E o desalento do mar,
esa agonía que afoga
no anhelo dos teus labios,
refacho de marea
íntima que penetras
e se fai doce
onde voan as fragas
e medran as lavercas
Fronteira do silencio
fondal da claridade
que xermina no baluarte das sombras.
E ti,
corpo tendido o sol
e hoxe vencido, ti,
garza de póla incerta,
constancia da silveira,
cántico da alborada,
descendendo aos abismos
da tenrura.

TOLERANCIA, INDULXENCIA, HUMANIDADE

A José Saramago non lle gustaba a palabra “tolerancia” empregada cos exiliados e emigrantes, procedentes de países árabes e africanos, que petan de seguido nas portas de Europa. Propoñía como alternativa, a palabra “igualancia”.

Saramago. El País

Estou conforme con el no refirido á tolerancia. Esa palabra leva implícitos os conceptos de superioridade e de desigualdade. Tolero aínda que me moleste. Tolera o amo, o policía, o mal mestre. Tolera sempre quen non comparte. Pero tampouco non me gusta a proposta alterantiva: igualancia.

FerlosioLeo estes días o libro de Rafael Sánchez Ferlosio, Campos de retamas (pecios reunidos), no que Ferlosio (que ama, recupera e sanda a linguaxe tan manipulada e mancillada) recolle textos breves, uns escritos xa nese formato e outros procedentes dos naufraxios de textos máis longos, velaí a explicación do subtítulo: pecios reunidos.

Nun deses textos leo: Tolerancia no, como si cualquier credo fuese bueno dentro de sí mismo, sino todo lo más indulgencia, porque lo que sí es seguro, cuando menos, es que todos los credos son malos por fuera de sí mismos. 

Aínda que el a refire aos credos, pensei, nun primeiro momento, que indulxencia podía ser a palabra alternativa a tolerancia, pero logo decateime de que tampouco, ao cabo, nin se trata de perdoar culpas, nin de conceder grazas, senón de comprender e de admitir aquilo que xa escribiu Rosalía de Castro no poema da Habana, de Follas Novas: Toda a terra é dos homes! (e das mulleres, engadiríamos hoxe). Daquela, cal é a palabra que definiría unha actitude humana, solidaria e aberta cos que foxen da fame, da persecución e da guerra?

Non sei se é imprescindible unha palabra, abondaría, quizais, con humanidade, principio e actitude que leva implícita a comprensión e o respecto e tamén debería incluír a xustiza e a liberdade sobre as que Saramago semella reflexionar na primeira das imaxes, tomada do xornal El País, pero que aparece libre na rede.

ROSALÍA DE CASTRO

Hoxe é o día de Rosalía e ata o celebra Google. Abrín o ordenador, vin os seus versos e o seu rostro e sentín un certo orgullo. Esta iniciativa de Google non compensou o enfado que teño con eles por dúas razóns que teñen que ver coa lingua, a primeira que non aceptasen dedicar a cabeceira dun 17 de maio ás letras galegas, malia que existiu solicitude formal. A segunda, que a VivirNaCoruña non lle dan publicidade por ter un amplo número de contidos en galego. Eu supoño que o que lles queren dicir é que estando a maior parte dos contidos en galego, non teñen publicidade nese idioma, pero xa podían apurar para tela, pero ademais, tendo a páxina contidos en castelán, ben lle podían ofrecer publicidade nesa lingua, que hai que conseguir facer rendibles os proxectos.

Volvo a Rosalía. Celebramos o 178 aniversario do nacemento, un 24 de febreiro, en Santiago de Compostela. E, para conmemorar tal efemérede, penso que o mellor é recitar versos. Pola tarde participarei na lectura aberta que convoca a Asociación de Escritores en Lingua Galega no Ágora da Coruña. Vou ler o poema “Nasín cando as prantas nasen” de Cantares Gallegos e vou explicar a razón.

rosalia-castro-cantares

Nos mes de novembro de 2013, recibín un correo electrónico de Suso Díaz, a quen non coñecía, nin coñezo, persoalmente. Convidábame a participar nunha iniciativa denominada 150 Cantares para Rosalía de Castro. Se aceptaba debería asumir escribir un poema a partir duns versos que el me daría, pertencentes a un poema dela. Aceptei.

Meses despois chegaron eses versos, que eran a segunda estrofa do poema que vou ler hoxe: Desque te quixen, ingrato/ todo acabóu para min,/ que eras ti para min todo,/ miña groria e meu vivir.

Tiña un prazo para enviar o meu texto. Andaba eu bastante amolado porque non conseguía nada que merecese a pena, cando Eva Veiga nos convocou a un recital que servía de despedida á exposición Vento de inverno do artista xaponés Yamamoto Masafumi. Presentaba Teresa Seara e estabamos moitos. Daquel día xa deixei constancia na entrada do blog: http://fernandeznaval.blogaliza.org/2014/03/03/1653/

Ese día acompañábanos a soprano Victoria Álvarez Acón (Vicky), quen cantou varias cancións de repertorio galego, entre elas: Rosa de abril ou Nasín cando as prantas nasen, con música de Andrés Gaos. E alí, escoitándoa, o meu poema para a encarga de Suso naceu só, si, escoitándoa, seguindo a súa voz. Sempre lle estarei agradecido pola luz daquel serán. Ela, agora, forma parte do proxecto Música de Mar de Lira, o disco gravado hai 15 días en Compostela, a partir das composicións de José Luis Fernández Carnicero. Así son os camiños da vida.

Non hai gravación desa canción por Vicky, así que deixo esta outra, para celebrar o día. Eses teus ollos, acompañada de Xosé Manuel Yáñez, o pianista do proxecto Mar de Lira. Non é Rosalía, que é Curros, pero eles tamén se querían:

Deixo aquí os dous poemas, o de Rosalía, que para iso é o día, e logo o meu que naceu dende o dela. Engadir que hoxe a Fundación Rosalía de Castro publica en edición dixital, na súa páxina o proxecto de Suso Díaz: 150 Cantares para Rosalía de Castro e que a presentación será, na propia Fundación, na Casa da Matanza de Padrón, o día 7 de marzo, sábado.

Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti. 
Desque te quixen, ingrato,
todo acabóu para min,
que eras ti para min todo,
miña groria e meu vivir.
¿De qué, pois, te queixas, Mauro?
¿De qué, pois, te queixas, di,
cando sabes que morrera
por te contemplar felís?
Duro cravo me encravaches
con ese teu maldesir,
con ese teu pedir tolo
que non sei qué quer de min,
pois dinche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir.
Nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir.

E agora o meu:

RECITAL
A Victoria Álvarez Acón
Ían as voces sementando versos,
palabras núas sobre o anel da chuvia,
transparentes palabras, coma a atmosfera
nipona que envolvía os muros. Vento yamamoto
inverno masafumi auga, as cálidas palabras.
Entón foi o piano, a man,
a espiña en espiral, a rosa, o pentagrama,
Gaos, a música, a voz limpísima debuxando a canción
prendendo na emoción comunal
dos que respiran.
Desque te quixen, ingrato, e alentaba.
Desque me entreguei ás ondas túas
sen nada que che pedir, desque
me dei a escumas que florecen
no tenro mar de pardelas en abril.
Desque. Mais cando te escoitei as queixas
todo acabou para min
que eras ti para min todo
miña groria e meu vivir.
A que nostalxias me levou
o son harmónico da clara voz que abría
ventos de sol, areas de saudade
no negro chan do meu asombro en sombra?
A que luz de melodía? A que recendo de serán?
A que delirio? Ían os versos, coma avellóns de estío,
desprendidos da voz e das palabras, sementando
soños de aureana e tango.

 

CAMIÑOS DA TERRA, CAMIÑOS DO MAR

o camiño
é  en si
o seu propio fin

Eva Veiga (A distancia do tambor)

Camiño inglés 001Presentouse onte, na Deputación Provincial, o libro El Camino Inglés, variante de acceso a Compostela, que seguían os que arribaban aos portos de Ferrol ou da Coruña, procedentes dos países do norte. Este é un dos elementos de promoción que a Deputación leva hoxe a Fitur. Participo nel cun texto sobre a igrexa de Santiago. Eu escribín o texto en galego. Penso que as dúas versión que hoxe se ofrecerán na feira de turismo recollen as traducións ao castelán e ao inglés.

Deixo aquí o que eu escribín, por se a alguén lle interesa ou gusta da súa lectura. Titúlase: Camiños da terra, camiños do mar. Vai precedido dunha cita de Eva Veiga:

o camiño
é  en si
o seu propio fin

Eva Veiga (A distancia do tambor)

Quen inicie na Coruña a peregrinación a Santiago, debe saber que non obterá a Compostela. O percorrido non chega aos cen quilómetros. Pero non lle importará, nin sentirá mágoa, porque este é un camiño que se transita nun dobre senso, cara adiante, tendo como destino o campo das estrelas e as torres do Obradoiro, e cara atrás, sentindo como as ondas baten contra os pasos marcando o seu ritmo, percibindo como o vento mareiro deixa a pegada do salitre sobre o chan xa pisado e trae ecos de linguas estrañas, que xa nos confesionarios da catedral compostelá anunciaban en latín a posibilidade de confesar en lingua ánglica, germánica ou escandinavia. Si, de escuma e argazo, pero tamén de saga e de canción, velaí o pulo que anima esta singradura.  Ao cabo, o viaxeiro sabe que non importa tanto a lonxitude do itinerario como a distancia en si. Porque é a distancia a que nos aproxima, a que permite o encontro, a emoción, o tránsito, a sucesión das xornadas polos camiños do mundo e do corazón.

É esta unha das pólas do denominado Camiño Inglés; vía que se iniciaCamiño inglés 2 nos soños oceánicos, no limiar do frío, nas illas e penínsulas do setentrión, como aquela que Ith creu ver dende o alto da Torre, a que conquistaron os fillos de Mil; bañadas polo mar que cantou o bardo Amirgin, o primeiro dos poetas irlandeses, nacido aquí, no que sería Portus Magnus Artabrorun: Eu invoco a nobre Irlanda/ o leste da gran praia do fértil mar. Esta vía de acceso a Compostela ten dúas gallas asimétricas que conflúen no Hospital de Bruma, a de Ferrol, máis longa, e a da Coruña, portos ambos que franqueaban o mar Ártabro e aos que chegaban os peregrinos navegantes.

Na Coruña o lugar axeitado para iniciar o Camiño será o adro da igrexa de Santiago, no corazón da Cidade Vella, preto da rúa das Damas e da casa na que viviu Rosalía de Castro. Cidade civil, “República”, dicíanlle. O poder exercíase nela en nome do rei e non da igrexa. No adro deste templo reuníase o concello nos días medievais, dándolle ao burgo carácter liberal, antes de que a palabra atopase significado e posición nos dicionarios.

A igrexa de Santiago foi construída na segunda metade do século XII, sobre a que fora capela do gremio dos xastres, o que explicaría as tesoiras gravadas nalgún dos perpiaños. É, pois, a máis antiga da cidade, lugar de enterramento, como acredita a colección de lousas hoxe ocultas baixo o sollado. Non foi este o templo edificado polos mareantes coruñeses, privilexio que corresponde á Colexiata de Santa María, porén, e como respondendo ao carácter atlántico do Camiño que nel se inicia, hai moito mar no seu interior.

No muro da escaleira que accede ao coro apréciase un gravado que amosa un home gobernando unha embarcación, ao tempo que semella turrar dun aparello. Pescador ou peregrino? Pescadores no mar de Galilea eran os fillos de Zebedeo, aos que chama Xesús cando amañaban as redes na barca do pai. Chámaos para seren pescadores de homes e van. Acaso é esa a razón da inscrición ou quizais non, se cadra só indica que era polo mar por onde viñan os chegados de lonxe, das terras afastadas do xeo: Islandia, Noruega, Suecia ou Dinamarca, e tamén das illas e reinos máis ao sur: Irlanda, Inglaterra, Escocia ou Gales, todos atraídos por un nome, Jacosbusland, a terra de Xacobe. Para moitos Galicia foi a fin da terra, o límite e confín. Para eles, xente do norte, era o comezo do mundo, a primeira costa que atopaban cando navegaban cara o sur.

No interior do templo descubrimos ménsulas con forma de cuncha de vieira, a proba que acreditaba o cumprimento do soño, nos días nos que non había parroquias que marcasen con selo a Compostela. Pero a fantasía e o sorriso están no púlpito, que amosa unha alegoría da peregrinación e, sustentándoo nun abrazo a xeito de columna, sereas e homes mariños.

Non sabemos se estas sereas teñen embigo. O do embigo nas sereas era asunto que moito preocupaba a Álvaro Cunqueiro, sobre todo porque, de non ter, o escritor non lle atopaba  explicación ao misterio de procrear. Venadita, que namora ao Simbad da súa novela nas illas Molucas, non tiña e admirábase do que o mariño lucía no ventre, xogando a meter nel o dedo e atrevéndose, un día, a alumealo cun bico.

Dos homes mariños escribiu o cardeal Jerónimo del Hoyo no libro Memorias del Arzobispado de Santiago, título tan acaído para nós. Di nel que os mariñeiros do Parrote, cando ían pescar, atopaban homes mariños cos que mantiñan relación de amizade. Estes seres, que gozaban xogando coas ondas do Orzán, achegábanse aos barcos. Afirma o cardeal que a súa presenza anunciaba boa pesca e que gustaban do pan. O pan dos viaxeiros peregrinos, que acaso os atopaban mar afora, entre os salseiros, cando arribaban ao litoral de Galicia. Neles pensa Xurxo Souto cando berra: Medre o mar!!! A eles refírese a cantiga atribuida a un enigmático trobador, Martín Anes Marinho: Os homes mariños com’o que eu son/ choramos escamas de Poseidón.

Antes de partir, o camiñante poderá percorrer o templo de vagar e reparar no catálogo de imaxes e aras romanas que as sustentan, lembranza dun imperio que tamén chegou por mar. Imaxes hai da Virxe, como a do leite e esa outra, nun arco da capela situada na ábsida dereita e vinculada coa luz, de orixe incógnita que algúns sitúan nos albores do século VIII. Pero sobre todas, eu que tamén fun peregrino, a que prefiro, é a románica de Iacobus Maior, tan grande e sosegada, semellando descansar, que conserva a policromía nos pregues do manto. Dáme a min que acaso contempla o mundo con aceno conciso e soñador, quizais lembrando a Lupa, a raíña que gobernaba a Gallaecia nos días da súa predicación.

(Xullo 2014)

 

 

 

RAMÓN PARADA JUSTEL (I)

O pintor ourensán máis coñecido do século XIX, é Ramón Parada Justel (Esgos 1871- Ourense 1902), incluido na denominada xeración doente, formada por Jenaro Carrero Fernández, Ovidio Murguía Castro, Xaquín Vaamonde Cornide e o noso Parada Justel, nacidos os catro nos primeiros anos da década dos setenta e mortos entre 1900 e 1902. Ovidio Murguía era fillo de Rosalía e Murguía e naceu no pazo de Lestrove. Xaquín Vaamonde, nacido na Coruña, foi protexido de Emilia Pardo Bazán, quen lle deu papel  protagonista na novela La Quimera, morrendo no Pazo de Meirás. Jenaro Carrero era de Noia.

Parada Justel 3

No centro cultural municipal José Ángel Valente de Ourense, situado na rúa do Paseo, onde antes estaba o Banco de España, o Museo Arqueolóxico Provincial organiza unha exposición sobre o pintor ourensán, ao fío da restauración do cadro Os satélites.

O cadro figura como elemento central ou eixo da mostra, situándose á súa esquerda, sobre paneis, a información detallada do proceso e os traballos de restauración. Á dereita, ordénanse as outras obras do pintor que completan a mostra e, tamén unha pequena referencia biográfica.

Parada Justel 4

A min o cadro que máis me gustou foi o titulado O recordo das xoias, cun aire moi francés, impresionista, con ese xogo de luces, transparencias e reflectires no cristal do escaparate do cambiador, que lle dan o ton nostálxico que ten, tamén recollida, claro, na expresión da muller, nas mans… Logo, se me piden escoller, quédome co titulado A familia do anarquista no día da execución.

Parada Justel Anarquista

Pero hai na exposición unha cousa que me desconcertou. Dende que teño memoria, sobre todo dende que teño memoria cultural da miña cidade e do seu patrimonio, sempre escoitei dicir que a pintura que decoraba o teito do teatro Principal era del. Alguén me comentou hai algúns anos, que había dúbidas sobre a súa autoría. Nada se di dela nos datos biográficos que se ofrecen na exposición, que si recolle os momentos nos que pinta cada unha das obras máis singulares. Non sei se xa está absolutamente demostrado que non foi el quen pintou o teito do teatro, obra que lembramos de iren ao cine de nenos, substituida na actual restauración do edificio por unha alegoría de Xaime Quessada que hoxe podemos contemplar. Porén, con certeza ou sen ela, sabendo que moitos ourensáns seguen considerando que si foi el quen pintou ese teito, ou, cando menos, teñen dúbidas de si foi ou se non foi, ao meu parecer si se puido aproveitar a oportunidade e incluir unha referencia que dixese algo así: “1894: durante moito tempo considerouse que nese ano inicia os traballos de decoración do teito do Teatro Principal. Porén, investigacións recentes poñen en dúbida (ou rexeitan, non sei cal é o alcance do descuberto) que fose el o autor desa obra”.

Parada Justel. Principal

Paréceme a min que algo así non suporía quebranto para ningunha suposición ou certeza, e si tería un importante valor informativo e pedagóxico para os visitantes.

Non sei, se cadra este asunto non resulta de interese para os lectores destas páxinas que non sexan de Ourense, espero que a obra de Parada Justel, si e a referencia á súa xeración, si.

 

 

O pasado venres, último da exposición “Vento de inverno” do gravador e editor de libros de artista Masafumi Yamamoto, convocados por Eva Veiga e Teresa Seara acudimos un grupo de amigos para recitar os nosos versos e a cantar. Con Teresa, que fixo de extraordinaria anfitrioa e de Eva que recitou, estabamos: Olga Patiño, Ánxeles Penas, Dores Tembrás, Pedro Ramos, Charo Pita, Manuel Álvarez Torneiro, (o noso flamante Premio Nacional de poesía, na imaxe), e eu. Na parte musical, a soprano Victoria Álvarez Acón, acompañada por Vicente Castro Alonso, interpretando tres cancións compostas a partir de poemas de Rosalía de Catro.

Foi un momento feliz, cando menos así o sentimos os que estabamos do lado actuante, pero esa sensación tivérona tamén moitos dos asistentes e así nolo comentaron ao final. As interpretacións de Victoria Álvarez foron fantásticas, malia as condicións do local, unha galería de arte que seguramente non reúne as condicións idóneas para a música a interpretar, e, malia iso, ela cantou marabillosamente. A min emocionoume, en particular, a romanza composta por Andrés Gaos, a partir do poema “Rosa de abril”.

Gustaríame compartir a canción, pero sobre todo a interpretación de Victoria. Porén non atopei nada dela en you tube, así que, pedíndolle perdón, vai este vídeo con interpretación de María Bayo, acompañada da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida, aínda, por Víctor Pablo.

 Hai tamén en you tube un vídeo, de moi baixa calidade, no que varios centos de nenas e nenos, alumnos dos colexios de Compostela, cantan a canción no Panteón de Galegos Ilustres. Tamén ese, malia a pouca calidade de imaxe e son, resulta emotivo, cando menos para min, pero é que a música de Gaos paréceme moi fermosa.

As imaxes todas forman parte da reportaxe gráfica de Maribel Longueira.

GRUPO POÉTICO RENOVACIÓN

Esta é unha desas historias que poucas veces se contan aínda que, ollando para atrás, un chega a decatarse de que a vida é a que é, en boa medida por aquilo que, no seu momento, por falta de perspectiva, non soubemos apreciar ou valorar. Eu conto isto que segue cando vou aos colexios, pero non é algo que me pregunten nas entrevistas, nin que teña ocasión de expresar con frecuencia, así que aí vai.

Empecei a escribir con 14 ou 15 anos. Conservo nunha axenda aqueles primeiros versos en castelán, cuartetas ben medidas e rimadas en consoante, inspiradas en Rosalía e nos poetas románticos españois, particularmente Bécquer e Espronceda. Eran poemas moi sufridos, de adolescente namorado dun imposible, que escribía sobre a dor do amor non correspondido e sobre a morte.

Con 16 anos produciuse un cambio radical. Non sei moi ben como, a estrutura ríxida crebou, o verso fíxose libre e, sobre todo, o aire da vida varreu as vellas palabras, abrindo e osixenando os contidos. Era o curso de COU, o primeiro ano no que nos mesturabamos mozas e mozos, unha novidade, no meu caso, transcendente para toda a vida. Era o tempo de Machado e de Miguel Hernández. Eu non tocaba a guitarra, aínda que non cantaba mal e, malia xogar de reserva no equipo de baloncesto do colexio, non destacaba moito, pero descubrín, que o verso era elemento que chamaba a atención das novas compañeiras, e decidín dedicarme a el.

Foto Sindo e autorretrato

Foto Sindo e autorretrato

Preto de min, no fondo da clase, sentaba Sindo -Gumersindo Álvarez Reza-algo maior ca nós. Deixara de estudar un curso por procurar emprego e recuncara ao ano seguinte cos que iamos por detrás. Nós tiñamos 16 anos, el 17, pero xa lera a Freud, sabía de Marx e de Engels, de Hemingway e a poesía surrealista. Fixémonos amigos, deixeille os meus poemas e convenceume de alí había algo que pagaba a pena e que debía seguir. Sempre que teño ocasión lembro ese momento marabilloso da vida, cando pensei que si, que podía escribir, non dedicarme a iso profesionalmente, só escribir, cousa que sucedeu por el, que tamén escribía.

El empregaba un pseudónimo: Güersy Gar. Fixémonos amigos e empezamos a traballar xuntos. Orientou moitas das miñas lecturas e del recibín moitos consellos. Logo marchou estudar a Madrid e eu quedei en Ourense. Dende alá regresaba nas vacacións e traía as novidades: Ezra Pound, Marineti, Attila Jozsef. Mentres, eu descubría a nosa literatura, que compartía con el. Quizais no ano 1974, con fachenda e entusiasmo, fundamos o Grupo Poético Renovación. Daquela liamos a Nicolás Guillén e procurabamos o ritmo, inventabamos palabras sonoras, imaxes musicais e crebabamos todas as estruturas. Gravamos varias cintas con todos os poemas en galego e castelán. Eu son o depositario. Sindo, ademais, pintaba e non o facía nada mal.

Pasou o tempo. Eu publiquei e el non, aínda que nunca deixou de escribir. Os dous vivimos na Coruña e, ás veces, vémonos. Sempre pensei que había en nós unha raia da vida mal trazada, que de non poder saír os dous, el merecía publicar máis ca min. O outro día deume unha alegría. Na Escola de Idiomas, onde estuda francés, pedíronlles escribir un texto. El fixo seis poemas en galego e francés, seis haikus que mereceron felicitación e recoñecemento. Pedinllos e mandoumos. Velaí van.

<<SIX HAIKUS>>

 (pseudonyme: Gaspard Lanuit)

 Les paroles, les larves,
papillons de désirs:
labyrinthes vides.

***

Névrose et verre:
Un flot de mort soudain
ronge les portiques.

***

La douleur, un jeu d’ombres:
tourbillon et insomnie,
calme et lucioles.

***

Une tour sous la pluie
dans la promenade d’émaux.
Murmures des morts.

***

La bruine: la lune
encore pendue au viaduc
cache les empreints.

***

Nos cendres sacrées:
wagons réduits en miettes,
ardoises sur la mer.

<<SEIS HAIKUS>>

(orixinal en galego)

 (Autor: SINDO – Gumersindo Álvarez Reza)

 Verbas ou larvas,
bolboretas de anceios:
Encrucilladas.

***

Neurose e vidro:
o manancial da morte
roe nos pórticos.

***

Xogo de sombras:
remuíños e insomnio,
calma e vagalumes.

***

Torre entre a chuvia:
polo paseo de esmaltes
voces dos mortos.

***

Orballo: a lúa
colgada do viaduto
borra as pegadas.

***

Cinzas sagradas:
vagóns esnaquizados,
lousas no mar.