CON AHMAD AL HAMMOUD

Ahmad 1Onte celebramos a poxa pola obra do pintor sirio Ahmad al Hammoud. Eu tardei en durmir pola emoción do que vivimos. O local das Portas Ártabras estaba practicamente cheo. Arturo, Felipe Senén e Xes Senén acolléronnos co agarimo se sempre, poñendo a nosa disposición local e tecnoloxía. Noa Morales falou de maneira breve, clara e concisa, da orixe da situación siria e o enquistamento actual do conflito; Ali Ali emocionounos a todos ao falar do seu amigo Ahmad e, sobre todo, cando lembrou a súa familia que está alá, pero tamén cando se referiu a Amal, a súa filla que tivo a sorte de  nacer aquí e que nese momento corría pola sala. Camilo Franco conduciu a poxa con habilidade e simpatía, deixando claro dende o principio que o asunto do que tratabamos era de cartos. As amigas e amigos que acudiron poxaron polas sete obras que se ofreceron, cinco debuxos e dous óleos. Vendeuse todo.

Sei que é moita a xente que padece a mesma situación que Ahmad e aAhmad 2 súa familia e o meu desexo e o das persoas que estabamos onte nas Portas Ártabras, sería axudar a todos. Pero nesta ocasión a chamada tiña rostro, o amigo do noso amigo Ali Ali. Eu lembraba, durante os días previos, que por accións individuais sairon dos campos franceses moitos republicanos españois, entre eles os embarcados por Neruda no Winnipeg, ou Rafal Dieste. Non sei se Ahmad al Hammoud poderá saír do campo de Harran co que onte conseguimos, pero si mellorará a súa situación e a dos seus.

Ahmad 3O fotógrafo Gustavo García Roig envioume pola noite esta reportaxe fotográfica, que deixo aquí como constancia do que vivimos, expresión de xenerosa solidariedade.

Ahmad 4Grazas a todas e a todos por asistir e por participar.

Ahmad al Hammoud

No campamento de Harran, na provincia turca de Sanliurfa, viven máis de douscentos mil refuxiados sirios que conseguiron fuxir da guerra.

Ahmad al HammoudEntre eles, o pintor Ahmad al Hammoud, íntimo amigo e compañeiro do artista Ali Ali, residente na Coruña dende hai anos. Ahmad, en compañía dos seus pais, xa maiores, das súas cuñadas, viúvas dos seus dous irmáns, e de 14 sobriños, sobreviven no campamento en condicións de absoluta precariedade.

Ahmad conseguiu levar canda si algunhas das súas obras. Ese é o seuPoxa imaxe 1 único patrimonio. Con Ali Ali, un grupo de amigas e amigos, consideramos a posibilidade de organizar unha poxa que nos permita recadar unha cantidade que o axude a paliar a actual situación e, se é posible, abandonar, xunto cos seus, o campo e atopar un novo lugar onde vivir e pintar.

Non se trata de realizar unha colecta, senón de permitir que un pintor poida, coa dignidade do seu traballo, acadar medios para sobrevivir, el e os seus, ás circunstancias da guerra.

Ahmad al Hammoud, natural da cidade de Dayr az Zawr, situada na ribeira do Éufrates, é artista de prestixio, con proxección internacional, no ámbito dos países árabes.

Non sabemos que dará de si esta iniciativa. De non acadar o obxectivo, buscarémoslle as beiras, por ver de axudar a Ahmad.

Esta é a convocatoria. Se podedes e o considerades, dádelle difusión. O deseño e maquetación da tarxeta foi obra de Inma Doval.

Tarxeta Ahmad al HammoudSIRIA: ARTE E GUERRA

AS AMIGAS E AMIGOS DO ARTISTA SIRIO AHMAD AL HAMMOUD CONVOCAN ACTO INFORMATIVO SOBRE A SITUACIÓN EN SIRIA E A POXA DAS SÚAS OBRAS.

Poxa 2PARTICIPARÁN: Noa Morales, licenciada en Ciencias Políticas e da Aministración, especializada en estudos árabes e islámicos contemporáneos, quen analizará a situación de conflito que vive Siria e o resto do Medio Oriente, con ela, o artista sirio residente na Coruña Ali Ali.

Presentará o acto o escritor Francisco X. Fernández Naval , e conducirá a poxa o tamén escritor Camilo Franco

Día 9 de xuño, martes, ás 20,15 horas.

Lugar: As Portas Ártabras, sede da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia. Rúa Sinagoga, 22. A Coruña.

CINE ALAMEDA, BELINDA E OUTRAS PELÍCULAS

sono galegoOnte, arredor da presentación do libro O soño galego de Julio Cortázar, publicado por Linteo, no Museo de Belas Artes da Coruña, sucederon cousas. A máis importante, sen dúbida, o colapso que viviu a cidade pola manifestación dos traballadores de Alcoa. Pola manifestación en si, tampouco. A cidade foi tomada pola policía, como se agardasen unha batalla campal. Iso dificultou aínda máis o tráfico, transformando o centro e península da cidade nun lugar sen acceso e sen saída e atrasando a público e a Secretario Xeral de Cultura.

A manifestación remataba á beira do Museo, onde están as instalacións da Rede Eléctrica Española, xa que o problema de Alcoa, din os empresarios que propoñen o peche, é o custo da enerxía. Dende aquí quero expresar o meu apoio aos traballadores e a miña solidariedade. Non puiden estar con eles en ningunha das dúas manifestacións convocadas, xa que o pasado venres, durante a primeira, eu presentaba a homenaxe a Miguel González Garcés, e onte… onte presentaba o libro.

A programación de onte estaba concevida como unha homenaxe a Julio Cortázar. Nela estaba programaa a miña presentación e, tamén, a estrea dun documental: Cortázar Galicia, de Juan de la Colina. Cando agardabamos para empezar, un fotógrafo pediunos posar, porque dado o atraso, non podía agardar para facer a foto na mesa. Foi el quen me dixo que había anos, xa me retratara con máis escritores, no Carballiño, na cabina do cine Alameda, á beira da máquina de proxección. O fotógrafo é Moncho Fuentes e aquela foto foi feita o día da presentación doutro libro, Narradores de cine, co que Xerais conmemoraba o centenario do cine en Galicia. Eran as Xornadas de cine do Carballiño do ano 1996. Pedinlla e mandouma. De esquerda a dereita (o burro diante…) estamos: eu, Moncho Caride, Camilo Franco, Xerardo Méndez e José Antonio García Rodríguez.

cinealameda_002

Naquel libro eu incluín o relato Belinda. Cando me chamou Camilo para pedirme unha historia sobre cine, pensei en facelle unha homenaxe a meu pai, logo de 46 anos traballando arredor del, case todos no Xesteira, pero tamén no Iago e no Losada. Pensaba eu en xogar cun cine e unha película e que el entrase dalgún xeito no guión. Pregunteille cal fora a película que máis lle gustara dos centos ou miles que programara ao longo da vida. El díxome: Ben-Hur! Eu non vía ao meu pai no circo romano, organizando a carreira de cuádrigas, aínda que si lle din algunha volta á idea. Insistín, buscando outra oportunidade, e el comentou que unha película que lembraba moitas veces, porque o impresionara, era Belinda.

belindaDirixida por Jean Negulesco en 1948, o filme é adaptación da obra de teatro de Elmer Harris. A protagonista, Hane Wyman, recibiu o Óscar daquel ano pola súa interpretación. A historia da rapaza muda violada, permitiume xogar con espacios queridos: Magarelos de Allariz e co cine Xesteira, introducindo na historia a meu pai e a un falanxista desnortado e vagamundo. Gustou moito da historia Miguel Castelo, quen chegou a escribir un guión para unha curtametraxe de media hora, pero non conseguiu financiamento, e iso que fomos falar con Baltar pai. Este relato incorporouse logo ao libro Historias roubadas, publicado por Everest, e non é a única de cine que alí hai.

Si, sucederon cousas na presentación de onte. Algunhas, curiosas, contareinas nos vindeiros días. Outras non foron tan agradables. Ao remate, un grupo de mulleres pasaba por diante da mesa onde o libreiro vendía os libros e comentaban: el libro puede ser interesante, pero está en gallego. Si estuviese en español lo compraría, pero en gallego que lo compre él. Supoño que eu era él. Así está a cousa.

O documental de Juan de la Colina é moi evocador. Xoga coas imaxes das viaxes de Aurora e Cortázar a Galicia e cos lugares onde estiveron e por onde pasaron. Os fundidos das fotografías sobre a paisaxe urbana ou rural actual están moi ben. O remate é suxerente, surrealista, dixo Pepe Mondelo no coloquio, coa imaxe dun can, que fai de extra e agasalla momentos magníficos, mentres soan as campás dun templo.

DOUS DÍAS EN XIXÓN

O venres fun a Xixón. Maribel levaba alá toda a semana, acompañando a Pili, a nosa cuñada. Manolo, o irmán de Maribel e de Fina morreu estando nós en Islandia.

Cando coñecín a Manolo, militar de profesión, viña de vivir unha situación extrema. Como suboficial de artillaría, formaba parte da dotación do gardacostas Tagomago, atacado no ano 1985 dende a costa Sahariana, cando acudía ao rescate dun pesqueiro naufragado. Estaban moi preto da costa e, dende algún abrigo entre as rochas, dispararon contra eles un canón e refachos de ametralladora. O resultado foi un cabo morto e dous mariñeiros feridos. O cabo estaba ás ordes del. Nunca se aclarou ese suceso. Durante un tempo en España, quizais de maneira interesada, considerouse que foran membros da Fronte Polisaria. Hoxe non existe versión oficial e aquela que nos fixeron crer, está moi cuestionada.

El logo veu destinado á península e chegou con tempo de me axudar na novela Sombras no labirinto. Foi el quen me prestou a pistola que Carlos, o protagonista, leva no peto: Marca Tanque, cachas de nogueira, disparo dobre acción, seguro ao martelo, tiros seis, calibre trinta e dous, bala larga, alcance trescentos corenta e oito metros, pavonado. Dicía o prospecto que viña no interior do estoxo. Había tamén un panfleto publicitario: Son a mellor en clase e prezo, dicía a arma de si mesma. Esa era a pistola regulamentaria de Manolo, que eu tiven durante un mes, sen balas, claro, por sentir como era o peso no peto da americana e como o tacto frío contra o ventre.

Paseando estes días por Xixón, lembrei as veces que estiven nesa cidade fermosa e amable. A primeira foi nunha viaxe polo norte cos meus pais, no meu Seat 127 de segunda man, ao que as amigas alcumaran Guille, como o irmán de Mafalda, xa que dicían que era tan traste coma el. Lembro aquela viaxe, dende Ourense ata a fronteira francesa con moita emoción e no estudio teño enmarcada unha foto feita por min, na que se lles ve aos dous en Luarca.

A segunda foi con Fernando Alonso Romero e María Castroviejo, cando a exposición “Ártabros, Cántabros e Astures”. Elixiran os responsables, como unha das iconas da exposición, a Breogán, aquela nave de coiro construída por Fernando e os seus amigos, semellante as que durante a idade do bronce e quizais ata a idade media, facían as travesías comerciais entre Galicia co resto do Cantábrico, a costa francesa, Irlanda e as illas Británicas. Lembro a emoción que sentimos cando chegamos diante do edificio principal da exposición e contemplamos dende lonxe a Breogán, impresa nunha enorme pancarta, sobre a fachada, recibindo ao visitante.

Volvín cando o Prestige, nunha delegación Galega formada por: Xosé Luis Barreiro Rivas, Camilo Franco, Miguel Anxo Prado, Xurxo Souto e eu, convidados a falar de Nunca Máis, na Semana Negra, que daquela aínda se organizaba á beira do río Piles, preto do Molinón. Viñeron logo as viaxes familiares, a voda de Pili e Manolo e outras, sempre con eles como referencia.

Sempre me gustou Xixón e dende hai algún tempo sinto por ela unha especial simpatía e cariño, xa que é cidade que se fixo irmá de Muros, tendo como vínculo a Jovellanos. Si, Jovellanos pasou en Muros os últimos meses da súa vida. Chegou alí fuxindo dun temporal, cando navegaba dende Cádiz con destino a Asturias, onde debía entrevistarse co presidente do Consello de Rexencia, o bispo de Ourense Francisco Saavedra, para solicitar o seu amparo diante dos ataques dos que era vítima o político ilustrado. Pero durante os primeiros días da estancia en Muros, Asturias cae de novo en mans das tropas napoleónicas e el permanecerá inmobilizado na vila muradana durante varios meses. Estando en Muros aproveita para visitar ao marqués de Santa Cruz en Ribadulla e, tamén, para facer excursións cara Carnota e o Monte Pindo. Dende Muros escribe a invitación a resistir dirixida ao pobo de Asturias e remata a Defensa de la Junta Central, publicada na rúa Real da Coruña en 1813. Aquí deixo a Gaspar Melchor, retratado por Goya.

Gústanme moito os poemas de Fernando Quiñones, que falan de Xixón e da pesca da balea, textos que forman parte do material acumulado para ese posible libro sobre cetáceos a escribir un día, este é un fragmento del Atalayero:

… una humilde mujer
María Menéndez
vendía en Gijón saín al pormenor:
durante siete siglos
la marinería gijonesa
trabajó la ballena casi
sin dejar las aguas del puerto.
Veinte y dos reales
por tres flejes de remo bendidos a unos asturianos…
Y la ballena era una fiesta, era
como el advenimiento de un gran ángel oscuro y maloliente
con dineros grasa
carne comestible sillas
marcos de puertas
hartazgo para perros y gatos y gaviotas,
y juguetes
(esto de los juguetes lo cuenta Jovellanos
cómo se embarcaban los niños de Gijón
sobre las costillas de ballena…

 

NON É UNHA DESPEDIDA, SÓ UNHA MÁGOA

Durante case trinta anos, Camilo Franco desenvolveu o seu traballo informativo no xornal La Voz de Galicia, vinculado, case sempre, ao ámbito cultural, atendendo ás que sempre foron as súas paixóns: a literatura, o teatro e as artes plásticas. Camilo entendeu ese labor como algo que debía responder á esencia do concepto cultura: liberdade, independencia, espontaneidade, ironía e capacidade crítica. Informar e comentar, con valor e con risco. Por veces, esta proposta profesional foi castigada polos seus superiores. Supoño que agora podo contar aquel día no que foi chamado a capítulo polo que entón era director, prohibíndolle expresar opinión e esixíndolle se limitase a escribir unicamente suxeito, verbo e predicado.

Eu son testemuña do complicada que era, ás veces, a relación coa empresa para a que traballou. No ano 2004 fixemos xuntos o treito galego do camiño francés, dende O Cebreiro ata Compostela. A iniciativa formaba parte dun proxecto de colaboración entre un grupo de escritores e artistas, que logo constituímos a asociación Cultura Solidaria Galega, coa delegación galega da ONG Acción contra a fame. A intención era facer visible os proxectos da ONG en África. Camilo e eu camiñamos xuntos. A máis longa das etapas foi a que nos levou dende Furelos ata preto de Lavacolla, case 40 quilómetros.. Ese día, logo de xantar en Arzúa, recibiu unha chamada. Pedíanlle un artigo sobre os Beatles, páxina completa, para o día seguinte. Chegamos ao lugar de durmir ás nove do serán. Viñamos desfeitos. Alí estaban xa todos os compañeiros que non fixeran a etapa completa e aproveitaran o coche que ía recollendo aos que se rendían. Tamén Alfonso Costa e Manuel Patiña, os únicos, xunto con nós, que camiñaron cada quilómetro, pero eles, máis altos e con máis zancada, sacábannos, máis ou menos, cinco quilómetros de vantaxe cada xornada. Ducha, roupa limpa, unha cervexa e charla sobre as cousas do día e logo a cea, compartida e alegre. Camilo subiu ao seu cuarto sen cervexa, sen conversa e sen cea. Aínda que el era coñecido como o quinto Beatle, polo coñecemento que ten do grupo de Liverpool, un artigo hai que escribilo. Baixou a cear cando nós rematabamos as sobremesas. Na súa ausencia, Marica Campo dedicáralle unhas estrofas moi ben rimadas.

Daqueles días é este Cincuenta mil pasos, incluído no libro Palabras contadas: Paso a paso como a diario. Paso a paso camiñou coa inocencia das boas causas. No tantán das botas contra a terra chegoulle a dor da vida mal organizada. Cincuenta mil pasos máis adiante doeulle o porvir do mundo. E os pés.

Ao día seguinte era a última etapa, Lavacolla, Monte do Gozo, Compostela. Cando tivemos ocasión de ollar o xornal, o artigo dos Beatles ocupaba unicamente un fondo de páxina. O axuste non era cousa del e Camilo non recoñecía o que alí se publicaba co seu nome, pero o que máis o amolaba, era a falta de consideración de quen coñecendo a empresa da que participabamos, lle esixira un artigo que quizais xa sabía non se ía publicar.

Hoxe Camilo veu polo meu traballo para o acto de conciliación laboral coa empresa. Dicíalle eu que ben podería escribir un libro ou dous: un sobre a súa relación co mundo da cultura galega e outro sobre a súa vida laboral. Os dous darían para moito.

Vaise sen que o mundo da cultura lle recoñecese o seu traballo. Non foi para el, en todo este tempo, ningún deses premios que cada ano celebran o labor do xornalismo da cultura. Quizais agora, aqueles que llos negaron, se desfagan en comentarios laudatorios. A min prodúcenme fatiga as cousas a destempo. Xa Ben-Cho-Sey deixou escrito que as cousas ou se fan no seu tempo, ou non se fan.

Camilo sempre será o quinto Beatle, pero se cadra, gustaríalle máis ser John Coltrane. Velaí as razóns da banda sonora desta entrada. A canción dos Beatles é With a little help from my friends. A peza que segue, My favorite things, está interpretada por Coltrane (saxo tenor e soprano), McCoy Tyner (a quen vin actuar unha vez no parque de Castrelos en Vigo) ao piano, Steve Davis co baixo e na batería Elvin Jones.

Isto non é unha despedida e, ademais, xa nos dixo el que a ironía é a lírica do porvir.

ÁFRICA

Hai poucos días morría Chinua Achebe, o escritor nixeriano, a quen Nadine Gordimer consideraba o pai da moderna literatura africana. Iso fíxome lembrar aos escritores africanos que coñecín, entre eles Amadoy Ndoyé, tamén falecido recentemente e a quen teño pensado dedicar unha entrada neste blog nos vindeiros días. Entre os escritores dese continente grande e tan descoñecido, está Moustapha Bello Marka, a quen coñecín en Níxer e que colaborou connosco no libro publicado por Xerais, no que Camilo Franco, Alfonsa Costa e eu dabamos conta daquela viaxe, intensa experiencia vivida nun territorio inhóspito, pero fermoso. De Alfonso é, ademais, a imaxe de cuberta.

Fóramos alá para colaborar coa delegación galega de Acción Contra a Fame, en días nos que aquel país padecía unha pandemia de fame. Connosco ían Isabel Iglesias, delegada en Galicia da ONG e o seu irmán Suso, empresario emprendedor e comprometido en temas de solidariedade e desenvolvemento.

Na miña opinión aquel libro publicado por Xerais segue tendo hoxe toda a vixencia, xa que poucas cousas cambiaron no país do Sahel, veciño do convulso Malí. Níxer segue a ser un país invisible, do que só se fala en contadas ocasións, un país que achega boa parte do uranio co que se produce a enerxía que consume Europa. Unha dos valores do libro son as diferentes, pero complementarias, escritas por Camilo e por min, malia ir sentados no mesmo coche durante os centos de quilómetros que fixemos, malia compartir cuartos cada noite, malia tomar as mesmas notas xuntos nos mesmos lugares.

Na cola do dispensario agardando para valorar a desnutrición do neno

Na cola do dispensario agardando para valorar a desnutrición do neno

Daquel tempo son esas fotos, feitas por min, das que me sinto moi satisfeito, eu que non teño ollo para iso da cámara. Dende hai tres anos, tras os recortes que sufriron nos orzamentos da Xunta as partidas destinadas a proxectos de desenvolvemento, Galicia deixou de ter delegación de Acción Contra a Fame.

A vida nun sorriso

A vida nun sorriso