FEMIA PARDA DE CUCO

É será cuco ou cuca? Foi o sábado pola tarde, entre sete e sete e media. Paseaba eu logo da chuvia pola tras duna de Carnota, por onde poñen os niños os pirlos, cando diante de min, e dende o chan, ergueu o voo un paxaro grande. Conseguín enfocalo cos prismáticos e seguilo no voo circular que deu ao meu arredor. Foi pousar douscentos metros cara o sur, aínda na tras duna. Quedara plácida a tarde, entre claros e nubes, cun ventiño do sudoeste. Achegueime a modo ao lugar onde a vira pousar, reptei ata me situar na parte superior dunha duna toda cuberta de vexetación e observeina. Ergueu de novo o voo e foise máis alá. Fun detrás e repetimos o xogo. Esta vez fuxiu e perdina entre a vexetación que limita a marisma.

Pensaba eu entón que seguía un ave rapaz descoñecida para min e repasaba nomes de paxaros nunca vistos pero dos que si lera ou escoitara dicir: tartaraña, gatafornela, esmerillón… Eu observara un pico escuro coa base amarela, de cor parda listada por arriba, co peito e o ventre esbrancuxados e tamén listados. Listadas tamén as ás, escurecendo cara os extremos ata o remate que semellaba en negro. Tamaño dunha rapaz pequena e voo rápido.

Na casa busquei nas guías e nada do que que vin cadraba exactamente co que observara, ata que dei coa pista de que en voo, algunhas rapaces, poden confundirse co cuco. Busquei “cuco” e alí estaba, femia parda, da que di Penas Patiño: As femias son semellantes ao macho, pero algo máis apardazadas, existe nestas unha forma parda en que a cor cincenta se ve substituída por outra parda arrubiada moi listada en cabeza, corpo e rabo: dáse na proporción 1/3 ou 1/5 no Norte (Noval, 1975). cucohembra

Custoume moito atopar unha imaxe desta variedade en internet. Esta foto é de Javier Vitores.

Agora hai menos cucos. Son moitos os lugares nos que xa non se escoita, entre elas Oira, que sempre o facía empoleirado na galla máis alta, do máis alto piñeiro, do monte do Castro. É unha das aves que está en retroceso entre nós. Quizais o cambio do clima. A min dáme certa mágoa e cando viaxo por lugares do interior, con bosques tépedos, saio das autoestradas e deteño o coche por ver se o escoito. Porque, malia a mala sona que ten, por aquilo de facer a posta en niño alleo, eu sempre sentín simpatía por el ou ela. Eran moitos os ditos que facían referencia ó cuco na casa e todos eran bos, velaí algúns:

Se o cuco non vén entre marzo e abril, ou morreu o cuco ou a fin do mundo vai vir. 

Cuco rei, cuco rei, cantos anos vivirei (e contabamos as cucadas)

Cuco rei, cuco rei, por onde amores terei

En Lira aprendín que o tempo do ourizo remata cando co cucar.

E logo, miña nai contaba unha historia na que alguén convidaba ó cuco a ir á sega. O cuco, logo de pensalo dicía: Se vai sol teño que poñerme á sombra, se está anubrado terei que cuquexar, pero se chove irei (a miña nai engadía sempre que con chuvia non se traballaba na sega).