A VACA DE FISTERRA

Hai algúns anos, en Lira, un día de borraxeira mesta, decateime de que non se escoitaba o son característico que sempre percorría o mar, en situacións meteorolóxicas semellantes. Non soaba a vaca de Fisterra, a vaca ou as vacas, que eran dúas as instaladas en 1889. En principio pensei que se trataba dun fallo mecánico e que axiña o repararían. Logo, Alexandre Nerium, tras me explicar que os altofalantes eran de pel, contaríame que decidiran non restauralos. Agora, Xosé Iglesias dime que implantaron un sistema de control e aviso tecnoloxicamente avanzado, que cumpre a función que antes executaba o sinal sonoro.

Vacas-de-FisterraPero creo que a Vaca de Fisterra era algo máis ca un sinal marítimo para días de néboa e borraxeira. As xentes da contorna, vintecinco millas cara o norte e cara o sur, aprenderon a convivir con el e puxéronlle nome. Incorporouse á literatura e á tradición oral e pasou a formar parte do patrimonio inmaterial, o máis sensible dos patrimonios, o que está en situación de perigo maior de desaparición xa que, ao cabo, trátase dunha realidade invisible, non tanxible, neste mundo no que todo necesita o certificado de existencia modelo Santo Tomás. O meu poema Borraxeira, incluído en Mar de Lira, empeza así: Berro de alén mar/ así e o bruar da luz da fin da terra/ cando a constancia da brétema absorve o espertar do día… Pero hai textos de Marilar Aleixandre e de Miro Villar, que lembre agora.

Desaparece unha cántiga, un refrán, un topónimo e non nos preocupa, sen nos decatar de que iso que perdemos é o verdadeiro ADN dunha colectividade, xunto coa lingua, que tamén é patrimonio inmaterial.

Dende hai tempo veño alertando sobre a necesidade de reclamar que as Vacas braden de novo. Agora atopei en Xosé Iglesias, poeta e mariñeiro de todos os mares, un compañeiro que pensa coma min. El, ademais, xa elaborou material reivindicativo, neste vídeo poema que aquí deixo e que é ben fermoso.

Iremos dando novas das iniciativas que desenvolveremos neste novo movemento que ben podería ter por nome. QUE MEDRE O MAR E QUE BRADE A VACA.