MONTE PINDO: VELLAS IMAXES, RELATOS DA MEMORIA

Estiven o venres en Guitiriz, participando no curso de verán A paisaxe como patrimonio, que cada ano a Universidade de Santiago de Compostela alí convoca, curso organizado por Roxelio Pérez Moreira e F. Javier López González. Non era a primeira vez que participaba, xa estivera noutra edición anterior falando das paisaxes do solpor. Nesta ocasión a miña intervención tiña o título de: Monte Pindo, símbolo e identidade.

Buscando imaxes para ilustrar a charla, atopei estas do arquivo de Maribel Longueira. Son do ano 1982. Na primeira vemos a Fernando Alonso Romero con Xan Louro, na segunda Maribel e Luis Monteagudo conversan con ese home ao que debemos boa parte do coñecemento que temos do Monte.

Xan Louro con Fernando Alonso Romero

Xan Louro con Luis Monteagudo e Maribel Longueira

Xan Louro foi compañía xenerosa daquel tempo. Coñecedor de cada recuncho do Monte, da súa microtoponimia, gozaba subindo a el e contando o que sabía. Foi el quen atopou a vasilla medieval, hoxe depositada no Museo do Pobo Galego. Foi el quen amosou algunhas das covas onde procuraban agocho os fuxidos ao Pedregal, logo do levantamento militar do 18 de xullo de 1936. Hoxe conmemóranse 80 anos daquel feito.

Entre os seus moitos valores, o Monte Pindo tamén atesoura o de ser referencia da memoria silenciada. Foron moitos os homes que alí atoparon refuxio, moitas as mulleres castigadas por axudar a maridos, irmáns, noivos ou fillos. Alí buscou refuxio Manuel Rodríguez Louro, o preso 4148 de Mathausen, que o 16 de setembro de 1941 sería asasinado no castelo de Hartheim, instalación anexa ao campo onde se experimentaba con métodos que asegurasen acadar de maneira rápida a “solución final”.

Nunca teremos palabras abondas, nin tempo, para restituír a memoria dos vencidos. Pero tampouco teremos acougo se non o intentamos.

 

MURALLAS NO PINDO

Onte volvín ao Monte Pindo con Fernando Alonso Romero. Cantas veces teremos subido xuntos, unhas veces por camiños, outras agatuñando polas penedas ou seguindo os cursos da auga? Máis de trinta anos compartindo esta paixón. Eu recoñezo a débeda que teño con el, porque de Fernando aprendín case todo o que sei do Monte.

Fernando

Nesta ocasión o obxectivo era ver os muros que observaramos dende un outeiro, cando en febreiro subimos a ver a inscrición da Moa.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/wp-admin/post.php?post=2829&action=edit

Tomamos o camiño de Fieiro, en día de sol, limpo e luminoso, aínda que con algo de nordés. Preto xa da Moa, deixamos o carreiro e dende o outeiro descendemos cara as murallas que, noutro tempo, pecharon os accesos ao cumio do monte.

Muralla 3

Son varios os treitos que se conservan, non todos en bo estado, pero hai un que dá a dimensión exacta do valor que tiveron. Dobre fileira de grandes pedras, cada unha de varios centos de quilos, reenchida no centro con pedra miúda. Todos estes panos de muro pechan o monte pola cara leste-sur, polo que concluímos que a orografía e os castelos de Carnota, San Xurxo e Penafiel serían elementos defensivos suficientes para defender o acceso polo oeste e polo norte. Porque non podemos entender estas construcións se non é dende unha perspectiva de defender e facer inaccesible o corazón do Monte.

Muralla 2

Foi necesaria moita xente e sentir moito medo, para construír estes muros, dixo Fernando nun momento; comentario que me conmoveu e intrigou, disparando a imaxinación. Ao cabo, a falta de estudo dos valores patrimoniais do monte e a indiferenza que suscita en certos poderes públicos galegos, impiden que poidamos comprender cal foi o seu valor, cal a súa importancia nun momento histórico que tampouco podemos precisar. Dicir, se acaso, que este xeito de construír está documentado na Idade do Bronce, tanto en Galicia como nas Illas Británicas.

O val 2

Volveremos. Ollando dende os muros, cara o alto, pechado entre grandes outeiros de acceso difícil, está o val onde nace o Vadebois. Ese será o seguinte obxectivo.

MONTE PINDO VELLA INSCRICIÓN

Subimos outra volta ao Monte Pindo. A intención era ver esa inscrición que apareceu hai poucas semanas no espazo da capela da Moa. Fomos Fernando Alonso Romero, María Tilve, Lino Lema, as dúas cadelas: Xida e Torga e eu. O nome de Xida provén da Arxina, a lingua dos canteiros de Pontevedra, que canteiro foi o avó de María, e significa: bonita, fermosa, boa, e así é ela. Saímos tarde e subimos pola cara interior, dende Fieiro. Faltaban dous minutos para as 12 cando empezamos a camiñar.

O lugar dos encantos

O lugar dos encantos

O día estaba bo, sen frío, só unha néboa inconstante nos amolaba ás veces, pero nunca nos impediu ter visibilidade abonda como para continuar a ascensión. Ao pasar, Fernando recoñeceu un lugar no que, hai moitos anos, Xan Louro lle contou que era un dos espazos onde sucedían os encantos, aquilo de que unha fada, cos cabelos rubios e peite de ouro, senta nunha pedra, peitea o pelo e agarda que pase alguén por ver se a desencanta. Malia estar dispostos a intentalo, non apareceu.

Cabaña ao pé da Moa

Cabaña ao pé da Moa

A inscrición está difícil de ver, no chan, moi lonxe do lugar onde nós buscabamos. NoCoviña forno moa esforzo por atopala demos coa vellaxa recollida no seu día por Barreiro Barral, e outra nunha das pedras amoreadas na ruína do que foi capela. Xantamos e decidimos subir á Moa, por ver de distanciarnos e que a procura non se volvese obsesión, coa idea de regresar para seguir buscando o que era motivo da excursión. Dende arriba chamei a Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, quen nos deu instrucións sobre onde podiamos vela.

A visión dende arriba era fermosa, na mestura de sol e brétema que a paisaxe conxugaba. Tamén paramos nun perímetro de pedra, que Fernando e Luis Monteagudo consideraron sempre un dos vestixios de primeira vivenda do home, nun tempo antigo, difícil de precisar sen escavación.

Panorámica dende a Moa

Panorámica dende a Moa

Forno da MoaRegresamos e buscamos con afán e teimudos, agora tomando como referencia o Forno da Moa, esa pequena gruta onde se pensou sempre que habitou un ermitán nos primeiros tempos do cristianismo na vella Gallaecia. Atopamos unha coviña que non viramos antes, pero a inscrición seguía sen aparecer. Por fin deu con ela Fernando. A auga da chuvia sobre a pedra e a néboa que eliminaba a sombra dos relevos, dificultaban moito a visión. Complicado recollela en foto, non na memoria. Tomamos, iso si, nota dos elementos que a forman e medímola.

Pedra da inscrición

Pedra da inscrición

Na baixada  atopamos muros que non viramos noutras ocasións e outros restos de cabanas, un deles que debeu ser importante, con casa rectangular e outras máis pequenas que deberon ser cortes.

Conxunto cabana e cortes

Conxunto cabana e cortes

Chegamos aos coches ás seis da tarde, logo de 6 horas camiñando. Por entre os fíos de néboa vimos asomar a lúa.

As nosas compañeiras, respectando o almorzo

As nosas compañeiras, respectando o almorzo

Exploradores con Xida, ao pé dun dos muros.

Exploradores con Xida, ao pé dun dos muros.

(Todas as fotografías son miñas, agás esta última dos exploradores, que é de Lino Lema)

DE VOLTA NO POZO NEGRO

Hoxe volvín con Fernando Alonso Romero ao Pozo Negro. Era compromiso adquirido dende a última visita recollida no artigo publicado o 4 de novembro: http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/11/04/outra-vez-no-pozo-negro/

Nesta ocasión acompañounos Xacobe Meléndrez. A idea de Fernando era subir polo curso de río Vadebois, o río que nace no alto do Monte Pindo, e chegar ata preto de Cima da Arca, por ver se había algún outro pozo, diferente do Pozo 2que atoparamos nas dúas últimas visitas, e que puidera ser candidato mellor a figurar nun artigo próximo de Fernando como o lugar da lenda que el analiza e que recolleu hai anos. Nos mapas dan o Pozo Negro á beira dun muíño, así sucede no mapa de 1945, onde ademais lle engade o substantivo “Fuente”. Pero Fernando desconfía dos mapas, considera que, ás veces, a localización dun lugar non é exacta ou tan precisa como sería desexable. Camiñamos polas pedras, pasando dunha beira á outra do río, durante case unha hora ePozo 3 fomos atopando moitos pozos, pero ningún da dimensión e da fondura do que está situado xusto á beira do muíño dos mapas, do que só quedan as ruínas. Algúns deses pozos son estes que se ven nestas imaxes tomadas por min.

A conclusión dos tres é que ten que ser o que consideramos dende o principio, porque, ademais, se tiña o rito que contaban, necesitaría ter auga abonda no inverno e no verán e canto máis arriba, menos auga, xa que no tramo que onte camiñamos, deixamos atrás tres regatos que aumentan o caudal do Vadebois.

Mapa Pozo negro

Bañámonos no Pozo. Día 6 de decembro e bañándonos no río, sen frío. De certo, algo está a cambiar. Xacobe, empoleirado á parede do muíño e logo do baño, fíxonos esta foto tan fermosa a Fernando e a min, á beira do Pozo Negro.

Con Fernando no pozo

Citar, para engadir ao censo de seres vivos do Monte, que atopamos un exemplar de Chioglossa lusitánica, ou salamántiga rabilonga, endémica do norte de Portugal e de Galicia, animaliño que aquí vedes entre as mans de Xacobe, tisnadas de tanto pelexar con xestas e piñeiros queimados.

Tritón Vadebois

OUTRA VEZ NO POZO NEGRO

O domingo volvín con Fernando Alonso Romero ao Pozo Negro, ese lugar situado río Vadebois arriba, na confluencia entre a canle principal que descende dende o alto do Monte Pindo cun regato que baixa dende a zona situada por debaixo dos viraventos.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/03/16/cadoiro-do-xallas/

Segundo o Diccionario dos seres míticos galegos, o Pozo Peago, Piago, Pozo do Inferno, Boca do Inferno, Pozo Mouro, Pego Negro e demais nomes, son pozos negros, fondos, perigosos que hai nos ríos e nas lagoas. Son entradas dos Inferno, que o demo usa como trampa, para facer caer nelas a todo o que se aproxime, ata á mesmísima Virxe María. Pero xa sabemos que o demo perde sempre.Pozo Negro 3

Será porque sabemos iso, que a Fernando e a min nos dá por nos bañar nel, ou neles, sempre que imos, porque agora temos debate sobre cal pode ser o que buscamos e que tan claro aparece sinalado na cartografía dende mediados do pasado século. Tamén nos bañamos este domingo.

Pozo Negro 2

Eu pensaba que o noso Pozo sería aquel da canle de pedra, que xa descubriramos na visita anterior e que vimos de novo agora, con menos auga, o que nos permitiu observar como continúa a canle entre a vexetación e, tamén, a sección interrompida caída no fondo do pozo, tal e como creo que se aprecia nas fotografías. Fernando pensa que o Pozo é o de algo máis arriba, xunto a unha pequena fervenza, pero agora considera que debemos indagar moito máis, que pode haber outras confluencias con pozos de máis fondura. Por aquí agatuñamos xa unha vez cando eramos novos. Hoxe preguntábame se aínda tería dentro de min azos e enerxía xuvenil para repetir aquela aventura de hai vinte ano. Díxenlle que si.

Pozo Negro 1

El recolleu tradición oral nos anos setenta. Dime que a lenda que escoitou sobre o Pozo Negro, contoulla un montañeiro de Vigo chamado Constancio Veiga González e di así: No Pozo Negro hai unha señora que a través dun túnel nos leva ata o mar. Breve, pero Fernando non dubida na interpretación, pois considera que a “señora” é unha moura. Moura e túnel é lenda que se repite nos castros. No caso dos Profundos do Monte Louro, o túnel tamén comunica co mar. Trataríase dunha comunicación co Máis Alá onde nos conduce unha corrente fluvial. Neste caso, como no do Monte Louro, a lenda é máis interesante, pois o destino marítimo do túnel indica unha dirección cara a afastada illa do Paraíso, das crenzas celtas atlánticas.

O autor das imaxes é el, Fernando, o meu amigo de tantas exploracións.

ARTE E NATUREZA

Fin de semana intensa. Antón Sobral convocou, como cada setembro, un encontro de Arte e Natureza que xa é tradicional, á beira do faro de Lariño. Porén, nesta ocasión, contando co albergue de Portaventosa, ampliou o número de participantes, integrando o albergue non só como lugar de durmir, senón como base de operacións. Nel foron as ceas e os xantares, os versos, os cantos e os solpores na terraza.

O Pedregal

Moita xente, penso que o encontro máis numeroso de entre os que eu asistín. O eixo ou elemento transversal deste ano respondía a unha proposta miña do ano pasado, de traballar arredor dos petróglifos de Carnota, por ser eles exemplo de intervención, non sei se artística, relixiosa ou invocadora, pero en calquera caso, cun valor simbólico e tamén estético indubidable.

Na laxe da escrita

Alá fomos a mañá do sábado a visitar a Laxe da escrita, ese que mestura círculos e coviñas da idade do bronce, con cruces medievais, barcos de varias épocas, pero non fenicios, como rezaba ata hai pouco un cartel situado á beira da pista, e logo outros símbolos, cruces inscritas en círculos, de suco feito con ferro non hai moito tempo. Quen traballo aí foi Sole Pite. Quedamos ela e máis eu alí, á beira da gran laxe, sacou o papel, estirouno, colocou pinceis e acuarelas e nun momento recolleu a alma da laxe.

Sole Petroglifo

Contra o serán subimos ao Filladuiro. Sempre é unha emoción volver a contemplar este enigma gravado na pel da pedra, que esa referencia de enigma e pel tomamos para darlle titulo ao libro que sobre el publicamos Fernando Alonso Romero, Maribel Longueira e eu, edición incluída na serie Keltia da editorial Toxosoutos. .

Filladuiro

Ao día seguinte, 17 dos participantes subimos á Moa, o cumio do Pedreghal ou Monte Pindo. Día marabilloso, de sol pero sen calor, sen vento e cunha limpeza do aire que nos permitiu contemplar o mundo máis alá dos límites da vista. Penso que de todas as veces que subín, e irán medio cento, nunca vira dende o alto unha panorámica tan formidable. Vimos moitos paxaros e iso alegroume, regresa a vida ao territorio queimado. Preto do Chan de Lourenzo levantamos unha perdiz. Vimos, tamén, o carballo anano, tamén coñecido como Añón ou caxigo, nesta foto de Manuel Hermida estou á beira do que medra xunto á pista en Chan de Lamas.

A beira do carballo anano

Maribel exerceu de cociñeira e foi quen de dúas ceas e dous xantares, para unha media de 25 persoas. Como camareiro tivemos a axuda de Emilio, quen cantou cando cantamos todos e, tamén, como di el, a capela. Entregado, fíxonos rir.

Así rematou a fin de semana:

Solpor.2A foto primeira do Pedregal, a do grupo na Laxe da escrita e a do caraballo anano, son de  Manuel Hermida. A da acuarela de Sole supoño que é dela. As outras dúas, nótase ben, son miñas.

VADEBOIS

O significado de Vadebois, o nome do río que descende do Monte Pindo e que xunto co Laradas forma a Boca do río e dá lugar á Berberecheira, ou marisma de Caldebarcos, é o mesmo que o de Oxford, o paso dos bois.

Pozo Negro

Pozo Negro

Levaba un tempo obsesionado Fernando Alonso Romero coa idea de nos achegar o máis posible ás fontes do Vadebois, porque hai máis de trinta anos, un vello informante faloulle da existencia dun pozo no cauce, ao que chamaban Pozo do inferno ou Pozo negro, con historia de fada ou xacia encantadora, incluida.

Despois do año e sen xacia

Despois do año e sen xacia

Xa fixeramos un intento de localización do pozo o ano pasado, pero foi o sábado pasado cando cremos que demos con el, ou iso pensamos. Abaixo vai unha ligazón para poder acceder á imaxe de sátelite do territorio ao que me refiro. Pódese apreciar a canle do río, á esquerda un muíño abandonado e un punto onde o río se bifurca. As fontes do Vadebois estarían na parte alta do Monte, seguindo o ramal esquerdo, que baixa dende Cima da arca.

https://www.google.es/maps/place/15293+Carnota,+A+Coru%C3%B1a/@42.8800465,-9.0953078,274m/data=!3m1!1e3!4m2!3m1!1s0xd2ed611be80a81d:0x52c50a89adb9edbe

Entre o muíño e a bifurcación atopamos dous pozos. Bañámonos no primeiro, preto do muíño, pensando que sería ese o da lenda e invocamos á xacia, dispostos a nos deixar encantar, pero non apareceu. Logo, na casa, Fernando decidiría que seguramente o pozo é o segundo, situado algo máis arriba. Alí, no arranque da vertente que se precipita dende o monte, vimos esta canle tallada no medio do cauce, na rocha que é leito das augas. Cal era a súa función? Un misterio máis deste espazo que sempre nos emociona e nos sorprende.

Canle de pedra na pedra

Canle de pedra na pedra

 

RESPOSTA DE REI

Amigas e amigos que entrades habitualmente neste espazo:

Quizais lembrades que o día 14 de novembro publicaba aquí a carta enviada ao Rei o día 3, recibida no pazo da Zarzuela o día 6 daquel mesmo mes.

Agora, tres meses despois, recibo resposta, que tamén quero compartir convosco.

Hai unha literatura particular, un xeito de escribir cartas de resposta ás persoas que se dirixen ás institucións. Eu mesmo, durante algúns períodos da miña vida laboral, exercín ese oficio de escribidor apócrifo. Este non é o caso, porque Emilio Tomé de la Vega ten competencia como Xefe do Gabinete de Planificación e Coordinación, pero si hai unha cuestión de estilo que sempre se repite e que ten como eixo central do argumento a “remisión”.

Non agardaba moito desta iniciativa, pero sei, tamén, que finalmente nada cae absolutamente en saco roto. Lembro moitas veces aquilo que dicía Lenin, de que unha mosca non pode parar un tren, pero si incordiar ao maquinista. Pois iso. Deixo a carta de resposta, coa esperanza de que sexa unha testemuña máis, sumada ás moitas que hai en relación con esa necesidade urxente de exhumar e dar acougo ás víctimas da represión franquista. Conto logo conto unha anécdota, creo que graciosa, sobre o oficio de “negro”.

Carta SMR

Vai agora a anécdota. No ano 1996 a Consellería de Pesca e Acuicultura publicaba o libro Crenzas e tradicións dos pescadores galegos, británicos e bretóns, de Fernando Alonso Romero. Fernando pedírame que lle escribira un prólogo, cousa que fixen con gusto, tentando dar o mellor de min, non só pola amizade que nos une, senón tamén, e sobre todo, porque o libro me parecía unha aventura fascinante.

Daquela era Conselleiro o tamén amigo Juan Caamaño Cebreiro. Un día chamoume ao despacho para pedirme que escribise o prólogo institucional do libro. “Pero Juan, se xa escribín un que me pediu Fernando”, respondín. “Pois escribes outro”, contestou el. Eu aínda tentei zafar asegurando que o meu corazón estaba posto no primeiro e que calquera cousa que engadise sería falsa e carente de emoción. El retrucou afirmando que eu si podía escribir dous textos sobre o mesmo libro, que non dubidaba de min e que non había máis que falar.

Escribín o segundo prólogo, que é o primeiro dos dous que aparecen no libro, asinado por Juan. Aos poucos días da presentación, un deán da catedral, de quen non lembro o nome, publicaba un artigo en El correo gallego, saudando e celebrando a publicación do libro e ensalzando o fermoso prólogo do Conselleiro. Nada dicía, porén, do prólogo do prologuista.

Así de ingrato é o duro oficio do negro literario.

RAMÓN PARADA JUSTEL (II)

Mañá presento no Museo de Belas Artes da Coruña o libro O soño galego de Julio Cortázar, publicado pola editorial Linteo e do que xa din conta nunha entrada anterior. Esta será a primeira presentación, aínda dentro do ano Cortázar, as seguintes virán en xaneiro.

Parada Justel. Coruña

Teño preparada unha presentación con imaxes e hoxe pola tarde, quedei con Manuel Mosquera para probar se todo funcionaba correctamente, dende o punto de vista técnico. Cando cheguei, dixéronme que el avisara do posible atraso duns minutos. Aproveitei e subín á sala 5, do terceiro andar, que alberga a pintura galega do século XIX. Sabía que por alí tiñan que estar os cadros de Ovidio Murguía Castro e de Jenaro Carrera Fernández, membros con Ramón Parada Justel e Xaquín Vaamonde Cornide, da Xerazón Doente. Efectivamente, os cadros están alí. O que non sabía é que tiñan tamén en depósito, cedidas polo Museo Arqueolóxico de Ourense, dúas obras de Parada Justel, tituladas: O tempo, aplicación e emulación A Maja.

Maja Parada Justel

O primeiro é difícil de apreciar e necesita unha restauración urxente. Deixo aquí imaxe dos dous, como complemento da exposición que estes días pode verse en Ourense e da entrada de onte.

P.D. curiosa. Leo o último libro de Fernando Alonso Romero, San Mamed, origen precristiano y significado del culto, publicado por Andavira Editora. Nel, Fernando conta que Conde Valvís descubriu na ermida do Santo, na serra que leva o seu nome, unha lauda visigoda e cita: “pero se la llevó la familia Parada Justel, propietaria del terreno; posteriormente se perdió y se ignora el paradero”.

MONTE PINDO: PETRÓGLIFOS E LOBO

Os aguillóns e o Outeiro do NarizMagnífica excursión a de hoxe ao Monte Pindo. Só chegamos a Chan de Lamas, dende os muíños de Vadebois, pero foron cinco horas fermosas e intensas. A expedición estaba formada pola autoridade de Fernando Alonso Romero; a alegría de Violeta, Gabriel; os pais Inma, Xacobe, e logo Maribel e eu. Canto máis subo con Fernando ao Monte máis me afirmo na idea de que poucos o coñecen coma el e poucos, tamén, teñen unha concepción tan clara da súa complexidade antropolóxica e arqueolóxica.

Choveunos en varios momentos. Chuviscas frías nun ceo que cambiaba entre o escuro ameazador e os máis fermosos arcos da vella. Moitas sorpresas. A primeira, a observación de varias pegadas de lobo. Falaba o outro día con Mario Maceiras e dicíame el que xa se observaba a recuperación de especies no Pedregal, o regreso da vida, logo de tanta morte. Nós hoxe vimos paxaros, se cadra lavercas e escribentas, pero, sobre todo, vimos as pegadas do lobo, de corzo e quizais furón. Tamén de xabarín. Esta imaxe é particularmente interesante porque nela, amais dos pneumáticos, vense claramente dúas de lobo, pata dianteira e traseira, a do corzo e a do outro animal pequeno, acaso mustélido. A observación das pegadas confirma o que me contou Mario o pasado sábado, de que se vira un lobo.

As pegadas son en Chan de Lamas. Do lobo xa viramos outras antes, na pista que ascende dende as alvarizas, claras, pero máis castigadas pola chuvia e menos marcadas. Máis adiante puidemos apreciar unha secuencia longa das do corzo.

Pegadas

Calzada CurrusalPero ademais, logo de xantar en Onde se adora, xa de regreso, no Camiño do Currusal, preto da calzada que nalgún tramo aínda se amosa impresionante, vimos de novo, grazas a Fernando e logo de tantos anos, vinte e cinco, quizais, o petróglifo tantas veces buscado por min e  nunca atopado, para amosarllo a César Cambeiro e a Belén Campos, de Xurde Caldebarcos. O petróglifo, situado nunha peneda, no outeiro do Currusal, está composto de varias coviñas, dous conxuntos de podomorfos, con dous pés paralelos cada un, un grupo orientado exactamente na dirección leste-oeste e o outro, tamén con exactitude, na norte-sur. Hai tamén unha cruz, seguramente medieval e varias formas de difícil identificación.

Cruz Currusal

Podomorfos e cociñas

O día foinos axudando, esquivando os chuvascos máis fortes ata chegar aos coches, pero antes ofreceunos unha visión plena da Berberecheira, que nestes días de lúa enche ata o límite e que baixo a luz da tarde víase así,

Berberecheira