NEIRA VILAS e CHAO REGO

Foi esta pasada unha dura fin de semana para aqueles que andamos arredor da literatura galega. A perda sucesiva de Pepe Neira Vilas e Pepe Chao Rego, deixounos dobremente orfos.

Coñecinos e trateinos, máis a Neira Vilas que a Chao Rego. Si axudei, sendo vocal da xunta directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a organizar a celebración dos actos de homenaxe a Pepe Chao, en Vilalba, co gallo de serlle outorgada a letra E de escritor, aínda que, daquela, o principal do traballo correspondeulle a Yolanda Castaño.

DCIM100MEDIA

DCIM100MEDIA

Con Neira Vilas a relación quizais se iniciou forzada, xa que cando máis intimei con el e con Anisia foi no tempo que traballei para a Consellería de Cultura nos días do bipartito. Porén, foi el quen deu un paso adiante, paso xeneroso que sempre lle agradecín, porque cando saíu publicado o primeiro libro sobre nós e Julio Cortázar publicado por Linteo: Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar, interesoulle moito. Chamoume e escribiume en varias ocasións, ofrecéndome a memoria que tiña de Julio Cortázar, tanto dos días de Bos Aires, como dos de Cuba. Por el souben que Cortázar asistira a unha conferencia de Francisco Luis Bernárdez sobre Rosalía no Centro Galego, acompañando a Aurora Bernárdez.

Resulta curioso que do tempo de Cortázar en Cuba tamén me falou Ramón Chao, irmán de Pepe Chao, porque coincidiu con el en 1969, nunha viaxe a Cuba, embarcados nun avión ruso Tupolev, ambos convidados pola Revolución a celebrar o seu décimo aniversario. Esa historia cóntase no libro: O soño galego de Julio Cortázar, tamén publicado por Linteo.

DCIM100MEDIA

DCIM100MEDIA

Non sei cando foi a última vez que estiven con Chao Rego, saudeino algunhas veces polas rúas de Compostela hai xa bastantes anos. Del gardo lembranza de varias lecturas, entre elas o revelador Prisciliano, profeta contra o poder, que non sei se é posible atopar hoxe, porque A Nosa Terra, a editorial que o publicou xa non existe, e, tamén, O demo meridiano-lembranzas dun transgresor-, que editado por Xerais supoño que segue estando vivo nas librarías. Con Neira coincidín en agosto, na feira do libro da Coruña. Dese día son estas fotos que Pepe Carballude propuxo que fixeramos e que hoxe lle agradezo, xa que foron iniciativa súa. Conmóveme o agarimo a a tenrura con que sostén, nesta, a man de Neira.

AURORA E CORTÁZAR EN COMPOSTELA

O pasado domingo cumpriuse o primeiro cabodano do pasamento de Aurora Bernárdez. Para lembrala, El País publicou no suplemento cultural Babelia un fermoso texto que recolle a visita que ela e Julio Cortázar fixeron a Compostela, en 1956. A min contárame esa historia verbalmente, en París, cando nos coñecimos e así a recollo nos libros que escribín sobre a relación de Cortázar con Galicia. Pero a narración oral nada ten que ver con este texto fermosísimo, cheo de agudeza, de frescura, de intelixencia. Canto máis sei dela, máis admiración me causa. Haberá xente que xa o leu, pero aquí queda, tamén como homenaxe e mostra de cariño.

http://cultura.elpais.com/cultura/2015/11/06/babelia/1446825280_612641.html

Santiago de Compostela

Nesta imaxe que pertence ao arquivo fotográfico Julio Cortázar-Aurora Bernárdez, depositado no CGAI e que publiquei con autorización dela no libro O soño galego de Julio Cortázar, vemos a Aurora na entrada das Platerías, da que fala no texto. Non sabemos se é antes de acceder ou na saída do templo, tampouco se ese home que se ve detrás é o Ulrico M. do que escribe e do que me falou a min. A foto foi tomada por Julio Cortázar.

CAIXA DE ZAPATOS AMARELA

Mariano Acosta 1Poco a poco habíamos ido avanzando por corredores y escaleras hasta hacernos una idea de la enorme caja de zapatos amarilla. Así se refire Cortázar á escola Mariano Acosta. Escola anormal (así lle dicían por amolar e por outras razóns máis sólidas). Eles levaban alí seis anos e medio de xugo, catro para se recibir de mestres e case tres para o profesorado en letras, aguantando materias tan incribles como Sistema Nervioso, Dietética e Literatura Española, esta última aínda máis incrible, porque no terceiro trimestre non saíran, nin sairían, do Conde Lucanor.

Desta vez, visitei a escola. Situada na esquina Urquiza e Moreno, segue sendo a caixa de zapatos amarela que definiu Cortázar no relato LaMariano Acosta 6 escuela de noche.  

Era sábado pola mañá. Non había aulas, pero si actividades extraordinarias. O ordenanza de quenda e o persoal de limpeza amosouse solícito comigo, abrindo portas e fiestras e orientando a visita. Non puideron abrirme o pequeno museo porque é o responsable quen ten a chave. Percorrendo os corredores, entrando nas aulas, fun lembrando o relato, a historia de Nito e Toto e os porteiros galegos, aos que dediquei varios parágrafos no libro O soño galego de Julio Cortázar:

Nito e Toto deciden vivir a aventura de visitar pola noite a escola na que estudan. Elixen a noite dun sábado, máis que nada porque, se algo non lles sae ben e quedan pechados, terían aínda por diante un día enteiro para atopar unha saída. Os porteiros galegos non viven na escola, porén… Nito e Toto entran no edificio, percorren os corredores e nun deles tentean a porta dunha aula (por supuesto, los gallegos porteros no la habían cerrado con llave). Cando chegan ao laboratorio observan que: Ése sí los gallegos lo habían cerrado con llave, como si alguien pudiera venir a robarse las probetas rajadas y el microscopio del tiempo de Galileo.

Mariano Acosta 4

Dende o segundo corredor, Nito e Toto observan unha luz que provén do corredor oposto onde está a secretaría, a sala de profesores e o despacho de Rengo, o director, do que sabemos que era misóxino, severo e con rostro de paxaro embalsamado. «Esperá, a lo mejor se les quedó prendida a los gallegos» advirte Toto, que é tamén o narrador. Por el sabemos que: El olor a pis de las letrinas contiguas había sido siempre más fuerte que los esfuerzos combinados de los gallegos y la acaronía.

Mariano Acosta 3Ao cabo, e como sen querer, atópanse na sala de profesores, onde os obriga a entrar o galego Manolo, que non durmía na escola pero si estaba nela esa noite. Isto é o que Nito e Toto descobren na sala: El gallego Fernando se ocupaba del bar, casi todo el mundo tenía vasos en las manos, ahora venía un tango por la orquesta de Lomuto, se armaban parejas, los muchachos sobrantes se ponían a bailar entre ellos, y no me sorprendió demasiado que Nito me agarrara de la cintura y me empujara hacia el medio.

Manolo e Fernando vixían e atenden, son conscientes de que teñen un papel secundario pero importante, son leais e sábense valorados. Con acenos de puta caprichosa, Rengo pediralle a Fernando unha copiña non demasiado forte. Será tamén Fernando quen o sosteña cando entre na sala cos ollos vendados, disposto a xogar á pita cega.

Toto descobre que polas noites a escola se transforma en centro de formación de torturadores, lugar no que se practica o castigo e a humillación, no que se aprende o decálogo que deben coñecer e practicar os salvadores de patrias, sempre dispostos a actuar na súa defensa, a matar incluso, con tal de manter o principio de obediencia debida: «Del orden emana la fuerza, y de la fuerza emana el orden», proclama o primeiro mandamento, que ten un corolario: «Obedece para mandar, y manda para obedecer».Mariano Acosta 5

O traballo de porteiro tamén supón riscos e, ás veces, resulta doloroso. Manolo, que intenta evitar a fuga de Toto e que no camiño do xardín agarda por el cos brazos abertos como para lle impedir o paso, recibirá unha topada no estómago ou un couce na barriga, que iso non o pode precisar Toto ao día seguinte mentres lembra o acontecido e agarda desacougado que pase o domingo e chegue o luns, día no que verá de novo a Nito e no que enfrontará, como cada semana, a actividade normal da escola de día.

Para Aurora este relato é o mellor de cantos se escribiron sobre as ditaduras militares e os seus efectos.

Mariano Acosta 2Toda a escola lembra a Cortázar. O porteiro, non galego, ábreme a porta do xardín e con orgullo amósame a Rayuela, o mural e a praza que leva o nome do escritor. Aquí estudou para mestre e aquí coñeceu a Eduardo Jonquières, o pintor e escritor amigo, a quen escribe dando conta da súa impresión de Galicia, na primeira viaxe de 1956.

BOS AIRES OBRADOIRO LITERARIO

Nesta ocasión a Bos Aires levoume participar no XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). Como actividades complementarias ao mesmo, unha previa e outra posterior, programouse a conferencia O soño galego de Julio Cortázar e un obradoiro de escrita en serán de xoves. As dúas cousas sucederon no edificio da Federación de Asociacións Galegas, na rúa Chacabuco, a primeira no salón Arturo Cuadrado, a segunda na Biblioteca Galega.

Como presidenta da AIEG ata o pasado día 8, Débora Campos foi a cabeza visible da organización do congreso. Na presidencia sucedeuna Carmen Mejía Ruiz, profesora titular de Filoloxía Románica da Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid. Ela e o seu equipo organizarán o XII congreso en Madrid no ano 2018.

O obradoiro foi algo case íntimo, aínda que contamos con público que se sumou sen estar inscrito e sen ánimo de traballar, pero si de escoitar. Participaron nel: Patricia Alonso, María Dolores Ferreiro, Mirta Gosende Faraldo, Claudia Amigo, Malores Villanueva, Cecilia Pastore, Claudia López Barros, María Rosa Iglesias López e Débora Campos.

Con Patricia en San Telmo

Patricia e eu coincidimos nun equívoco e presentámonos alí con hora e media de anticipación. Tivemos tempo de falar e de tomar algo no bar El Federal, no corazón de San Telmo. Nel é a primeira das fotos, tomada por un camareiro. Patricia é irmá de Rodolfo Alonso, poeta galego arxentino, a quen quero moito.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Non sei se as participantes no obradoiro aprenderon algo de min. A sensación que sempre teño é que son eu quen máis partido saca destas cousas. A min paréceme que teño pouco que dar, pero que sigo recibindo moito no intercambio de experiencias. O outro día eu percibín, unha vez máis, a importancia das raíces e do vínculo afectivo cunha referencia mitificada pero certa, que é o país de procedencia dos pais e dos avós. Puiden lembrar, tamén a frescura das propostas das escritoras que se inician; o esforzo de quen se bate coa primeira novela; tomar consciencia das dificultades que propón ou que supón a lingua. Tamén tiven ocasión de descubrir os relatos de Claudia López Barros. Xa coñecía os de María Rosa Iglesias.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Como práctica final, construimos un cadáver exquisito, non ao xeito dos surrealistas, xa que fomos procurando un poema con sentido, pero por orde e sabendo o que precedía ao verso proposto por cada quen. Todas fixeron a súa proposta, a partir de dous versos que propuxen eu. A min dáme a sensación, que non é nova, de que todo Bos Aires é un obradoiro literario. O cadáver abaneou entre a saudade e o tango, este é o resultado:

RODAR DA LÚA

Cidade aletargada
brillar de lastros no rodar da lúa
baixo o teu corazón o meu silenzo
que creba co afastado son do barco ausente.
Saudade feita brétema que nos devolve
o tango non bailado aquela noite.
Cidade estremecida, o roce dos corpos que latexan
e ti Bos Aires que mesturas
paixón, ardor, alento dos heroes
perdidos na alborada.

(A Malores debémoslle as dúas fotos do obradoiro, coa particularidade de que ela está na segunda, sentada a carón meu).

PREMIO ÁNXEL CASAL

Onte, en Pontevedra, no Pazo da Cultura, entregáronse os premios da edición que, co nome de Ánxel Casal, outorgan cada ano, dende hai dez, os editores galegos integrados en Asociación Galega de Editores. Emocionoume recibir un premio que leva o nome do editor galego por excelencia, vítima da represión fascista do ano 36, pero creo que algunha das categorías debería levar o nome de María Miramontes, porque sen ela non sei se a editorial Nós tería chegado onde chegou.

Dando as grazas polo premio que lles dediquei a Aurora Bernárdez e a Francisco Porrúa.

Dando as grazas polo premio que lles dediquei a Aurora Bernárdez e a Francisco Porrúa.

Porque un dos premios, o da categoría de non ficción, foi para O SOÑO GALEGO DE JULIO CORTÁZAR, publicado por Linteo.

Intervención de Manuel Ramos, de Linteo. Logo do autor, o editor, que para el, realmente, era o premio.

Intervención de Manuel Ramos, de Linteo. Logo do autor, o editor, que para el, realmente, era o premio.

Dende aquí quero deixar constancia do meu agradecemento ao xurado e, tamén, dar fe dese momento especial que compartín alí con moita xente querida. Outras alegrías da noite foron a aperta na que me fundín con Agustín Fernández Paz ou os piropos divertidos que intercambiei con María Lado. María, con Lucía Aldao, amenizaron e presentaron o acto, intelixentes e simpáticas, coma sempre. Onte deixei pechada a súa contratación para o Encontro de Embarcacións Tradicionais 2015, que terá lugar no mes de xullo en Cabo da Cruz e do que xa vou facendo propaganda.

Unha parte dos premiado, autoridades e editores, que eramos moitos.

Unha parte dos premiados, autoridades e editores, na foto non entramos todos, porque eramos moitos.

As imaxes son de Maribel Longueira.

Esta é a lista de premiados, penso que non falta ninguén:

Premio especial a unha vida editorial, Galinova
Mellor libro de ficción, A viaxe de Gagarin, Agustín Fernández Paz, Xerais
Poesía e teatro, Estrela do norte, Luís Rei Núñez, Kalandraka
Libro ilustrado, Leviatán, Ramón Trigo, Kalandraka
Tradución, As floriñas de San Francisco, Darío Xohán Cabana, Edicións Alvarellos
Infantil e xuvenil, Escarlatina a cociñeira difunta, Ledicia Costas, Xerais
Divulgación, As mulleres galegas, Pepe Carreiro, Baía Edicións
Autora do ano, María Reimóndez
Iniciativa editorial, Colección Rescate, Edicións Alvarellos
Premio especial ás bibliotecas escolares.

CON CORTÁZAR EN PONTEVEDRA

PO, con Juan de la ColinaOnte estiven con Juan de la Colina no museo de Pontevedra. El co seu documental cortAZARgalicia, e eu co libro publicado pola editorial Linteo: O soño galego de Julio Cortázar. Xuntos, Juan e máis eu, ofrecemos un produto patrocinado pola Secretaría Xeral de Cultura, que ten a Cortázar e a Aurora Bernárdez, como referencias.

Antes do inicio do acto, paseando as rúas coa miña amiga Malores, preguntábame se Aurora e el estarían alí, en Pontevedra, nas viaxes a Galicia dos anos 1956 e 1957.

Pouco sabemos do que fixeron cando andiveron por aquí. Viñeron en tren, con dificultades para se desprazar. Da viaxe primeira sabemos que estiveron en Santiago de Compostela, onde chegarían procedentes de Salamanca, e que tomaron un tren en Vigo para marchar. Que aconteceu polo medio?. Eu pregunteille a Aurora se Cortázar estivo con ela en Lago, a parroquia de Maside de onde era orixinaria a familia dela, onde foi acristianada, malia nacer en Bos Aires, e onde pasou os primeiro anos da infancia. Aurora respondeume que non.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Eu non creo que parasen en Redondela e en Ourense, aínda que Julio fala deses dous lugares na carta que escribe a Eduardo Jonquiéres. Penso que os cita porque os ve dende o tren, de paso, pero esa é a miña opinión, discutible.

Na segunda viaxe paran en Lourido, Nigrán, ao sur de Vigo. Supoño queOLYMPUS DIGITAL CAMERA irían a Bayona, que subirían ao Monte Ferro, que pasearían pola Ramallosa. Creo que foron a Vigo en tranvía, non só para tomar o tren do regreso, senón algunha vez máis. Aurora contoume que unha impresión que Cortázar tiña era que en Galicia había moi poucas librarías e esa impresión penso que non estaba limitada a unha soa cidade. Pero non sei se chegarían a Pontevedra. Cortázar, nunha carta previa a Jean Bernabé, anuncia a intención de vir e de visitar as cidades e as rías. Que cidades? Que rías? Non llo preguntei así, expresamente, a Aurora, e xa o lamento, así que deberei esperar para sabelo, por se entre os seus papeis aparece algún diario de entón, un caderno con anotacións, calquera cousa que nos dea algo máis de luz arredor disto. Dende logo, as cartas que coñecemos desta segunda viaxe, escritas todas dende Lourido, nada nos desvelan ao respecto.

A primeira imaxe, na que estou con Juan de la Colina,  foi tomada por Antón Sobral. As outras dúas por Malores Villanueva. Na segunda vese un retrato de Cortázar barbado, feito por Luís Seoane, moitos anos antes de que Cortázar tivese barba de seu.

FRANCISCO PORRÚA (I)

PACO PORRUAOnte, sobre as 21,00 horas, mentres presentabamos o documental de Juan de la Colina Cortazar Galicia e o meu libro O soño galego de Julio Cortázar, mentres falabamos del, falecía Francisco Porrúa, o editor.

Entre hoxe e mañá, para aqueles que non o coñezan, quero publicar, en homenaxe, o capítulo que, co seu nome, figura no libro, irá en dúas entregas, que é longo, agora a primeira:

PACO PORRÚA
Galego sen saudade, segundo a súa propia expresión, a vivencia de Galicia de Francisco Porrúa sitúase entre a memoria da infancia, cando aprendeu o valor da amizade, da liberdade e a convivencia cunha natureza humanizada e amable, e un soño que se repite obsesivamente nos últimos tempos: vese a si mesmo no interior dun autobús que descende sen chófer unha rúa de Corcubión e, cando chega á praza, antes de colisionar, el esperta e exclama: Que curta foi a viaxe!, e insiste no carácter amable dese soño.
Francisco José Joaquín Jesús Porrúa Fernández naceu en Corcubión, concello da provincia da Coruña, en 1922. Coñecer agora, sequera en parte, a súa árbore xenealóxica, axudaranos máis adiante, cando nos fale do seu traballo de tradutor e a súa relación co libro, cos libros. Fillo de Francisco Porrúa Figueroa, natural de Corcubión, e de Carmen Fernández y González de Lema, nacida en Laxe, eran seus avós paternos Manuel Porrúa Valdivielso e Cándida Figueroa Domenech, sendo os maternos Jesús Fernández Abelenda e Florinda González de Lema y Calo.
Con ano e medio marcha á Arxentina. Regresa a Galicia en 1932 e vive tres anos de adolescencia en Ferrol, onde o avó exercía de notario, pasando os veráns en Corcubión e algúns períodos máis curtos en Oza dos Ríos. Ao cabo, emigra de novo, indo a vivir a Comodoro Rivadavia, ata que rematados os estudos secundarios, o pai formula a alternativa de buscar un traballo ou estudar bacharelato en Buenos Aires. A opción elixida é a de continuar os estudos e prepararse para a vida universitaria na capital. En Buenos Aires estuda e traballa en cuestións de imprenta, traducindo e corrixindo artigos para enciclopedias.
Na Patagonia, aínda que eu tiña un campo de xogos que podería dicirse que era inmenso, un outeiro sobre o que estaba a casa e que miraba o mar, era unha vida moi restrinxida coa natureza, porque os invernos eran duros, había ventos case continuos, ventos do oeste que son ventos de area. Corcubión, daquela, era una especie de campo de xogos no que eu tiña unha relación co tempo, co tempo que tiñan as cousas. Porque os nenos da miña idade andaban sempre, ou case sempre, buscando tesouros dos tempos das guerras napoleónicas. Sentíame moi cómodo porque estaba ao coidado do meu pai, pero sen o meu pai, sempre ao coidado de mulleres, unha visión case freudiana. É dicir, as irmás do meu pai e as irmás da miña nai eran as que coidaban de min. Hai outro lugar que lembro con moito cariño, un lugar un pouco alto e nós viviamos detrás da estación de ferrocarril. Ese lugar chamábase Oza dos Ríos. Alí foi a novidade da vida do bosque. Era a primeira vez que vivía nun bosque. Pasara polos bosques de Río de Xaneiro e Brasil e vira algúns bosques en Ferrol e A Graña, moi fermosos. En Oza dos Ríos, durante o tempo en que vivín alí, entendíame coas cousas da natureza, máis que coa natureza, co verde. Tamén a sociedade, os amigos, as amigas, todo isto era para mín… na Patagonia eu tiña un amigo, que era o fillo da señora que lavaba a roupa da casa e nos vendía ovos. Pero en Corcubión estaba rodeado de xente…
É sábado de finais de setembro e anúnciase o outono en Barcelona. Dende a terraza do seu apartamento, diante do parque da Ciudadela, vense as cúpulas dos edificios tinxidos dun intenso vermello crepuscular. O té quente fai máis cálida a hora. Empoleirados no aire, entre pombas, non podemos evitar o balbordo da rúa que ás veces vence a voz de Francisco Porrúa na gravación.
Editor, fundador en 1955 da editorial Minotauro que, segundo Luís Seoane, ofrecía nos seus catálogos algúns dos autores máis inmensamente minoritarios do mundo, iníciase coa publicación de Crónicas marcianas de Ray Bradbury, con limiar de Jorge Luis Borges. Logo propoñerá a Cortázar a publicación das Historias de Cronopios y de Famas. Pero o seu traballo de editor compleméntase co que desenvolve, durante máis de vinte anos, na editorial Sudamericana, sendo responsable da edición de Las armas Secretas; Todos los fuegos el fuego; Los premios; Rayuela; Buenos Aires, Buenos Aires; 62. Modelo para armar; Libro de Manuel, títulos todos de Julio Cortázar ou de Cien años de soledad de Gabriel García Márquez, pero non de Octaedro, libro de Julio no que xa non intervén.
—Creo que Octaedro é unha edición censurada polos mesmos editores, por Sudamericana de entón.
A edición de que dispoñemos agora, ¿tamén está censurada?
—Creo que non, que á edición española restituíronselle os contos que a censura quixo suprimir.
Cen, así de redondo é o número de cartas que lle escribe Julio Cortázar e que aparecen recollidas nos tres tomos da correspondencia publicada por Aurora. Cen cartas que definen unha relación que trascende a normal entre autor e editor, cen cartas que explican moitas das circunstancias que rodean a obra de Cortázar, pero que tamén son expresión dunha firme e fonda amizade. Considera que sempre tivo o hábito ou a fatalidade de ter amigos no outro lado do océano. Cando estaba na Arxentina, Julio, que era o seu amigo, estaba en París. Cando chegou a España, en 1977, deixou dous queridos amigos na Arxentina, agora ten moi bos amigos en Estados Unidos.
—Iso si mo tomaba moi en serio, como se ve nas cartas de Julio a min, establecéndose unha amizade que comportaba obrigas, pero obrigas tácitas. O escritor, Julio neste caso, sabe que eu farei todo o posible por imprimir ben o libro e eu sei que Julio está facilitándome un material que a mín me resulta interesante, válido e importante. Aí non hai aparentemente cousas sentimentais, pero hai a emoción da amizade, iso é evidente. E hai unha carta de Julio que a min sorprendeume cando a lin de novo, logo de moitos anos, que é esa carta na que el fala de agradecemento…
—Hai varias: «unha amizade que é para min coma unha presenza incesante»
—Unha bonita carta
—«… xemelgos que se ignoran, a suma de coincidencias e correspondencias, máis ou menos máxicas que hai entre nós é para deixalo frío a Cagliosto…»
Ben, o que eu che digo e que tal vez non tes anotado, é unha na que el fala do agradecemento que lle gustaría transmitir e comunicarme a min, e di que iso é difícil entre homes, que é preciso o escenario dunha confitería, dun café, pero logo di esta frase, logo de advertir que esas cousas non se din: «pero todas estas cosas que no se han dicho, están dichas para siempre». É mesurado e ó tempo mostra unha grande paixón. En Julio nunca verás un individuo que se tira dos pelos, é unha persoa que reacciona aparentemente con mesura, pero que é capaz de vivir unha grande paixón.
Ó pouco tempo de entrar a traballar en Sudamericana, Julio envía o orixinal de Las armas secretas. Paco Porrúa ten repetido en moitas entrevistas que nos almacéns da editorial estaban case todos os exemplares de Bestiario sen vender, pero insiste que non hai escritores completamente descoñecidos.
—Nalgúns lugares, nunha librería onde se reunían os surrealistas da cidade, dicíase que había un escritor descoñecido que se chamaba Julio Cortázar, que editara un libro moi bo en Sudamericana. Eu falei cos propietarios e recibín a aquiescencia de parte deles, ó lles dicir que conviña editar Las armas secretas. Mandeille unha carta a Julio e aí empezou a nosa relación.

Tamén deixo a carta que me escribiu cando lle enviei o orixinal mecanografado.

Carta Porrúa

CINE ALAMEDA, BELINDA E OUTRAS PELÍCULAS

sono galegoOnte, arredor da presentación do libro O soño galego de Julio Cortázar, publicado por Linteo, no Museo de Belas Artes da Coruña, sucederon cousas. A máis importante, sen dúbida, o colapso que viviu a cidade pola manifestación dos traballadores de Alcoa. Pola manifestación en si, tampouco. A cidade foi tomada pola policía, como se agardasen unha batalla campal. Iso dificultou aínda máis o tráfico, transformando o centro e península da cidade nun lugar sen acceso e sen saída e atrasando a público e a Secretario Xeral de Cultura.

A manifestación remataba á beira do Museo, onde están as instalacións da Rede Eléctrica Española, xa que o problema de Alcoa, din os empresarios que propoñen o peche, é o custo da enerxía. Dende aquí quero expresar o meu apoio aos traballadores e a miña solidariedade. Non puiden estar con eles en ningunha das dúas manifestacións convocadas, xa que o pasado venres, durante a primeira, eu presentaba a homenaxe a Miguel González Garcés, e onte… onte presentaba o libro.

A programación de onte estaba concevida como unha homenaxe a Julio Cortázar. Nela estaba programaa a miña presentación e, tamén, a estrea dun documental: Cortázar Galicia, de Juan de la Colina. Cando agardabamos para empezar, un fotógrafo pediunos posar, porque dado o atraso, non podía agardar para facer a foto na mesa. Foi el quen me dixo que había anos, xa me retratara con máis escritores, no Carballiño, na cabina do cine Alameda, á beira da máquina de proxección. O fotógrafo é Moncho Fuentes e aquela foto foi feita o día da presentación doutro libro, Narradores de cine, co que Xerais conmemoraba o centenario do cine en Galicia. Eran as Xornadas de cine do Carballiño do ano 1996. Pedinlla e mandouma. De esquerda a dereita (o burro diante…) estamos: eu, Moncho Caride, Camilo Franco, Xerardo Méndez e José Antonio García Rodríguez.

cinealameda_002

Naquel libro eu incluín o relato Belinda. Cando me chamou Camilo para pedirme unha historia sobre cine, pensei en facelle unha homenaxe a meu pai, logo de 46 anos traballando arredor del, case todos no Xesteira, pero tamén no Iago e no Losada. Pensaba eu en xogar cun cine e unha película e que el entrase dalgún xeito no guión. Pregunteille cal fora a película que máis lle gustara dos centos ou miles que programara ao longo da vida. El díxome: Ben-Hur! Eu non vía ao meu pai no circo romano, organizando a carreira de cuádrigas, aínda que si lle din algunha volta á idea. Insistín, buscando outra oportunidade, e el comentou que unha película que lembraba moitas veces, porque o impresionara, era Belinda.

belindaDirixida por Jean Negulesco en 1948, o filme é adaptación da obra de teatro de Elmer Harris. A protagonista, Hane Wyman, recibiu o Óscar daquel ano pola súa interpretación. A historia da rapaza muda violada, permitiume xogar con espacios queridos: Magarelos de Allariz e co cine Xesteira, introducindo na historia a meu pai e a un falanxista desnortado e vagamundo. Gustou moito da historia Miguel Castelo, quen chegou a escribir un guión para unha curtametraxe de media hora, pero non conseguiu financiamento, e iso que fomos falar con Baltar pai. Este relato incorporouse logo ao libro Historias roubadas, publicado por Everest, e non é a única de cine que alí hai.

Si, sucederon cousas na presentación de onte. Algunhas, curiosas, contareinas nos vindeiros días. Outras non foron tan agradables. Ao remate, un grupo de mulleres pasaba por diante da mesa onde o libreiro vendía os libros e comentaban: el libro puede ser interesante, pero está en gallego. Si estuviese en español lo compraría, pero en gallego que lo compre él. Supoño que eu era él. Así está a cousa.

O documental de Juan de la Colina é moi evocador. Xoga coas imaxes das viaxes de Aurora e Cortázar a Galicia e cos lugares onde estiveron e por onde pasaron. Os fundidos das fotografías sobre a paisaxe urbana ou rural actual están moi ben. O remate é suxerente, surrealista, dixo Pepe Mondelo no coloquio, coa imaxe dun can, que fai de extra e agasalla momentos magníficos, mentres soan as campás dun templo.

RAMÓN PARADA JUSTEL (II)

Mañá presento no Museo de Belas Artes da Coruña o libro O soño galego de Julio Cortázar, publicado pola editorial Linteo e do que xa din conta nunha entrada anterior. Esta será a primeira presentación, aínda dentro do ano Cortázar, as seguintes virán en xaneiro.

Parada Justel. Coruña

Teño preparada unha presentación con imaxes e hoxe pola tarde, quedei con Manuel Mosquera para probar se todo funcionaba correctamente, dende o punto de vista técnico. Cando cheguei, dixéronme que el avisara do posible atraso duns minutos. Aproveitei e subín á sala 5, do terceiro andar, que alberga a pintura galega do século XIX. Sabía que por alí tiñan que estar os cadros de Ovidio Murguía Castro e de Jenaro Carrera Fernández, membros con Ramón Parada Justel e Xaquín Vaamonde Cornide, da Xerazón Doente. Efectivamente, os cadros están alí. O que non sabía é que tiñan tamén en depósito, cedidas polo Museo Arqueolóxico de Ourense, dúas obras de Parada Justel, tituladas: O tempo, aplicación e emulación A Maja.

Maja Parada Justel

O primeiro é difícil de apreciar e necesita unha restauración urxente. Deixo aquí imaxe dos dous, como complemento da exposición que estes días pode verse en Ourense e da entrada de onte.

P.D. curiosa. Leo o último libro de Fernando Alonso Romero, San Mamed, origen precristiano y significado del culto, publicado por Andavira Editora. Nel, Fernando conta que Conde Valvís descubriu na ermida do Santo, na serra que leva o seu nome, unha lauda visigoda e cita: “pero se la llevó la familia Parada Justel, propietaria del terreno; posteriormente se perdió y se ignora el paradero”.

UNHA CARTA DE AURORA BERNÁRDEZ

Para a exposición sobre Julio Cortázar que a Consellería de Cultura inaugurará para decembro, dentro do marco deste ano de centenario e celebración cortazariano, pedíronme algún material singular do que me foi dado durante o tempo de investigación e escritura de Respirar polo idioma. Onte buscando no escuro fondo do armario onde, en expresión familiar gardo “todo Cortázar”, atopei o que me pedían: un exemplar orixinal do número de Cabalgata no que Seoane e Lorenzo Varela lle publican Lejana, diario de Alina Reyes; unha carta orixinal que Cortázar escribe a Antonio Pérez Prado e que este quixo que conservase eu; pero tamén exhumei outros tesouros, en particular: a correspondencia con Aurora, con Francisco Porrúa ou con Antonio Pérez Prado. Quixera ir compartindo algunhas das cousas fermosas que estes me agasallaron nas súas cartas. Empezo hoxe por Aurora.

A relación con Aurora Bernárdez afirmouse e medrou a través de conversacións telefónicas, ata a viaxe a París, que fixen coa miña nai. Ela nunca estivera alá e facíalle ilusión, así que convideina a vir. Alá fomos os dous en coche, un día de outubro de 2004, acudindo a unha cita moi literaria con Aurora, que conto na introdución dos dous libros: Respirar polo idioma e O soño galego de Julio Cortázar. A amizade con ela afirmouse logo na correspondencia, onde Aurora foi orientando algunhas das cousas que eu non era quen de me explicar correctamente, en relación con ela e con Cortázar, ou das que non atopaba información precisa na investigación na que me mergullei para escribir o libro, os libros. Finalmente, antes de enviar a versión, presuntamente definitiva, de Respirar polo idioma á editorial Linteo, imprimín e encadernei dúas copias do arquivo informático, unha para Aurora e outra para Paco Porrúa. Esta é a resposta de Aurora, que quero compartir hoxe, porque sendo carta breve, representa moi ben como era.

Carta AuroraAurora gustaba das camelias, supoño que tamén das rosas, porque nunha tarxeta que me enviou representa unha rosa, en interpretación do artista belga Paul Cauchie, para quen a rosa era símbolo da alma, do corazón e do amor. Pero tamén as camelias eran do gusto dela. Noutra carta dime que ten unha na fiestra, polo que pode imaxinar as que eu lle describo da casa familiar de Dacón, en Maside, e das que lle mando unha fotografía; a casa onde vivía a súa madriña, tamén Aurora, a muller que xogaba á baralla cos homes e da que sempre gardou unha lembranza singular. Esta camelia, en tempo de outono, é para ela.

camelia