ENTRE VERSOS E CREBAS NO PINDO

A pasada fin de semana, a confraría de pescadores do Pindo, que tan ben leva Merche, coa axuda de Isabel, organizaron, un ano máis, as xornadas de cultura da Pesca. Como sempre os asistentes puideron degustar novidosas receitas elaboradas con produtos do mar; gozar das sobremesas que se presentan ao concurso do sábado; escoitar e bailar co formato familiar dos músicos de Luar na lubre e, tamén aprender e rir escoitando aos poñentes. Este ano a min tocoume participar en dous actos na tarde do sábado: a presentación do libro das Crebas, coa sorte de ter ao meu lado a Alexandre Nerium, o poeta mariñeiro de Fisterra e logo un recital poético, tempo que Alexandre e eu compartimos con Xoán Lestón, ou Xoán da Centola, o poeta de Caldebarcos e con Marta Dacosta, que leu poemas do seu último libro Dun lago escuro, premio Joán Carballeira do pasado ano e publicado por Xerais.

Gustei moito do texto que leu Alexandre ao principio da súa intervención, non porque fale ben ou mal do libro, senón por ese dicir as cousas que ten, esa linguaxe de mar na que tan ben se expresa e que tanto nos emociona. Deixo aquí ese breve texto, esperando que gocedes del.

PRESENTACIÓN AS CREBAS, OUTRO XEITO DE ANDAR AO MAR, O PINDO,

28 de xuño de 2014.

Alexandre Nerium

As crebas. Outro xeito de andar ao mar, estamos diante dun libro excepcional que aborda unha temática novidosa e intrigante: a das Crebas, que sempre formou parte da idiosincrasia da Costa da Morte. O libro ten un profundo traballo de documentación e navega sutilmente sobre as ondas co leme sempre firme.

Mergúllase nunha singradura de imaxes pictóricas, cun ronsel de escuma de cinema, acodérase á novela, vara en sirtes da xénese da historia, aparíguase ó melancólico son da poesía.

Chisco é un crebeiro e leva sempre a Maribel na súa compaña. Desce polas ribeiras até os coios. Escruta o mar  como o mascato a barría das sardiñas. Sabe que ó encher o mar a auga corre a norte, que a augatinta é a mellor hora para enmallar o peixe. Escudriña a beirada pois cada furna agocha un gran tesouro.

Sente, á ardentía, o alento dunha paca que lle poida zafar o cruel inverno. Lambe o salitre que o cavaco engole e carena de piche a súa buceta.

Ela, entre tanto, cada salseiro enfoca: os escumallos mornos da relasca, chalecos salvavidas cheguevaras que saíron á costa no solsticio. A cámara dispara ó mar consciente. Todo obxectivo fixa cada historia: a campá do Surrise, o afundimento no grisáceo arneirón do baixo Duio. De galipote a bota encol da area xunto a poxa dos restos dun naufraxio. A paca de algodón comesta e húmida e a luva suplicando a túa axuda.

Son as crebas que vagan cara ó vento como un soño esculpido na mallante. 

 

AS CREBAS

Saíu o libro das crebas. Chegounos o venres. Resultado de tantos paseos pola beirada do litoral entre Muros e Fisterra, de tanto perdernos por recunchos do litoral da Costa a Morte, de tanta conversa e tanta información recollida, da curiosidade, do xogo, da casualidade e da descuberta. Corenta fotos de Maribel e un texto meu deron este, As crebas, outro xeito de andar ao mar, que a editorial Baía acolleu no seu catálogo, nunha colección chea de luz. Esta é a cuberta, lembranza e homenaxe a Man. As crebas, título tamén dun libro de poemas e do blog de Miro Villar. Falando delas percorremos moitos lugares e con elas iremos a Islandia, país de crebeiros, entre abril e maio. Fotos, versos e conferencia acompañada de imaxes, na compañía de Elías Knörr e de Níels Einarsson.

Onte, en Area Maior, dei con este cavaco (madeira na linguaxe dos crebeiros), que ben valería para apuntalar o tellado da casa, madeira de teca en bo estado, agardando por alguén que a recolla.

Estando xa o libro disposto para imprimir, no límite do tempo, puidemos recoller, como colofón, fóra de texto, a imaxe da estación meteorolóxica que apareceu en Lira o mes pasado, procedente de Miami e que xa foi comentada nunha entrada anterior.

Espero que esta achega nosa axude a ollar ese mundo con curiosidade, porque del tamén se obtén información e por el aprendemos cousas. Hoxe a maior parte das crebas son lixo e sobre iso deberamos tomar consciencia. No libro fálase das illas artificiais formadas pola acumulación de moléculas de plástico nos lugares dos océanos onde conflúen as correntes. Gustaríame que este noso dea outros moitos libros, porque a súa vocación deste non é esgotar nada, senón abrir e dialogar.