O OURO DO TEMPO

Falei varias veces neste sitio da última película de Xavier Bermúdez, O ouro do tempo, producida por Xamalú Films. En realidade daba información sobre as alegrías que a súa participación en festivais nos ía proporcionando, pero onte fun ao cine e asistín á estrea e agora podo falar con fundamento.

O ouro do tempoA min gústame o cine de Xavier. Dicía onte Manolo Cortés que o meu non ten mérito, que son fan e ourensán, coma el, pero é verdade que as súas películas, unhas máis ca outras, son do meu gusto. Quizais a que máis me gustou foi León e Olvido, pero tamén aquela primeira Luz negra. Non vin en condicións Rafael e Nena, gustándome, paréceme moi superada polas outras. Todo isto ata onte. Porque logo de ver onte O ouro do tempo debo admitir que esta é a película que inicia o período de madurez de Xavier.

Vina tendo á beira a Eva Veiga e detrás a Chuqui e a Tacho Puga. Por Tacho coñecín eu a Xavier. Con Eva comparto moitos criterios sobre o traballo creador. Os catro coincidiamos ao final na nosa apreciación da película e en varios argumentos de valoración, aspectos a destacar do filme, entre outros: a contención narrativa, ese non ceder ao obvio, limpar o guión e a montaxe de elementos superfluos. A capacidade Xavier para filmar o sutil das relacións humanas, para captar en imaxe o que resulta inaprensible e que, normalmente, é material poético. O valor do tempo nesta nova película, e en relación con isto, eu comentaba con Xavier que seguramente era a máis “Ericiana” (por Víctor Erice, claro) das súas obras, sabendo, como sei, da relación de amizade que manteñen os dous. Formidable, tamén, a dirección de actores, valorando esa querencia de Xavier de repetir cos mesmos intérpretes, chamando de novo a Manolo Cortés (Rafael), Nerea Barros (Nena) e Marta Larralde (León e Olvido) e decidíndose por Ernesto Chao para o papel principal, o que enriquece a película cunha formidable interpretación, ao tempo que agasallou a Xavier cun novo amigo. O humor, esa retranca que lembra a Buñuel (outra das referencias de Xavier), algo irreverente e anárquico, que sen quebrar os fíos sutís, provoca o sorriso e fai levedar a historia. Unha certa inclinación por ser voyeur de Xavier, moi na liña de Nobokov, que é outro dos seus alicerces.

Imaxe O ouro do tempo

Cando falabamos estes días da película, Xavier dicíame que era para xente que gustaba ver medrar a herba. Pero non é tanto así, porque a película, lembrando o tratamento que Erice fixo do tempo en El sol de membrillo, non perde de vista o argumento e a historia que trata de contar. Magnífica ese comentario do protagonista (Ernesto Chao), nun momento no que xoga ao xadrez co seu fillo (Manolo Cortés) e di: Que partida tan violenta! e que a min me parece un resumo da película.

Paréceme apreciar, tamén, a man de Manane Rodríguez, compañeira de vida e profesión de Xavier, coautora da montaxe, sufridora das dificultades e partícipe das ilusións e das alegrías desta e das restantes películas de Xavier, como el o é das dela.

Con todo o anterior só quero convidar a ir ao cine e ver O sol do tempo. Acudide, se podedes.

O OURO DO TEMPO, UNHA ALEGRÍA

Chega agora mesmo a boa nova de que a película “O ouro do tempo”, de Xavier Bermúdez, producida por Xamalú Filmes co apoio de AGADIC e a participación de TVG recibiu a noite do pasado sábado d28 de xuño, en Varna, Bulgaria, o Premio Especial do Festival and Congress Centre Varna, Love is Folly. Xa noutra entrada deste blog falamos desta película, ofrecendo o tráiler comercial:

O OURO DO TEMPO DE XAVIER BERMÚDEZ

Xavier recibindo o premio

Xavier recibindo o premio

No mes de xullo “O ouro do tempo” participará no festival de Cine de Amor de Santiago de Chile, e en outubro formará parte dunha retrospectiva dedicada a Xavier Bermúdez no Festival Internacional REGIOFUN de Katowice, Polonia. Quen  puidera asistir con el a esa retrospectiva e ver de novo: Luz negra, Nena, León y Olvido (a película máis premiada do cine galego), Rafael ou esta O ouro do tempo, que aínda non tivemos ocasión de gozar, pero que sabemos será estreada en cines comerciais o mes de xullo que empeza mañá.

Para nós e para este blog, esta nova é unha satisfacción e motivo de orgullo. Grazas Xavier, grazas Manane.

AGUSTÍN GARCÍA CALVO SEGUE A DICIR NON

O día 1 deste mes foi o primeiro cabodano do pasamento do escritor Agustín García Calvo (Zamora 1926 – 2012). O meu amigo Xavier Bermúdez envíame este texto, quizais o último ou un dos últimos que escribiu García Calvo e que circulou estes días pola rede, supoño que conmemorando a data con esta lembranza del:

“No me queda por hoy más que recordaros, contra la general creencia, que no está demostrado que se muera uno del todo y por siempre, y que acaso, sólo acaso, mi muerte no sea completa. Así como el hablar con los muertos, sobre todo con los antiguos, como mi oficio de filólogo y el deleite que en ello encuentro me han acostumbrado, los ha de algún modo resucitado a ellos y rescatado a mí de este sin vivir cotidiano, así ese pueblo desconocido y sin fin, como el Universo mismo cuya infinitud indómita, aunque ya se las apañarán para intentar domesticarla, los propios científicos del momento no han podido por menos de reconocer estos días, será el artífice de mi resurrección.

Una resurrección que no será la de la Persona de Agustín García Calvo, no, ese no.

Resucitaré en cambio simplemente yo, el que ahora os habla por escrito, y que habita en las carnes de aquel.

Y resucitaré cada vez que alguien me traiga a la vida de recobrar mis palabras y de seguir diciendo NO.

Y esa duda de mi muerte me trae al menos alivio para esta pena de habitar entre los vivosmuertos en el entretanto. “

E eu non podo deixar de sentir consolo e alborozo ao saber que el, que xa conversara cos mortos e polo tanto sabía cal era o ámbito mestizo de isoglosas, entre este mundo e o outro, segue comunicándose connosco e dicindo ese NON contra todo o ruín e perverso que nos acontece. Xavier e Manane Rodríguez foron, e seguen sendo, moi amigos de Isabelita e de Agustín. Velaí os catro, anos atrás, nesta imaxe:

Agustín con Isabel, Xavier e Manane

Agustín con Isabel, Xavier e Manane

Neste sitio http://bauldetrompetillas.creacicle.com/ pódense escoitar as conversas que Agustín e Xavier mantiveron nos días nos que Xavier presentaba en Radio 3 o seu programa sobre Pensamento, ao que Agustín acudía cada semana, alá polo ano 1988. Resulta exemplar ese conversar intelixente que se abre aos oíntes, que chaman e interveñen en directo.

Pedinlle permiso a Xavier para contar aquí que el, cada mañá, dende hai anos, dedica un tempo a recitar poemas de Agustín, procurando que o dicir, a cadencia, o son, a música, respondan á idea creadora do autor, afeito a levar a cesura máis alá do final do verso, normalmente encabalgando a última palabra dun como primeira do seguinte. Xavier dáme permiso para facer públicos os seus exercicios mentais de mañá, coa condición de que amose a imaxe dunha das pizarras de Agustín, cun dos seus esquemas, así que aí vai:

Non é doado recitar en alto o verso de Agustín, ata que se lle escoita dicir a el. Daquela un decátase da naturalidade coa que flúe, velaí este exemplo, no que podemos observar como recita un dos seus poemas emblemáticos, La cara del que sabe, tan de actualidade aínda hoxe, case 40 despois, poema que formaba parte do libro Canciones y soliloquios, publicado en 1976 pola editorial La Gaya Ciencia e do que Amancio Prada faría disco, co mesmo título, en 1983.

Aínda que eu souben de Agustín, a través da súa obra dramática da que me falaba Manolo Vidal, en particular das Farsas tráxicas, nos días nos que dedicaba parte do meu tempo ao mundo teatral, alá polos finais dos setenta e principios dos oitenta, non é ata este libro de Canciones y soliloquios que o descubro e incorporo a ese fardel de libros e autores que nos acompañan ao longo da vida.

Autores, libros e cancións. En 1982 Agustín, Amancio Prada e Chicho Sánchez Ferlosio ofrecen un coloquio-concerto-recital no antigo teatro Español, arredor das cancións e soliloquios do libro. Del son os vídeos, o anterior e este, no que os tres interpretan unha canción que eu incorporei a esa memoria que nos fai ser o que somos, dende que a escoitei por primeira vez:

Agustín García Calvo foi e segue sendo, referencia de pensamento libre, nun país no que pensamento e liberdade proen. Autor dunha obra tan ampla coma o propio pensamento, obra que axuda a interpretar o mundo a través de liñas distintas, pero sempre converxentes, de coñecemento (filosofía, teatro, lingüística, gramática, lóxica…) tradutor excepcional, recibiu tres premios Nacionais: de ensaio en 1990, de literatura dramática en 1999 e a toda a súa obra como tradutor en 2006. Sempre na vangarda dos movementos e reivindicacións sociais, foi unha das voces dos movementos civís que xurdiron nos últimos anos en España, velaí a razón e o sentido dese NON que segue a proclamar dende ese non lugar no que está, e que nos convida a pronunciar con el.

MARÍA INÉS CUADRADO E A SÚA ESCOLA DE PALABRAS

Por vocación e paixón María Inés Cuadrado é, fundamentalmente, actriz. Foi ela quen escolleu un texto meu Non se che faga tarde, para levar a escena. Ese monólogo, que ten por protagonista a Olga, unha muller que é quen de inventar o amor, dirixido por Manane Rodríguez, foi representado moitas veces, aquí e no outro lado do Atlántico, tanto en Bos Aries coma en Montevideo. A compañía de María Inés tiña e ten un nome ben significativo: A xente das palabras.

A posta en escena máis recente foi esa colección de voces e rexistros cos que interpretaba a Opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes  A Berenguela, seguindo o texto de Manuel Maria, con música de Nani Garcia, ao que pertence este vídeo.

Agora que as cousas se poñen difíciles, que a profesión teatral e a cultura en xeral atravesan unha situación precaria á que nunca pensamos regresar, María Inés, como boa porteña, é quen de se reinventar, de lle plantar cara á situación, de manter o vínculo co que sempre foi seu oficio: a interpretación e a palabra. Non é doado montar un espectáculo e atopar escenarios, pero si é posible transmitir os coñecementos que un atesoura, transmitir o esencial do dominio e uso do corpo e da voz, coñecemento dun mesmo por medio de técnicas interpretativas que poder ser útiles a calquera, falemos de executivos que debe falar en público, de profesorado, de guías de turismo, oficiantes relixiosos, líderes políticos…

 

Pero ademais, ela descubriu no seu propio corpo o valor terapéutico e curador da palabra e da música. Música e poesía, fornecemento do noso interior para mellor enfrontar as situacións difíciles que nos presenta a vida.

Eses son os eixos da súa nova e última iniciativa: Artes escénicas para o desenvolvemento persoal. Dende aquí, eu ofrézome como colaborador e aprendiz nese proxecto ao que de corazón desexo sorte.

Como a imaxe vai cativa, engado a información por se alguén está interesado: www.micuadrado.com

Contactos en: 699288861 ou micuadrado@yahoo.es

MANON MOREAU

Manon Moreau

Manon Moreau

Hai poucas semanas, esta vez con Gabor, o seu home, estivo visitándonos Manon Moreua, xornalista e escritora francesa que sente Galicia como terra propia, unha necesidade que, cada pouco tempo, a fai regresar para encher os ollos e o corazón do recendo, a  luz e o aire deste país que descubriu como por azar e do que xa non pode prescindir.

Chegou aquí hai anos, ao fío dunha investigación xornalística sobre exhumación de vítimas do franquismo. Viviu intensamente a exhumación da fosa da Fonsagrada, onde enterraran ao comandante Moreno e algúns dos seus homes, asasinados na aldea do Acevo. Unha imaxe que conserva e que acode a ela de maneira recorrente, é a das mans pechadas dos milicianos, xa que a memoria popular conta que no momento de morrer quentábanas con castañas asadas.

Sobre estes feitos escribiu unha obra de teatro Où vas-tu Pedro? no que recolle parte do romance que conta o asasinato polos falanxistas da Fonsagrada, dos homes do batallón Galicia que regresaban á casa logo de caer Asturias. Sobre estes feitos trata tamén o documental Memorias rotas de Manane Rodríguez.

A obra de Manon foi representada en París con grande éxito. Eu traballei unha tradución e os dous soñamos que, algún día, podamos vela representada aquí.

A súa primeira novela Le vestibule des causes perdues, tamén toma como Galicia como referencia. Nela cóntase a historia dun grupo de personaxes que, por diversas razóns, emprenden o camiño de peregrinación a Compostela, chegando ata Fisterra. País de montañas e de mel, titúlase o capítulo no que os peregrinos chegan aquí, lembrando a narración do Códice Calixtino. Así empeza:

L’odeur de la Galice, feux de branchages, châtaignes à venir, et déjà, les premices de l’air marin. Dans leurs jardins cernés de pierres, des femmes en noir veillent la terre à l’ombre des châtaigniers. L’ombre si particulière des châtaigniers, abri des créatures. Le bruissement des châtaigniers. Sentinelles des chemins, ils les bercent de couleurs hors saison. Ici on croise des fantômes aus fontaines, ici les forêts ne sont à personne. On enjambe les ponts de pierre de villages éteints, ce matin un renard nous a coupé la route. Les montagnes sentent le thym. 

que traducido libremente podería dar algo así: O olor de Galicia, lampos de ramaxes, castañas que veñen, e xa, a primicia do aire mariño. Nas súas hortas cercadas de pedra, mulleres de negro velan a terra ao amparo dos castiñeiros. A sombra tan particular dos castiñeiros, o refuxio das criaturas. O balbordo dos castiñeiros. Sentinelas dos caminos, arrólanos de cores fóra de tempada. Aquí un cruz fantasmas nas súas fontes, aquí os bosques non pertencen a ninguén. Salvamos as pontes de pedra de pobos esquecidos, esta mañá un raposo cortounos o camiño. As montañas recenden a tomiño.

Le vestibule des causes perdues

Manon navegou o Mar de Lira e connosco visitou o ano pasado o illote do Areoso na Arousa, esa Avalón galega,  illa dos mortos, concentración de dolmens, se cadra, tamén ela, illa da felicidade e da eterna xuventude como aquela que albergou ao rei Arturo.

Agora Manon vén de publicar o seu último libro, un conxunto de relatos reunidos baixo o fermoso título de Suzanne aux yeux noirs, que será obrigada e pracenteira lectura deste verán.

Suzanne aux yeux noirs

Coñecina na Fonsagrada, o día do enterro dos restos exhumados de Moreno e dos outros doce milicianos. Presentounos a amiga común Carmen García Rodeja. Penso que lle gustará que esta entrada finalice co romance que tanto a impresionou, en boca de Severina Murias.

O OURO DO TEMPO DE XAVIER BERMÚDEZ

Quero compartir con todos os que pasan por aquí, esta boa nova, a selección, na sección oficial do festival Internacional de cine de Karlovy Vary, da última película, de Xavier Bermúdez, O ouro do tempo. Esta é a información de axencia:

Praga, 4 jun (EFE).- El drama intimista “O ouro do tempo” (El oro del tiempo), del director gallego Xavier Sánchez Bermúdez, será el único representante de cine español e hispano que opte al Globo de Cristal en el festival internacional de cine de Karlovy Vary.

El prestigioso festival centroeuropeo, que celebra su 48 edición, tendrá lugar en la ciudad balneario del 28 de junio al 6 de julio.

El nuevo trabajo de Sánchez Bermúdez narra cómo un acomodado médico rural (interpretado por Ernesto Chao) mantiene encendida la pasión por su mujer (Marta Larralde), que murió muy joven y cuyo cadáver conserva en una nevera de su casa a la espera de que los adelantos de la ciencia le devuelvan la vida.

Sánchez Bermúdez regresa a Karlovy Vary, donde en 2004 obtuvo dos Globos de Cristal, uno a la mejor dirección y otro a la mejor actuación femenina, precisamente a cargo de Marta Larralde, en la película “León y Olvido”, un trabajo sobre la integración de los enfermos de síndrome de Down.

Este o trailer:
http://vimeo.com/67634059

Noraboa a Xamalú Films, a Manane Rodríguez, a Xavier e a todos os que compartiron con eles este novo proxecto. A ver se a podemos ver axiña.