ITO FORMOSO E O MONTE LOURO

ITO MONTE LOURONo ano 2004 falecía o entón alcalde de Muros, Celestino Formoso Vidal, Ito, amigo entrañable a quen me unía unha fonda relación. Militaba no PSdG-PSOE e repetía como alcalde por segunda vez. As nosas diferenzas ideolóxicas non impedían a amizade. Falabamos e discutiamos moito. Na miña opinión Ito era alcalde próximo á xente, soñador de cousas infrecuentes, como rehabilitar todas as fontes e lavadoiros de Muros ou explicar a paisaxe dende os versos. No mes de decembro daquel ano 2004, rendémoslle homenaxe, cun acto de lembranza e coa colocación deste monolito no Monte Louro, un dos lugares máis amados por el. Soñaba Ito con deixarlle ás novas xeracións no mesmo estado no que el o recibiu e gozou dende neno.

O Monte Louro é un espazo propicio ao verso. Luis Rei escribiu:

Monte Louro pelado.
A lagoa dos patos
e a parella lanzando
unha botella ó mar.

Por Ito souben de Agustín González López, franciscano e poeta, que tamén escribiu sobre este territorio:

Penedos da beiramar!
E a Area Maior, no meido,
como un espello a brillar…

Del son os versos que poden ler, sobre unha rocha, os visitantes do petróglifo A laxe das Rodas: … Na alta Eiroa, na eira doutras eras,/ laxa solar, libro da lúa, aberto./ Calendario dos mundos, almanaque/ remoto do universo…

Versos de Celso Emilio Ferreiro, de quen tanto gustaba, están escritos no monolito. Son do poema Tempo de chorar, do libro Longa noite de pedra: … hei navegar periplos, descubertas/ por tempos que han de vir cheos de escumas,/ por onde o día nasce,/ alí onde xermola o mundo novo…

Non é por onde o día nasce, pero acaso si cara o mundo novo, Ito respira o mar que amaba, no que pescaba, o mar no que sempre procuraba acougo, ollando cara Corrubedo dende a Punta da Carreira, uns pasos por riba do faro.

ITO MAR

 

CARNOTA: MUSEO ARQUEOLÓXICO

Semella que o soño de construír un museo arqueolóxico ao aire libre, vai adiante en Carnota. É este soño e proxecto do actual alcalde, Ramón Noceda, dende que accedeu á alcaldía nesta segunda etapa, que xa antes fora alcalde, nun tempo do que eu, que levo alí máis de vinte anos, non gardo memoria.

O proxecto, fermoso, pretende vincular os petróglifos da Laxe da escrita, Laxe da Fornalla, Filladuiro e As Laxiñas, incorporando o castro de Mallou (no que se traballou este verán) e A torre dos Mouros, a fortaleza probablemente sueva. En entradas anteriores xa se ofreceron imaxes de case todo este patrimonio. Nesta que segue pódese ver unha parte do petróglifo das Laxiñas, nunca antes publciada aquí. Nela obsérvase, perfectamente a espada, un dos elementos máis singulares que amosa.

Petróglifo das Laxiñas

Petróglifo das Laxiñas

Hai unha semana, Daniel e máis eu, en día fermoso de frío e de sol, puidemos facer o percorrido completo. Foron seis horas e media camiñando, gozando desas paisaxes extraordinarias que, por coñecidas, non deixan de nos sorprender e emocionar.

O proxecto semella aínda sen rematar. Compre, iso si, poñer máis celo ca antes no coidado dos petróglifos, xa que agora están sinalizados e son accesibles. Conviña rodealos dalgún elemento que convide a admiralos, fotografalos, querelos, pero non camiñar por riba deles, nin percorrer as liñas con xiz ou tella.

O día anterior, tamén os dous e só por entrar en materia, achegámonos a Louro por visitar esa marabilla do petróglifo da Laxe das Rodas. Probablemente eran os mesmos habitantes destes montes, quen facían os gravados que hoxe son de Muros e os de Carnota. Así que, convén observalos, aprendelos, interiorizalos e amalos, sabendo que forman parte do mesmo latexo humano e do mesmo momento histórico que, daquela, non existía Muros, nin a palabra concello, nin barreiras administrativas.

Laxe das Rodas

Laxe das Rodas

 

PETRÓGLIFOS DE CARNOTA

Hai días, ao fío dunha xornada sobre patrimonio local, o alcalde, Moncho Noceda, anunciaba o inicio das xestións para poñer en valor tres dos principiais petróglifos con que conta o concello e dos que sabemos grazas, en boa medida, ao traballo de investigación e divulgación de José Cernadas, canteiro de profesión, arqueólogo por paixón.
Son moitos os petróglifos gravados nas laxes dos montes de Muros e Carnota, feitos por membros dunha mesma comunidade ancestral. Dos situados no territorio de Muros, quizais habería que salientar o da Laxe das Rodas ou o da Cova da Bruxa.
Os tres elixidos polos responsables do concello, son unha boa mostra da riqueza arqueolóxica agochada nos montes da contorna.

A Laxe da escrita

A Laxe da escrita

A Laxe da Escrita ofrece a singularidade deses barcos ben marcados e, tamén das cruces e nós gordianos, unhas veces integrados nun círculo e outras non. É esta unha laxe sobre a que se superpoñen imaxes gravadas en momentos diferentes da historia, sendo os círculos concéntricos e coviñas o substrato máis antigo. Sobre eles gravaríanse os barcos, probablemente no período Alto Medieval, representando as embarcacións dos invasores do norte e do sur que ancorarían as naves na Foz de Carnota. Descoñezo a orixe, período e significado das cruces e nós. Conviría, iso si, retirar o cartel situado á beira, colocado alí pola Fundación Arao, que nos conta, entre outras informacións inexactas, que os barcos son fenicios.
As Laxiñas é un petróglifo grande e complexo, no que destacan os círculos concéntricos, moitos con sucos de conexión e algúns gravados aproveitando o relevo da rocha, pero no

As Laxiñas

As Laxiñas

que tamén podemos atopar unha espada que nos axuda a datalo, algunha figura animal e moitas coviñas.
Pero na miña opinión, o conxunto máis singular é o que se atopa no outeiro do Filladuiro, sobre o Castro de Mallou. Na parte superior o gravado de seis círculos concéntricos con doce radios e coviñas arredor, quizais nos fai invocar ao sol. Pero algo máis abaixo está esa imaxe que Fernando Alonso Romero, Maribel Longueira e eu, decidimos definir como “enigma na pel da pedra”, que ese foi o título do libro que publicamos sobre el, na editorial Toxosoutos. Sempre dixen que a min esta imaxe faime evocar a Mater Gallaecia ou algún dos outros cadros de Luís Seoane, nos que o pintor traballa a figura feminina.

Círculos petróglifo O Filladuiro

Círculos petróglifo O Filladuiro

Dende a liberdade que sempre invoco, eu interpreto o petróglifo do Outeiro do Filladuiro ou, como propón Gonzalo Navaza, Laxe da Afilladoira, como reprodución e representación esquemática dun destes seres anteriores á memoria, deusa da terra, señora da fertilidade que aparece no gravado cos seus atributos. Vexo aí a silueta de alguén, muller quizais, figura que o artista anónimo abstraeu dun xeito semellante a como o fará Seoane tantos séculos despois. Muller sobre pedra e habitando nela, con neno no colo que lle nace do ventre, ese baleiro central por debaixo do cal se sitúan os órganos relacionados coa reprodución e coa sexualidade. Á esquerda da figura, na parte inferior, un podomorfo, que semella indicar o xeito de acceder á laxe.

E as xentes en feituras figuradas
entre as pedras do mundo compoñendo
danzas xucundas, ritos de dominio.
Acaso estes tres últimos versos do soneto Petróglifo de Darío Xohán Cabana, sexan un bo xeito de rematar, porque neles aparecen recollidas todas as ideas que eu podería expresar e sabemos, que a poesía, é a única linguaxe que, ás veces, permite unha aproximación ao incomprensible ou inexplicable, como o é o petróglifo do Outeiro do Filladuiro.

O Filladiuro

O Filladuiro

Todas as imaxes son do amigo Lino Lema.