MARINA TSVIETÁIEVA

Lin estes días pasados, por recomendación de Inma Doval, o libro Cartas del verano de 1926, que recolle a correspondencia cruzada nese período entre Marina Tsvietáieva, Borís

Rainer María Rilke

Rainer María Rilke

Pasternak e Rainer María Rilke. Gustoume regresar a Rilke, un dos poetas máis amados, despois de anos sen me achegar a el. Penso que o último libro que lera del foi a tradución galega dos Sonetos de Orfeo, de Lois Tobío. A aproximación tivo o seu reflectir na entrada que aquí escribín conmemorando o día da poesía e a inclusión, nela, dese poema seu tan querido por min dende a xuventude. Debo confesar que coa lectura das cartas medraron en min as figuras de Rilke e, sobre todo, e dun xeito especial, a de Marina Tsvietáieva. Non sucedeu o mesmo con Borís Pasternak, tan recoñecido e admirado sempre, sobre todo por ser quen de se enfrontar ao poder da URSS e pola súa obra poética e narrativa que lle valeron o Nobel. Porén, nas cartas pareceume unha figura celosa en exceso, dependente da opinión que os outros teñen del e do escribe, cheo de dúbidas e con dificultades para se entregar no afecto.

• Guerra del 15-3

Recoñezo que o meu coñecemento de Marina Tsvietáieva era limitado. Algúns poemas, a admiración que por ela sentía Eva Veiga, a súa vida difícil e pouco máis. Agora, grazas ás cartas daquel verán, achegueime a boa parte da súa obra poética, en boa parte traducida polo escritor cubano Severo Sarduy e lin, tamén, os Diarios da Revolución de 1917.

Marina Tsvietáieva

A revelación e iluminación da súa obra poética, non impide valorar, tamén, a súa prosa, fondamente innovadora e cunha singular capacidade de disección da alma humana, de se achegar ao centro das cousas a partir do coñecemento profundo das palabras e da lingua, e de conmover dende unha admirable dignidade persoal.

Xa non ri
(Inscrición sobre a miña cruz)

Meu cuarto. -Nalgún momento o deixarei (?). Ou é que xa nunca xamais, nun-ca-xa-máis verei nada distinto ao abrir os ollos, que a fiestra alta no teito -a cubeta no chan- trapos en cada cadeira- a machada- o ferro (co ferro golpeo a machada), a serra… 

Con ese ferro, esa machada e esa serra subía Marina, cada mañá, ao sollado para cortar anacos de trabes da cuberta da casa, coas que prender o lume da estufa co que quentaba o cuarto no que vivía coas súas dúas fillas. O seu home era oficial do exército branco, loitando na guerra civil.

Nunha das cartas a Rilke fálalle de poesía e da tradución, desa carta deixo aquí estes parágrafos:

A poesía xa é unha tradución da lingua materna -a outra, sexa esta o francés ou o alemán, dan o mesmo. Ningunha lingua é lingua materna. Crear versos significa traducir. Por iso non comprendo que se fale de poetas franceses ou rusos ou outros. Un poeta pode escribir en francés, pero non pode ser un poeta francés. É ridículo. 

Eu non son un poeta ruso e sempre me asombro cando me consideran ou me ven como tal. Convérteste en poeta (se é posible converterse en poeta, se non se é de antemán!) para non ser francés, nin ruso, etcétera, para se todo. Ou, dito doutro xeito, un é poeta porque non é francés. A nacionalidade é in- e reclusión. Orfeo fai estoupar a nacionalidade ou ensancha as súas fronteiras a tal punto que todos (pasados e presentes) están incluídos. Fermoso alemán -aquí! E fermoso ruso!.

Entendo o parágrafo como a proposta de Marina de que existe un mundo, un lugar, común a todas e todos (e isto é está posto con intención), no que compartimos o esencial, máis alá da lingua e do lugar de nacemento, o que non quere dicir que non traballemos pola supervivencia das linguas, das culturas, das identidades, dos estilos de vida.

(As traducións ao galego dos textos de Marina Tsvietáieva están feitas dende as extraordinarias versións en castelán de Selma Ancira, imposible para min traducir dende o ruso).