EMPORCARTE

Emporcarte é unha iniciativa do concello de Lalín quen, cada ano, convoca aos artistas de Lalín Entroido 1todo o país a participar nunha mostra colectiva arredor do porco e do cocido en días de Entroido. Fomos por primeira vez o ano pasado, da man do pintor Xulio García Rivas, quen nos fixo coincidir alí con Antonio García Teijeiro e Susi.

O sábado alá fomos outra vez, en día frío e chuvioso. Esta vez tamén participaba Maribel con dúas fotos que, malia o motivo, resultaron moi modernas: unha de grelos e outra de porco. Desta volta tamén foi Alba, amiga de Antonio e Susi, e Javier, o fillo de Xulio.

Con Acisclo

Con Acisclo

Atopamos moitos outros amigos alí: Soledad Penalta, Acisclo Manzano ou Isabel Blanco, que tamén expoñían obra. Tal e como aconteceu o ano pasado, a hora da inauguración coincidiu cunha particular sesión vermú, na que mozos e homes se disfrazan de mulleres e acoden todos ao mesmo local. Vimos de novo a Celso Sanmartín, o poeta e contador, moi no seu papel de moza, lucindo espléndidas pernas que, como nos explicou, víamos fortes porque estaban afeitas a andar no monte.

A festa remata en cocido. Estivo ben o deste ano, en particular nas sobremesas: rosquillas, filloas, orellas e queixo. Pero a min pareceume que o de 2015 tiña máis fondura. O ano pasado puidemos comer carne de porco nos seus variados xeitos de conservación: salgada, adobada, afumada, fresca… Este ano a min pareceume que toda estaba salgada, agás un anaco de orella que estaba afumado. Con todo, non tivemos queixa.

No xantar coñecín o fotógrafo Ángel Luis Utrera, quen sabe un mundo de patrimonio da zona, en particular, pareceume que de mámoas e petróglifos. Foi el quen nos fixo esta foto na que estamos Antonio, Xulio e eu. Tamén no xantar atopei a Luís González Tosar, con quen tivera ocasión de falar por WhatsApp uns días antes, pero a quen non contaba ver alí.

Lalín 3 A

(As outras fotos son de Maribel Longueira.)

ROBERT PINSKY

O pasado luns, Daniel tivo a oportunidade de entrevistar a Robert Pinsky para Vivir na Coruña. Pinsky é un dos grandes da poesía actual. Pasou por aquí para participar no encontro mensual do ciclo Poetas Di(N)versos, que coordina Yolanda Castaño. A réplica galega estivo na voz de Luis González Tosar.

Paréceme que a entrevista de Daniel é ben fermosa, sobre todo polo que Pinsky di, por iso quixera compartila.

http://vivirnacoruna.es/eventos-literatura/robert-pinsky-la-dignidad-del-individuo-es-inherente-la-poesia/

O poema que figuraba no programa, traducido por Yolanda, é este titulado Canto Samurai:

Cando non tiven teito fixen
da audacia o meu teito. Cando non tiven
cea os meus ollos comeron.
Cando non tiven ollos escoitei.
Cando non tiven ouvidos entendín.
Cando non tiven entendemento esperei.
Cando non tiven pai fixen
da responsabilidade meu pai. Cando non tiven
nai abracei a orde.
Cando non tiven amigo fixen
do silencio o meu amigo. Cando non tiven
inimigo opúxenme ó meu corpo.
Cando non tiven templo fixen
da miña voz o meu templo. Non teño
sacerdote, a miña voz é o meu coro.
Cando non teño recursos a fortuna
é o meu recurso. Cando non teña
nada, a morte será miña fortuna.
A necesidade é a miña táctica, o desapego,
a estratexia. Cando non tiven
amante fíxenlle as beiras ó sono meu.

Como a poesía tamén é un xeito de dicir, queda aquí esta mostra de como Robert Pinsky entende a arte de recitar. O poema é o mesmo da tradución.