SOMBRA TENDIDA

Ás veces sorprendémonos diante das coincidencias e a forza do casual. Eva Veiga acredita na teoría das Resonancias mórficas, do inglés Rupert Sheldrake. Hai unhas semanas, agardaba eu por Pepe Fernández Ferreiro no bar onde toma café polas tardes. Tardaba en vir e eu xa despachara dunha ollada os xornais todos. Quen entrou, daquela, foi o fotógrafo Manuel Vilariño. Situouse na barra, á miña beira e saudeino. Achegueime a el e enredamos nunha conversa vertixinosa que nos levou dun tema a outro: as súas últimas exposicións, os meus últimos libros ou o albergue de Portaventosa. Nun momento preguntoume por unha fotografía, feita no mes de abril de 1989, na que estamos os dous con José Ángel Valente, quen viñera dar unha conferencia no instituto Eusebio da Guarda, na praza de Pontevedra da Coruña. Aparecemos nela: Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Manuel, Valente, Xulio López Valcárcel e eu. El non tiña copia e quedei en buscala para darlla.

valente

Os poucos días fun a Ourense e o meu amigo Antonio agasalloume cun libro de Julio López Cid, publicado en agosto deste ano pola editorial Autófagas, en edición de J. M. Bouzas. Pensei en principio que sería un libro de relatos de Julio, pero logo, cando o lin, decateime de que Valente é eixo do libro (velaí o das resonancias). Valente é o centro, xunto cos outros membros do grupo Los silenciosos, do que con el formaban parte o propio Julio, Valentín Estévez, Antón Risco, Manuel Bouzo e José Miguel Valenzuela.

López Cid

Logo do limiar de Pepe Bouzas titulado “Tanto lodo”,  López Cid tece para nós un pano de lembranzas que teñen como protagonistas os membros do grupo, en especial Valente, pero con eles invoca outras referencias importantes da súa vida, unhas coñecidas e outras que non chegou a coñecer, pero si a querer: Ernesto Gómez del Valle, Cándido Fernández Mazas, Alfonso Costafreda, Claudio Rodríguez ou María Zambrano.

A primeira frase do primeiro texto é unha proclamación de intencións e de memoria, poisPaco Luis, Fdez. Mazas lembra a frase pronunciada por Gómez del Valle: En realidad, casi todo lo que nosotros somos se lo debemos al Dichi. El Dichi non era outro que Cándido Fernández Mazas (1902-1942), o artista e escritor ourensán de vangarda, tan inxustamente esquecido, de quen J. M. Bouzas organizou no ano 2002 a exposición: Vanguardia, militancia y olvido. Mazás mantivo vínculos fortes con boa parte da intelectualidade española da súa época e colaborou en proxectos como As Misións Pedagóxicas. Eu referinme en numerosas ocasións a el, a propósito da relación de amizade mantida con Francisco Luis Bernárdez, a quen retratou, ilustrou libros e para quen deseñou tarxetas de visita, sobres e papel de correspondencia.

Quizais o texto máis importante de Sombra Tendida é Maleza, no que Julio López Cid desvela a razón da ruptura entre José Ángel Valente e María Zambrano. Tamén singular resulta Ajustes de cuentas, que explica o motivo polo que Valente mantivo sempre un certo distanciamento con Ourense, a pequena cidade sórdida, perdida, municipal, escura. A causa sería o fallo dos Juegos Florales de las Fiestas de Orense, de 1956, onde o xurado concede o premio ao escritor falanxista Carlos Rivero, outorgando o segundo a El Cristo, la ciudad y el tiempo, o poema que el presenta.

Recomendo con fervor a lectura deste libro de Julio López Cid, por ben escrito, por curioso, polo coidado da edición e, tamén, porque hai nel augas que, con tempo, deron os lodos, dos que fala Pepe Bouzas.

Engadir, como corolario, que aquel día de 1989, na praza de Pontevedra, tiven ocasión de falar con Valente da novela O bosque das antas, que viña de gañar o premio Xerais e que el lera por recomendación de Julio.

NO ESTUDIO DO PINTOR XULIO GARCÍA RIVAS

Xulio 1A semana pasada visitamos o estudio de Xulio García Rivas. Digo visitamos, porque alá fomos Maribel e máis eu e dela, claro, son estas fotografías. Nestes últimos meses foron moitos os vínculos que fixeron que os nosos pasos se cruzasen cos de Xulio: amizades compartidas, como Sole Pita, Pedro Ávila Durán ou Antonio García Teijeiro, os espazos e actos aos que acudimos, ou o feito de seren cuñados el, Fernando Alonso Romero e María Castroviejo.

Ascendemos con ánimo, pero sen présa, os cinco andares sen ascensor, que levan ata a atalaia onde nos agarda un mundo, o mundo, diría eu. Pedíranos ir cedo pola luz, quería que vísemos a terraza e o seu ámbito. Polos cadros o da luz do día daba igual, porque el pinta con luz artificial. Tamén os pintores poderían clasificarse así, nos di cando chegamos: os que só pintan con luz natural e os que sempre o fan con luz artificial. El pertence ao segundo grupo.

Xulio 3

Son cativos os espazos do estudio e, malia isto, os cadros dan sensación de infinito, pero tamén están transcendidos de luz, aínda os máis escuros, malia ser pintados con luz artificial.

Xulio 4Xulio vainos amosando as obras que levará á exposición no pazo da cultura de Carballo o día 29 de xaneiro; tamén algúns dos que colgará na galería Atlántica da Coruña no verán. Variados formatos, diversas técnicas e múltiples sensacións. Transitamos por xardíns orientais, escoitamos cantar os xílgaros, contemplamos o voar das andoriñas, paseamos pola beira dun río, sentamos na beirada a contemplar unha treboada na Costa da Morte. O mundo de Xulio é a emoción, pero tamén a auga, a que emprega e destila nos seus cadros e a que suxire, auga que flúe, fertilidade, orixe.

Admiro o centro baleiro deses cadros compostos en tons brancos, grises e negros. Lémbranme a Valente e así llo digo, invocando o texto “Segunda variación en lo oblicuo” incluído no libro El fin de la edad de plata, que fala do emperador e pintor Hui-Tsung: ni el ave ni la flor pueden ser centro, sino tan sólo indicación del centro o guía del ojo que los mira para alcanzar la forma no visible en que el ave y la flor no están inscritos.

Paisaxe para Courbet

Paisaxe para Courbet

Discrepamos sobre o que evocamos cada un diante de Paisaxe para Courbet, cadro de gran formato, acrílico sobre madeira, ao que el deu forma a partir dunha paisaxe que cruza cada día, baixando cara Arteixo pola autoestrada de Carballo. Eu dígolle que en min suxire unha paisaxe africana e agora, escribindo isto, podo engadir que nel recoñecín as paisaxes que a miña imaxinación ía construíndo cando lía O caderno dourado de Doris Lessing, en concreto, a parte que recrea a historia de Anna Wulf en Rodesia, durante a Segunda Guerra Mundial. Amósanos, tamén, a primeira saba que pintou, como sen querer, e que foi fonte dun novo proxecto que reúne, xa, catorce obras elaboradas sobre este soporte.

XGR.2

Escribín eu un poema para o catálogo da exposición de Carballo, que lerei alí, o día 29, na inauguración. Escribino antes de ver os cadros que alumearán a sala e, malia iso, penso que agora, vistos todos, non cambiaría un só verso, porque Xulio é pintor capaz de dar xeito, coas súas propostas, ao soño ou á emoción do espectador, xerándose un fluído e producíndose unha transferencia emotiva que adquire a condición de potencia creadora para quen pinta e para quen mira. Este é o poema:

SON
                   A Xulio García Rivas
Son e non son
lombos de balea,
perfil de trebón,
flor que treme apenas
suspendida do baleiro das furnas.
Son e non son
presaxios, alento de ardentía,
saloucos dun océano
que cada día agoniza
no ronsel do crepúsculo.
Son e non son
preludios, esquecidas lembranzas
no alboio dos días,
canto de xílgaros
que ascende na hora enfebrecida
dunha mañá de agoiros.
Son e non son
ollos de vento que agarima a caluga
do pintor que espreita
dende a atalaia dos versos
e dos soños.
Son e non son
a luada que emerxe do corazón alado,
nimbos que medran
nos ángulos do infindo,
nese lugar escuro
onde o sol se derrama
para nacer de novo
nun albor sen sombra.
Son e non son
esa ansia común de beleza
e harmonía, a música das augas,
o devezo feliz dun instante sen tempo.
Son o compás do silencio,
o sorriso de Xulio, o equilibro sutil
do que nos é entregado.
Son o que eu poida sentir,
chuvia nos meus gromos,
nunha aperta de luz.

TENDER PONTES

En Francia hoxe, despois do mediodía, todo rematou e non rematou nada. Sete cadáveres máis, ese é o saldo provisional do día. Pero mantense a fractura, coa conivencia das partes que a alimentan, e nós, a xente de aquí e de acolá, maioritariamente aberta á convivencia, vivimos pendurando sobre o abismo e só nos queda tender pontes de esperanza.

Hai outro poema de José Ángel Valente que fala do tacto, da man que toca, e que acaso sería boa metáfora para o día de hoxe. Titúlase La luz no basta e pertence ao libro Poemas a Lázaro, o único que regresou da morte.

La luz… pero no basta;
no me basta mirar.
Porque empapado está el mirar de sueño,
contagiada la luz por el deseo,
engañados los ojos hasta el blanco
candor de la pupila.
Ojos siempre infantiles,
ávidos del engaño
sobornados por cuanto finge el aire,
dejadme con el tacto
servil y la certeza
simple de lo que toco.
No me basta mirar;
la luz no basta.
Porque he mirado en vano tantas veces,
tantas veces en vano creí ver.
Tacto que no adivina,
tacto que sabe quiero,
ganapán receloso,
zafio leal palpando,
para creer, el tenue
residuo del milagro,
Ven,
amigo, campesino
de tosca astucia, viejo
tacto, sentémonos
a la orilla del aire
propicio a la mirada.
Pero tú aquí, conmigo
-en el umbral de tanta
celeste maravilla-
con la simple certeza
de las cosas que toco
y me ofrecen su lomo
melancólico y manso
de domésticos canes.

ALBAlogo1flat-2Outra cousa, hoxe sabemos que a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) recibiu o premio que outorgan os arquivos da Brigada Abraham Lincoln. A candidatura foi presentada e defendida por Manuel Rivas. O importe do premio é de 100.000 dólares ou 85.000 euros, que permitirán continuar co labor de exhumar fosas. Un milagre ou unha ponte.

CARTA A FELIPE VI, REI

Decidín escribirlle unha carta ao Rei. Sentín a necesidade de facelo logo de ler o seu discurso na entrega dos Premios Príncipe de Asturias deste ano. Mandeina certificada o día 3 e foi recibida na Zarzuela o día 6.

Creo no que lle digo. Non se pode xogar gratuitamente coas palabras. Penso que parte da situación de deterioro da vida social que vivimos, ten a súa orixe na contaminación da linguaxe, no emprego espurio das palabras por parte dos que exercen e ostentan cargos públicos e poder. As palabras cargadas de significados falsos ou equívocos, e baleiras de contido, forman parte da salmodia do cotián e rematan por anestesiar e por xustificar discursos ambiguos sobre asuntos como a corrupción, pero tamén, sobre a falta de satisfacción ás vítimas da represión franquista. Xa no lo advertiu José Ángel Valente, quen no Diario anónimo, que recolle as súas reflexións ata os instantes finais, escribía: … el lenguaje está confiscado: forma parte o es la base de un patrimonio cultural que el sistema no considera alterable. Incluso la crítica puede ser relativamente aceptada si opera con ese lenguaje patrimonial”. A vacuidade do baleiro. Algo así percibo eu nos discursos que elabora a Casa Real, tanto nos de Felipe VI, como nos de Juan Carlos I. Algo así percibo en case todos os discursos da clase política. Velaí vai a carta:

A FELIPE VI, REI:

Escríbolle esta carta tras a lectura do discurso pronunciado por vostede o venres 24 de outubro, na cerimonia de entrega dos premios Príncipe de Asturias. Decidín ler o discurso completo por curiosidade, tras comprobar que os tres medios escritos aos que tiven acceso o sábado 25, reproducían con exactitude unha serie de frases que recollo a continuación.

Debo dicir, antes de nada, e por non enganar a ninguén, que son republicano, tanto por pensamento como por tradición familiar. Non concibo ningún cargo público que ostente a representación dos cidadáns, que se exerza por herdanza e tradición e non por elección libre e democrática dos representados.

Volvendo ao seu discurso, son varias os fragmentos que destacaban os medios e que chamaron a miña atención. Asegura vostede que España é un estado social e democrático de dereito, inspirado nos principios de liberdade e igualdade, de xustiza e pluralismo. Considera que debemos coidar e favorecer a nosa vida en común e non repetir erros do pasado. Implícase ao afirmar que queremos unha España afastada da división e da discordia, de que non somos rivais os uns dos outros, senón protagonistas dun mesmo camiño e afirma que compartimos intereses e valores.

Concordo con vostede en que os españois non queremos vivir unha situación como a que fracturou a sociedade de maneira tráxica hai sete décadas, e coido que todos faremos o posible para evitala, incluso renunciando a unha parte das nosas conviccións. Porén, esas palabras sobre igualdade, xustiza, división, rivalidade, semellan baleiras diante da realidade cotián á que asistimos, cunha fractura social que aumenta cada mañá, co resultado de que a maior parte da poboación cada día é máis pobre, e a outra parte máis rica, sen que exista vocación ningunha de repartir a riqueza ou a pobreza, e de superar esa división, máis ben o contrario.

Porén, non é diso do que lle quero falar. Non é doado superar, transcorridos setenta e catro, os efectos da Guerra Civil e negalo supón, cando menos, falta de atención e de sensibilidade. Hai feridas que, malia as declaracións institucionais, aínda sangran, sen que ningún discurso poida achegar consolo nin alivio a tanta dor. Supoño que coñece o informe elaborado polo Grupo de Traballo das Nacións Unidas, que se fixo público no mes de setembro, en relación coas desaparicións forzadas cometidas durante a Guerra Civil e a ditadura, informe que chama a atención sobre a falta de colaboración de gobernos e tribunais españois, denunciando os obstáculos que o propio Estado pon aos familiares das vítimas para saber a verdade e, se é posible, recuperar os restos dos seres queridos. Aquí, os estamentos do Estado parecen agardar pola morte de familiares e testemuñas, como mellor maneira de sacarse de enriba un problema que os incomoda. É ese o estado democrático de dereito ao que se refire no seu discurso? É este o mellor xeito de garantir e revitalizar a nosa convivencia? Este é un capítulo sen pechar da nosa historia e as palabras baleiras non producen acougo nin contribúen a reparar a inxustiza.

Se de verdade cre vostede nas súas palabras, e gustaríame pensar que si, que son ditas dende a convición e dende o corazón, podería asumir este asunto como cuestión de Estado e liderar a reparación do dano, axudando aos familiares que desexen recuperar os corpos dos seres queridos, actuando diante dun goberno insensible e belixerante neste asunto. Na miña opinión, isto non suporía abandonar a posición neutral que se lle supón á Monarquía, neutralidade necesaria con respecto do que pode decidirse por canles democráticas e pola ecuación das maiorías. Pero non debera ser esta cuestión de programa partidario, nin de ideoloxía. Máis de cen mil persoas seguen enterradas en gabeas, anexos de camposantos, bosques inzados de eucaliptos e iso é así tanto en territorios que padeceron a guerra e nos que se combateu, como naqueles outros que dende o primeiro día caeron en mans dos insurrectos, como Galicia, onde a represión foi brutal, sen existir outra razón para tanta infamia que o planificado exterminio do rival.

Podería, tamén, xestionar que exista dotación nos orzamentos do Estado destinada a este fin, que axude a costear as taxas e gastos das exhumacións, evitando que teñan que ser os sindicatos de electricistas noruegueses, entre outros, os que financien esta actividade, cuestión que debería avergoñar aos representantes do Estado español. Quizais podería, incluso, destinar unha parte da asignación da Casa Real a este fin, encabezando, dese xeito, o proceso de reconciliación definitiva e amosando un xeito de ollar a historia con sabedoría, tal e como nos propón no seu discurso. De facelo, se cadra, un día espertamos e descubrimos que vostede é, tamén, o rei dos republicanos.
Atentamente,

JULIO CORTÁZAR: RAZÓNS PARA UNHA CELEBRACIÓN

Mañá, 26 de agosto, cúmprense cen anos do nacemento de Julio Cortázar en Ixelles- Bruxelas. Antes, o 12 de febreiro, cumpríronse os 30 anos do seu pasamento en París. O pasado 2013, celebrábase o 50 aniversario de Rayuela, a novela que o proxectou ao panorama literario internacional. Tempos pois de lembranzas e conmemoración dun dos grandes escritores do século XX. En conversa mantida recentemente con Aurora Bernárdez, galega de orixe, tradutora de prestixio, dona, amiga, compañeira de vida e de morte do escritor, falábame da súa satisfacción porque todo o referido a el estaba legal e intelectualmente resolto para o presente e para o futuro.

maribel longueira

Dende o ano 2005, Galicia forma parte do universo Julio Cortázar. A decisión de incorporar a Galicia a ese mapa de emocións e de literatura, foi de Aurora, administradora do seu legado. Foi ela quen acordou depositar no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), o seu arquivo fotográfico e o de Cortázar.

As razóns desta decisión foron explicadas por ela na inauguración da exposición Ler imaxes: O arquivo fotográfico Julio Cortázar, da que foi comisaria Rocío Santa Cruz, organizada a partir do legado recibido, acto celebrado no pazo de Fonseca no outono do ano 2006. Aurora invocou entón a relación mantida por Cortázar cos galegos da emigración e do exilio en Bos Aires, en particular con Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela e Rafael Dieste. Pero alí, en Fonseca, como para confirmar vínculos maiores, estaba o pintor Leopoldo Nóvoa, amigo dos últimos anos, quen acollía a un Cortázar só e enfermo, no seu estudio de Nogent sur Marne, nos arrabaldes de París.

Poderíamos lembrar agora que foron os galegos quen primeiro repararon na súa calidade como escritor e tradutor, publicándolle relatos e encargándolle traballos de tradución para a editorial Nova. Tamén as visitas que xunto con Aurora realizou a Galicia, onde soñou con pasar un tempo vivindo ao xeito de Rouseau, dedicándose á pesca e a herborizar; a consciencia do idioma, expresado en máis dunha ocasión, en particular cando no caderno de notas de Rayuela, á hora de anotar o nome do xogo en varias linguas, facía constar: Mariola (Galicia, Coruña). Amais dos nomes xa expresados, fóronelle próximos: Francisco Porrúa, o editor de boa parte da súa obra, nacido en Corcubión; Mariquiña Valle Inclán; Eduardo Blanco Amor; José Ángel Valente; Ramón Chao; María Casares; Xosé Neira Vilas ou Antonio Pérez Prado.

O dito sería razón abonda para celebrar o centenario, cousa que sucederá coa chegada do outono, cando a Secretaría Xeral de Cultura inaugure unha nova exposición na Casa da Parra; pero a todas as razóns coñecidas e xa esgrimidas sobre a relación de Cortázar con Galicia e cos galegos, habería que engadir o feito de que hoxe, probablemente, é o autor do boom latinoamericano con máis presenza na cultura galega contemporánea. E falo de cultura e non só de literatura, porque presenza hai no cine, nas artes plásticas, no teatro, na universidade, no mundo asociativo ou na música. E destaco o termo “presenza” e non influenza porque os autores que recoñecen os vínculos con el salientan nesa relación a liberdade, a tenrura, o fantástico do cotián ou sentido do humor, características que fan que o autor dos cronopios sexa lido hoxe pola xente nova, tanto en Galicia como no resto do mundo, tal e como foi lido en vida, cousa que o faría sorrir feliz.

Un novo libro, complemento daquel Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar, do ano 2006, sairá para finais de setembro, coincidindo coa exposición. Publicado como o anterior pola editorial Linteo, levará por título: O soño galego de Julio Cortázar, invocando un soño recollido nunha carta escrita ao amigo e pintor Eduardo Jonquiéres, amigo, tamén de Luís Seoane, a quen visitará anos despois no Castro de Sada. Nesa carta, escrita o 27 de maio de 1956, Cortázar cóntalle Jonquiéres a súa impresión sobre Galicia, de onde acaba de regresar, logo de pasar aquí uns días con Aurora:

[…] De Salamanca nos largamos nada menos que a Santiago de Compostela, deliciosa ciudad donde comimos unos pulpos gloriosos. ¿Te acuerdas del Pórtico de la Gloria, en la catedral? Y los soportales, las plazas por la noche, ese tono tan distinto de Galicia. Creo que para mí el gran descubrimiento, por inesperado, fue el paisaje. Cuando volvíamos de Santiago a León el tren anduvo toda la tarde junto al río Miño. Pegado a las ventanillas, no podía creer que eso fuera verdad. Comprendí de golpe la poesía galaico-portuguesa, esa presencia del verde, de los ríos, del égloga. Orense, Redondela, las rías, los viñedos infinitos con las cepas apuntaladas por sostenes de granito, como pequeños dólmenes que brillan entre el verde. Me he prometido, si alguna vez tengo un “deux chevaux”, llevarla a Aurora a Galicia, instalar cuarteles de primavera en Redondela, y dedicarme a los paseos, a la pesca, y a herborizar como Rousseau. Pienso que la falta de propaganda me ha embellecido el paisaje; uno está un poco harto de oír hablar con grande aspavientos de las vegas andaluzas, que son muy hermosas sin duda, pero menos, mucho menos que el paisaje gallego. Y el Miño es un río como he visto pocos. Y la gente es como toda la gente de España, metida para adentro (aunque griten, aunque te ensordezcan en los cafés y en los trenes) y llena de verdad y de tristeza. […] 112

A Galicia regresarían ao ano seguinte. Non sería nun “deux chevaux”, pero pasarán quince días gozando do mar e do sol, ela, coma unha walkiria; loitanto el coas ondas, coma un Poseidón, en Lourido, concello de Nigrán.

Neste novo libro, unha longa relación de escritores afirman e explican o vínculo que manteñen co autor dos cronopios, ao tempo que analizan o que supuxo para eles a descuberta da literatura cortazariana. Están dende Méndez Ferrín a Bérta Dávila; dende Agustín Fernández paz a Dores Tembrás, nunha relación que inclúe vinteún autores máis.

De todos os xeitos, a min paréceme que a verdadeira celebración sucede cada día, cando alguén lle pon a unha libraría o nome e Rayuela ou de Cronopio; cando un grupo de mozas e mozos abren un local que bautizan como Casa Tomada; cando nun club de lectura dalgunha biblioteca se len os seus relatos. E un boa maneira de celebrar podería ser achegarse a Cortázar en galego, comprobar como soan e que música entoan as súas palabras no idioma polo que, segundo el, os galegos respiraban, na tradución do relato Autoestrada do sur, publicada a principio de ano, como anticipo da conmemoración, a pola editorial Trifolium, na súa colección Musa Pedestris.

 

 

JUAN GELMAN NA MEMORIA

Golpeoume a noticia da morte de Gelman. Sabía que podía acontecer en calquera momento, pero tamén me afixera a pensar que estaba aí, compañía constante. No meu estudio os libros de literatura están ordenados por orde alfabética. A literatura universal diante de mesa de traballo, a galega ás costas. O “G” de Gelman cádrame diante dos ollos, baixo o andel do “C” de Cortázar e sobre o “P” de Poe ou de Pessoa; á dereita de Freud, García Lorca ou Gamoneda, á esquerda de Graves, Seamus Heaney ou Miguel Hernández, poño por caso. Os libros de Gelman que máis destacan no andel son os tomos da Antoloxía de Visor, cos seus cantos negros e brillantes. Con eles outros máis humildes no seu formato, como Si dulcemente, que me agasallou unha moza arxentina nunha das viaxes a Bos Aires, ou o libro-audio da colección de poesía da Residencia de Estudiantes. Dende que o coñecín, cada día, a miña ollada tropezaba cos seus libros e, moitas veces, levábame aos seus versos, un poema ou dous de cada vez e pensaba nel como alguén que estaba aí dende sempre, que non se podía ir, porque significaba moito para moitos de nós: a dignidade, a dor, a firmeza ou a humanidade.

Cando Eva Veiga e eu tiñamos o programa de poesía na Radio Galega, aquel Baixo o mesmo ceo, que semanalmente fixemos durante varios meses, tivemos a fortuna de entrevistalo. Eu recoñezo que poucas veces tiven diante alguén co ollar tan triste e, ao tempo, que transmitise e expresase tanta humanidade. A dor pola perda do fillo e da nora durante os días da ditadura; esa culpabilidade terrible que asalta aos superviventes, cando se preguntan por que non eles tamén?; a teimosía na procura da neta secuestrada, e sempre, sempre, o verso como berro e como acougo.

Non podo deixar aquí, para que a escoitedes, aquela entrevista, feita no Quiosco Alfonso da Coruña, cando a Asociación de Escritores en Lingua Galega lle outorgou o galardón de escritor galego universal. Foi aquela unha conversa intensa, na que tanto Eva coma min sabiamos que estabamos pisando o territorio do íntimo e, tamén, procurando del a reflexión sobre o futuro. Sempre lembrarei a súa ollada e o ton da súa voz cando, invocando uns versos seus, lle preguntei polas alternativas que nos quedaban para combater este sistema perverso que nos goberna e domina. El, ollándome intensamente, díxome: ¿Por qué no me lo dice usted?.

Eva e eu sempre lamentamos non conservar unha foto con el, aquela tarde. Aos poucos días da entrevista, o desaparecido xornal Galicia Hoxe pediume que escribise un perfil, para un especial que lle ían dedicar. Iso si o podo compartir aquí, como comparto este vídeo cun poema seu, tan acaido para este serán de chuvia.

JUAN GELMAN NAS RAÍCES DA DOR

Probablemente a figura de Juan Gelman pasará inadvertida a alguén que non o coñeza e que se cruce con el na beirarrúa. O seu corpo, algo desarborado, camiñará a rente como un máis dos moitos seres anónimos que conviven connosco, un Xoán Ninguén, como aquel que Gary Cooper encarnaba na película de Frank Capra. Porén, ao saber del, ao sentilo preto, ao nos mirar nos seus ollos, ao compartir os seus silencios, a figura de Juan Gelman acada unha dimensión profundamente humana e impresiona. Daquela non é posible a indiferenza. Quizais é que advertimos no corpo e na alma as cicatrices dunha dor imposible de soportar; tal vez sexa o pouso que nel foron deixando tantas preguntas sen resposta; acaso porque el, mellor que ninguén, representa a dignidade dun home só contra o horror, a derrota e a infamia. Algo disto percíbese na súa voz grave, nos seus xestos concisos, na súa ollada fondamente triste, no seu sorriso cálido, na fortaleza dun ser tantas veces golpeado, que soubo facer da poesía o ceo protector baixo o que seguir amando.

Porque a palabra amor é esencial na súa vida e na súa obra, tan intimamente unidas, ata o extremo de recoñecer que todos os poemas son un acto de amor, de amor e desexo, puntualiza, invocando a René Clair para afirmar que a poesía é amor que queda en desexo e que non se esgota, por iso o poeta continúa escribindo.

No seu caso, a poesía foi o fío que lle permitiu manter o vínculo co perdido. O 24 de agosto de 1976, o seu fillo Ariel e a súa nora Claudia, embarazada, eran secuestrados por un comando militar e pasaban a engrosar a lista dos desaparecidos. Os restos do fillo aparecerían anos despois, nun bidón con cal, os da nora aínda non apareceron hoxe. Tras unha longa loita puido atopar a súa neta, nacida en prisión e entregada a outra familia polos asasinos.

Humedécenselle os ollos cando escoita os seus versos: “Esta noche,/Hijo, podés venir”, cando lembra o sucedido hai máis de trinta anos, cando intenta expresar a dor, cando recoñece que co tempo un convive mellor con ela, pero que de cando en vez aínda se revela, porque en realidade, o que doe é a derrota.

“A poesía, a arte en xeral, constrúen outra realidade a partir da realidade mesma, son a memoria da realidade transformada en memoria da escrita”, afirma, recoñecendo que o poema é o lugar de exilio a salvo de todos os exilios, o lugar de encontro e liberación, memoria contra a sombra e que foi preciso penetrar ata a raíz da dor e da cólera para poder reflexionar e dicir, para compartir. Parte da súa vida transcorreu baixo a chuvia allea, título dun libro escrito hai trinta anos en Roma e que agora presenta nunha nova edición na que os seus versos dialogan coa obra do pintor Carlos Alonso, tamén exiliado en Roma polos mesmos días. O exilio continúa coas perdas, di Gelman, aínda que un regrese ao país, porque son tantos os amigos desaparecidos…

A súa voz poética flúe coma un río, atopando lectores que aprenden os seus versos de memoria, que agasallan os seus libros, que o senten como algo propio. Palabra, a súa, a polinizar os territorios da ausencia. Palabra poética como furia de amor que abre os corredores abafantes, palabra da intemperie que nos acolle, corazón ou berce onde o amor disolve a dor en cartas que non escribirá. Porque, palabra de Gelman, dáse o que non se sabe que se dá, e recoñece, tamén, que o medo é do que está mudo.

“¿Por qué no me lo dice?”, responde cando invocamos os seus versos “Tomar distancia de la lucha del pueblo/ para entenderla mejor o verla mejor”, cando lle preguntamos cal é a loita hoxe?, cara onde podemos volver a ollada?, que nos queda?, e axiña recoñece que estraña o ardor do debate, a firmeza na defensa do que un cría xusto, que se daba na década dos setenta.

Evoca con emoción a José Ángel Valente que o axudou a conseguir traballo como tradutor, con quen mantivo relación de amizade ata o final e ao que lembra nunha dedicatoria colectiva no libro Eso. Gelman celebra o recoñecemento de escritor galego universal por parte da AELG, o que o fai ser máis arxentino, di con bo humor, admitindo o papel que Galicia xogou na construción do seu país de nacemento.

Juan Gelman naceu en Bos Aires en 1930. Na actualidade vive en México, país onde atopou o amor e o acougo.

JULIO CORTÁZAR E JOHN KEATS OU CANCIÓN DA VIDA

Este ano cúmprese o centenario do nacemento de Julio Cortázar. Será para agosto, o 26. Antes e despois serán moitos os xeitos de lembralo. De novo editaranse os seus libros e os libros escritos sobre el; haberá concertos de jazz e gravaranse discos cos temas que saen nas súas historias; inauguraranse exposicións; proxectaranse ciclos cinematográficos coas películas e curtametraxes baseadas na súa obra; desenvolverase programación cultural nun bo número de lugares do mundo con conferencias, recitais, mesas redondas. Galicia, a el vinculada e que custodia unha parte importante do seu legado, non será allea a esta celebración.

Eu levo varias semanas roldando arredor del, pois existe interese nunha nova edición daquel: Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar, que publicara no 2006. Será un libro novo, que incorporará novos datos que apareceron entre as cousas que aquí chegaron co legado fotográfico e que xa figuraban na edición castelán, pero non na galega. Quizais sexa outro o título e será outra a maquetación e o deseño de cuberta.

Repasando, volvín ao seu libro Imagen de John Keats, extraordinario texto arredor do poeta romántico inglés. Escribía eu en Respirar polo idioma, que este era seguramente o libro máis galego de Cortázar, non só por estar escrito no apartamento realquilado a Rafael Dieste e Carmen Múñoz, onde Cortázar vivía en 1949, e en ausencia destes, senón porque polas súas páxinas transitaban Eduardo Blanco Amor, Luís Seoane, Mariquiña Valle Inclán ou Lorenzo Varela.

Para min John Keats é voz poética fundamental. Na novela A casa dos encontros de Martin Amis, que ten versión galega de Eva Almazán, publicada por Galaxia, nun momento determinado desa longa carta que o protagonista escribe á súa media filla Venus, fálalle de novela e de poesía. Di, por exemplo, que a novela rusa compensa en parte a historia do país que pon os pelos de punta, pero sobre todo, e afirma que ao contrario da novela, a poesía inglesa non tolera o xuízo dos demais, xa que é un corpo poético que non se arreda ante ninguén e dalgún xeito envexa ter esa polis e esa poesía. Cando pasei por esa páxina da novela, pensei, inmediatamente en John Keats.

José Ángel Valente ocupouse del e traduciu dúas das súas odas, as dedicadas á melancolía e a da urna grega. A min a que máis me gusta é a do reiseñor e lamento non ter unha versión galega para compartir. Paréceme un poema extraordinario, dun Keats xa enfermo, pero aínda vital, que soña con vivir gozosamente, elevándose entre as árbores para xuntar a súa voz á do reiseñor, contrapoñendo a fugacidade dos desexos humanos coa eternidade da natureza. Os vinte ou vinte e cinco primeiros versos son marabillosos.

John escoitaba o reiseñor nos anoiteceres de Hampstead, e a súa oda nacerá do entresoño coma unha aperta ao circundante, a un mundo que o canto da ave sensibiliza, volve acorde total. A máis varia de todas, aberta sinfonicamente ao ámbito que John busca aprehender, esta oda é un resumo da xuventude ansiosa e feliz do poeta, triunfo da “desvelada angustia” antes do cercano outono. (Julio Cortázar. Imagen de John Keats. Páx. 314 da edición de Alfaguara de 1996).

Hai dous ou tres anos vin unha preciosa película, Bright Star, de Jane Campion, que narra os últimos anos da vida de Keats. A plasticidade da película recrea, en parte, eses primeiros versos. Obteño ese vídeo en You Tube, quizais elaborado por “santiagosss”. Non sei de quen é a tradución. As imaxes son fotogramas da película. Debaixo, para quen se atreva ou poida, vai o texto en inglés.

Ode to a Nightingale

My heart aches, and a drowsy numbness pains
My sense, as though of hemlock I had drunk,
Or emptied some dull opiate to the drains
         One minute past, and Lethe-wards had sunk:
‘Tis not through envy of thy happy lot,
         But being too happy in thine happiness,—
                That thou, light-winged Dryad of the trees
                        In some melodious plot
         Of beechen green, and shadows numberless,
                Singest of summer in full-throated ease.
O, for a draught of vintage! that hath been
         Cool’d a long age in the deep-delved earth,
Tasting of Flora and the country green,
         Dance, and Provençal song, and sunburnt mirth!
O for a beaker full of the warm South,
         Full of the true, the blushful Hippocrene,
                With beaded bubbles winking at the brim,
                        And purple-stained mouth;
         That I might drink, and leave the world unseen,
                And with thee fade away into the forest dim:
Fade far away, dissolve, and quite forget
         What thou among the leaves hast never known,
The weariness, the fever, and the fret
         Here, where men sit and hear each other groan;
Where palsy shakes a few, sad, last gray hairs,
         Where youth grows pale, and spectre-thin, and dies;
                Where but to think is to be full of sorrow
                        And leaden-eyed despairs,
         Where Beauty cannot keep her lustrous eyes,
                Or new Love pine at them beyond to-morrow.
Away! away! for I will fly to thee,
         Not charioted by Bacchus and his pards,
But on the viewless wings of Poesy,
         Though the dull brain perplexes and retards:
Already with thee! tender is the night,
         And haply the Queen-Moon is on her throne,
                Cluster’d around by all her starry Fays;
                        But here there is no light,
         Save what from heaven is with the breezes blown
                Through verdurous glooms and winding mossy ways.
I cannot see what flowers are at my feet,
         Nor what soft incense hangs upon the boughs,
But, in embalmed darkness, guess each sweet
         Wherewith the seasonable month endows
The grass, the thicket, and the fruit-tree wild;
         White hawthorn, and the pastoral eglantine;
                Fast fading violets cover’d up in leaves;
                        And mid-May’s eldest child,
         The coming musk-rose, full of dewy wine,
                The murmurous haunt of flies on summer eves.
Darkling I listen; and, for many a time
         I have been half in love with easeful Death,
Call’d him soft names in many a mused rhyme,
         To take into the air my quiet breath;
                Now more than ever seems it rich to die,
         To cease upon the midnight with no pain,
                While thou art pouring forth thy soul abroad
                        In such an ecstasy!
         Still wouldst thou sing, and I have ears in vain—
                   To thy high requiem become a sod.
Thou wast not born for death, immortal Bird!
         No hungry generations tread thee down;
The voice I hear this passing night was heard
         In ancient days by emperor and clown:
Perhaps the self-same song that found a path
         Through the sad heart of Ruth, when, sick for home,
                She stood in tears amid the alien corn;
                        The same that oft-times hath
         Charm’d magic casements, opening on the foam
                Of perilous seas, in faery lands forlorn.
Forlorn! the very word is like a bell
         To toll me back from thee to my sole self!
Adieu! the fancy cannot cheat so well
         As she is fam’d to do, deceiving elf.
Adieu! adieu! thy plaintive anthem fades
         Past the near meadows, over the still stream,
                Up the hill-side; and now ‘tis buried deep
                        In the next valley-glades:
         Was it a vision, or a waking dream?
                Fled is that music:—Do I wake or sleep?

ANTÓN TOVAR

Estes días, acompañando a Manuel Álvarez Torneiro, entrevistándoo para a revista Tempos Novos, compartindo con el e con Pepe Fernández Ferreiro, o café e o paseo das tardes, lembreime moito de Antón Tovar. Era Basilio Losada quen no limiar do libro de Torneiro As doazóns do incendio, falaba dos poetas amados, os disidentes, os raros, os que non entran no caixón das clasificacións e citaba a Antón Tovar, González Garcés, Luz Pozo, Eduardo Moreiras ou o propio Manuel.

Si, Antón Tovar, retratado aí arriba por Prego de Oliver, foi desa estirpe. Coñecino cando eu era rapaz que empezaba a mercar os seus propios libros. Sabía que era militante do partido comunista e, daquela, admirábao máis por iso que polos seus versos. Traballaba entón nunha pequena oficina na trasteira da libraría Tanco. Realmente, traballaba nun espazo interior, sen fiestras, que fora no seu tempo almacén de libros prohibidos. Alí fumaba e recibía entre libros e papeis, alí atopei eu o meu exemplar de El libro de las horas, de Vicente Risco, e outras varias xoias bibliográficas. Eu pasei moitas horas alí con el. Levaba a contabilidade da libraría durante media xornada e a outra media ocupábaa coa contabilidade do Ateneo. Cara o final da tarde paseaba con Tucha, a súa amada dos poemas, sempre polos arredores do parque de San Lázaro e eu, moitas veces, falaba con eles na esquina da miña casa. Penso que, daquela, aínda tiñan o can ao que Tovar lle dedicou varios poemas. Coincidimos unha vez na Coruña, cando o convidaron a participar nunha festa da poesía o día inaugural de primavera, alá polo ano 1983 ou 1984. Amosábase anoxado porque o recital era nunha discoteca, baixo a esfera de espellos e coa luz que transformaba o branco en azul, pero tamén estaba feliz por estar entre tantos amigos. Visiteino na casa onde vivía, n barrio de San Francisco de Ourense, xa contra o final, cando dicía de si mesmo que era un vello revoltado, tal e como recolleu no título do diario que lle publico a editorial Galaxia. Ás veces, cando o lembro, volvo aos seus versos. Deles ocupouse Marcos Valcárcel, quen fixo unha magnífica edición publicada polo PEN Club de Galicia. Este poema que segue, corresponde ao libro Calados esconxuros e chámame a atención porque case ten que ver coas crebas:

BUGALLO

Coma a buguina que se atopa
na veiramar perdida,
pegada eterna na que canta a onda
inmensa do universo,
así no colo da montaña
canta o meu carrabouxo,
buguina alta de terra
no que han de cantar sempre cara a min
os vellos e paganos deuses fusilados. 

Escribín varios textos sobre el, un deles foi publicado por El Ideal Gallego, o 4 de xaneiro de 1991. Titulábase: “Antón Tovar, unha voz contra o esquecemento” e aquí o deixo, picado de novo, logo de atopar de casualidade o recorte do xornal, buscando outras cousas no zapateiro dun armario que teño por arquivo. Quizais calquera día destes me anime e copie o outro que conservo en folio, escrito a máquina, nun tempo no que aínda non chegara o ordenador ás nosas vidas. 

Palabra, miga de pan baixo os meus dedos, e resultou que si, que para Tovar a palabra, o verso, foron sempre algo tan necesario e, ao mesmo tempo, tan cotián coma o propio pan. É Antón Tovar un poeta por necesidade, marcado polo signo da lucidez que o condenou a sufrir un pesimismo para el inevitable, moi en consonancia coa filosofía existencial que case sempre agroma nos seus textos.

Escritor serodio, bo coñecedor da filosofía e tamén el pensador, como ten demostrado non só nos seus versos, senón, e sobre todo, na súa obra en prosa, en particular no Diario sen datas, libro fundamental para coñecer ao autor. Antón Tovar, aínda que controvertido no seu propio país, a pesar da súa proximidade -ou quizais por iso- a D. Vicente Risco, xa era recoñecido e celebrado alén das nosas ás veces insalvables fronteiras, no principiar da década dos 70, tal e como demostra o feito de ser invitado polo goberno mexicano á homenaxe tributada naquel país a León Felipe no ano 1973. Xa para entón publicara obra en castelán, velaí El tren y las cosas, que destaca sobre os outros traballos nesa lingua e La Lanzada, no que inclúe algúns poemas en galego. Tovar chegará ao monolingüismo logo do libro NON, se ben con anterioridade dera ao prelo o poemario Arredores.

A chegada ao idioma ten en Antón Tovar as características dunha revelación e dunha iniciación. Trátase dun redescubrimento da lingua, pequena patria das palabras, dirá da fala do seu pobo, daquela que sufrira o desprezo dos seus pais: lingua que rexeitaron os meus pais, confesará. Esta iniciación rematará por se converter en amor e, dese xeito, el que abandonara o noviciado, entregarase relixiosamente á redescuberta da fala, exercicio que rematará co libro Calados esconxuros, merecente do premio da Crítica no ano 1981, libro singular na nosa literatura, dunha extraordinaria riqueza verbal, sen traizoar por iso as que son constantes poéticas súas.

Hai en Tovar, como en tantos de nós, unha aparente contradición. Home de vida gris e camiñar fuxidío por ese labirinto existencial que é Ourense, a súa actitude vital e xesto físico convidan a imaxinalo pusilánime, débil, aínda que quizais sexa el mesmo quen alimenta esa imaxe, verbalizando a súa angustia e os seus medos. E, porén, Tovar é un home dun grao de coherencia tal, tan consecuente no compromiso e tan firme nos principios, que toda idea preconcibida en relación co seu carácter fica en suspenso, xa que, ademais, é consecuente dende a dor, non dende a forza.

En calquera caso, estamos diante dun home de intimidade, de silencios, de ollar esquivo e murmurios no fuxir da tarde.

Antón Tovar é o poeta das cousas sinxelas, do devir diario das horas, da infancia, dos seres queridos, dos animais domésticos, dos silencios e das ansias, mais tamén, é escritor de preguntas, desas terribles preguntas sen resposta, do amor, dese amor que coma o sol sae todos os días sen barullo, sen excesos de paixón, pero quentando e confortando o ánimo ferido e,tamén, alimentando a contradición á que antes me refería, porque Tovar é, tamén, o poeta civil capaz de berrar NON! E de se proclamar revolucionario.

Quizais por deformación e tendencia a simplificar as cousas, sempre sentín a tentación de pensar en dous poetas ourensáns próximos en canto a xeración de pertenza e, sen embargo, tan distintos, tentación gratuíta que non supón comparación, que só pretende unha reflexión. José Ángel Valente, rexeitando o mundo monocorde e gris da provincia e marchando para non regresar máis que de paso e Antón Tovar, o home que se afunde na mediocridade, na tristura dunha pequena cidade preñada de miseria, esquecida e marxinada do resto do país, pero tamén o home que dende ese horizonte pechado e escuro, reaccionou afondando en si mesmo, naquilo que o rodea, dándolle a cada pequeno intre, a cada afecto, o irrenunciable valor humano que teñen.

Sei, non obstante, que Antón Tovar, tal e como acontece coa cidade na que habita, ten sufrido esquecementos, crueis as máis das veces, inxustos sempre. Tenos padecido en silencio, coa resignación do crucificado (por empregar unha imaxe súa). Esquecemento contra o que teñen clamado amigos e lectores e que, quizais, (e estou a formular un desexo), fique para sempre vencido polo recoñecemento que supón o outorgamento do premio Losada Diéguez, que nesta edición, no apartado de creación, correspondeulle ao noso poeta, polo seu libro Berros en voz baixa.

 

SEAMUS HEANEY

Seamus Heaney

Seamus Heaney

O venres da semana pasada chegábanos a noticia do pasamento do poeta irlandés e premio Nobel de literatura Seamus Heaney. Sabiamos dende hai tempo da súa enfermidade. Heaney fora nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, o 28 de xuño de 2000. Intensa relación con el mantiña o profesor Raul de Toro Santos, autor da antoloxía Poesía Irlandesa Contemporánea, publicada en 1999 por Espiral Maior.

Heaney mantiña con Galicia unha singular relación. No seu discurso, o día do nomeamento como Doutor Honoris Causa, falaba el dos vellos vínculos entre Galicia e Irlanda e dicía: Dende neno, dúas das miñas verbas preferidas foron Fisterra e Biscaia. Estas verbas repetíronse vegada tras vegada na radio, a todas as horas, día e noite; eran elementos constantes nas predicións do tempo e advertencias de temporais retransmitidos ppar os barcos no mar. E aínda engadía: Fisterra, que significa “a fin da terra”. Mais a fin da terra só se miraba dende o punto de vista dos que falaban a lingua latina e vivían no centro do mundo coñecido, e foron os primeiros en chamalo finis terrae. Visto dende Irlanda, por exemplo, Galicia non é a fin da terra, se non o seu comezo, a primeira terra que atopamos mentres o globo describe unha curva cara o sur, afastándose de nós cara África e a liña do Ecuador.

É posible ler parte da obra de Seamus Heaney en galego. Amais dos poemas que figuran na antoloxía de Raúl de Toro, está a tradución do libro Traballo de campo, que Vicente Araguas fixo en 1996 e tamén a obra teatral A cura en Troia, tradución de Manuel Outeiriño de 1998.

Quizais foi Fernando Pérez-Barreiro Nolla, quen primeiro escribiu aquí sobre el, en artigo enviado dende Londres para o Caderno de Cultura de La Voz de Galicia, publicado o 18 de abril de 1985. Hoxe, aquel artigo pódese ler nas memorias de Fernando publicadas este mesmo ano por Edicións Xerais, co título Amada liberdade. Xa Fernando facía referencia a varias das características de Heaney, destacadas estes días: a súa pertenza a dúas realidades culturais, coma Yeats, xa que sendo fondamente irlandés, escribe en inglés; a súa capacidade de harmonizar intelixencia e sentimento e a sabedoría que lle permite ser lírico, sen deixar de prestar atención ás cousas que pasan, de xeito que non satisfacendo a ninguén, en aparencia, finalmente cando o río da Historia, que nunca para, nos leva a pasarmos por diante doutras ribeiras e doutros templos, só fica a voz do poeta que rexeitou o conforto fácil das garatuxas dos beatos da hora, escribía Fernando.

Between my finger and my thumb
The squat pen rests.
I’ll dig with it.
Entre o meu indicador e o polgar
descansa a pluma gastada.
Cavarei con ela.

Cavar coa pluma, iso propoñía no poema Digging do seu primeiro libro Death of a Naturalist, de 1966, no que fai un símil entre o oficio de escribir e o da cavar do pai e do avó, comprometéndose a escribir coa mesma mestría coa que eles cavaban a terra e a turba.

Nos últimos anos, máis alá dos seus versos, a min moito me acompañou e enriqueceu o libro Al buen entendedor -ensayos escogidos- textos seleccionados y traducidos por Pura López Colomé e publicado en 2006 polo Fondo de Cultura Económica, con singulares reflexións sobre o oficio de tradutor, pero, tamén, sobre poetas irlandeses e galeses, entre eles Yeats e Dylan Thomas. O libro inclúe o discurso de aceptación do premio Nobel en 1995. O último libro que lin del foi Distrito y Circular, publicado na colección Visor de Poesía.

Durante as semanas que pasei en Dublín no ano 2010, fun varias veces á Biblioteca Nacional. Había alí unha gran exposición sobre W.B. Yeats, con imaxes que acompañaban a voz de Yeats recitando os seus versos e, tamén, os que recitaban outros escritores e actores irlandeses, entre eles Heaney. Porén, o vestíbulo acollía unha exposición pequena, arrombada contra a parede, na que non era doado reparar. Nela preguntábase a autores do mundo cal era o seu poema preferido de entre todos os que dan corpo á poesía universal. O material expositivo eran as cartas de resposta dos autores e os poemas elixidos por cada un.

Heaney respondía, en carta manuscrita, que para el o poema que máis o emocionaba e que máis o desacougaba era Cuchulain Comforted (Cuchulain Consolado), acaso o último que escribiu Yeats, no que este fala da intuición da morte por parte do heroe seis veces ferido, intuición que podía expresar o que  el mesmo sentía. Dende entón lin moitas veces este poema e procurei traducións diferentes. Os últimos versos din así:

“Now must we sing and sing the best we can
But first you must be told our character:
Convicted cowards all by kindred slain
Or driven from home and left to die in fear” 
They sang, but had nor human tunes nor words,
Trough all was done in common as before,
They had changed their throats and had the throats of birds.

A tradución ao castelán de Antonio Rivero Taravillo sería:

“Ahora debemos cantar lo mejor que sepamos,
pero antes debes saber quiénes somos:
todos cobardes condenados, asesinados por parientes
o expulsados de casa y abandonados a morir de miedo”.
Cantaron, pero sin melodías ni palabras humanas,
aunque todo se hizo en común como antes;
habían cambiado sus gargantas y ahora eran gargantas de pájaros.

Probablemente non está moi lonxe esta imaxe, daquela escrita por José Ángel Valente, tamén nun dos seus últimos poemas: Cima del canto. El ruiseñor y tú ya sois lo mismo.

Penso que tamén a voz de Seamus Heaney se transformou en canto de paxaro o pasado venres.