TOURIÑÁN

Dende que me iniciei na paixón que é a observación de aves, vivín moitos momentos marabillosos en relación con elas, unhas veces con amigas e amigos cos que compartín emocións e descubertas; outras só. Lembro aquel mediodía no que vin voar sobre a marisma de Carnota unha cegoña negra; cando viaxamos a Doñana para observar o morito (mazarico mouro en galego); o día que presenciei na lagoa das Xarfas a loita entre unha cobra e unha garza real; a xornada de pesca dun martiño peixeiro, que tiven ocasión de presenciar no río Grande, algo máis abaixo de Ponte do Porto; navegar rodeados de milleiros de frailecillos en Islandia, ou aquela vez, facendo só o Camiño de Compostela dende o Cebreiro, un mes de febreiro, no que non podía deixar de axexar o merlo acuático e os seus xogos no río Oribio. Tamén foi fermosa a mañá na que vin, dende a punta do Ancoradoiro, a viaxe de miles de mascatos cara o norte, momento que recollín neste artigo de hai máis de dous anos:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2013/02/18/a-migracion-dos-mascatos-2/

Touriñan 1

Onte o día amenceu con chuvia e vento. Eran os restos do Joaquín, temporal caribeño que cruzou o Atlántico e bateu contra nós nesta ponte de outubro. Pola mañá camiñei o litoral e vin bastantes paxaros, obrigados a se achegar á costa para evitar a fatiga do mar duro. Ao mediodía vivimos unha tregua. Pensei que non estaría mal achegarnos a Touriñán. Maribel aceptou e para aló saímos ás 16,30. Choveunos polo camiño, pero alí a tarde calmou. Sen vento e sen chuvia, puidemos pasear e sentármonos nunha pedra a ver o horizonte e fotografar o alento do mar.

Touriñán 4

Maribel di que foi un momento feliz. Tamén eu o sentín así, entre outras cousas, pola alegría da observación de aves. Os mascatos voaban cara o sur diante de nós. Supoño que polo temporal non mantiñan as liñas e a formación que eu observara outras veces, viñan esfiañados, en grupos de tres, de seis, pero maiormente, sós, adultos e novos, collendo o seo das ondas para manobrar mellor. Iso si, o paso era continuado e sempre cara o sur. En hora e media contei máis de seiscentos. Supoño que estaban en paso estacional, dende as illas de Escocia e Irlanda onde crían, ata ás illas e cantís do litoral do centro de África. Tamén puidemos ver medio cento de negróns, en formación perfecta, na mesma dirección cos mascatos, e dúas pardelas.

Touriñán 2

Non sei quen profanou un espazo tan marabilloso como Touriñán botando o escombro ou “ghasto”, como lle din aquí, debaixo do faro. Sei que son cousas deste país que habitamos, pero creo que o concello de Muxía debería limpar o cantil.

Touriñán 3

Touriñán é un espazo único e que conmove. Tamén o son Fisterra e Vilán, pero hai algo en Touriñán que o humaniza, acaso a menor altura e agresividade ou a evocación dun fiorde das terras do norte, que nos produce a parte interior do tombo. Alí non puiden deixar de pensar como sería agora, se o goberno da Xunta presidida por Touriño chega a ceder ás presións de Pescanova, para facer aquela piscifactoría que, trasladada a Mira, en Portugal, aínda hoxe non resulta rendible. Lembrei tamén as ameazas de Manuel Fernández de Sousa, hoxe imputado por defraudación na xestión da empresa, a quen lembro como persoa prepotente e antipática, nalgunhas reunións nas que coincidín con el cando traballei en Pesca.

Touriñán 5

Touriñán é hoxe espazo vivo. Non sei se é o lugar máis occidental da Europa continental, pero, se non é o primeiro, será o segundo. Andan a reivindicar a súa posta do sol, e está ben, que esas cousas convocan a viaxeiros de todo o mundo. Onte, no tempo que estivemos alí, visitaron o espazo centos de persoas. Si, Touriñán é patrimonio da comunidade

(Non critiquedes moito as fotos. Son miñas, tomadas co móbil)

TARDE DE MASCATOS EN LIRA

Hoxe, logo do mediodía, cesou a chuvia e puidemos gozar dunhas raiolas de sol. Belén, Maribel e eu, aproveitamos para pasear pola beiramar, dende Porto Ancho ata o Ximprón. O ceo e a tarde era dos paxaros, en particular dos mascatos, adultos e novos, erguéndose ata unha altura considerable e deixándose caer en picado sobre as ondas. Co sol brillaban, destacándose contra as nubes que aínda cubrían o Monte do Pindo. Un deses espectáculos fermosos e sen custo, agasallo da natureza.

Antes de Porto Balea, nun pequeno coído, atopamos un mascato que non podía voar. Maribel achegóuselle moito para fotografalo e el deixouna facer. Dela é a primeira imaxe Logo achegueime eu, por ver se podía determinar o que lle sucedía e, se me deixaba, recollelo para tentar levalo a un centro de recuperación. O resultado vese nesta segunda fotografía tomada por Belén.

Logo dese intento, deixámolo en paz. Deixámolo ou deixámola, que Maribel fala dela ou del en feminino.

Pareceume que tiña danada unha á e quizais  non sobreviva a ese mal. Pero xa estes días chamoume a atención a cantidade de mascatos mortos que atopei en praias e coídos, en especial en Ardileiro (7), pero tamén en Porto das Cabras (3), Samuralla (1) e Cabalar (1). Todos eran novos, agás un. A diferenza entre adultos e inmaturos, como sucede coas gaivotas, está na plumaxe, parda nos novos, que tardan un par de anos en adquirir as cores que caracterizan a especie. Pensei que durante a emigración de outono, serían vítimas dalgún dos temporais que castigaron o litoral durante as últimas semanas, e que castigaría de maneira particular aos máis inexpertos e máis débiles, pero iso é unha hipótese. Haberá que estar atentos, nas vindeiras semanas.