MANUEL MARÍA/ 2

Por se alguén non o viu na hora de emisión, deixo aquí o enlace a este documental, colaboración entre a TVG e a Casa Museo Manuel María.

A voz de Saleta Goy lembrando a vida, as fotografías, as películas e vídeos, os versos na súa voz, a fermosas imaxes das súas paisaxes amadas, conforman un magnífico documento que nos aproxima á vida e obra de Manuel.

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/manuel-maria-paixon-de-palabra-e-terra

 

AS FÁBULAS DE FERNANDO PÉREZ BARREIRO

Hai tempo que non escribo de Fernando Pérez Barreiro, quen ten categoría propia neste blog. Chégame agora a información de que na biblioteca da Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, hai un exemplar dun libro del, publicado en 1954, con título e subtítulo: Ducia e pique de fábulas (Atiriño pra un fabulario gallego), ilustrado polo pintor e escritor de San Sadurniño José Leyra Domínguez.

Fábulas Fernando

As fábulas foron escritas durante o ano de repouso e convalecencia que Fernando debeu pasar en Ferrol, como consecuencia dunha tuberculose pulmonar, tempo no que segundo nos conta nas súas memorias recollidas en Amada liberdade, aproveitou para ler moito e falar algo máis da conta co seu pai, en particular sobre socialismo e galeguismo. Moitas noites sen sono pasou eses días, nas que lle deu por lembrar a Esopo, matinando na posibilidade e escribir un fabulario galego. Trece fábulas compoñen este atiriño: O Morcego; A Curuxa; O Sapo; O Burro; O Grilo; O Merlo; Os Empeños; Os Lostregos; A Cigoña; O Can, o Lobo y-o Oso; O Corvo, O trato do Raposo e As Pulgas. 

Aquí vai a primeira, sobre o morcego:

O morcego tén as as,
e o morcego non é páxaro;
d’o rato tén o carís,
e o morcego non é rato.
¡Abofellas que o mourán
é semellante a un demacho,
esbatuxando nas as
n’as noites limpas d’orballo
tras das bruxas de San Xohán
que andan soltas o meigallo!
Abre un ollo o paxariño
que, xa no niño deitado,
sinte pasar o morcego
que a trasmán anda voando,
e escondendo a chola, di:
“¡Xus, que isto non é páxaro!”
Y-o rato asoma o fuciño
e mira po-lo burato,
e cheo de medo di:
“¡Xus, que isto non é rato!”
E así tamén d’algúns homes
fuxen os que son honrados.
“¡Xus, que isto non é carne!
¡Xus, que tampouco é pescado!
¡Xus, que se vai cos da feira,
e volve cos do mercado!”