ITO FORMOSO E O MONTE LOURO

ITO MONTE LOURONo ano 2004 falecía o entón alcalde de Muros, Celestino Formoso Vidal, Ito, amigo entrañable a quen me unía unha fonda relación. Militaba no PSdG-PSOE e repetía como alcalde por segunda vez. As nosas diferenzas ideolóxicas non impedían a amizade. Falabamos e discutiamos moito. Na miña opinión Ito era alcalde próximo á xente, soñador de cousas infrecuentes, como rehabilitar todas as fontes e lavadoiros de Muros ou explicar a paisaxe dende os versos. No mes de decembro daquel ano 2004, rendémoslle homenaxe, cun acto de lembranza e coa colocación deste monolito no Monte Louro, un dos lugares máis amados por el. Soñaba Ito con deixarlle ás novas xeracións no mesmo estado no que el o recibiu e gozou dende neno.

O Monte Louro é un espazo propicio ao verso. Luis Rei escribiu:

Monte Louro pelado.
A lagoa dos patos
e a parella lanzando
unha botella ó mar.

Por Ito souben de Agustín González López, franciscano e poeta, que tamén escribiu sobre este territorio:

Penedos da beiramar!
E a Area Maior, no meido,
como un espello a brillar…

Del son os versos que poden ler, sobre unha rocha, os visitantes do petróglifo A laxe das Rodas: … Na alta Eiroa, na eira doutras eras,/ laxa solar, libro da lúa, aberto./ Calendario dos mundos, almanaque/ remoto do universo…

Versos de Celso Emilio Ferreiro, de quen tanto gustaba, están escritos no monolito. Son do poema Tempo de chorar, do libro Longa noite de pedra: … hei navegar periplos, descubertas/ por tempos que han de vir cheos de escumas,/ por onde o día nasce,/ alí onde xermola o mundo novo…

Non é por onde o día nasce, pero acaso si cara o mundo novo, Ito respira o mar que amaba, no que pescaba, o mar no que sempre procuraba acougo, ollando cara Corrubedo dende a Punta da Carreira, uns pasos por riba do faro.

ITO MAR

 

OUTRA VEZ NO POZO NEGRO

O domingo volvín con Fernando Alonso Romero ao Pozo Negro, ese lugar situado río Vadebois arriba, na confluencia entre a canle principal que descende dende o alto do Monte Pindo cun regato que baixa dende a zona situada por debaixo dos viraventos.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/03/16/cadoiro-do-xallas/

Segundo o Diccionario dos seres míticos galegos, o Pozo Peago, Piago, Pozo do Inferno, Boca do Inferno, Pozo Mouro, Pego Negro e demais nomes, son pozos negros, fondos, perigosos que hai nos ríos e nas lagoas. Son entradas dos Inferno, que o demo usa como trampa, para facer caer nelas a todo o que se aproxime, ata á mesmísima Virxe María. Pero xa sabemos que o demo perde sempre.Pozo Negro 3

Será porque sabemos iso, que a Fernando e a min nos dá por nos bañar nel, ou neles, sempre que imos, porque agora temos debate sobre cal pode ser o que buscamos e que tan claro aparece sinalado na cartografía dende mediados do pasado século. Tamén nos bañamos este domingo.

Pozo Negro 2

Eu pensaba que o noso Pozo sería aquel da canle de pedra, que xa descubriramos na visita anterior e que vimos de novo agora, con menos auga, o que nos permitiu observar como continúa a canle entre a vexetación e, tamén, a sección interrompida caída no fondo do pozo, tal e como creo que se aprecia nas fotografías. Fernando pensa que o Pozo é o de algo máis arriba, xunto a unha pequena fervenza, pero agora considera que debemos indagar moito máis, que pode haber outras confluencias con pozos de máis fondura. Por aquí agatuñamos xa unha vez cando eramos novos. Hoxe preguntábame se aínda tería dentro de min azos e enerxía xuvenil para repetir aquela aventura de hai vinte ano. Díxenlle que si.

Pozo Negro 1

El recolleu tradición oral nos anos setenta. Dime que a lenda que escoitou sobre o Pozo Negro, contoulla un montañeiro de Vigo chamado Constancio Veiga González e di así: No Pozo Negro hai unha señora que a través dun túnel nos leva ata o mar. Breve, pero Fernando non dubida na interpretación, pois considera que a “señora” é unha moura. Moura e túnel é lenda que se repite nos castros. No caso dos Profundos do Monte Louro, o túnel tamén comunica co mar. Trataríase dunha comunicación co Máis Alá onde nos conduce unha corrente fluvial. Neste caso, como no do Monte Louro, a lenda é máis interesante, pois o destino marítimo do túnel indica unha dirección cara a afastada illa do Paraíso, das crenzas celtas atlánticas.

O autor das imaxes é el, Fernando, o meu amigo de tantas exploracións.