NICOLÁS VIDAL

NicolasNicolás Vidal recibirá o vindeiro xoves, o premio “Luis Mera de xornalismo”, que cada ano concede o Club de Prensa de Ferrol. Recíbeo por unha fantástica reportaxe sobre tres irmáns da comarca emigrados a Cuba, que se negaron a padecer a historia e souberon atopar o camiño que os levou a participar na súa construción. Emocióname saber o nome de Nicolás unido ao de Luis Mera. Sei que se quixeron ata o pasamento de Luis, en marzo de 2015. Daquela, nesta fiestra, dediqueille esta lembranza.

LUIS MERA

Non sei canto de xustiza poética hai no recoñecemento a Nicolás Vidal. Hai meses que Nicolás abandonou a que, durante tantos anos, foi a súa profesión, oficio ao que entregou o mellor de si, axudando, cos seus compañeiros, a facer do Diario de Ferrol, a referencia informativa da comarca.

Comparto aquí a reportaxe que mereceu o recoñecemento do Club de Prensa. Recomendo a lectura. Publicado nas páxinas 6 e 7 do Diario de Ferrol do día 16 de agosto de 2015, aparece dividido en dous bloques, un que conta a vida dos tres irmáns Seixido e outro que narra a relación que estes mantiveron co Che, Neira Vilas e Lee Harvey Oswald, historia ben curiosa que fala de como se entrecruzan os camiños da vida.

http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/relaciones-cuba-y-estados-unidos-vistas-rincon-comarca/20150815205225131824.html

http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/une-foucellas-che-xose-neira-vilas-y-lee-harvey-oswald/20150816143850131893.html

A foto de Nicolás tomeina do facebook de Germán Castro e Tomé.

LUIS MERA

Díxomo Eva Veiga o luns: esta noite morreu Luis Mera.

Luis Mera

Coñecino por ela, neses anos de final de século pasado e principios deste, nos que tantas veces fun a Ferrol, asistindo ou participando en actos culturais, moitos deles organizados por Luis, activista cultural dende sempre, militante pola liberdade e contra a ditadura, amante da música, pero tamén da poesía e da literatura toda. É posible que o primeiro, cando o coñecín, fose na antiga sede do Ateneo, nun acto celebrando o día da paz, no que recitei con Eva.

A miña relación maior con el veu cando asumiu a publicación da revista Ferrol Análisis, do Club de Prensa de Ferrol. Encargoume varios artigos para ela, que sempre tiñan unha lonxitude considerable e que sempre celebraban centenario. Lembro o que me encargou sobre Jean Paul Sartre, no ano 2005, centenario do nacemento do filósofo e escritor francés.

– Pero Luis, se eu de Sartre sei pouco -dixen cando mo propuxo.

– Pero ti es licenciado en filosofía e algo del lerías, non si? -retrucou.

Eu algo si lera: La náusea, na versión de Aurora Bernárdez, relatos, Los caminos de la libertad e, sobre todo, teatro. E alá me aventurei.

Tamén lembro o que me pediu no centenario do pasamento de Curros Enríquez, no 2008, e no que eu enredei sobre a condición de predicador protestante do poeta de Celanova.

Máis doado foi escribir de Luís Seoane no 2010, porque limiteime a ampliar un pouco o capítulo que lle dedicaba no libro Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar.

O último, solicitado no seu nome por José A. Ponte Far, foi para o número do ano pasado, dedicado a Cortázar.

Gustaríame, dende aquí, e xa que non tiven ocasión de darllos persoalmente onte, enviarlles unha aperta e un bico a Encarna, súa muller, e ao fillo de ambos José Luís.

E para el, en homenaxe, publico aquel primeiro artigo que me encargou, dedicado a Manuel Curros Enríquez. Sei que é algo longo, pero espero que Tacho, que sae no artigo, sexa comprensivo. A foto está tomada en Coruña, o día 26 de xaneiro de 2009, na presentación do número da revista do ano 2008.

-QUEN RECE POR MIN-
NO CENTENARIO DO PASAMENTO DO ESCRITOR MANUEL CURROS ENRÍQUEZ.

A Luis Mera, in memoriam

Na novela Unha falsa luz, a última das que compoñen a triloxía Evanxélica memoria, o escritor Xavier Alcalá inclúe varias referencias á condición de membro da igrexa evanxélica de Manuel Curros Enríquez (Celanova 1851- A Habana 1908). A triloxía ten, entre outras virtudes, a de amosarnos a realidade dunha sociedade galega máis complexa, participada por máis colectivos e composta por máis pregues e matices dos que habitualmente lle atribuímos e, tamén, a de lembrar a condición relixiosa do escritor celanovés do que este ano se celebra o primeiro centenario do seu pasamento e do enterro multitudinario na cidade da Coruña.

Manuel_curros_enriquezHai quen atribúe a incorporación de Manuel Curros Enríquez á igrexa evanxélica a unha viaxe a Londres, fuxindo da autoridade do pai, en compañía dun irmán e sen máis equipaxe que o posto, unha frauta e uns ferriños, tocando e cantando polo mundo á procura de fortuna. Alí, na igrexa evanxélica de Trafalgar Square e cando deambulaba polas rúas canso, famento e con frío, atópase cun pastor de nome M. Jamesson, que o acolle e ofrece fogar, pedíndolle a cambio que lle dea clase de español ás súas fillas.

Sobre esta suposta viaxe non se poñen de acordo os biógrafos. Carlos Casares que a considera posible, pero que non compromete unha opinión definitiva sobre o asunto, lembra que o propio Curros falaba dela, tal e como acreditan as testemuñas de Benito Fernández Alonso ou de Vicente Risco, que llo escoitaron contar e que o contaron logo. Valentín Lamas Carvajal, nunha suposta entrevista con Curros, que non é máis ca un exercicio literario, pero que foi escrita e publicada cando o poeta de Celanova tiña pouco máis de vinte anos, pon na súa boca, e sen que el o negase, o seguinte: “¿non coñeces o tolo de Celanova, aquel rapaz a quen lle deu a teima de facer copras, que caía morto de fame polas rúas de Londres o ano 71…?

Viaxe misteriosa, hai quen a dá por certa e quen non, pero aínda, entre os que cren nela, a partir da testemuña do seu fillo Adelardo e da biografía escrita no seu tempo por Celso Emilio Ferreiro, existen dúbidas sobre as datas, xa que uns sitúana no ano 1865, cando Curros tiña escasamente catorce anos e outros en 1867. Nos dous casos a viaxe sería en compañía do seu irmán; pero aínda outros, entre eles Celso Emilio, sitúana entre os meses de abril e outubro de 1870, en calquera caso ningunha data coincide coa expresada por Lamas Carvajal. Carballo Calero, quen dubida dos datos facilitados por Celso Emilio, acepta como posible a viaxe. Non así Luis Carré Alvarellos, quen considera que a viaxe a Londres, nunha idade tan temperá, está fóra de lugar, apostando por que a primeira saída de España de Curros, foi a que o levou a Cuba.

Patrocinio Ríos Sánchez participou no congreso internacional “Curros Enríquez e o seu tempo” organizado no ano 2001 en Celanova polo Consello da Cultura Galega, cunha comunicación titulada: “Contribución a la Biografía de Curros Enríquez: su relación formal con el protestantismo en Madrid en 1870”. Aborda en primeiro lugar as contradicións xa expostas sobre a misteriosa viaxe a Londres, lembrando que sobre ela non existe proba documental algunha, e logo revela os froitos da súa investigación, achegando, esta vez si, probas documentais que acreditan que Curros, a partir do 22 de xaneiro de 1870 aparece inscrito na igrexa protestante da rúa de Madera Baja, número 8, de Madrid, figurando como segundo evanxelista –predicador- no cadro organizativo desta igrexa fundada polo misioneiro norteamericano William Ireland Knapp. A esta igrexa pertencía tamén o escocés John Jameson, suponse que o Jamesson que, segundo os biógrafos defensores da viaxe a Londres, acolleu a Curros na igrexa de Trafalgar Square. Os detractores da viaxe consideran que existe unha confusión de nomes e anos, debida, quizais, a unha versión interesadamente novelada da vida do poeta, admitida por el e transmitida polo seu fillo, non sabemos se consciente ou non do equívoco.

Acaso resulte pertinente lembrar que Curros Enríquez era de Celanova e que nesa parte da provincia de Ourense existiu tradición de igrexa evanxélica. Nos anos 2005 e 2006, durante moitas semanas, cada mércores acudín a Ourense a recoller, en compañía do meu amigo Eustaquio Puga, a memoria vital de Pepín Alemany López, nacido en Cuba, pero residente dende neno en Nigueiroá, parroquia de Bande, militante comunista que fuxiu da casa cando o golpe militar de 1936, por escapar da morte certa a mans dos falanxistas. Acompañado de Gumersindo González Míguez –Barbiñas-, amigo e compañeiro do partido, camiña en principio en dirección a Portugal, pero cando a Garda Civil e voluntarios de falanxe lles cortan o paso, toman rumbo cara as terras de Valdeorras e, dende alí, a Asturias, onde se integrarán no exército republicano e onde Pepín casará coa miliciana Honesta Fernández. Logo da caída de Xixón, o matrimonio busca primeiro o exilio francés, pero axiña, na súa condición de cubano, Pepín consegue pasaporte para os dous e marchan para La Habana onde vivirán o resto das súas vidas, participando na revolución e formando parte dos fundadores do moderno partido comunista cubano, ata o regreso, a mediados dos anos noventa. O paradoxo fixo que viaxasen nun barco alemán, no que ondeaba a bandeira nazi e que no barco nacera o seu único fillo. De Gumersindo só sabemos que regresou a Galicia para continuar a loita, uníndose á xente que andaba fuxida polos montes, pero nada de cal foi o seu destino.

Contaba Pepín, que antes de fundar a célula do partido comunista en Bande, mantivo íntima relación cun bispo “protestante” dicía el, Edmundo Woodford, co que colaboraba moito, pois os dous perseguían as mesmas finalidades: axudar aos labregos a se liberar dos foros, aprenderlles a ler e a escribir e loitar por unha sociedade máis xusta. Alentaba en Pepín un forte anticlericalismo xa que, na súa opinión, a igrexa católica contribuía a manter todo o que el quería cambiar, intuíndo que co traballo de apoio ao bispo evanxelista, debilitaba a estrutura e a forza da igrexa católica ourensá ou galega.

Eu sempre pensei que este Edmundo sería o bispo ao que se refire Luís Soto no libro Castelao a UPG e outras historias, cando conta a súa chegada a Cuba, acompañando a Castelao: “Do porto mesmo saímos, naquela data, para un gran mitin que estaba programado polas sociedades protestantes residentes en Cuba e que organizara un bispo evanxelista que tivera que fuxir de Ourense perseguido polas forzas represivas. Tiña a súa sé en terras de Bande”. Pero establecido contacto co seu neto Timoteo Woodford, a través de Manuel Molares, principal informante de Xavier Alcalá, este afirma que ese bispo nada ten que ver co seu avó, do que non ten constancia de que estivera nunca en La Habana, lembrando que Edmundo non fuxiu de Ourense, senón que foi desterrado a Vigo e apuntando que quen si fuxiu foi outro misioneiro inglés, de nome Roberto, que acompañou un tempo a Edmundo por terras ourensás, que marchou a América nun barco que foi torpedeado, falecendo con el toda a súa familia.

Quen é o bispo do que fala Soto? Outro misterio sen resolver e que, se cadra, non resolveremos nunca.

Apuntaba eu a posible pertinencia deste apuntamento sobre Pepín, porque da información recollida nos parágrafos anteriores advertimos unha igrexa evanxélica galega fortemente relacionada cos movementos sociais e tamén co galeguismo, compartindo con eles a procura dunha sociedade máis xusta, obxectivo que non parecía interesar á igrexa católica. Cómpre lembrar, neste senso, que ás charlas de Edmundo Woodford asistían, entre outros, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Velo. Posiblemente estes mesmos ideais atopou Curros na igrexa evanxélica na que se integra, recibindo o seu bautismo, segundo as conclusións de Patrocinio Ríos, nalgún momento do verán de 1870.

Cortexo fúnebre de Curros Enríquez na Coruña

Cortexo fúnebre de Curros Enríquez na Coruña

Todo o exposto non supón unha variación substancial do concepto que os galegos temos sobre Curros: poeta civil, de ideas republicanas, comprometido coa transformación da sociedade, contrario á pena de morte. O que si reforza é a idea de que Curros non era un escritor antirrelixioso, senón anticlerical. E, vistas así as cousas, probablemente sexa outra a perspectiva que o lector teña da súa obra, en particular do Divino Sainete e deses poemas que lle valeron condena e excomuñón: No convento, A igrexa fría, Mirando ó chao. A conclusión sería que, máis alá dos valores sociais que defendía, Curros era escritor fondamente relixioso e crente, pero que, como acontece tantas veces e como xa se expresou máis arriba, formaba parte dunha sociedade máis complexa, máis plural e máis rica da que a miúdo se nos quere ofrecer, composta por colectivos tamén comprometidos, tamén perseguidos, pero aos que a historia, interesadamente, privou de voz.

Curros foi, no seu tempo, un escritor que gozou dunha enorme popularidade entre os galegos, sería, sen dúbida, por esa posición firme diante da inxustiza, aínda que hoxe outras sombras perturban a súa biografía (carácter difícil e malos tratos dentro do fogar). Foi poeta realista e acaso narrativo en exceso, nun momento no que a poesía xa emprendera outros camiños, cando un lector formado podía ter acceso á obra de Lautremont, Wordsworth, Coleridge, Poe, Rimbaud ou Baudelaire. Hoxe ningún poeta do noso entorno goza do prestixio e cariño do público que el tivo en vida, e a súa obra, tan carente de metáforas, tan pouco simbólica, é cuestionada en voz baixa. Porén, a min aínda me emocionan varios dos seus poemas: A Rosalía de Castro, O maio, Na morte da miña nai, Cantiga ou Nouturnio, poño por caso. Por eses versos, Curros, malia todo o que sabemos e todo o que ignoramos, ocupa un lugar no meu corazón, xa que foi parte importante da miña educación sentimental, razón pola que lle dedico un poema en Miño, o meu último libro de versos.

Recoñezo tamén a súa condición de poeta da xente, voz que se anticipou na defensa de moitos conceptos esenciais para a vida democrática, memoria e compromiso que transmitía o seu sobriño Manuel Curros Moreno, mariño, pintor e extraordinario debuxante, que compartía co tío estes principios ideolóxicos, expresándoos nos seus debuxos de forte crítica ao clero, aos militares e aos burgueses. Esta de Curros Moreno é figura que tamén cumpriría recuperar, pero esa é outra historia.