CREBA E FILOSOFÍA

Por se alguén tiña dúbidas sobre a condición de obxectos transcendentes das crebas; por se non abondasen os poemas de Eva Veiga, Soledad Pite ou Miro Villar, onte, en Carnota, moi preto da Boca do Río, atopei esta proba do seu ser filosófico que me pareceu irrefutable:

Crebas filósofo

…acaso nós sexamos a crebas/ que deixan, día a día/ unha proba apaixoada e contumaz/ da existencia incerteza. (Son estes versos poema Acaso, incluído no libro Véspera de silencio, de Sole Pite.

Cos meus mellores desexos.

XULIO GARCÍA RIVAS E O ABELENDARIO

Creba 2016Estivo connosco en Lira, estes primeiros días do ano, o pintor Xulio García Rivas. Con el paseei a ribeira, malia a chuvia. Observamos paxaros, atopamos crebas, compartimos mesa, amigos e observeino traballar. Dúas mostras do que fai quedaron na casa. As dúas recollen a brétema destas mañás de xaneiro, con ese xeito tan suxestivo e sutil que el ten de pintar a néboa. Foi el quen me contou o do petroleiro que se achegou a esta costa para resolver o problema que tiña coa áncora. Por sorte, desta, a cousa quedou en nada. Moito lembrei a Xaquín Maceiras, o Director Xeral de Salvamento Marítimo, de Lira e amigo. Esta creba atopámola no paseo de hoxe.

Xulio e Chisco en Carnota

No cuarto onde o acomodamos, hai un andel con libros. Remexendo neles atopou un de hai ben anos, titulado El Abelendario, un conxunto de debuxos de Alfonso Abelenda, publicado pola editorial Planeta en 1972, e que supoño que recollen parte do seu traballo gráfico para La Codorniz. Eu xa non o lembraba.

Xulio admirouse da actualidade de moitos dos debuxos e mandoume reparar neste.

Abelenda

Penso que nunca ninguén me presentou a Abelenda, pero somos veciños de barrio e tomamos café no mesmo bar. Eu sei quen é el, claro, e sinto admiración pola súa pintura. Dubido que el saiba quen son eu, pero saudámonos. Cousas da boa educación.

ALEJANDRA SAMPEDRO E O SEU MAR DE CREBAS

A fin de semana das letras galegas, en Camelle, no obradorio de Arte e Natureza, convocado por Antón Sobral, tiven ocasión de coñecer a Alejandra Sampedro, artista que traballa con paixón as crebas, de maneira especial o material cerámico que recolle dende nena nos arredores do Cabo Silleiro, onde seu avó foi fareiro. Alejandra recolle eses restos cerámicos, procedentes dalgún naufraxio ou que alguén verqueu algunha vez alí, e fainos dialogar con outros despoxos.

Os resultados son fantásticos, non só nas pezas grandes, senón tamén na utilización de anacos pequenos que ofrecen algunha imaxe que, descontextualizada do resto da composición, cobran vida por si mesmas e propoñen unha suxestiva interpretación narrativa. Suxestión que parte da propia especulación que o espectador fai sobre a orixe dos mateirais e que, en si mesma, xa é un misterio.

CRISTINA SAMPEDRO MEDUSAFascíname esta medusa da fotografía superior, e tamén este mutante, pero tamén os polbos e tantas outras pezas que é posible ver na súa páxina: http://www.alejandrasampedro.com/

automata ALEJANDRA SAMPEDRONo ano 2013, as torres de Hedjuk, no Gaiás, acolleron a súa exposición Mar de Crebas. Para min que os crebeiros de hoxe son, sobre todo, os artistas como ela que descubriron nos obxectos devoltos e traballados polo mar o material e a razón dunha parte do seu traballo. Esta é a reflexión de Alejandra:

Las crebas me han fascinado desde su descubrimiento por su resistencia, dureza, desgaste y fragilidad a la adversidad de las olas. Las veo como una prolongación del sujeto a quien pudiesen haber pertenecido, casi como un resto arqueológico. Una huella que revela la memoria implícita de toda una vida pasada y de una época.

Se trata de una obra intimista y nostálgica que parte del sentir en la que interesan el tacto y el olfato.

Se busca la belleza del desecho y se entiende la reutilización como un acto necesario.

MAR DE AMOR

Chegou duro o inverno anticipado e as praias de Carnota moficaron fisonomía e aspecto. As ondas baten e trasladan area que cobre as penedas, que penetra cara a marisma, que desfigura o rostro amable que ofrecían no verán.  No horizonte, contra os cons, as columnas de escuma elévanse como fervenzas ou ofrendas.

Sobre a liña da marea quedan as crebas, como esta con forma de embarcación, atopada por un veciño anónimo no porto de Quilmas, chegada dende Maine (USA), e depositada no colexio do Pindo (a imaxe corresponde á información facilitada por La Voz de Galicia). Outra creba que cruzou o Atlántico, como aquela estación meteorolóxica de febreiro.

creba grande

Eu atopei un cabaliño de mar de plástico, con manchas de fuel. Maribel unha boia de pesca na que prendeu o coral, e Níels un tubo que levou de lembranza a Islandia e que di servirá para facerlle a respiración boca a espiráculo aos cetáceos do Ártico. Unha riqueza ou unha pobreza, depende da perspectiva con que se mire, que todo isto non deixa de ser lixo.

Moita xente escolle este mar como destino. Seres queridos chegan ata aquí cargados coa levidade das cinzas, que pesan mentres non se ceiban, e que son espalladas no mar xunto coas flores de homenaxe e lembranza. Mar de amor.

Rosa de amorO outro día Violeta atopou esta rosa sobre a area mollada do devalo. Flor de amor e, tamén, creba fráxil e efémera, entre o aquí e o acolá, entre a dor e a lembranza.

Xa antes escribín noutro lugar que un quixera pensar que tamén son crebas, as máis fermosas, aquilo que cantou o poeta e navegante Paio Gómes Chariño: “Sobre o mar ven quen frores de amor ten”, quizais as mesmas flores deste fragmento dun poema de Eva Veiga:

                        “Contra as pálpebras baten
                        restos dun naufraxio
                        e a luz oxida as beiras
                        das estendidas pétalas”

EN LONG ISLAND CON WALT WHITMAN

O xoves pasado, como actividade do The Americas Poetry Festival of New York 2014, un pelotón de poetas marchamos cedo cara Long Island, para asistir a unha conferencia sobre as referencias de Walt Whitman na literatura hispana e logo ofrecer un recital ao público asistente, en especial aos alumnos dun colexio próximo que encheron o auditorio. Con chuvia saímos ás 8,30, do número 148 East, da rúa 33. Nunha furgoneta de 15 prazas, avanzamos lentamente na trafega da hora punta, cruzamos Queens, saímos da cidade e penetramos nos bosques de Long Island, ata chegar á casa onde naceu Walt Whitman en 1819, restaurada no ano 2001 como lugar de interese histórico, cun fermoso auditorio-museo abeirado da casa construída polo pai do poeta en 1910 e situada no outro extremo do xardín, baixo os arces.

Sorprendéronme a cantidade de retratos do escritor. Descoñecía eu que, sendo un personaxe do século XIX, chegase a ser retratado máis de cen veces. Un fermoso panel, que integra fotos e versos, preside a sala.

Whitman

Levaba eu uns versos preparados para ler, celebrando estar alí con compañeiros doutros países latioamericanos, por iso escollera un fragmento dun poema marcado hai moitos, anos na edición que teño de Hojas de Hierba, pero non os lin, porque a cousa ía xusta de tempo e había que aproveitar para recitar, que era realmente o que se nos pedía. Déixoos aquí por compartilos, porque son fermosos e alumean ben como era o carácter e o compromiso de Whitman co resto dos seres humanos.
My spirit has pass’d in compassion and
determination around the whole earth;
I have look’d for equals and lovers, and found 
them ready for me in all lands,

(O meu espirito vagou con compaixón e determinación, arredor do mundo. Busquei iguais e amantes, e atopeinos preparados para min en todo os países).

Whalt Whitman&Chisco©maribel7085

Sei que recitei ben neste lugar. Teño unha boa sensación e unha boa lembranza. Serían el, o espazo, a luz que entraba polas paredes de cristal, as cores outonizas do xardín, brillante baixo o sol logo da chuvia. No centro segue o pozo, o mesmo que lle deu de beber a Whitman, como seguen na casa o cuarto onde naceu, a sala coa cheminea, as grandes fiestras pintadas de azul prusia, cada porta, cada marco de fiestra coa súa particularidade, que o pai, que construía casas, ofrecía a súa como catálogo, polo que aplicaba solucións e adobíos diferentes en cada recuncho para que o cliente observase como resultaban e escollese o que máis lle gustaba.

Pozo Whitman

Agora, de regreso, repasando poemas seus, observo que nunha colección de versos titulada Restos del naufragio, hai moitos, moitos, versos sobre crebas. El non lle chama crebas, claro, pero si despoxos e fai con eles os mesmos xogos que facemos nós, incluso facendo deles metáfora da vida. Cando escribín o libro das Crebas non me lembrei del, ao cabo lera os seus versos no ano 1975 e só volvera a eles puntualmente. Agora que repaso con gusto a miña edición en castelán, obra de Francisco Alexander, e procuro tamén os versos en inglés, lamento o meu descoido, porque terían enriquecido o meu texto, pero podemos ler os seus versos sen máis pretensión, valoralos e gozalos, velaí senón, estes exemplo:

I, too, but signify, at the utmost, a little wash’d-up dfift,
A few sands an dead leaves to gather,
Gather, and merger myself as part of the sands and drift.

(Yo no soy sino un insignificante madero abandonado por la resaca,/ Un puñado de area y hojas muertas,/ Y me confundo con las arenas y con los restos del naufragio).

A foto do pozo e a dos rostros, son miñas, a outra, na que estou eu con el, é de Maribel Longueira-

CONTRA VENTO E MADEIRA

Enrique e AntónOnte dous queridos amigos inauguraron exposición conxunta, vento, mar e madeira, elementos dos que se nutre a forza expresiva do escultor Enrique Tenreiro e do pintor Antón Sobral. Foi na sala Arte Imagen da Coruña. A exposición viña xa de Compostela e seguirá camiño de Ferrol. Foi unha alegría e unha emoción estar cos dous e con outros amigos comúns. Aí deixo estas imaxes, a primeira tomada por min; a segunda é de Pedro Taboada Martínez, responsable da páxina www.pintoresgallegos.com; a terceira de Daniel Fernández Longueira e forma parte da reportaxe-entrevista publicada por Vivir na Coruña, con este enlace: http://vivirnacoruna.es/arte/contra-vento-e-madeira/

OLYMPUS DIGITAL CAMERA(Con Olga Patiño, Antón Sobral, Manuel Peña Romay e Enrique Tenreiro)contra-vento-e-madeira.2   Hai un par de anos, a petición de Enrique, escribín un texto para un catálogo seu e aquí volo deixo, como curiosidade e por admiración: TRINTA MIL ONDAS PARA DAR FORMA AO INFORME

Algo especial hai na música de J.S. Bach, elixida por moitos para mellor facer o labor, para propiciar o fluír das ideas, o agromo da inspiración, a luz da intelixencia. Será que a súa música, exemplo de harmonía, vén sendo o resultado da intuición e do control intelectual, dando por resultado unha síntese que algúns din mística. Luís Monteagudo, o arqueólogo coruñés que dende hai anos reside no convento das monxas de Belvís en Compostela, contaba que cando necesitaba reflexionar poñía un disco de Bach, collía unha buxía e un calcetín aburatado e zurcía nel, deixando que as ideas fluísen coa música. Enrique Tenreiro afirma, tamén, que é Bach quen lle guía a man, cando esta se esforza en procurar as trinta mil mazadas que se precisan para cada escultura.

Pero dáme a min que non é unicamente a música. Creatividade e sensibilidade a parte, está a ollada de Enrique, unha ollada entrañable e fondamente humana, intensa e inocente, capaz de conmover e emocionar e, tamén, de facer dúctil o material máis resistente.

Nesta mostra da súa obra, a madeira e as formas xogan coas cores branca e vermella, sinxeleza e paixón, memoria e textura dos días. Enrique lembra os restos de madeira atopados nas praias cando neno, lembranza de embarcacións desfeitas contra os cons ou arrombadas na area, refugallos tallados polas ondas que labra nelas como el fai coa maza e coa gubia. Invoca a Man, o alemán de Camelle, recoñecendo unha débeda antiga. Man recollía as crebas oceánicas, obxectos que o mar deixaba na liña da marea. Con elas e cos bolos dos coídos, construía o seu mundo de formas, esa paisaxe de escuma e de aire que agora se esborralla, vencida pola couza do esquecemento. Algo de Man prendeu nel. Hoxe, a súa gubia labra coa intención de lle dar ás pezas un acabado semellante ao que o mar, co seu bater de ondas, consegue sobre os troncos procedentes das selvas ecuatoriais e das illas incógnitas. Explorar e perseguir o traballo do océano, suxerir o acabado da natureza supón posuír unha intención de ciclope, a perseveranza do soñador audaz. Enrique dálle unha volta ao ser do crebeiro. El non procura a peza nos cantís e nos areais de inverno, senón no estudio, deixando que a cadencia da música de Bach leve as mans, mazada tras mazada, onda tras onda, ata as trinta mil que son precisas para que estas traballen como a auga. O resultado, velaquí o tedes.  

NATUREZA E CREBAS

Hoxe erguinme cedo. O día era luminoso e almorcei axiña coa intención de saír e percorrer o litoral cara o sur, dende Mar de Lira ata o faro de Lariño. Pensaba, dese xeito cubrir toda a liña de costa dende o faro ata a Boca do Río. Case conseguín o obxectivo, pero faltoume tempo, debido a circunstancias ben singulares que se explican nesta crónica.

Dende a Beirada distinguín un alca dentro de Portocubelo, pero do outro lado de onde eu estaba, así que encamiñeime cara o espigón, para confirmar a observación e averiguar en que estado se atopaba, logo da desfeita de onte. Efectivamente era alca e pareceume que estaba ben de saúde, descansando, quizais, dentro do porto, logo da fatiga extrema destes días. Continuei ata a punta do muelle e alí agardaba por min unha das sorpresas do día. Entre o muelle e Pedra Pas (as pedras que dan nome ao bar) varias ducias de golfiños comían, saltaban, xogaban, nun espectáculo marabilloso, sobre todo porque estaba mesmo sobre eles e a moi poucos metros. Tirei fotos co móbil, pero non creo que percibades nada, aínda que, podo asegurar, que nesta imaxe saltan tres, aí, diante da onda central, á esquerda da pedra.

O día, marabilloso de luz, ofrecía un agasallo tras outro. A observación de aves vivas era completa: alca, miñato, merlos, lavandeiras, escribenta liñaceira, os dous corvos mariños, as tres gaivotas, garzas, ostreiros, mazaricos, volvepedras, mascatos, rabirrubio tizón, corvos, chascas, pardais, pirlo bulebule, píllaras…

Antes de chegar a Porto Balea, un coche da Televisión de Galicia atascado na lama ocupaba o camiño. Pola xanela vin un folio sobre o asento dianteiro: Vara en la costa de Lira una estación meteorolóxica procedente de Miami. Alá fun. Varias televisión, protección civil, persoal do 112 e a estación varada sobre as rochas, á beira da toma de auga limpa da piscifactoría. A estación, contáronme, desprendérase do morto que a sostiña firme no mar, hai cousa dun ano, tempo no que cruzou o Atlántico ata arrombar esta noite na beirada.

Como enredara coa alca, cos golfiños, coa estación, só puiden chegar ata a fonte que construíron, en homenaxe ás xentes de Lira, os voluntarios de Castela León, cando foi do Prestige, algo máis alá da áncora que lembra o naufraxio do Ariete. Hoxe o espazo da fonte está abandonado e un non pode deixar de pensar que é por desidia, xa que ata aí non penso que chegue a crise, aínda que si pode valer de desculpa.

Vin crebas singulares, aínda que non tanto como a estación, e aumentei o inventario de animais mortos: 1 alca como a que vira no porto, 4 frailecillos e 4 cetáceos, penso que golfiños. Destes din parte ao 112. Tamén moita medusa azul, -xa as vira onte en Carnota-, e un mariñeiro comentoume que en Lira dinlles “caveiras portuguesas” e que teñen moto veleno.

Como as botas de camiñar e contra a auga non secaran da camiñada de onte (entroulles auga ao cruzar de volta o río de Mallou), calcei as de goma e media cana, tipo “El pocero”, que desa marca eran as que mercabamos cando me iniciei nisto dos paxaros. Con ese calzado, volvendo e pisando sobre madeira, esvarei dúas veces e batín con todo o corpo contra o chan. Agora sinto todo descolocado, dende a cabeza ata os pés, aínda que sen lesión grave. Iso si, entre un escorregar e outro, observando o mar dende o paseo de madeira que une a Beirada e Mar de Lira, pareceume ver, na Foz de Carnota, unha parella de colimbos ou mobellas árticas, o paxaro que busco cada ano entre xaneiro e febreiro. Estaban lonxe e non o podería asegurar, pero logo de velos tantas veces, penso que a observación é certa.

Falando de certezas, o venres entrou na imprenta o libro das crebas. Mañá procurarei parar o proceso e ver se aínda é posible incluír unha nota que informe desa gran creba que é a estación meteorolóxica de hoxe.

OS CARREIROS DA RIBEIRA

Hai anos, durante a primeira xeira de López Veiga como Conselleiro de Pesca, discutiuse moito en público e en privado, sobre o descanso do mar en relación co esforzo pesqueiro. López Veiga impuxera o descanso semanal a toda a flota galega o que suscitou debates e bastante bibliografía en prensa. Daquela, nos bares dos portos e nas confrarías, afirmábase que o mar non precisaba de sábados e domingos, que xa el impoñía os seus períodos de descanso, en particular no inverno, cando había veces nos que se sucedían as semanas cos barcos fondeados, sen poder faenar. Algo así aconteceu no pasado mes de decembro e no que levamos de xaneiro.

Sei que en Lira, por exemplo, perdeuse a oportunidade de aproveitar as datas de Nadal e Fin de ano, para vender centolas a bo prezo. Prezo houbo, pero centolas non, que non puideron ir por elas. Iso supón unha creba importante na economía das xentes do mar e unha certa sensación de desánimo, xa que por moitas centolas que se collan ata a veda, a oportunidade pasou e ata o ano que vén, non volve.

Cando os temporais enfían un con outro, descansan os recursos do esforzo pesqueiro, é verdade, pero iso non quere dicir que os seres que habitan o océano e o litoral, non sufran a dureza do clima, a dificultade para se alimentar, o esforzo por conseguir voar ou por loitar coas ondas e co mar de fondo. Daquela, algúns non sobreviven, como lle aconteceu a este congro, que xa dicía Cuchía que o congro é moi mal nadador.

Estes días paseei os carreiros da ribeira, entre o Ximprón e o areal de Carnota, camiños ancestrais tecidos polos pés de pescadores, crebeiras e crebeiros, mariscadoras e mariscadores. Todas as  imaxes que acompañan este comentario forman parte do que vin: un mar arrebatado, natureza morta e crebas asasinas, ben lanzadas directamente pola borda ou apañadas polas ondas que varren as cubertas dos buques. Chamoume a atención esta, escrita en inglés e en árabe.

DETROIT

A conferencia sobre o mundo das Crebas que levei por tantos sitios e que nos vindeiros meses, se todo sae ben, dará un libro, empeza así: “No Instituto das Artes de Detroit, exhíbese un cadro do pintor francés Louis Gabriel Eugéne Isabey, titulado The Wreck, pintado en 1854…” En Detroit estivemos no mes de setembro de 2002, un ano despois dos atentado do 11 S, cando viaxamos a Ann Arbor, convidado eu polo profesor John Patrick Thompson, para dar na unha conferencia na universidade sobre narrativa galega, á que puxen por título: A construción dunha narrativa nacional.

A Detroit fomos un domingo, no coche de Jonh. Sabíamos que a cidade era a referencia mundial na fabricación de coches, velaí o nome do equipo de baloncesto da NBA “Detroit Pistons”. Daquela soubemos que a cidade fora determinante no devir da II Guerra Mundial, cando era coñecida como “arsenal da democracia”, por fabricarse alí case todo o armamento co que Estados Unidos loitaba no Pacífico e en Europa. O final da contenda e o retorno á normalidade, trouxo como consecuencia a perda de postos de traballo, o que deu lugar a un conflito social sen precedentes. A batalla, que batalla foi, deixou o centro da cidade arrasado e en mans dos negros e das clases menos favorecidas, desprazándose as clases máis ricas a varios quilómetros e fundando novas cidades, como a propia Ann Arbor, lugar ao que se trasladou a universidade.

Nos anos de esplendor Detroit acadou a cifra de 1.850.000 habitantes. Hoxe, cando se declara a quebra da cidade, ten poucos máis de 700.000. A consecuencia ou o resultado:

Eu vivín alí unha experiencia que non se producira antes e que non se repetiu despois. Sentinme expulsado. Non superei a presión da cidade en ruínas, nin o desacougo que me causaba o frío. Vía do outro lado do río a cidade canadiense de Windsor e desexaba ir para alá e deixar de ver os ollos cegos das fiestras sen cristais dos grandes edificios abandonados.

O contraste era un moi moderno metro de superficie e algúns edificios novos na ribeira, entre eles o da General Motors, brillos entre a desolación. Malia isto ou por iso, nada alí producía calor, nin ofrecía acougo.

Visitamos o Instituto das Artes. Vimos os murais sobre a industria do motor feitos por Diego Rivera, as salas magníficas na que se exhibe unha colección excepcional e marchamos ou fuximos, a media tarde, logo de tomar un té nun bar grego.

A crise de Detroit lembra un pouco o momento que vivimos nós. Alá foi a industria do motor, condicionándoo todo, facendo primar o transporte individual (cada quen un coche) sobre o público, co que iso conlevou de exclusión e desigualdade. Aquí foi a cobiza da especulación urbanística. Nos dous casos, as clases menos favorecidas padecendo a inxustiza e un futuro hipotecado.

Nos días de gloria, Detroit deu lugar a un movemento musical denominado Motown. Grupos e cancións dese tempo forman parte da nosa memoria común, e axudaron a conformar a banda sonora das nosas vidas, como estas versións de The Temptations e Four Tops que vos deixo.

ELÍAS KNÖRR OU ELÍAS PORTELA

Islandia e Galicia, máis alá da súa condición de lugares extremos -a afastada Thule e a mítica Fisterra- teñen en común o océano. Un mesmo mar baña as costas de Islandia e de Galicia. Para ambas comunidades, a pesca é elemento principal da economía. Nese mar extremo, fronteira entre a luz e as sombras, navegaron dende sempre os pescadores islandeses e galegos, dándolle forma a un oficio, interpretando os ciclos da vida e da morte e, a partir del, articulando unha cultura particular, a cultura das xentes do mar.

Carta marina de Olaus Magnus

Carta marina de Olaus Magnus

Levados e traídos polas correntes, cada día, as ondas depositan sobre as praias volcánicas de Islandia ou sobre as brancas e douradas de Galicia, obxectos perdidos, refugallos, despoxos naturais ou humanos que contribúen a conformar a paisaxe dos longos litorais oceánicos.

Sobre as negras dunas de Islandia, os veciños da ribeira amorean a madeira procedente da carga de buques que navegan pola liña do océano ártico.

En Galicia, os crebeiros, buscadores de restos con algún valor, pasean o litoral procurando aquilo do que aínda se pode tirar proveito. Os materiais traídos e levados polo mar sempre tiveron un valor especial para as poboacións do litoral. Ao cabo, tratábase de obxectos procedentes dese misterioso ventre que é o océano. Ese enorme misterio de ondas e de auga, oculto máis alá do horizonte, enviaba de cando en vez unha mensaxe, ben coa forma dun madeiro capaz de soportar a estrutura da casa, paca de algodón, té ou imaxes santas que aínda hoxe  presiden os altares das igrexas e ermidas que miran o océano.

Hoxe, moitos deses materiais son empregados por artistas de todo o mundo para construír con eles as súas obras: esculturas, collages, fotografías, instalacións. Tamén se ocuparon deles o cine e a literatura.

Un dos escritores que teñen traballado arredor destes obxectos é Elías Knörr, poeta de culto en Islandia, polo que a presidenta Johanna Sigurdardottir ten manifestado unha especial preferencia. Sjóarinn meo mogunhestana undir kjólnum é o título que chamou a atención de críticos e lectores, cara a poesía de Elías. Pero hai que dicir que Elías Knörr é o heterónimo de Elías Portela, escritor e tradutor nacido en Cangas do Morrazo en 1981. Ese libro, primeiro publicado en islandés, ten versión en galego como O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, publicado no ano 2011 pola editorial Barbantesa. Nel podemos ler poemas coma este:

Esta noite foi a fin do mundo
Pola mañá
espertei con madeira 
varada no ollo dereito

ou este outro que a min moito me conmove:

Se quero transbordar soños
terei que mollarme na noite
para que as estrelas non me prendan

 

O meu bote non sabe de portos
mais descansa sobre as baleas
            cando a tardiña se fai grave
                                    sobre a miña fronte

 

Quero facer que os meus soños varen en novas bandeiras
e así se revolva o ceo
                                    con campás inesperadas
O mariñeiro con cabalos...

O mariñeiro con cabalos...

O lector debe saber que pode atopar outros títulos de Elías, orixinariamente en galego, como Imaxes na pel ou Cos peitos desenchufados. Tamén que ao seu traballo de tradutor, debemos magníficas versións de novelas islandesas contemporáneas, publicadas pola editorial Rinoceronte, en particular: Skugga-Baldur de Sjón ou Anxos do universo, de Einar Már Gudmundsson.