A LÚA É SEMPRE MULLER

O último día de Terranova, a recente novela de Manolo Rivas, agarda sobre a mesa o seu momento de lectura. Con ela algunha outra, tamén de amigo, como Os elefantes de Sakúrov, de Antón Riveiro Coello. Pasoume xa con eles outras veces, pásame con moitos libros desexados. Sinto a necesidade de deixar que suceda o momento inicial, que deixen de ser novidades, para xa sen urxencia abandonarme a eles con vagar.

Sei, porén, que O último día de Terranova é unha homenaxe ás librarías, eses lugares queridos, nos que moitos medramos e aprendemos cousas importantes do mundo e da vida. Non teño eu delas a sensación de templos. Na miña vida convivín con librarías mal ordenadas, nas que non se podía entrar, como a de Clemente, o comunista de Ourense, que escondía os libros naquela acumulación do portal da rúa do Progreso. Coa crise e os cambios que nas nosas vidas introduciu a tecnoloxía, perdemos moitas das mellores que tiñamos. Sobreviviron outras e naceron as novas, en lugares grandes e pequenos, nos barrios das cidades e nas vilas, que tanto están axudando a dinamizar o libro e a lectura e ás que desexo toda a sorte e longa vida.

StrandGústame, se podo, entrar nas librarías dos lugares que visito. O catálogo sería longo, pero hoxe quero falar dunha que é un clásico, Strand, situada na esquina entre a rúa 12 e Broadway de Manhattan. Universo de andares cara arriba e cara abaixo, con libros en todas as línguas, máis ou menos ordenados por xéneros, pero tamén con sección de novidades, as suxestións das vendedoras e vendedores e, nos últimos andares, os recunchos dos bibliófilos, con libros singulares e, tamén, o dos escritores da cidade, cos seus altarciños particulares. Espazo no que deixar pasar as horas sen que ninguén moleste, nin apremie.

A última vez que pasei nela unha mañá, demorei moito na sección de poesía. Buscaba libros de autoras contemporáneas norteamericanas. Merquei varios, entre eles un titulado The moon is always female da escritora Marge Piercy. Ese día botei horas alí, quería, tamén, ter a sensación de sentir como transcorría o tempo no local, porque é unha das localizacións da miña nova novela. Todos estes prolegómenos a conto dun poema do libro de Marge Piercy, o que lle dá título.

Female

Tentei a tradución eu só, pero venceume e deixeina na metade. Agora, coa axuda de Inés Lafoz, moza de Daniel, licenciada en filoloxía inglesa e profesora, cheguei ao final, e comparto o poema aquí porque sendo longo e duro, paréceme un berro necesario, non só contra a mutilación, senón tamén contra calquera outra das múltiples violencias exercidas sobre as mulleres aquí e acolá. Nese sentido, impresiónanme as declaracións do irmán de Chamaco Carballo Neira, o asasino dunha muller en Becerreá, porque dende un punto de vista psicolóxico din moito do pensar de boa parte da colectividade en relación con esta violencia que nos desangra, do substrato de complicidade que aínda sobrevive no inconsciente colectivo, acto fallido froidiano. Di seu irmán: “O Chamaco debería amañar as cousas doutro xeito, non cunha escopeta”. Quere isto dicir que el comprendería e ampararía a mutilación, unha paliza ou o acoso?.

A LÚA É SEMPRE MULLER

A lúa lúa é sempre muller e así
son eu aínda que con frecuencia neste val
de follas de afeitar desexei que puidera
poñer e quitar o meu sexo como un vestido
e por que non? Os homes levan posto
sempre o seu sexo? O cura, o médico, o mestre
todos nos din que veñen ás súas profesións
neutros como as ameixas e a verdade é que
cando traballo son pura coma un anxo
tigre e claro é o meu ollo e quente
o meu cerebro e silenciosos todos os porquiños
choromiqueiros pola fame.
Éramos sacerdotisas para as deusas
as que lle foron ofrecidos os primeiros altares
de pedra torpe sobre pedra e saltos de animais  
na escura cova do útero, moito antes de que os homes
puxeran saias e máscaras para asustar os bebés.
Nós eramos curandeiras con herbas e cataplasmas
Co noso leite e dedos coidadosos
moito antes de que aprenderan a cortar
a vida facendo chistes sobre os cadáveres.
Nós estabamos facendo sons coas nosas gorxas
e labios para advertir e alentar as indefensas
mozas moito antes de seren construídas as escolas
para aprenderlles aos nenos a obedecer e seren aburridos e matar.
Esperto no estraño leito brando e baleiro
dun motel, tremendo como secas follas soltas
que o vento esgarra, e a miña cabeza
está prendida a unha rapaza de doce anos
cos todos os órganos femininos, pero as entrañas entumecidas
están sendo cortadas con coitelo. Clitoridectomía
ou calquera outro nome que lle deas en Latín, nun cuarto
do mundo as mociñas son mutiladas.
e penso nelas e non podo parar.
e penso nelas e non podo parar.
Se ti es muller, sentes o coitelo nas palabras.
Se ti es un home, entón, con catro anos ou ben
aos doce ti es amarrado e colgado cara abaixo
e o teu pene é cortado.  Quédanche
os testículos pero están cosidos
á túa entreperna. Cando a túa esposa te compra,
te desgarra e te abre para que o teu valioso
seme poida ser extraído, por suposto
ti non sentes nada.  Só dor. Só dor.
Para o uso dos homes fomos masacradas
e mutiladas e silenciadas e trinchadas
baixo a lúa que medra e brilla
e se encolle de novo ata ser nada, encinta
e despois minguante, cara a súa pequena morte
mensual. A lúa e sempre muller pero o sol
é feminino só nas terras onde ás mulleres
lles é permitido correr e ascender ao sol.
Unha muller está berrando e eu escóitoa.
Unha muller está sangrando e véxoa
sangrando pola boca, o ventre, os peitos
nunha fonte de sangue escura e lúgubre
mágoa cotián e tedio bastante agradable
para o gusto dos poderosos e dáse por suposto
que o pan da domesticidade amásase
coa nosa carne, que o noso corazón constrúese
cos nosos ósos de animais criados para dar carne e leite
que abrimos e baixo os que xacemos e choramos.
Quero dicir sobre os nomes das miñas nais
como as pedras dun camiño polo que vou trepando
rocha tras rocha esvaradía ata as néboas.
Nunca, incluso a punta de navalla, quixen
ou estiven disposta a converterme nun home.
Só quero ser eu mesma e ser libre.
Estou agardando a saída da lúa. Aquí
abáixome, o mundo enteiro coas súas fundicións
de aceiro e as súas minas de carbón e as súas prisións
ás miñas costas o continente inclínase
cara as montañas desgarrado por lagos brillantes
todo detrás de min nesta gadaña de palla,
un molde de area entre as ondas do océano, e eu
agardo a saída da lúa vermella e pesada
nos meus ollos. Xélida, rara, temerosa
na escuridade agardo e estou todo o tempo
escalando por rochas esvaradías entre a brétema mentres
moi por debaixo das ondas estámpanse as furnas;
estou descendendo unha escada baixo o mar que xeme
mentres as negras augas me abanean
como argazos dun lado para outro.

 

Nadei na superficie das augas brincando
de ledicia na pel dun golfiño do mesmo xeito
no necesario aire e no tumulto da poderosa onda.
Estou entrando nos cuartos que visitei.
Abollei sobre eles mentres durmía e durmía,
andando e espertando, afogándome nunha paixón
engalanada con corbelas de sufrimento.
Vaguei por eses cuartos na rocha
onde a lúa conxela o aire e todo o pelo
é negro ou prateado. Agora contareiche
o que aprendín deitada baixo a lúa
espida como fan as mulleres: agora contareiche
os cambios da lúa crecente e minguante.
Polas pedras duras da necesidade chuchamos
o que da auga podemos e así sobrevivimos
mulleres nacidas de mulleres. Pódese coñecer
cos dentes e tamén coa lingua
e pódese coñecer coas xemas dos dedos
e tamén coas palabras e con todas
as palpebrexantes ansias do cerebro.

 

BARCOS EN CABO DA CRUZ

Todos as indicacións que un vai atopando no camiño, sinalan Cabo de Cruz, malia que os veciños da parroquia insisten en que de ser, o nome sería Cabo da Cruz. Alí, nese recuncho fermoso da Arousa, esta fin de semana celebrouse o XII Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais, que cada dous anos organiza a Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial, sempre coa colaboración dunha entidade local. Este ano a candidatura presentouna a Asociación da Gamela de Cabo da Cruz.

Barco navegando

Os Encontros, cada ano, son unha emoción, con tantas embarcacións convocadas, que chegan de lugares distantes, coas tripulacións, animosas, divertidas, falando as súas linguas, coas súas prosodias e as súas músicas.

Barcos entrando

Pasamos alí dous días de calor, pero moi felices, rodeados de amigos, compartindo tantas emocións: alí estaban Xerardo Triñanes, Elvira, Eva e Laura, esa familia que sempre nos acolle; Vica, Xaquín, Pepe e o resto dos membros da Asociación da Gamela; Alberto e Pitusa do concello de Boiro; vin a Anxo Angueira, a Xosé Iglesias e María, a Lucía Aldado e María Lado, a Eva Veiga, Fito Ares, Bernardo Martínez e Alfonso Costa, aos amigos de Esteiro. Para os obradoiros de arte e natureza para nenos, chegaron Antón Sobral, Carmen Hermo e Jesús. Tamén, con eles, Perla, Marga e Álvaro. O venres, de madrugada, escoitando a Treixadura, tiven unha longa conversa con Antón Riveiro Coello arredor das novelas. Tamén se achegaron os amigos queridos Tacho e Rosario, dende Corrubedo.

Barco fe en deus

Coma sempre, acudiu Uxío, da Illa, amigo, animoso e divertido; tamén Lino Lema. Vin a Carlos e á xente de Lira que navegou na xeiteira de Canle ou que paseou. Un encontro moi emotivo, logo de tantos anos, foi o de nos atopar con Carmen Isabel, a oleira de Buño, que tiña posto de venda entre as carpas de artesanía. Outro foi o de recuperar o contacto con Santiago Veloso, un dos impulsores, a través de Ponte nas ondas, da candidatura da cultura inmaterial galega como Patrimonio da Humanidade.

Navegamos no Laberco, o barco de Xerardo, malia que el, logo dun accidente no estaleiro o día anterior ao inicio do Econtro, non puido navegar connosco, pero si o fixo Laura, a súa filla pequena, que patroneou moi ben.

Coma sempre, a emoción das velas, os nomes dos barcos, os xantares e ceas compartidos na carpa mariñeira.

Coma sempre, a alegría do mar, dos pailebotes brancos, das velas acendidas, dos mastros, dos ronseis, do galipote.

CAM00884Esta embarcación que vedes arriba, é a Esperanza e Liberdade, que ten a súa historia que conto brevemente. Responde ao modelo particular de gamela de Cabo da Cruz e que foi moi tradicional nesta parte da Arousa, tripulada sempre por un mariñeiro. Esta podería ser a historia:

“Chámome Esperanza, por non ser Liberdade, palabra temida e prohibida. Chámome vida, que esa foi sempre a miña relación cos mariñeiros deste litoral da Arousa chamado Cabo da Cruz”. Así podería contar ela a súa propia biografía, que é sabido que o nome que Francisco Outeiral lle quería era o de Liberdade, pero non era esa palabra ben vista naqueles días de ditadura e senrazón, polo que, non se sabe se inocente ou retranqueiro, propuxo que na folla de inscripción e no bautizo constara a outra palabra que axudaba a vivir nos días grises: Esperanza.

Os amigos da gamela de Cabo de Cruz, herdeiros da vella Esperanza, construiron unha replica, esa da imaxe, á que puxeron Esperanza e Liberdade.

Cartel

Consérvase unha fotografía na que se observa a Francisco Outeiral navegando a súa Esperanza. Esa é a imaxe que forma parte do cartel do Encontro, en arranxo fotográfico feito por Maribel Longueira. É breve a escuma causada nas ondas pola proa e leve o ronsel, que o navegar da gamela semella unha caricia. Vai el no barco de proa, gobernando o leme co aceno dos grandes pilotos do mar dos que fala a literatura. Quizais os aires teñen con el a mesma consideración que con San Patricio, preguntándolle con cal deles quere encher hoxe a súa vela, ou acaso aquí, neste mar, non é necesaria tanta consideración, que estos ventos, que levaron ata Padrón a barca de pedra, saben a cal deles prefire cada pau e cada vela.

OS LIBROS

Intensa actividade a destes días arredor dos libros. A semana pasada, presentabamos Versos no Olimpo -O Monte do Pindo na poesía galega-, edición da que somos responsables Miro Villar e eu e editado por Toxosoutos. Primeiro foi en Compostela e o sábado no Pindo. Estivo ben en Compostela, pero no Pindo foi fantástico, a presentación transformouse nun festival e non só porque había público, porque estaban oito dos autores que participan nel e que recitaron os seus versos, senón porque xente do público, animada polo momento, tamén recitou poemas. O libro foi pensado para dotar a asociación Monte Pindo Parque Natural de recursos, nun tempo difícil, no que a achegas públicas son practicamente inexistentes.

Presentación "Versos no Olimpo", na confraría do Pindo “Versos no Olimpo”, na confraría do Pindo. Imaxe Maribel Longueira.

O venres 28 de xuño, acompañaba a Xosé Manuel Núñez Seixas, Ramón Villares e Javier Jiménez, o editor de Fórcola, na presentación de Cadernos de Rusia, de Dionisio Ridruejo. Onte luns estiven con Correa Corredoira na presentación do seu poemario Fibra de poliéster, en Vigo. O venres día 5, nesa mesma feira, dialogarei con Antón Ribeiro Coello, sobre as nosas novelas Laura o deserto e A noite branca. Modera desta vez Ramón Nicolás.

Hai períodos de tempo así, nos que se acumula traballo e compromisos, tempo que nos esixe, tanto dende o punto de vista intelectual, como físico e, tamén compre dicilo, económico. Intelectual porque un debe ler, reflexionar, pensar que vai dicir e expresalo. Físico porque hai que ir aos sitios, regresar a casa tarde polas noites, durmir pouco. Económico porque os gastos de ir e vir, normalmente, corren a cargo de cada un. Isto non é unha queixa, é só unha evidencia, pero que non se nos diga que todo se move só polo interese e polos cartos. Toda esta actividade forma parte da amizade, do amor que temos polos libros, pola palabra e, tamén, da solidariedade entre nós, hoxe por un, mañá por outro, así que non hai lamento. Somos moitos os que cremos que o libro, hoxe, sobre todo hoxe, debe ser acompañado. Hai que darlle aire, presentalo, facelo visible, sacalo á rúa, e niso andamos, convencidos de que, malia que aquí os ventos sexan contrarios, a lectura -dáme igual o soporte- segue sendo fundamental para transformar e articular unha sociedade mellor.

Ás veces preguntámonos cal é a razón pola que os islandeses, poño por caso, foron quen de enfrontar a políticos e banqueiros, xulgalos e envialos ao cárcere cando procedeu. Quizais a razón está nesa noticia que leo hoxe no xornal, de que alí a media de lectura de cada persoa é de 40 libros ao ano. Non esquezo que, dende hai uns días, cazan baleas de novo, actividade que semella en contradición co ser do lector, pero tamén sei que o movemento en contra desa medida, alí, é forte.

Onte de madrugada, volvendo de Vigo con Correa Corredoira, comentábame que non superariamos a actual crise moral e de valores, tamén a de supervivencia como especie, mentres seguisemos mantendo un sistema social, económico e alimentario, baseado na morte do outro, e o do outro non se refire só a seres humanos, que tamén. Quizais teña razón, en calquera caso, a cousa dá para pensar.

Mentres, os libros e as cousas que nos din, feliz encontro co outro, cos outros, sen conflito e sen tregua.

FEIRAS DO LIBRO

Non chegou a primavera climática, pero estamos xa no tempo das feiras do libro, días de seráns longos e recendos cálidos.

Antón Riverio Coello e eu, acordamos presentar á Federación de libreiros, un proxecto para estar participar nalgunhas das feiras do país, a partir das coincidencias e diverxencias das nosas últimas novelas, Laura no deserto e A noite branca. Dúas novelas, dúas editoriais (Galaxia e Xerais), dous autores e un presentador-condutor en cada localidade, nun modelo pouco empregado ata agora entre nós e que pretende, en tempos difíciles, crear vínculos e fortalecer a imaxe do noso sistema literario.

O título que acordamos para a actividade é: A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria.

A proposta consiste nun diálogo entre dous escritores que, ao mesmo tempo e sen saber un do outro, escriben dúas novelas narradas nos dous casos dende catro voces, que se desenvolven a través dun período histórico semellante e que tentan recuperar unha parte de memoria colectiva, silenciada ou esquecida, a través, fundamentalmente, do periplo vital de dúas mulleres e que se asoman, ademais, a ese escenario enorme e brutal da II Guerra Mundial.
Para quen poida estar interesado, vai este anuncio, indicando os lugares nos que estaremos e os amigos que nos acompañarán:
Santiago, venres 3 de maio, con Armando Requeixo.
Ourense, venres 7 de xuño, con Manuel Outeiriño.
Vigo, venres 5 de xullo, con Ramón Nicolás.
Rianxo, sábado, 27 de xullo, con Xerardo Agrafoxo.
A Coruña, venres 2 de agosto, con Eva Veiga (pendente de confirmación definitiva).