ITO FORMOSO E O MONTE LOURO

ITO MONTE LOURONo ano 2004 falecía o entón alcalde de Muros, Celestino Formoso Vidal, Ito, amigo entrañable a quen me unía unha fonda relación. Militaba no PSdG-PSOE e repetía como alcalde por segunda vez. As nosas diferenzas ideolóxicas non impedían a amizade. Falabamos e discutiamos moito. Na miña opinión Ito era alcalde próximo á xente, soñador de cousas infrecuentes, como rehabilitar todas as fontes e lavadoiros de Muros ou explicar a paisaxe dende os versos. No mes de decembro daquel ano 2004, rendémoslle homenaxe, cun acto de lembranza e coa colocación deste monolito no Monte Louro, un dos lugares máis amados por el. Soñaba Ito con deixarlle ás novas xeracións no mesmo estado no que el o recibiu e gozou dende neno.

O Monte Louro é un espazo propicio ao verso. Luis Rei escribiu:

Monte Louro pelado.
A lagoa dos patos
e a parella lanzando
unha botella ó mar.

Por Ito souben de Agustín González López, franciscano e poeta, que tamén escribiu sobre este territorio:

Penedos da beiramar!
E a Area Maior, no meido,
como un espello a brillar…

Del son os versos que poden ler, sobre unha rocha, os visitantes do petróglifo A laxe das Rodas: … Na alta Eiroa, na eira doutras eras,/ laxa solar, libro da lúa, aberto./ Calendario dos mundos, almanaque/ remoto do universo…

Versos de Celso Emilio Ferreiro, de quen tanto gustaba, están escritos no monolito. Son do poema Tempo de chorar, do libro Longa noite de pedra: … hei navegar periplos, descubertas/ por tempos que han de vir cheos de escumas,/ por onde o día nasce,/ alí onde xermola o mundo novo…

Non é por onde o día nasce, pero acaso si cara o mundo novo, Ito respira o mar que amaba, no que pescaba, o mar no que sempre procuraba acougo, ollando cara Corrubedo dende a Punta da Carreira, uns pasos por riba do faro.

ITO MAR

 

MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO: ONDE NUNCA É MAÑÁ

[Polo interese que sen dúbida terá para os seus lectores, publicamos aquí a intervención de Manuel Álvarez Torneiro na presentación do libro Onde nunca é mañá (Colección Tambo de poesía, Kalandraka), acto celebrado no local Portas Ártabras, dos Amigos dos Museos de Galicia, o día 6 de xuño de 2014].

 

Manuel Álvarez Torneiro. Fotografía de Maribel Longueira

Manuel Álvarez Torneiro. Fotografía de Maribel Longueira

Onde nunca é mañá é un libro que naceu un pouco acomplexado quizais polo fulgor que acompañou ao inmediatamente anterior, tan próximo no tempo. Refírome a Os ángulos da brasa, libro acaparador de premios, abusón, cargante, excesivo, pouco menos que insultante e merecedor tamén (todo hai que dicilo) de comentarios máis ou menos públicos e non sempre favorables: diana para os dardos da envexa ou do silencio da fría impotencia ou indiferenza de certas persoas próximas, supostamente informadas que van de entendidos pola vida, que escriben de poesía e pontifican segundo e como…

Pero ao final un sempre acaba confortado na calor dos amigos, incondicionais de toda a vida. Son poucos pero dunha extraordinaria calidade. Digo algúns nomes porque é de xustiza: nomes de persoas que non podo desvincular do meu labor creativo, porque dalgunha maneira están presentes nel: Teresa, Concha, Lola, Fina, Eva, Carmen, Pilar… mulleres-estímulo, mulleres-solidariedade, mulleres-forza e tenrura, mulleres evocadas nas alturas do agradecemento: irmás, amigas, compañeiras… sen esquecer a un verdadeiro grupo de bos e xenerosos de lei que estiveron e foron cando había que estar e ser e aínda seguen estando e sendo. Non necesito máis. Grazas a todos.

Volvo ao libro. Onde nunca é mañá é un libro en boa parte debedor do anterior e todos eles debedores da memoria do tempo vivido, da biografía dos anos… Eu habito na casa da memoria: unha propiedade con moitas estancias, tristes a maioría, sen luz, de aire enfermizo, de derrota. Nada semellante a un fogar de xílgaros e lirios. Alí traballo con destino dubidoso, temeroso, humano e sinxelamente home, ergueito na utopía, derrotado unha e mil veces e nunca afeito ao barro da caída. Volve este libro a insistir nos asuntos do corazón (non sei doutros para alimentar o poema). Volven as brasas cos seus ángulos, as doazóns do incendio, o habitante único, o rigorosamente humano, o incrédulo coa súa parábola…

Na miña historia, como poeta non hai máis ca un libro con distintos títulos: un libro que vexo interminable, que non dou acabado, que me repite e, ao mesmo tempo, descubre camiños. Unha boa parte da miña poesía nace dos ollos, da mirada atenta ás revelacións dese bosque primario, iniciático, que só permite a entrada aos inocentes, aos que aínda non manipularon a visión da imaxe orixinal, a que máis tarde será, inevitablemente, violentada pola actuación do artificio, pola necesidade de converxencia do artificio. Logo está a introspección, a confesión esperanzada ou crepuscular, o imaxinario, os encontros cas pantasmas do íntimo, o taller da memoria mellor ou peor ordenado; aí están os argumentos, as patentes da realidade vivida ou soñada, o veleno e o antídoto: o mundo ante o que hai que posicionarse. E aí está o auxilio da cultura coa súa compaña de angustias, desvaríos, deslumbramentos, significacións; as mentiras salvadoras tantas veces, a impudicia de certas revelacións…

“El poema nos dice”, afirma Octavio Paz.

Teresa Seara que sabe da miña poesía máis ca min, afirma que fago da beleza materia de profunda reflexión e a transformo en signo musical da linguaxe, único estado lexítimo do poema, segundo Edgard Allan Poe. Ela, a beleza, é quen esgota as miñas forzas na procura da maxia non sempre conseguida: queda, ás veces, o poema (ou que pretende ser poesía) meramente descritivo, discursivo, prosaico, simple, imposible, sen milagre… Ocorre que a beleza está ausente. Ocorre que lle falta a campá ao campanario.

Eu vivo onde nunca é mañá, e á vista dos xogos dunha dialéctica pretendidamente  rompedora, dos discursos liberados de moldes, patróns ou corseis, quixera ser tan pasado e decadente como Pablo Neruda, Octavio Paz, Lorca ou Miguel Hernández e que na miña biografía (se un día a houbese) alguén puidera dicir: Torneiro viviu fiel á vida, con conciencia e con emoción indesmaiables…

A miña poesía prodúcese como desenvolvemento duns poucos temas, porque poucos son os temas a tratar pero moitas as variacións, e corro o risco de caer no pecado da repetición. Os poetas, chegados a unha determinada idade tenden a repetirse, a plaxiarse a si mesmos e volven a escribir o que xa escribiran tempo atrás e con máis acerto. Eu procuro que a poesía, a tributaria da memoria ou calquera outra, sexa un xénero de rango superior. Vén a miña da memoria discontinua, ás veces fragmentada, errática; vén do vento dos soños incumpridos, vén do páramo das ausencias, das pantasmas aborrecidas ou amadas; vén das mitificacións; vén, en definitiva, da autoridade brutal da realidade de onte e de hoxe mesmo.

Confeso que sería para min moi traballoso falar, polo miúdo, das miña poesía; tamén aquí ocorre que as árbores non deixan ver o bosque, ou sucede que non me considero suficientemente obxectivo para poder facelo. Tamén confeso que non creo nas chamadas “poéticas”. No que si creo é que o poeta, como todo ser humano, está sometido a estados de ánimo cambiantes e que a poesía, quizais máis ca outros xéneros, preséntase aberta a distintas interpretacións e que ten tantas lecturas como lectores; que a verdadeira ten moito que ver co misterio, co inexplicable, coa irracionalidade, con ese non saber sabendo do místico. E non se me escapan as teorías sobre a aventura interior, a fundación do espazo emocional, os intentos da ordenación do caos íntimo, as voces da memoria, por suposto, a mitoloxía persoal, a propia épica, as potencias do imaxinario, etc…

Escribimos dende unha conmoción, dende un cataclismo persoal: unha sorte de desorde construtivo: estraño suceso onde a dor, o desexo, a beleza e a miseria, a caída e a resurrección empezan a ser cribles e a ter unha transcendencia, insospeitada antes de se situar no poema.

Nada había antes da palabra.

“El poema nos dice” e voltamos, de novo, a Octavio Paz.

É certo que non se escribe para unha maioría: o xénero é moi complexo e require un destinatario especialmente sensible, cultivado. A poesía é, digamos, un “produto” destinado ao consumo daqueles que, sen sabelo son tamén un pouco poetas, e quen sabe se escritores de versos en secreto. O poeta é unha sensibilidade aberta á busca doutra sensibilidade: xustamente esa que axuda a completar o poema que sempre é cousa de dous: o que escribe e o que le.

Penso que a poesía non ten porque ser un prato exquisito para uns poucos hipersensibles que respiran sen facer ruído e teñen como mascota o cisne impoluto, nin ser máis interesante aquela acumulativa de estrañas claves, alxebraica ou mineral. Non defendo unha obra lixeira ou divertida; tampouco digo que teña que ser poeticamente correcta, xa que na perfección case sempre hai algo de falso. O que hai que facer é atreverse a sentir, como pedía Stendhal. Unha caída leve, ou menos leve é algo moi humano neste mundo das infinitas imperfeccións. Sitúanos na realidade real.

Unha última reflexión: a poesía non fai que suceda nada, que mova a cambiar o mundo, e sei de moitas teorías contrarias ao que acabo de dicir. A poesía é inútil, “gracias a Dios”, en opinión de Juan Gelman, nada sospeitoso de pertencer á cultura da compracencia ou do encantamento. Escribir sobre a realidade non implica unha vontade política. A realidade tamén se inventa, segundo Antonio Machado. É certo que os grandes problemas do aquí e agora non os vai resolver a poesía. Non hai forza capaz de obrar o milagre dunha transformación, dun cambio a partir dunha media dúcia de endecasílabos, ou das metáforas máis reveladoras, pero a traxedia é que as solucións para estes problemas que nos quitan o sono tampouco veñen da ciencia política, nin da ciencia económica, como estamos a ver: porque non se sabe, ou non se quere, ou non se pode…

Xa sei que estou dando paso á pregunta inevitable, a pregunta do millón. Por que escribimos? No meu caso a resposta é clara: porque leo; porque penso; porque sinto; porque necesito saberme querido; porque a vida non é suficiente, non basta. E, sobre todo, porque teño medo a morrer.

“Lo más natural de la vida es morirse”, dicía Bergamín.

Grazas pola vosa presenza e atención. Grazas a Kalandraka, a todo o equipo da editorial, e a Luís Rei, director de Tambo, illa do tesouro baixo a “estrela do norte”.