ITO FORMOSO E O MONTE LOURO

ITO MONTE LOURONo ano 2004 falecía o entón alcalde de Muros, Celestino Formoso Vidal, Ito, amigo entrañable a quen me unía unha fonda relación. Militaba no PSdG-PSOE e repetía como alcalde por segunda vez. As nosas diferenzas ideolóxicas non impedían a amizade. Falabamos e discutiamos moito. Na miña opinión Ito era alcalde próximo á xente, soñador de cousas infrecuentes, como rehabilitar todas as fontes e lavadoiros de Muros ou explicar a paisaxe dende os versos. No mes de decembro daquel ano 2004, rendémoslle homenaxe, cun acto de lembranza e coa colocación deste monolito no Monte Louro, un dos lugares máis amados por el. Soñaba Ito con deixarlle ás novas xeracións no mesmo estado no que el o recibiu e gozou dende neno.

O Monte Louro é un espazo propicio ao verso. Luis Rei escribiu:

Monte Louro pelado.
A lagoa dos patos
e a parella lanzando
unha botella ó mar.

Por Ito souben de Agustín González López, franciscano e poeta, que tamén escribiu sobre este territorio:

Penedos da beiramar!
E a Area Maior, no meido,
como un espello a brillar…

Del son os versos que poden ler, sobre unha rocha, os visitantes do petróglifo A laxe das Rodas: … Na alta Eiroa, na eira doutras eras,/ laxa solar, libro da lúa, aberto./ Calendario dos mundos, almanaque/ remoto do universo…

Versos de Celso Emilio Ferreiro, de quen tanto gustaba, están escritos no monolito. Son do poema Tempo de chorar, do libro Longa noite de pedra: … hei navegar periplos, descubertas/ por tempos que han de vir cheos de escumas,/ por onde o día nasce,/ alí onde xermola o mundo novo…

Non é por onde o día nasce, pero acaso si cara o mundo novo, Ito respira o mar que amaba, no que pescaba, o mar no que sempre procuraba acougo, ollando cara Corrubedo dende a Punta da Carreira, uns pasos por riba do faro.

ITO MAR