EN TRASALBA, FALANDO DO ESTILO

O sábado chegamos a Trasalba cedo, antes das nove dun día que non semellaba primavera. Chuvia e frío. Subimos pola costenta estrada que ascende dende Santa Cruz. A Asociación Galega de Saúde Mental convocara na casa de Ramón Otero Pedrayo a XXI edición das Xornadas de Trasalba, para falar de estilo e/ou identidade.

Otero 1

Eu ía emocionado. Había anos que non me achegaba a este lugar tan querido e noutro tempo tan visitado, cando acudía cada fin de semana a pasear a contorna co meu amigo Antonio. El, daquela, vivía boa parte do tempo na casa dos pais, moi preto da de Don Ramón. Entrei na casa grande. Volvín a ver os cuartos, a biblioteca, os retratos, o salón co mapa de Fontán, tan importante na novela Arredor de si, un deses libros que agora, cando miro cara atrás, considero determinante na miña vida, porque el obrou en min un proceso semellante ao que vive Adrián Solobio, o protagonista da historia.

O mapa de Fontán a través do Espello

O mapa de Fontán a través do Espello

Outra emoción era atoparme, tantos anos despois, con Olga Novo, que tamén participaba na xornada convocada este ano arredor do Estilo. Connosco Antón Casais, Moncho Campos, Xosé Manuel García, María Antonia de Miguel, Xaime Subiela e Manuel Sánchez Salorio. Eu tiña detrás unha fiestra na que non reparei ben cando sentei na mesa, pero logo do descanso, xa entre o público e situado xusto diante, comprobei que era unha marabillosa xanela aberta á natureza. Unha parella de paporroibos foron presenza constante, tamén unha meixengra, pardais, e merlos, outra emoción.

Con Olga Novo, Antón Casais e Moncho Campos, na primeira das mesas. Ía frío

Con Olga Novo, Antón Casais e Moncho Campos, na primeira das mesas. Ía frío

Gustáronme todas as comunicacións, tamén a charla de Salorio. Pero Olga emocionoume de maneira particular, non só polo que dixo, como se referiu á súa relación coa terra, senón porque leu un poema dedicado a seu pai, enfermo da mesma enfermidade que vai apagando a miña nai. Falei con ela diso, da necesidade de escribir sobre a enfermidade e recoñecín que tamén eu deixaba fluír os versos dese ciclo de poemas que a teñan a ela por único centro.

Rodeando os Chaos de Amoeiro, os outeiros de Pena Corneira e a Serra da Martiñá, á que Otero, que tamén era poeta, dedicou este poema:

A SERRA DA MARTIÑÁ

Serra da Martiñá, baruda serra,
esquiva nai da nordesía ouveante,
miras pasar os signos sobre a terra
eterna e simpre com’o mar bruante.
Gardas  na túa conciencia misteriosa
a lembranza de estrelas esquencidas,
i a túa penedía bretemosa.
Ve nascer i morrer as nosas vidas
com’os lustrigos que na noite moura
fan os foliós na escura lonxanía,
cando o bido do sol túa cume doura,
cando dos vellos pinos a harmonía
se axiganta nas noites de luar.
Serra da Martiñá, na túa outura
está o xenio dos ventos a cantar
coa lira eterna da túa pedra dura.

GALICIA STYLE

Deixo aquí a información sobre esta xornada de debate que terá lugar no Pazo de Trasalba o vindeiro 28 de maio, sábado, organizada pola Asociación Galega de Saúde Mental.

O certo é que non reparara no interese que ten discernir entre identidade e estilo ata que Antón Casais me convidou a participar. Eu falarei da fraseoloxía como expresión de estilo.

http://www.agsm-aen.org/xornadas.php?t=3

PROGRAMA

“A-discreción”.
Antón Casais.
(Psiquiatra, psicanalista).

“Galegos en Venezuela: 1950-1980. Adaptación e choque de percepcións”.
Moncho Campos.
(Profesor de Historia da Universidade de Vigo).

“A nena e o infinito canto do tubérculo”.
Olga Novo.
(Poeta, profesora IES).

“A fraseoloxía como expresión de estilo”.
Francisco Fernández Naval (Chisco).
(Novelista e poeta).

“A identidade galega como creba: unha proposta estilística”.
Xosé Manuel García. (Licenciado en Dereito).

“Fronteira interior: ¿ónde remata Galiza por dentro de nós? Unha aproximación dende a práctica da poesía”.
Ana Cibeira.
(Poeta).

“A paixón de Concepción Arenal. ¿Un torrente ou abismo?”
María Antonia de Miguel. (Psicanalista).

“A indiferencia coma feito diferencial galego”.
Xaime Subiela
(Politólogo).

“Cambio de papeis na función social do médico. Reflexións sobre unha peripecia”.
Profesor Manuel Sánchez Salorio (Médico oftalmólogo, humanista) presentado por Santiago Lamas.