DÍA DA POESÍA

21 de marzo. Día mundial da poesía. Comparto aquí esta reflexión de Eva Veiga sobre o feito poético, nese vídeo da AELG. Déixovos logo co escritor uruguaio Rafael Courtoisie, unha das voces máis interesantes das que coñecín o ano pasado, encontro feliz, no festival de Barranquilla. Remato cunha proposta de tradución dun poema de Rainer María Rilke, escrito en 1897, que a min, dende que o lin saíndo da adolescencia, na antoloxía poética que do poeta publicara a Colección Austral, sempre me gustou e para sempre fixen meu ese primeiro verso.

 

A miña casa está entre o día e o soño,
alí onde os nenos dormen, de perseguirse ardentes,
alí onde os vellos sentan no solpor,
e os fogares arden e alumean o seu ámbito.
A miña casa está entre o día e o soño,
onde enmudecen claras as campás da tarde,
e as rapazas perplexas por extinguidos ecos
se achegan fatigadas ao peitoril da fonte.
E un tileiro é a miña árbore preferida;
e todos os estíos, que nel gardan silencio,
regresan a se conmover nas infinitas pólas
e de novo espertan entre o día e o soño.