PORTAVENTOSA: TERRA E CEO EN CARNOTA

Portaventosa vainos deixando experiencias, a relación con xente que vén e que pasa, os acertos e os erros que darán co tempo unha programación de actividades atractiva e estable. Tamén nos deixa imaxes como esta da Moa, en día de excursión con grupo. As imaxes tres imaxes desta entrada foron tomadas por Jaime Martínez, o astrofísico que nos conta o ceo polas noites.

Autosave-File vom d-lab2/3 der AgfaPhoto GmbH

Sorprendeume Jaime. Non só le o ceo e sitúa cada galaxia, cada constelación e cada estrela, senón que sabe os nomes de cada astro, a súa etimoloxía, se a orixe é grega ou árabe, o mito ou lenda que alenta detrás de cada un. É ademais fotógrafo que traballa con cámara analóxica e que, nas imaxes nocturnas, xoga coa exposición longa para conseguir efectos como os destas dúas fotografías que se veñen a continuación. A primeira, dende as dunas de Cancelo, en Mar de Lira, con Caldebarcos e o Pindo diante.

Autosave-File vom d-lab2/3 der AgfaPhoto GmbH

Esta está tomada no miradoiro da estrada que descende dende as Paxareiras. O día estivo cuberto dunha borraxeira moi pegada á terra, de xeito que ascendendo 50 metros, estaba o ceo despexado, o sol pola tarde e logo, pola noite, a lúa chea. Este foi o grupo que participou na segunda convocatoria de Carnota: Terra, ceo e mar. A imaxe foi tomada á unha da madrugada, detras de nós o litoral cuberto pola néboa e o monte do Bico do Santo que asoma como un illote nun mar de brancura.

Autosave-File vom d-lab2/3 der AgfaPhoto GmbH

Descubrín con Jaime, entre outras cousas, que a Osa Maior é algo máis cas sete estrelas que coñecemos como o carro. Sempre me preguntara, en realidade, cal era a razón pola que lle puxeran ese nome a sete estrelas que máis semellan unha tixola que unha osa. Non sabía desta outra imaxe máis complexa, na que a tixola ou carro inclúe a parte da parte traseira do lombo e a cola, pero na que si vemos o animal que xustifica o nome.

osa-mayor

ALBERGUE DE PORTAVENTOSA

Dende o mes de agosto, o noso fillo Daniel rexenta o albergue de Paus, parroquia de Lira, en Carnota. O seu proxecto ten como eixo principal convocar xente arredor das actividades que ten previsto desenvolver: obradoiros, encontros, actividades lúdicas e deportivas, rutas e visitas guiadas.

Portaventosa 2

O albergue está situado nun enclave extraordinario, aberto a unha paisaxe que conxuga: Fisterra, Monte Pindo e areal de Carnota. Só hai que lamentar os cables dos tendidos eléctrico e telefónico. As instalacións contan con aula, cafetería-comedor, unha fantástica terraza, amais dos seis cuartos, cada un con dúas liteiras de dúas camas.

Portaventosa 3

Para a fin de semana do 12 de outubro convoca esta actividade que axudo a divulgar dende aquí, agradecendo que se alguén o considera, tamén a faga circular. Agardamos por vós, por se calquera día queredes pasar por alí.

Portaventosa 1