BAR CORTÁZAR

Contoumo hai poucos días a Patricia Alonso, a miña amiga porteña, con orixe familiar en Celavente, O Bolo; irmá do escritor galego arxentino Rodolfo Alonso. En Palermo, na esquina Medrano e Carrera, abriron un bar novo que lembra e rende homenaxe a Julio Cortázar. En Palermo, non moi lonxe, a unhas dez cuadras, estaba xa a praza Cortázar.

http://www.elvigia.net/cultura/2015/12/31/abren-tematico-honor-cortazar-222060.html

Patricia manda unhas fotos tomadas pola súa amiga Delfina Blanco. Elas, xunto con Isabel Otero e Zulema Rodríguez, as catro fillas da galeguidade, decidiron achegarse e coñecelo. Xa dera conta aquí do que abriron en Banfield, o barrio onde medrou Julio, e está o London, que mantén o seu particular museo e unha colección de edicións da novela Los Premios, que en parte escribiu alí e tantos outros lugares que conservan unha foto, un libro, unha lembranza del.

De esquerda a dereita: Isabel, Patricia, Delfina e Zulema

De esquerda a dereita: Isabel, Patricia, Delfina e Zulema

Aquí hai quen afirma que Cortázar non foi escritor arxentino. A min iso paréceme un tópico e unha tontería. A resposta dos lectores alá e a realidade de cousas como este bar, falan dun escritor que mereceu o amor non só nos lectores, senón da colectividade, aínda vivindo lonxe.

Bar Cortazar 3

Alégrame, tamén, ver que a sensibilidade do artista levouno a retratar a Julio con Aurora nun dos murais, lembrando esa fotografía famosa da viaxe á India. Para min é de xustiza.

Bar Cortázar 1

Xa teño gana de ir e merendar unha picada. Quedei con Patricia en iren xuntos en canto nos sexa posible. Será con Julio.

NEIRA VILAS e CHAO REGO

Foi esta pasada unha dura fin de semana para aqueles que andamos arredor da literatura galega. A perda sucesiva de Pepe Neira Vilas e Pepe Chao Rego, deixounos dobremente orfos.

Coñecinos e trateinos, máis a Neira Vilas que a Chao Rego. Si axudei, sendo vocal da xunta directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a organizar a celebración dos actos de homenaxe a Pepe Chao, en Vilalba, co gallo de serlle outorgada a letra E de escritor, aínda que, daquela, o principal do traballo correspondeulle a Yolanda Castaño.

DCIM100MEDIA

DCIM100MEDIA

Con Neira Vilas a relación quizais se iniciou forzada, xa que cando máis intimei con el e con Anisia foi no tempo que traballei para a Consellería de Cultura nos días do bipartito. Porén, foi el quen deu un paso adiante, paso xeneroso que sempre lle agradecín, porque cando saíu publicado o primeiro libro sobre nós e Julio Cortázar publicado por Linteo: Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar, interesoulle moito. Chamoume e escribiume en varias ocasións, ofrecéndome a memoria que tiña de Julio Cortázar, tanto dos días de Bos Aires, como dos de Cuba. Por el souben que Cortázar asistira a unha conferencia de Francisco Luis Bernárdez sobre Rosalía no Centro Galego, acompañando a Aurora Bernárdez.

Resulta curioso que do tempo de Cortázar en Cuba tamén me falou Ramón Chao, irmán de Pepe Chao, porque coincidiu con el en 1969, nunha viaxe a Cuba, embarcados nun avión ruso Tupolev, ambos convidados pola Revolución a celebrar o seu décimo aniversario. Esa historia cóntase no libro: O soño galego de Julio Cortázar, tamén publicado por Linteo.

DCIM100MEDIA

DCIM100MEDIA

Non sei cando foi a última vez que estiven con Chao Rego, saudeino algunhas veces polas rúas de Compostela hai xa bastantes anos. Del gardo lembranza de varias lecturas, entre elas o revelador Prisciliano, profeta contra o poder, que non sei se é posible atopar hoxe, porque A Nosa Terra, a editorial que o publicou xa non existe, e, tamén, O demo meridiano-lembranzas dun transgresor-, que editado por Xerais supoño que segue estando vivo nas librarías. Con Neira coincidín en agosto, na feira do libro da Coruña. Dese día son estas fotos que Pepe Carballude propuxo que fixeramos e que hoxe lle agradezo, xa que foron iniciativa súa. Conmóveme o agarimo a a tenrura con que sostén, nesta, a man de Neira.

PUBLICIDADE NUN PROGRAMA DE FESTAS

Chega a min o programa das festas de Dacón do ano 1948. Quen mo pasa coñece a miña relación co Coliseo Xesteira, que debe financiar o programa coa publicidade. No Xesteira, cine fundado en 1939 polo meu tío avó Manuel Xesteira, traballou meu pai dende os 16 anos ata os 62 e nel medrei e vin centos de películas. A el lle dediquei aquí varios artigos, sendo este o principal:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/02/27/o-coliseo-xesteira-en-ourense-no-tempo/

Dacón é vila de Maside, cruzada pola estrada que dende Ourense leva o Carballiño e ascende logo os altos do Paraño. Era este camiño de arrieiros e arrieiro era o meu tío avó, se cadra por iso colaborou nas festas dese ano. Aquí pasou a súa infancia Aurora Bernárdez.

Festas Dacón. Xesteira

Festas Dacón 1O programa é curioso e cumprido. Con fogo fixo e voador, dúas bandas, gaiteiros e alumeado

artístico. Non sei que é iso da carreira ciclista de cintas, pero si as cucañas. A destacar o partido de fútbol que enfrontou a Unión Deportiva Orensana contra o Dacón F.C., reforzado por xogadores do Celta que aínda lembramos hoxe, como Pahíño.

Festas Dacón 2

Significar que o anuncio do Xesteira fala de sala de espectáculos, non só de cine, porque daquela, sobre o escenario, representábanse pezas de ópera, zarzuela e teatro; dábanse concertos e tamén se instalaba un ring para veladas de boxeo.

AURORA E CORTÁZAR EN COMPOSTELA

O pasado domingo cumpriuse o primeiro cabodano do pasamento de Aurora Bernárdez. Para lembrala, El País publicou no suplemento cultural Babelia un fermoso texto que recolle a visita que ela e Julio Cortázar fixeron a Compostela, en 1956. A min contárame esa historia verbalmente, en París, cando nos coñecimos e así a recollo nos libros que escribín sobre a relación de Cortázar con Galicia. Pero a narración oral nada ten que ver con este texto fermosísimo, cheo de agudeza, de frescura, de intelixencia. Canto máis sei dela, máis admiración me causa. Haberá xente que xa o leu, pero aquí queda, tamén como homenaxe e mostra de cariño.

http://cultura.elpais.com/cultura/2015/11/06/babelia/1446825280_612641.html

Santiago de Compostela

Nesta imaxe que pertence ao arquivo fotográfico Julio Cortázar-Aurora Bernárdez, depositado no CGAI e que publiquei con autorización dela no libro O soño galego de Julio Cortázar, vemos a Aurora na entrada das Platerías, da que fala no texto. Non sabemos se é antes de acceder ou na saída do templo, tampouco se ese home que se ve detrás é o Ulrico M. do que escribe e do que me falou a min. A foto foi tomada por Julio Cortázar.

CAIXA DE ZAPATOS AMARELA

Mariano Acosta 1Poco a poco habíamos ido avanzando por corredores y escaleras hasta hacernos una idea de la enorme caja de zapatos amarilla. Así se refire Cortázar á escola Mariano Acosta. Escola anormal (así lle dicían por amolar e por outras razóns máis sólidas). Eles levaban alí seis anos e medio de xugo, catro para se recibir de mestres e case tres para o profesorado en letras, aguantando materias tan incribles como Sistema Nervioso, Dietética e Literatura Española, esta última aínda máis incrible, porque no terceiro trimestre non saíran, nin sairían, do Conde Lucanor.

Desta vez, visitei a escola. Situada na esquina Urquiza e Moreno, segue sendo a caixa de zapatos amarela que definiu Cortázar no relato LaMariano Acosta 6 escuela de noche.  

Era sábado pola mañá. Non había aulas, pero si actividades extraordinarias. O ordenanza de quenda e o persoal de limpeza amosouse solícito comigo, abrindo portas e fiestras e orientando a visita. Non puideron abrirme o pequeno museo porque é o responsable quen ten a chave. Percorrendo os corredores, entrando nas aulas, fun lembrando o relato, a historia de Nito e Toto e os porteiros galegos, aos que dediquei varios parágrafos no libro O soño galego de Julio Cortázar:

Nito e Toto deciden vivir a aventura de visitar pola noite a escola na que estudan. Elixen a noite dun sábado, máis que nada porque, se algo non lles sae ben e quedan pechados, terían aínda por diante un día enteiro para atopar unha saída. Os porteiros galegos non viven na escola, porén… Nito e Toto entran no edificio, percorren os corredores e nun deles tentean a porta dunha aula (por supuesto, los gallegos porteros no la habían cerrado con llave). Cando chegan ao laboratorio observan que: Ése sí los gallegos lo habían cerrado con llave, como si alguien pudiera venir a robarse las probetas rajadas y el microscopio del tiempo de Galileo.

Mariano Acosta 4

Dende o segundo corredor, Nito e Toto observan unha luz que provén do corredor oposto onde está a secretaría, a sala de profesores e o despacho de Rengo, o director, do que sabemos que era misóxino, severo e con rostro de paxaro embalsamado. «Esperá, a lo mejor se les quedó prendida a los gallegos» advirte Toto, que é tamén o narrador. Por el sabemos que: El olor a pis de las letrinas contiguas había sido siempre más fuerte que los esfuerzos combinados de los gallegos y la acaronía.

Mariano Acosta 3Ao cabo, e como sen querer, atópanse na sala de profesores, onde os obriga a entrar o galego Manolo, que non durmía na escola pero si estaba nela esa noite. Isto é o que Nito e Toto descobren na sala: El gallego Fernando se ocupaba del bar, casi todo el mundo tenía vasos en las manos, ahora venía un tango por la orquesta de Lomuto, se armaban parejas, los muchachos sobrantes se ponían a bailar entre ellos, y no me sorprendió demasiado que Nito me agarrara de la cintura y me empujara hacia el medio.

Manolo e Fernando vixían e atenden, son conscientes de que teñen un papel secundario pero importante, son leais e sábense valorados. Con acenos de puta caprichosa, Rengo pediralle a Fernando unha copiña non demasiado forte. Será tamén Fernando quen o sosteña cando entre na sala cos ollos vendados, disposto a xogar á pita cega.

Toto descobre que polas noites a escola se transforma en centro de formación de torturadores, lugar no que se practica o castigo e a humillación, no que se aprende o decálogo que deben coñecer e practicar os salvadores de patrias, sempre dispostos a actuar na súa defensa, a matar incluso, con tal de manter o principio de obediencia debida: «Del orden emana la fuerza, y de la fuerza emana el orden», proclama o primeiro mandamento, que ten un corolario: «Obedece para mandar, y manda para obedecer».Mariano Acosta 5

O traballo de porteiro tamén supón riscos e, ás veces, resulta doloroso. Manolo, que intenta evitar a fuga de Toto e que no camiño do xardín agarda por el cos brazos abertos como para lle impedir o paso, recibirá unha topada no estómago ou un couce na barriga, que iso non o pode precisar Toto ao día seguinte mentres lembra o acontecido e agarda desacougado que pase o domingo e chegue o luns, día no que verá de novo a Nito e no que enfrontará, como cada semana, a actividade normal da escola de día.

Para Aurora este relato é o mellor de cantos se escribiron sobre as ditaduras militares e os seus efectos.

Mariano Acosta 2Toda a escola lembra a Cortázar. O porteiro, non galego, ábreme a porta do xardín e con orgullo amósame a Rayuela, o mural e a praza que leva o nome do escritor. Aquí estudou para mestre e aquí coñeceu a Eduardo Jonquières, o pintor e escritor amigo, a quen escribe dando conta da súa impresión de Galicia, na primeira viaxe de 1956.

LUIS MERA

Díxomo Eva Veiga o luns: esta noite morreu Luis Mera.

Luis Mera

Coñecino por ela, neses anos de final de século pasado e principios deste, nos que tantas veces fun a Ferrol, asistindo ou participando en actos culturais, moitos deles organizados por Luis, activista cultural dende sempre, militante pola liberdade e contra a ditadura, amante da música, pero tamén da poesía e da literatura toda. É posible que o primeiro, cando o coñecín, fose na antiga sede do Ateneo, nun acto celebrando o día da paz, no que recitei con Eva.

A miña relación maior con el veu cando asumiu a publicación da revista Ferrol Análisis, do Club de Prensa de Ferrol. Encargoume varios artigos para ela, que sempre tiñan unha lonxitude considerable e que sempre celebraban centenario. Lembro o que me encargou sobre Jean Paul Sartre, no ano 2005, centenario do nacemento do filósofo e escritor francés.

– Pero Luis, se eu de Sartre sei pouco -dixen cando mo propuxo.

– Pero ti es licenciado en filosofía e algo del lerías, non si? -retrucou.

Eu algo si lera: La náusea, na versión de Aurora Bernárdez, relatos, Los caminos de la libertad e, sobre todo, teatro. E alá me aventurei.

Tamén lembro o que me pediu no centenario do pasamento de Curros Enríquez, no 2008, e no que eu enredei sobre a condición de predicador protestante do poeta de Celanova.

Máis doado foi escribir de Luís Seoane no 2010, porque limiteime a ampliar un pouco o capítulo que lle dedicaba no libro Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar.

O último, solicitado no seu nome por José A. Ponte Far, foi para o número do ano pasado, dedicado a Cortázar.

Gustaríame, dende aquí, e xa que non tiven ocasión de darllos persoalmente onte, enviarlles unha aperta e un bico a Encarna, súa muller, e ao fillo de ambos José Luís.

E para el, en homenaxe, publico aquel primeiro artigo que me encargou, dedicado a Manuel Curros Enríquez. Sei que é algo longo, pero espero que Tacho, que sae no artigo, sexa comprensivo. A foto está tomada en Coruña, o día 26 de xaneiro de 2009, na presentación do número da revista do ano 2008.

-QUEN RECE POR MIN-
NO CENTENARIO DO PASAMENTO DO ESCRITOR MANUEL CURROS ENRÍQUEZ.

A Luis Mera, in memoriam

Na novela Unha falsa luz, a última das que compoñen a triloxía Evanxélica memoria, o escritor Xavier Alcalá inclúe varias referencias á condición de membro da igrexa evanxélica de Manuel Curros Enríquez (Celanova 1851- A Habana 1908). A triloxía ten, entre outras virtudes, a de amosarnos a realidade dunha sociedade galega máis complexa, participada por máis colectivos e composta por máis pregues e matices dos que habitualmente lle atribuímos e, tamén, a de lembrar a condición relixiosa do escritor celanovés do que este ano se celebra o primeiro centenario do seu pasamento e do enterro multitudinario na cidade da Coruña.

Manuel_curros_enriquezHai quen atribúe a incorporación de Manuel Curros Enríquez á igrexa evanxélica a unha viaxe a Londres, fuxindo da autoridade do pai, en compañía dun irmán e sen máis equipaxe que o posto, unha frauta e uns ferriños, tocando e cantando polo mundo á procura de fortuna. Alí, na igrexa evanxélica de Trafalgar Square e cando deambulaba polas rúas canso, famento e con frío, atópase cun pastor de nome M. Jamesson, que o acolle e ofrece fogar, pedíndolle a cambio que lle dea clase de español ás súas fillas.

Sobre esta suposta viaxe non se poñen de acordo os biógrafos. Carlos Casares que a considera posible, pero que non compromete unha opinión definitiva sobre o asunto, lembra que o propio Curros falaba dela, tal e como acreditan as testemuñas de Benito Fernández Alonso ou de Vicente Risco, que llo escoitaron contar e que o contaron logo. Valentín Lamas Carvajal, nunha suposta entrevista con Curros, que non é máis ca un exercicio literario, pero que foi escrita e publicada cando o poeta de Celanova tiña pouco máis de vinte anos, pon na súa boca, e sen que el o negase, o seguinte: “¿non coñeces o tolo de Celanova, aquel rapaz a quen lle deu a teima de facer copras, que caía morto de fame polas rúas de Londres o ano 71…?

Viaxe misteriosa, hai quen a dá por certa e quen non, pero aínda, entre os que cren nela, a partir da testemuña do seu fillo Adelardo e da biografía escrita no seu tempo por Celso Emilio Ferreiro, existen dúbidas sobre as datas, xa que uns sitúana no ano 1865, cando Curros tiña escasamente catorce anos e outros en 1867. Nos dous casos a viaxe sería en compañía do seu irmán; pero aínda outros, entre eles Celso Emilio, sitúana entre os meses de abril e outubro de 1870, en calquera caso ningunha data coincide coa expresada por Lamas Carvajal. Carballo Calero, quen dubida dos datos facilitados por Celso Emilio, acepta como posible a viaxe. Non así Luis Carré Alvarellos, quen considera que a viaxe a Londres, nunha idade tan temperá, está fóra de lugar, apostando por que a primeira saída de España de Curros, foi a que o levou a Cuba.

Patrocinio Ríos Sánchez participou no congreso internacional “Curros Enríquez e o seu tempo” organizado no ano 2001 en Celanova polo Consello da Cultura Galega, cunha comunicación titulada: “Contribución a la Biografía de Curros Enríquez: su relación formal con el protestantismo en Madrid en 1870”. Aborda en primeiro lugar as contradicións xa expostas sobre a misteriosa viaxe a Londres, lembrando que sobre ela non existe proba documental algunha, e logo revela os froitos da súa investigación, achegando, esta vez si, probas documentais que acreditan que Curros, a partir do 22 de xaneiro de 1870 aparece inscrito na igrexa protestante da rúa de Madera Baja, número 8, de Madrid, figurando como segundo evanxelista –predicador- no cadro organizativo desta igrexa fundada polo misioneiro norteamericano William Ireland Knapp. A esta igrexa pertencía tamén o escocés John Jameson, suponse que o Jamesson que, segundo os biógrafos defensores da viaxe a Londres, acolleu a Curros na igrexa de Trafalgar Square. Os detractores da viaxe consideran que existe unha confusión de nomes e anos, debida, quizais, a unha versión interesadamente novelada da vida do poeta, admitida por el e transmitida polo seu fillo, non sabemos se consciente ou non do equívoco.

Acaso resulte pertinente lembrar que Curros Enríquez era de Celanova e que nesa parte da provincia de Ourense existiu tradición de igrexa evanxélica. Nos anos 2005 e 2006, durante moitas semanas, cada mércores acudín a Ourense a recoller, en compañía do meu amigo Eustaquio Puga, a memoria vital de Pepín Alemany López, nacido en Cuba, pero residente dende neno en Nigueiroá, parroquia de Bande, militante comunista que fuxiu da casa cando o golpe militar de 1936, por escapar da morte certa a mans dos falanxistas. Acompañado de Gumersindo González Míguez –Barbiñas-, amigo e compañeiro do partido, camiña en principio en dirección a Portugal, pero cando a Garda Civil e voluntarios de falanxe lles cortan o paso, toman rumbo cara as terras de Valdeorras e, dende alí, a Asturias, onde se integrarán no exército republicano e onde Pepín casará coa miliciana Honesta Fernández. Logo da caída de Xixón, o matrimonio busca primeiro o exilio francés, pero axiña, na súa condición de cubano, Pepín consegue pasaporte para os dous e marchan para La Habana onde vivirán o resto das súas vidas, participando na revolución e formando parte dos fundadores do moderno partido comunista cubano, ata o regreso, a mediados dos anos noventa. O paradoxo fixo que viaxasen nun barco alemán, no que ondeaba a bandeira nazi e que no barco nacera o seu único fillo. De Gumersindo só sabemos que regresou a Galicia para continuar a loita, uníndose á xente que andaba fuxida polos montes, pero nada de cal foi o seu destino.

Contaba Pepín, que antes de fundar a célula do partido comunista en Bande, mantivo íntima relación cun bispo “protestante” dicía el, Edmundo Woodford, co que colaboraba moito, pois os dous perseguían as mesmas finalidades: axudar aos labregos a se liberar dos foros, aprenderlles a ler e a escribir e loitar por unha sociedade máis xusta. Alentaba en Pepín un forte anticlericalismo xa que, na súa opinión, a igrexa católica contribuía a manter todo o que el quería cambiar, intuíndo que co traballo de apoio ao bispo evanxelista, debilitaba a estrutura e a forza da igrexa católica ourensá ou galega.

Eu sempre pensei que este Edmundo sería o bispo ao que se refire Luís Soto no libro Castelao a UPG e outras historias, cando conta a súa chegada a Cuba, acompañando a Castelao: “Do porto mesmo saímos, naquela data, para un gran mitin que estaba programado polas sociedades protestantes residentes en Cuba e que organizara un bispo evanxelista que tivera que fuxir de Ourense perseguido polas forzas represivas. Tiña a súa sé en terras de Bande”. Pero establecido contacto co seu neto Timoteo Woodford, a través de Manuel Molares, principal informante de Xavier Alcalá, este afirma que ese bispo nada ten que ver co seu avó, do que non ten constancia de que estivera nunca en La Habana, lembrando que Edmundo non fuxiu de Ourense, senón que foi desterrado a Vigo e apuntando que quen si fuxiu foi outro misioneiro inglés, de nome Roberto, que acompañou un tempo a Edmundo por terras ourensás, que marchou a América nun barco que foi torpedeado, falecendo con el toda a súa familia.

Quen é o bispo do que fala Soto? Outro misterio sen resolver e que, se cadra, non resolveremos nunca.

Apuntaba eu a posible pertinencia deste apuntamento sobre Pepín, porque da información recollida nos parágrafos anteriores advertimos unha igrexa evanxélica galega fortemente relacionada cos movementos sociais e tamén co galeguismo, compartindo con eles a procura dunha sociedade máis xusta, obxectivo que non parecía interesar á igrexa católica. Cómpre lembrar, neste senso, que ás charlas de Edmundo Woodford asistían, entre outros, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Velo. Posiblemente estes mesmos ideais atopou Curros na igrexa evanxélica na que se integra, recibindo o seu bautismo, segundo as conclusións de Patrocinio Ríos, nalgún momento do verán de 1870.

Cortexo fúnebre de Curros Enríquez na Coruña

Cortexo fúnebre de Curros Enríquez na Coruña

Todo o exposto non supón unha variación substancial do concepto que os galegos temos sobre Curros: poeta civil, de ideas republicanas, comprometido coa transformación da sociedade, contrario á pena de morte. O que si reforza é a idea de que Curros non era un escritor antirrelixioso, senón anticlerical. E, vistas así as cousas, probablemente sexa outra a perspectiva que o lector teña da súa obra, en particular do Divino Sainete e deses poemas que lle valeron condena e excomuñón: No convento, A igrexa fría, Mirando ó chao. A conclusión sería que, máis alá dos valores sociais que defendía, Curros era escritor fondamente relixioso e crente, pero que, como acontece tantas veces e como xa se expresou máis arriba, formaba parte dunha sociedade máis complexa, máis plural e máis rica da que a miúdo se nos quere ofrecer, composta por colectivos tamén comprometidos, tamén perseguidos, pero aos que a historia, interesadamente, privou de voz.

Curros foi, no seu tempo, un escritor que gozou dunha enorme popularidade entre os galegos, sería, sen dúbida, por esa posición firme diante da inxustiza, aínda que hoxe outras sombras perturban a súa biografía (carácter difícil e malos tratos dentro do fogar). Foi poeta realista e acaso narrativo en exceso, nun momento no que a poesía xa emprendera outros camiños, cando un lector formado podía ter acceso á obra de Lautremont, Wordsworth, Coleridge, Poe, Rimbaud ou Baudelaire. Hoxe ningún poeta do noso entorno goza do prestixio e cariño do público que el tivo en vida, e a súa obra, tan carente de metáforas, tan pouco simbólica, é cuestionada en voz baixa. Porén, a min aínda me emocionan varios dos seus poemas: A Rosalía de Castro, O maio, Na morte da miña nai, Cantiga ou Nouturnio, poño por caso. Por eses versos, Curros, malia todo o que sabemos e todo o que ignoramos, ocupa un lugar no meu corazón, xa que foi parte importante da miña educación sentimental, razón pola que lle dedico un poema en Miño, o meu último libro de versos.

Recoñezo tamén a súa condición de poeta da xente, voz que se anticipou na defensa de moitos conceptos esenciais para a vida democrática, memoria e compromiso que transmitía o seu sobriño Manuel Curros Moreno, mariño, pintor e extraordinario debuxante, que compartía co tío estes principios ideolóxicos, expresándoos nos seus debuxos de forte crítica ao clero, aos militares e aos burgueses. Esta de Curros Moreno é figura que tamén cumpriría recuperar, pero esa é outra historia.

CON CORTÁZAR EN PONTEVEDRA

PO, con Juan de la ColinaOnte estiven con Juan de la Colina no museo de Pontevedra. El co seu documental cortAZARgalicia, e eu co libro publicado pola editorial Linteo: O soño galego de Julio Cortázar. Xuntos, Juan e máis eu, ofrecemos un produto patrocinado pola Secretaría Xeral de Cultura, que ten a Cortázar e a Aurora Bernárdez, como referencias.

Antes do inicio do acto, paseando as rúas coa miña amiga Malores, preguntábame se Aurora e el estarían alí, en Pontevedra, nas viaxes a Galicia dos anos 1956 e 1957.

Pouco sabemos do que fixeron cando andiveron por aquí. Viñeron en tren, con dificultades para se desprazar. Da viaxe primeira sabemos que estiveron en Santiago de Compostela, onde chegarían procedentes de Salamanca, e que tomaron un tren en Vigo para marchar. Que aconteceu polo medio?. Eu pregunteille a Aurora se Cortázar estivo con ela en Lago, a parroquia de Maside de onde era orixinaria a familia dela, onde foi acristianada, malia nacer en Bos Aires, e onde pasou os primeiro anos da infancia. Aurora respondeume que non.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Eu non creo que parasen en Redondela e en Ourense, aínda que Julio fala deses dous lugares na carta que escribe a Eduardo Jonquiéres. Penso que os cita porque os ve dende o tren, de paso, pero esa é a miña opinión, discutible.

Na segunda viaxe paran en Lourido, Nigrán, ao sur de Vigo. Supoño queOLYMPUS DIGITAL CAMERA irían a Bayona, que subirían ao Monte Ferro, que pasearían pola Ramallosa. Creo que foron a Vigo en tranvía, non só para tomar o tren do regreso, senón algunha vez máis. Aurora contoume que unha impresión que Cortázar tiña era que en Galicia había moi poucas librarías e esa impresión penso que non estaba limitada a unha soa cidade. Pero non sei se chegarían a Pontevedra. Cortázar, nunha carta previa a Jean Bernabé, anuncia a intención de vir e de visitar as cidades e as rías. Que cidades? Que rías? Non llo preguntei así, expresamente, a Aurora, e xa o lamento, así que deberei esperar para sabelo, por se entre os seus papeis aparece algún diario de entón, un caderno con anotacións, calquera cousa que nos dea algo máis de luz arredor disto. Dende logo, as cartas que coñecemos desta segunda viaxe, escritas todas dende Lourido, nada nos desvelan ao respecto.

A primeira imaxe, na que estou con Juan de la Colina,  foi tomada por Antón Sobral. As outras dúas por Malores Villanueva. Na segunda vese un retrato de Cortázar barbado, feito por Luís Seoane, moitos anos antes de que Cortázar tivese barba de seu.

HORACIO FERRER

A primeira vez que viaxamos a Bos Aires, fomos escoitar tangos. Escollemos La esquina Homero Manzi por dúas razóns, unha porque era o que nos recomendaban no Hotel Diplomat, nosa segunda casa, e a outra porque eu coñecía a Manzi como poeta. As primeiras cousas del que lera foran na revista Correo Literario, dirixida por Luís Seoane, Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado. Ese local, no corazón de Boedo, é a memoria de Homero, con fotos, letras del polas paredes, e un espirito que non advertín noutros locais aos que fun, agás algún boliche, claro, pero os boliches son outra categoría e outro ambiente. Volvín moitas veces a esa esquina de Manzi. Alí ofrecen espectáculo con cea e sorpresas. A cea non é cousa doutro mundo, pero en ocasións, xa finalizado o show, segue a música con algún grupo que xa só toca e interpreta, sen baile, sen coreografías. Nunha das formacións que alí vimos e escoitamos unha noite, xa case sen público, que todo o mundo marcha cando remata o show, tocaba o fillo de Luis Sandrini, o actor de cine do que tanto me falaba meu pai.

Aquela vez primeira da primeira vez, o espectáculo iniciouse cun tango para min descoñecido, pero que me emocionou: Ya  sé que estoy piantao, piantao, piantao, no ves que va la luna, rodando por Callao… Así descubrín eu a Horacio Ferrer, un do grandes. Ese tango titúlase Balada para un loco. 

Horacio Ferrer faleceu antonte. Cantas perdas nestes dous meses: Aurora Bernárdez, Paco Porrúa, Horacio antonte, onte mesmo Joe Cocker…

Eva Veiga ten un fermosísimo poema, que é tango, que algunha vez recitamos xuntos, pero que o domingo, no recital no que participamos a prol da Cociña Económica da Coruña, organizado no Pub Garufa por Branca Vilela, coa axuda de Maribel Longueira, Eva e Nani García, ofreceron unha interpretación poético musical que só podería cualificar como sublime. Creo que non hai gravación desa improvisación, pero penso que sempre nos quedará ese momento na memoria. Eran dous creadores, dous xenios no escenario, deixándose levar pola intuición, polos sentidos, pola enerxía que flúe e se transmite. Queda tamén, desa noite, esta fotografía, de Xacobe Meléndrez, na que estamos todos os participantes:

GarufaEste é o poema de Eva:

(lembrando os paxaros de Horacio Ferrer)
ai estes son os meus merlos
e hai que ver como chían
é o aire en cristais en áscuas
de mortal melancolía
e eu bebo a sorte desa copa
que afoga no escuro labirinto
dos teus ollos dos teus ollos
transparentes
abraiados insurxentes
sen autocompaixón
despenados nas correntes
que arrastra o corazón
os meus merlos cantan atan un tango
con bágoas e soños de alta tensión
ao seu traxe de azul roto
desolado
que lle quiten o bailado
anzol na punta da dor
parsimonia deste amor
furacando o seu buraco
polo espazo excéntrico e sideral
en celo astronáutico extraviados
os meus merlos de tenrura
aruñando
as súas unllas e o seu pan
o parqué incandescente
abismado trascendente
dunha ausencia diagonal
porque só o desexo vive así
morrendo por volver a aquel instante
onde unha vez se foi feliz
transparente

E como despedida, vai esta versión de Balada para un loco, con tres grandes: Horacio Ferrer, Astor Piazzola e Roberto Goyeneche (Paco Lores sempre di que o tango é o Polaco Goyeneche)

Non me deixa subir o vídeo, nin ese, nin o que recomenda Eustaquio, na versión de Amelita Baltar, así que se queredes, podedes buscalos en YouTube.

AURORA BERNÁRDEZ, VLADIMIR NABOKOV E OUTROS CAMIÑOS

Risa en la oscuridadO cotián ten cousas sorprendentes. Realmente é el quen lle dá aire aos días. Nel está a aventura maior, a posibilidade de sorpresa, de alegría e, tamén, de decepcións e de tristeza. No cotián váisenos a vida. Vén isto a conto porque estes días, comprobando cantas traducións de Aurora Bernárdez hai entre os meus libros, volvín a Vladimir Nabokov. Ningunha das obras que teño del foi traducida por Aurora e é mágoa, porque si son dela case todo o Calvino que gardo, algún Camus, La Náusea de Sartre, o Cuarteto de Alejandría de Durrell, Simone de Beauvoir; e digo o da mágoa porque me gusta moito como exerce Aurora o oficio de tradutora, o cal sempre supón, tamén, un xeito de escribir. Remexendo, a man deu, ou quedou prendida, a unha novela que non lera, Risa en la oscuridad (Laughter in the Dark), escrita en 1938 e que forma parte xa da obra americana do autor nacido en San Petersburgo.

A lectura deste libro en catro días supuxo unha desas aventuras humildes que suceden no transcorrer das semanas, na quietude do fogar, mentres fóra chove. Son varios os elementos de Risa en la oscuridad que anticipan Lolita, novela ben querida polo director de cine ourensán Xavier Bermúdez e feita película por Stanley Kubrick, en 1963. Está, dende logo, a sedución que a rapaza adolescente exerce sobre o home maduro. Xa o dixen antes de agora, pero non está de máis lembrar que Nabokov e Buñuel son dúas das referencias na obra de Xavier.

A novela narra a historia dun berlinés de clase alta, Albinus, casado e pai dunha filla, que namora de Margot, unha acomodadora de cine. Dende o principio sabemos que a historia non rematará ben, pero non por iso deixamos de ler, velaí a habilidade narrativa de Nabokov, quen nos sorprende con algún xogo malabar extraordinario, como a descrición que fai, cambiando dúas veces a perspectiva, do accidente de coche que Albinus e Margot sofren nunha estrada retorta das montañas da Provence. Albinus case non sabe conducir, circunstancia que compartía con Nabokov, quen nunca aprendeu, dependendo totalmente, dende o punto de vista da automoción, de Vera, a súa muller. Quizais por iso a agasallaba con debuxos de bolboretas fermosas. Porque Nabokov era, tamén, un grande entomólogo, encargado durante un tempo da colección de bolboretas da Universidade de Harvard, exercendo de curador. Un xénero destes lepidópteros recibiu, na súa honra, o nome de Nabokovia.

bolboreta nabokovia

bolboreta nabokovia

A condición de escritor e científico non é infrecuente no mundo da literatura. Goethe deixounos a teoría das cores, a metamorfose das plantas ou os traballos sobre o óso maxilar. En Galicia temos o caso excepcional de Rafael Dieste, autor dun texto sobre os axiomas, dun tratado do paralelismo ou do Testamento geométrico, escollido por Roberto Bolaño como un dos soportes da súa obra maior, 2666, sempre de lectura obrigada e, de maneira particular hoxe, cando asistimos a esa convulsión, case revolucionaria, que padece a sociedade mexicana.

Interior casa Dieste e Carmen

Interior casa Dieste e Carmen

Lembrar, pechando este círculo, que Aurora coñeceu a Cortázar pouco antes de mudar este a vivir no piso de Dieste e Carmen Múñoz na Rúa Lavalle, realquilado a Cortázar por Luis Baudizzone, o encargado por Carmen e Rafael de se ocupar das súas cousas en Bos Aires, no tempo no que Dieste foi lector de castelán en Cambrigde.

Esta Margot da historia lembroume a do tango de José Ricardo e Celedonio Flores, interpretado por Gardel. E volvín de novo, con saudade, ao café Margot, alá por Boedo, onde conservan os seus presuntos guantes e o seu bolso, café onde sitúo un dos relatos do libro Para seguir bailando, o titulado, precisamente Margot a noite e un adeus. Así son os camiños do cotián e aquí deixo o tango en versión de Joan Manuel Serrat.

ANTONIO PÉREZ PRADO

Antonio Pérez Prado. foto 1Aínda que o publicarei mañá, empezo este artigo o 19 de novembro, día do aniversario de Antonio Pérez Prado. De vivir, hoxe cumpriría 88 anos.

Logo de 39 anos de vida administrativa, hai cousas das que me sinto contento. Unha delas é que dende a administración, colaborei en facer posible, no ano 2007, que o libro de Antonio, Los gallegos y Buenos Aires, fose realidade de novo, nunha edición da editorial Corregidor, que recollía a vella de 1973, de Ediciones La Bastilla. A nova engadía un limiar moi interesante de Xosé Manuel Núñez Seixas. A edición do 2007 chegou nun momento importante, pouco antes do pasamento de Antonio, cando xa estaba enfermo e, ademais, saíu no marco do conxunto de iniciativas que anticipaban a celebración do segundo centenario da independencia arxentina. Tivo, pois, o don da oportunidade.

Coñecín a Pérez Prado a primeira vez que fomos a Bos Aires, no ano 2004. Daquela andaba eu centrado na investigación sobre Cortázar e Galicia. Lembro o primeiro día que nos vimos, un domingo pola mañá, na que se empeñou e conseguiu amosarnos o máis importante do barrio de San Telmo, cousa que lle agradecín sempre porque era un guía extraordinario, coñecedor de recunchos, de segredos, ilustrando o relato, sempre, coa súa fina retranca galega, el que nacera alá, sendo fillo de pais de aquí. De feito, Los gallegos y Buenos Aires está dedicado á nai: A miña nai galega que emigróu pra me facer porteño.

El coñecera a Cortázar no mes de maio de 1968, en situaciónAntonio Pérez Prado, foto. 2 complexa, xa que o escritor, xunto con Sartre, Aurora e Simone de Beauvoir, permanecía pechado no pavillón arxentino da Sorbona, en solidariedade cos estudantes que ocuparan o edificio. Buscábao, el, para pedirlle un orixinal que publicar nunha editorial, de nova creación, chamada Columba, da que el era unha sorte de representante. Cortázar díxolle que non estaba para falar de libros e pediulle, iso si, que chamase á nai, a Herminia, ao chegar ao Bos Aires, anotando o teléfono no revés dun panfleto anarquista.

A carta de Cortázar que vai a continuación e que Antonio quixo que gardase eu, é a reposta e acuse que o escritor fai da carta de Pérez Prado que acompaña o envío dun dos seus libros titulado: Qué es la sangre. O ton divertido da carta de Cortázar responde ao xogo proposto por Antonio.

hp_scanDS_512713344038

Cando faleceu, no meu nome e no de Maribel, escribín unha nota que foi publicada por La Voz de Galicia, este é o texto:

ATA SEMPRE ANTONIO
Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval
A noticia chegounos a través dun correo electrónico enviado por Ruy Farias. Nel informábanos do falecemento do amigo Antonio Pérez-Prado. Na cabeceira e a xeito de resumo un desacougante “Malas noticias”. Efectivamente, non só eran malas noticias, senón tamén tristes.  
Antonio, fillo de galegos emigrados procedentes de Trasparga (Lugo) e porteño de nacemento, foi unha das referencias da comunidade galega na capital arxentina, sobre todo dende a publicación do libro Los gallegos y Buenos Aires (1973), reeditado no ano 2007 nunha edición precedida dunha introdución do historiador Xosé M. Núñez Seixas, que sitúa a Pérez-Prado e a súa obra no contexto do proceso migratorio galego no século XX e tamén no ámbito de reflexión intelectual.
Leremos de novo os seus libros e lembraremos sempre a súa oratoria elegante e irónica que nos facía rir e pensar ao tempo e agardaremos a que nalgún momento podamos ver  o documental Castelao (biografía de un ilustre gallego) dirixido polo cineasta arxentino Jorge Prelorán, tamén falecido este ano, e do que Antonio fixera o guión. Contaba el que cando estaba a traballar con Prelorán neste proxecto, sentían os coches que aparcaban diante do portal, e os pasos precipitados na escaleira pola que subían os militares e policías que ían deter a alguén que logo desaparecería, e contiñan a respiración temendo que a porta na que petasen fose a súa. Por se chegaba ese momento, Antonio gardaba un revólver no caixón do escritorio. Eu non resistiría a tortura, afirmaba.
Coñeceu e tratou a unha boa parte dos escritores bonaerenses contemporáneos e a moitos dos intelectuais galegos do exilio e da emigración, como Luís Seoane, Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Lorenzo Varela ou Xosé Neira Vilas, entre outros.
Daba gusto escoitarlle contar como decidiu alistarse no corpo de marines dos Estados Unidos, coa intención de participar na guerra de Corea, ou como pelexaba contra a súa propia sombra no tempo no que practicou o boxeo. En realidade, a súa vida inzada de anécdotas e situacións singulares que a el lle gustaba relatar, aderezando sempre o seu relato con retranca e sentido do humor, foi un camiño fecundo e feliz, vida marcada sempre polo compromiso firme con Galicia, non tendo dúbidas ao considerar que a lingua era o elemento que debería identificar á comunidade galega na Arxentina e a Galicia como colectividade, dedicando a ela toda a ilusión, o esforzo e o amor.
Médico do hospital do Centro Galego, especialista en hematoloxía, autor do curioso tratado ¿Qué es la sangre? e dun singular estudo sobre a medicina tradicional galega na obra de Shakespeare, participou en numerosas iniciativas culturais e políticas, colaborando en medios de comunicación, en particular en Radio Nacional e no suplemento cultural do diario La Nación.
Foi el quen primeiro nos levou a San Telmo, quen nos contou cada rúa, cada casa, cada praza, quen humanizou e galeguizou o barrio e quen nos descubriu algúns dos segredos da capital. Para moitos galegos el era a referencia en Bos Aires. Para moitos el era o amigo que de cando en vez escribía ou chamaba por teléfono dende o outro lado do océano.
Nós proclamamos a ledicia de ter convivido con el e enviamos ao aire o abrazo entrañable que xa non lle puidemos dar.
Ata sempre, Antonio. 
A Coruña, 8 de setembro de 2009

Nos sobres da súa correspondencia sempre había algo divertido. Malia ser longa de máis esta entrada, o que seguramente me suporá unha recriminación de Tacho, deixo esta nota na que podemos ver a súa interpretación icónica de certo tipo galaico, sobre todo de aquí -aínda que lembre ao Manolito de Mafada- porque sempre mantivo certa tensión cos que se consideraban esencia do galeguismo. Engadir, se cadra, que por decisión da súa filla Aixa, o seu arquivo está depositado na Fundación Penzol.

Antonio Pérez Prado