ENTRE VERSOS E CREBAS NO PINDO

A pasada fin de semana, a confraría de pescadores do Pindo, que tan ben leva Merche, coa axuda de Isabel, organizaron, un ano máis, as xornadas de cultura da Pesca. Como sempre os asistentes puideron degustar novidosas receitas elaboradas con produtos do mar; gozar das sobremesas que se presentan ao concurso do sábado; escoitar e bailar co formato familiar dos músicos de Luar na lubre e, tamén aprender e rir escoitando aos poñentes. Este ano a min tocoume participar en dous actos na tarde do sábado: a presentación do libro das Crebas, coa sorte de ter ao meu lado a Alexandre Nerium, o poeta mariñeiro de Fisterra e logo un recital poético, tempo que Alexandre e eu compartimos con Xoán Lestón, ou Xoán da Centola, o poeta de Caldebarcos e con Marta Dacosta, que leu poemas do seu último libro Dun lago escuro, premio Joán Carballeira do pasado ano e publicado por Xerais.

Gustei moito do texto que leu Alexandre ao principio da súa intervención, non porque fale ben ou mal do libro, senón por ese dicir as cousas que ten, esa linguaxe de mar na que tan ben se expresa e que tanto nos emociona. Deixo aquí ese breve texto, esperando que gocedes del.

PRESENTACIÓN AS CREBAS, OUTRO XEITO DE ANDAR AO MAR, O PINDO,

28 de xuño de 2014.

Alexandre Nerium

As crebas. Outro xeito de andar ao mar, estamos diante dun libro excepcional que aborda unha temática novidosa e intrigante: a das Crebas, que sempre formou parte da idiosincrasia da Costa da Morte. O libro ten un profundo traballo de documentación e navega sutilmente sobre as ondas co leme sempre firme.

Mergúllase nunha singradura de imaxes pictóricas, cun ronsel de escuma de cinema, acodérase á novela, vara en sirtes da xénese da historia, aparíguase ó melancólico son da poesía.

Chisco é un crebeiro e leva sempre a Maribel na súa compaña. Desce polas ribeiras até os coios. Escruta o mar  como o mascato a barría das sardiñas. Sabe que ó encher o mar a auga corre a norte, que a augatinta é a mellor hora para enmallar o peixe. Escudriña a beirada pois cada furna agocha un gran tesouro.

Sente, á ardentía, o alento dunha paca que lle poida zafar o cruel inverno. Lambe o salitre que o cavaco engole e carena de piche a súa buceta.

Ela, entre tanto, cada salseiro enfoca: os escumallos mornos da relasca, chalecos salvavidas cheguevaras que saíron á costa no solsticio. A cámara dispara ó mar consciente. Todo obxectivo fixa cada historia: a campá do Surrise, o afundimento no grisáceo arneirón do baixo Duio. De galipote a bota encol da area xunto a poxa dos restos dun naufraxio. A paca de algodón comesta e húmida e a luva suplicando a túa axuda.

Son as crebas que vagan cara ó vento como un soño esculpido na mallante. 

 

LUAR NA LUBRE: THOR DE BREOGÁN

O noso é un país antigo, vello, tamén, pero isto é unha circunstancia, aínda que acabará connosco, se ninguén lle pon remedio. Pero o de país antigo é outra cousa. Lugar de paso cara o sur e cara o norte, confín e lugar do esquecemento, son moitos os mitos que tentan explicar ou gardar de memoria sobre a nosa relación cos outros e coa historia.

Algún deses mitos, como o do apóstolo ou Fisterra, sustentan hoxe unha parte da economía galega. Outros, malia a súa forza, son descoñecidos para boa parte da colectividade. A min fascíname que A Coruña teña dous mitos fundadores. Un, o que lembra os traballos de Hércules, a loita con Xerión, a construción da torre. Outro o de Breogán e os milèsians procedentes das terras do leste, quizais dalgún dos lugares nos que hoxe se libran guerras inxustas: Afganistán, Irak ou Siria. Navegaron o Mediterráneo logo de librarse da escravitude exipcia, costeando chegaron ata a ría da Coruña e alí, Breogán fundou unha cidade, Brigantia e nela mandou construír unha torre, á que puxeron por nome Thor Breogán. Esta segunda lenda ten para min un valor superior á primeira, por dúas razóns: está contada fóra por voces que non son as nosas e, sobre todo, está escrita, nun códice que recolle a transcrición que os monxes irlandeses fixeron da tradición oral que narraba as conquistas de Irlanda. O códice é do século XI, as cronoloxía das lendas recollidas pertence ao incerto pasado da memoria colectiva. O título Leabhar Gabhala

Sempre pensei que esas dúas historias, como tantas outras das nosas, deberían ser patrimonio común, coñecidas por todos, compartidas e, ao tempo, eixo de parte das nosas relacións culturais co mundo: por unha banda o Mediterráneo e a Grecia clásica, por outro Irlanda. Vou a varios colexios cada ano, a falar de escribir e de libros e, ás veces, pregúntolles aos rapaces se saben quen era Ith e poucos son os que o coñecen. Penso, tamén, que as dúas deben poñerse en valor, pero non somos un país de moitos recursos e, co pouco que cremos en nós, non somos quen de procurar cómplices ou socios fóra.

Todo isto vén a conto porque Luar na Lubre e Nani García, acordaron elaborar un proxecto a partir do mito de Breogán, un proxecto singular porque sae do canon e o formato que son habituais entre nós, e no que integraron un amplo equipo de persoas e entidades, . Thor Breogán -a luz dos milèsians-, é un proxecto musical e visual creado a partir de pezas de repertorio do grupo que lidera Bieito Romero, co arranxo sinfónico realizado por Nani García, coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Diego García, no que Estefanía Cagigao é a autora das animacións e Franc Aleu das imaxes da primeira parte e da montaxe visual de todo o espectáculo. A Jorge Coira correspóndelle a elaboración do making-of narrando todo o proceso.

A primeira parte do espectáculo, recrea musical e visualmente os catro elementos que lle dar ser a este noso país: a auga, o sol e o lume, a pedra e o vento, a partir de pezas clásicas do grupo. A segunda introduce tres cancións da lírica galego-portuguesa medieval e a cuarta remata con pezas de repertorio habitual de Luar na Lubre. É a terceira -a que narra a historia de Breogán, o seu fillo Ith, aquel que ve Irlanda dende o alto da torre e dos fillos de Mil que acoden a vingar a traizón que lle custa a vida a Ith- a máis longa e, tamén, a que xustifica o título. Esta parte, A luz dos milèsians, está formado por seis temas do grupo xa publicados, pero agora complementados con música orixinal que lle dá continuación ao relato e o traballo de orquestración de Nani García.

Paula Rey pon a súa voz para interpretar as cantigas medievais, os poemas de Amergin, o bardo que acompañou a Mil e que Seamus Heaney consideraba o primeiro poeta de Irlanda, e ás cancións de repertorio da última parte. Daniel, na axenda cultural Vivirnacoruna, define o espectáculo de dúas hora de duración, como unha experiencia sensorial.
A estrea foi onte, sábado 21 de xuño. Nós tivemos o privilexio de asistir ao ensaio xeral, razón polo que podo ofrecervos imaxes tomadas por Maribel, xa que nesa representación previa si estaban permitidas, por ser tamén pase de prensa. Recoñezo que me emocionei, en particular coa primeira e coa terceira parte, momento no que o meu desexo era compartir a experiencia con toda a xente que quero, pero como entón non puido ser, pretendo facelo agora aquí. Vendo navegar os barcos non podía deixar de pensar en Fernando Alonso Romero e a súa Breogán de coiro, coa que navegou a Marola, que xa sabemos que é como navegar a mar toda. Se tedes ocasión… gozade do espectáculo e antes ou despois, lede ou volvede a ler a historia de Ith e os versos de Amergin.