A NOITE BRANCA EN RUSO

Xa está editada en ruso a novela A noite branca, que dá nome a esta bitácora. O traballo de tradución correu a cargo de Elena Zernova e cónstame que foi un traballo intenso, que requeriu esforzo e, polo que falei con ela, seguramente nalgunhas pasaxes mellorase o texto orixinal. A editorial é nestorbook.ru. A Elena e á editorial debo agradecer esta alegría.

Aínda non teño o libro, o obxecto físico, non o podo tocar, pero onte conseguín esta mostra escaneada do traballo editorial: cuberta, créditos e o inicio do capítulo VII.

A noite ruso. cuberta

Resulta curioso ver un texto propio posto nunha lingua tan diferente. Xa me aconteceu cando publicaron ao éuscaro a aventura de Suso Espada: Istambul e o cabaliño de ouro. A sensación de desconcerto, e tamén de emoción, aumentou ao ter na man o texto en árabe do conto ilustrado polo pintor sirio Ali Ali, Suleiman e Salúa. Nesta versión rusa de A noite branca, si chego a discernir o meu nome nos créditos, pero aí remata todo. Paréceme ben esa dobre páxina de créditos, na que figura edicións Xerais, a editorial que apostou polo texto, así como o ano daquela primeira edición.

A noite ruso. créditos

Gustaríame poder manter algunha comunicación cun lector ruso da novela, pero non sei se será posible. Aquel é mundo moi afastado de nós, ou nós deles, e está, tamén, a dificultade lingüística. Mentres, velaí vai a novela, transitando os seus carreiros polo mundo, agardando por unha editorial que se decida a publicar a versión en castelán, que tradución hai, feita por Carlos Airas. Se algún lector deste blog sabe dalgunha posibilidade, moito lle agradecería me facilitase a información e me indicase o camiño.

A noite ruso. páxina

A tradución contou co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, concedendo a axuda solicitada pola editorial nestorbook.ru, na convocatoria anual de axudas á tradución do ano 2013.

CON ANTONIO GAMONEDA

Antonio GamonedaAproveitando a viaxe a León, o domingo pola mañá quedamos con Antonio Gamoneda, nun café preto da súa casa. O día amenceu en chuvia, pero non ía frío. Coma sempre, chegou puntual á cita. Sorprendeume velo con bastón. Explicounos as secuelas que no seu corpo deixou o atropelo que padeceu hai cinco anos, a dificultade de camiñar, o aumento de peso e a necesidade de se transformar en trípode, por repartir o peso (a expresión é súa). O bastón é o terceiro que ten, aínda que só mercou un. Cambios nos cafés. Alguén leva o seu por erro e el debe asumir o que lle deixan, pero sorrí ao contar que sempre gañou co equívoco, cada bastón aceptado como propio era mellor co anterior e agora agarda que alguén leve este seu, que non o era, e lle deixe un con empuñadura de prata.

Sempre entrañable, segue pechando os ollos ao falar, o que lle dá un certo aire de inocencia. Mantén a fidelidade ao café só. Hoxe toma dous, pero non proba os churros.

Gamoneda, Chisco

Ten Antonio o don de facer sentir importante ao interlocutor. Pregunteille eu polo que escribe e os traballos nos que fatiga as horas. Contoume dun proxecto con Yamamoto Masafumi, de quen hai pouco puidemos admirar a súa obra na Coruña, porque o pintor e gravador xaponés ilustrou un fermoso poema de Eva Veiga. Falounos, tamén, doutro proxecto pictórico literario con Juan Carlos Mestre, e dunha restauración ou reparación do cancioneiro popular asturiano, traballo que desenvolve co barítono Joaquín Pixán. A min gustaríame coñecer a Joaquín Pixán, pois el compuxo unha oda a Jovellanos, e falaríalle eu dos días que o político e escritor ilustrado pasou en Muros e do que alí escribiu.

Pero falaba da particularidade de Antonio, que é don dos xenerosos. Porque sempre hai un momento no que, cun movemento da man e da cabeza, semella querer borrar todo o anterior e entón interésase polo que fai o outro. Sorprendeume a súa memoria ao me preguntar por cousas das que falamos hai tempo e sobre as que mantivemos correspondencia. Lamentou fondamente que A noite branca non estea aínda publicada en castelán e si traducida xa ao ruso, e non só porque me autorizou a incorporalo a el, de neno, como personaxe nun dos capítulos, senón porque sempre manifestou interese en ler o libro. Eu mandeille ese capítulo, como peza separada da novela, para obter a súa aprobación, e el respondeume isto tan fermoso para min, claro: Bien me parecen tus folios, ajustados en su primera mitad a la realidad “histórica” y en esa prolongación imaginaria que bien pudiera haber sido también realidad en la segunda. Únicamente, una precisión: Los alemanes, en sus desfiles, se acompañaban de una banda de música, pero no cantaban. Tampoco pasa nada si conservas el cántico. Creo que está escribiendo una buena novela. (Os alemáns eran a Lexión Cóndor, que para entrar en León desfilando, formaban diante da súa casa).

Cóntanos das fatigas e dos compromisos. Nos dous últimos dous meses estivo en Italia, Canarias, México e Ecuador e fala do volume de papeis, peticións de limiares e lecturas de manuscritos que o agardan e que acadan a altura de máis de medio metro. Confesa ser consciente de que o tempo é limitado e sabe que o que resta non lle vai dar para escribir todo o que ten na cabeza. Dicímoslle que iso é o importante e que debe liberarse doutras obrigas que lle rouban horas de traballar no seu. Sábeo, pero sabe tamén o que lle custa dicir non.

O camareiro tiranos unha foto. Maribel, a fotógrafa, fotografada polo camareiro. É unha curiosidade, porque ela case nunca sae nas fotos. As outras dúas si son súas. Pasa do medio día cando marchamos. Angelita chámao para que merque o pan. Sobre León segue caendo a chuvia.

Gamoneda, Maribel, Chisco

Deixo esta gravación que atopei en YouTube, o poema, a súa voz, o ritmo do verso, que non é só música, que ten, tamén, valor significante, tal e como deixou escrito nese libro que a editorial Trifolium publicou en galego, Fonación, palabra e escritura, pensamento poético, no que Antonio escribe: as significacións poéticas son creadas pola rítmica. E máis estritamente aínda: o pensamento poético é pensamento rítmico, para engadir algo máis adiante: Recorden: a rítmica creará unha semántica imprevisíbel,  mais esa semántica imprevisíbel ha de ter -e o mencionado conxunto neuronal “censor” ha de respectala- unha seria e veraz connotación existencial. 

NOVA YORK 2: NO MUSEO XUDEU

En Batery Place, no extremo sur de Manhattan, érguese dende hai pouco o Museum of Jewish Heritage. A vista da baía dende as galerías interiores é formidable, xa que queda diante da Estatua da Liberdade e de Ellis Island. Non o lembraba da primeira visita a Nova York no ano 2002. Daquela, non repararía nel por non estar centrado coma hoxe nun asunto que ten que ver coa comunidade xudea da cidade, xa que o edificio estar, estaba, que foi inaugurado en 1997.

Dende o museo xudeu

Ten unha construción curiosa, de planta exagonal que medra como unha pirámide de corpos concéntricos e que tanto polo xeito de se alzar, como polas seis puntas dos exágonos, quere lembrar aspectos principais de cultura xudea. Porén, a min, pareceume que ten algo de búnker, de estar á defensiva nun lugar, ademais, que como indica o propio nome, ten moito de militar. Ando perseguindo a memoria dunha xudía, Gertrud Herber, austríaca fuxida do nazismo a través de Marsella e Casablanca, tal como na película, e que chegou a Nova York, xunto cos pais, o día 8 de agosto de 1941. Estivemos diante da casa na que habitaron sempre, no 2655 East, 21 St. de Brooklyn, nun barrio próximo a Coney Island, habitado por moitos xudeus, rusos en gran parte, segundo me contou alguén.

Gertrud xa saía na Noite branca. Ela é a moza que esixe a Fritz Blankenagel que escolla entre a guerra e ela. Iso era novela e novela será o que depare o futuro. Mentres, investigo o que podo do seu pasado, porque dende hai tempo e por azar, teño no meu poder uns cadernos marabillosos, escritos dende a adolescencia, cunha primeira entrada en marzo de 1925 e a última, cando xa perdera a letra elegante, de xullo de 1963. Nos cadernos nada conta, so referencia as viaxes, anotando o día de saída, o relatorio completo de lugares visitados e o regreso. Ilustra cada páxina con material diverso: follas de árbore; flores secas; sobres de azucre; billetes de autobús, tren ou avión; menús de restaurante; facturas de hotel; programas de concertos e teatro; folletos turísticos e, tamén e aí está o tesouro, con pases para conferencias xerais da ONU, para convencións de asociacións xudías sempre en Atlantic City, para congresos relacionados co turismo e parques naturais e isto si que non me chama a atención, xa que a primeira anotación, sendo nena, é dunha excursión para esquiar nos Alpes.

Vaime axudar na investigación María Teresa, unha muller que veu ao festival o primeiro día, filla de galegos pero nacida en New Jersey, onde vive, que fala un galego marabilloso, aprendido sobre todo alá, escoitándolles dicir aos pais dende nena e que logo veu perfeccionar aquí. Agora tamén inicia ao seu home no galego. Antropóloga, ofreceuse a pescudar por min en arquivos e bibliotecas.

Con Tareixa ao remate do recital.

Con Tareixa ao remate do recital.

Ao museo xudeu fun procurando información sobre a colectividade xudía en Nova York logo da II Guerra Mundial, pero pouco atopei. Hai bastantes referencias á emigración anterior a 1930; unha planta enteira dedicada ao nazismo, os campos, o holocausto e o éxodo, con moito material sobre salvocondutos, declaracións e prohibicións de entrada, incluíndo o orixinal dunha carta de Einstein a Roosevelt, pedíndolle que abra as portas e deixe entrar aos que foxen do exterminio. Nada do que sucedeu despois, sobre a influenza do capital americano na construción do estado de Israel ou sobre as diversas tendencias políticas das organizacións de xudeus americanos, que era o que a min me interesaba, xa que houbo e hai de todo, por máis que hoxe, como sucede en Israel, triunfe a extrema dereita.

Dende alí fomos ao primeiro recital do Festival poético. Era no Center of Worker Education at City College of New York- CUNY, situado diante do pitón dereito do touro de Botero, que esa foi a referencia que nos deu Carlos Aguasaco, o portavoz da organización do The Americas Poetry Festival of New York 2014. Eu fun o primeiro participante en intervir. Na imaxe de abaixo estamos eu e Amelie, encargada de ler en inglés os poemas que eu recitaba en galego. Esta foto e a de Tereixa, son de Maribel. A da vista dende o museo, é miña.

NY 1º recital

NIEVES ÁLVAREZ: DESDE TODOS LOS NOMBRES

O pasado xoves, día 11, Pedro Ramos e eu presentabamos, na libraría Arenas da Coruña, o último libro de poemas de Nieves Álvarez Martín, escritora nacida en Ávila e residente en Cantabria.

desdetodoslosnombresO libro, titulado “Desde todos los nombres (Abedeceario del olvido)” é unha decidida e valerosa denuncia do esquecemento das vítimas da represión franquista que aínda permanecen en fosas comúns, espallados por gáveas, campos e traseiras de cemiterios de España e, tamén, da dor e impotencia dos seus familiares.

Lembraba eu na presentación algúns dos poetas que se achegaron a esta cuestión, unha das feridas sen curar da sociedade española. Invocaba, claro, a Antonio Gamoneda, un dos escritores que máis fonda reflexión poética realizaron sobre este tema, velaí senón: Descripción de la mentira, Lápidas ou Libro del frío. Lembraba que tamén a poesía galega reparou nesta inxustiza, tumor da democracia española e da súa incapacidade para permitir que cicatricen as chagas da dor, polo tanto, tema absolutamente actual. Citaba eu Os cadernos da ira, de Pepe Álvarez Cáccamo, o traballo de Claudio Rodríguez Fer ou as voces de mulleres como Carmen Blanco e Marta Dacosta. Tamén, claro, os versos que Manuel Álvarez Torneiro, o noso Premio Nacional de poesía 2013, quen vai deixando referencias a paseos e desaparicións en todos os eus libros. Nese que mereceu o premio, Os ángulos da brasa, podemos ler: Unha memoria mineral recorda/ o túnel cara á morte,/ o medo esborrexendo,/ o estrépito da ira;/ mortos arreo e con todo posto/ unha hora antes das primeiras luces./ E aínda houbo valor para outros días.

Presentación Nieves

Nieves Álvarez, con Desde todos los nombres, incorpórase a ese grupo de escritores que denuncian un dos trazos máis incomprensible e máis cruel da sociedade española. Nieves faino “desde el vuelo herido de los pájaros” y desde “la libertad secreta de los árboles”, tentando achegarse ao sufrimento do pai, que permaneceu preso en varios campos de concentración, historia durante moito tempo ignorada por ela.

Penso que no seu caso, como no dos demais poetas, o poema axuda a elaborar un discurso ético con valor estético, tan necesario cando se trata de abordar un asunto que fire tanto como este. Si, ademais os seus versos fan leve o pesado, pois pesada é a carga, como sucede nese poema dedicado a Antonio Machado: … empuñar el valor como una pluma/ el alma como un largo recorrido/ de palabras que sangran en la boca…

Hai días celebrabamos aquí o centenario de Nicanor Parra e citabamos algúns poemas do libro Chistes pa/r/rá desorientar a la policía/poesía, entre os que estaba este, tan breve como contundente:
De aparecer apareció/
pero en una lista de desaparecidos.

Pero Chile fixo o esforzo por recuperar, identificar e devolver á luz da memoria aos desaparecidos, como o fixeron Arxentina, Uruguai, Brasil, como o están facendo as Repúblicas balcánicas.

En una antigua caja de metal/ y dulce de membrillo…” di Nieves. Ao fío destes versos conteille que tamén eu tiven a miña caixa de marmelo, con fotos e cartas escritas dende unha fronte afastada. Fotos e cartas dun voluntario da División Azul. Díxenlle que escribín unha novela na que tentaba responder á pregunta de cómo un fillo de republicanos, afillado do meu avó, perseguido e xulgado en consello de guerra, decidiu anotarse voluntario na División Azul, loitar co nazismo e rematar algunhas cartas cos berros de rigor: Heil Hitler!, Viva Falanxe!, Viva Franco! Arriba España!

Non tiven outra que invocar o nome de Rafael Hernando, esa voz do PP que lembra a Torquemada, personaxe que afirmou aquilo de que os familiares dos desaparecidos so se preocuparon deles cando chegaron as subvencións, preguntándose con cinismo que pensariamos se a alguén en Rusia ou en Alemaña se lle ocorrese exhumar as fosas da segunda guerra mundial?. Pois si, cínico e ignorante o personaxe.

Referín entón o que aprendín en Rusia, logo de abrir a caixa de marmelo, e mentres escribía a novela A noite branca. Xa está contado aquí, pero por se alguén non o sabe, daquela fixera unha viaxe en autocaravana, entre os meses de marzo e abril do ano 2011, dende A Coruña a Novgorod, seguindo o camiño que percorreu a primeira quenda da División en 1941. Pavel Tendera, amigo ruso, especialista na División Azul, acompañounos aos lugares onde se combateu, diante sempre do río Volchov. Foi el quen nos contou que cada ano, cando chega o desxeo e se pode cavar na terra, chegan os equipos alemás, formados por historiadores, arqueólogos e forenses, para buscar corpos sen nome enterrados en fosas comúns. Tamén o fan os rusos. Os dous países consideran que ninguén, fose cal fose a causa da morte, a ideoloxía ou o bando polo que combateron, debe permanecer nunha fosa común. O protocolo que seguen é o mesmo que hoxe aplica aquí a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica. Os españois identificados ou non que van atopando nos seus traballos, aplicado o protocolo e buscados familiares, de non seren reclamados por ninguén, incorpóranse ao memorial alemán de Pankovka, onde repousan case cen mil soldados cos seus nomes e con eles, dous mil españois.
Sigo pensando que aquí todo é difícil. España quizais merecía outra historia, xa o dicía Gil de Biedma. Este mes de xullo procedeuse a exhumación dos restos de Perfecto de Dios, galego de Sandiás, enterrado nunha fosa na localidade de Chaherrero, na provincia de Ávila. A crónica tamén figura neste blog. A exhumanción foi financiada cunha colecta do sindicato noruegués de electricistas. Seis mil euros, que deron para esta e teñen que dar para algunha exhumación máis.
Estes días lemos nos xornais que por fin se traballará nas catro fosas de Puebla de Guzmán (Huelva). Noventa persoas están enterradas alí, entre elas as 15 rosas de Guzmán, 15 mulleres asesinadas en 1937. O financiamento é por iniciativa popular.
É escura a habitación onde durmimos, diante dun armario cheo de sombras, frase que escribo xogando cun título de Antonio Gamoneda e outro do artista catalán  Francesc Torres. Francesc fotografou a exhumación de 46 republicanos en Vilamayor de los Montes, provincia de Burgos. Esta exhumación foi realizada cos cartos que el conseguiu de dúas fundacións norteamericanas e que en principio debían financiar a apertura dunha fosa en Cataluña. Finalmente, diante da inoperancia da administración catalana, el ofreceullos a ARNH, que tiña fosa identificada e con permisos en Vilamayor de los Montes, pero non cartos para levar a cabo a exhumación. Daquel momento Francesc deixou constancia nunha exposición e nun libro con ese título antes invocado: Oscura es la habitación donde dormimos.

No limiar do libro de Nieves álvarez, escrito pola editora Raquel Lanseros, recóllese esta cita de Pablo Neruda: recordar a quienes desaparecieron en la oscuridad y recordarlos a plena luz, es un deber de España, un deber de amor.

Nós esquecemos este deber, esta obriga, con esa desculpa aceda e ferinte de que non convén remexer o pasado.
Arredor de 140.000 persoas permanezan baixo terra, espallados por gáveas e campos de España. O outro bando tivo a oportunidade, na Causa General, de recuperar, identificar e enterrar os seus. Hoxe, para os descendentes dos desaparecidos republicanos, a situación é dramática. Invocando os versos de Nieves: Morren os que inventaron unha paisaxe na súa casa/ os que preguntaron nas estacións/ os que buscaron nos armarios,/ os que choraron ausencias que sobrepasan a dor…
Si, morren os que merecían a reparación, morren sen atopar acougo, comprensión nin consolo. Este é un país canalla, di Torneiro noutro dos seus versos.
De la verdad no ha quedado más que una fetidez de notarios
Una liendre lasciva, lágrimas, orinales
Y la liturgia de la traición
¿Qué lugar es éste, qué lugar es éste?
 
Grazas, Nieves, por este libro tan necesario.

A imaxe da presentación é de Iván Casal Nieto.

 

DE GALICIA A NOVGOROD

Hai tres anos, tal día coma hoxe, iniciabamos a aventura que nos había levar dende A Coruña ata Novgorod, seguindo coa maior precisión posible o percorrido realizado pola primeira quenda da División Azul, entre os meses de xullo e outubro de 1941. Once mil cincocentos quilómetros entre ida e volta. Aquela viaxe foi consecuencia do proceso de elaboración da novela A noite branca, e tivo un efecto fundamental sobre o resultado final.

Coincidimos, Maribel e eu, na nostalxia que sentimos cando pensamos naqueles días e, tamén, en que a dimensión da viaxe medra co paso do tempo. Cando chegamos, traiamos varios milleiros de fotografías, pero ao pouco tempo, un disco duro externo caeu ao chan, avariándose. Nel estaban as imaxes dos lugares da fronte, de Novgorod, de Treblinka. Iso fíxonos desistir da idea de producir unha exposición e percorrer o país acompañando as imaxes coa palabra, contando como fora a experiencia. Enviamos o disco a varios lugares fóra de Galicia e consultamos tamén con talleres de recuperación de información fóra de España, pero ninguén conseguiu nada e nós demos as imaxes por perdidas. Pero estes días, quizais como agasallo polo aniversario, do fondo do ordenador grande de Maribel, empezaron a xurdir imaxes, copia das perdidas. Entre as recuperadas están algunhas moi importantes.

Quero celebrar convosco este encontro e o aniversario, importante para nós, con algunhas desas fotos. Podedes ver a que indica a entrada en Maloyé Zamoshye, lugar dunha das batallas nas que participou Alfredo. Tamén a Pavel Tenderá, o noso guía polos camiños e pistas do bosque, cortando leña, momento no que aparece Galina nas nosas vidas. Como no interior da súa casa nos conta a súa lembranza da batalla, memoria de nena de 11 anos. Como nos agasalla con té, mortadela, galletas, caramelos, sopa, con calor e con cariño.

Tamén podedes ver as cúpulas do templo do interior do Kremlin de Novgorod. Sobre a cuberta de pan de ouro está a cruz da lenda. Contan que Iván IV Vasilievich, (Iván o Terrible), diante do templo, asegurou que mentres a cruz estivese sobre a cúpula, Rusia nunca sería conquistada. Esa cruz foi traída a España polos divisionarios, xa que caeu durante un bombardeo. Vese que o Tsar non tiña razón, porque Rusia liberouse, precisamente, cando a cruz cedeu. O goberno español devolveuna case sesenta anos despois.

A outra é o cartel que anuncia o campo de Treblinka. Faltan por se manifestar todas as imaxes do que foi campo de exterminio.

A NOITE BRANCA DE ZÉ RAMALHO

A felicitación de Nadal deste ano da Federación de libreiros de Galicia, sobre unha paisaxe acorde coa estética das festas, inclúe a cuberta da novela A noite branca.

Sobre ela dous versos que eran descoñecidos para min. Son dun poema ou canción de Zé Ramalho, o cantante brasileiro, nacido en Brejo da Cruz, Paraíba e soa así:

Eu non o coñecía. Estes días, escoitando cousas del, atopei esta canción, Chao de Giz, que é coma un himno para os seus seguidores e que conta con máis de dez millóns de entradas en you tube, é este .

Boas festas.

FEIRAS DO LIBRO

Non chegou a primavera climática, pero estamos xa no tempo das feiras do libro, días de seráns longos e recendos cálidos.

Antón Riverio Coello e eu, acordamos presentar á Federación de libreiros, un proxecto para estar participar nalgunhas das feiras do país, a partir das coincidencias e diverxencias das nosas últimas novelas, Laura no deserto e A noite branca. Dúas novelas, dúas editoriais (Galaxia e Xerais), dous autores e un presentador-condutor en cada localidade, nun modelo pouco empregado ata agora entre nós e que pretende, en tempos difíciles, crear vínculos e fortalecer a imaxe do noso sistema literario.

O título que acordamos para a actividade é: A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria.

A proposta consiste nun diálogo entre dous escritores que, ao mesmo tempo e sen saber un do outro, escriben dúas novelas narradas nos dous casos dende catro voces, que se desenvolven a través dun período histórico semellante e que tentan recuperar unha parte de memoria colectiva, silenciada ou esquecida, a través, fundamentalmente, do periplo vital de dúas mulleres e que se asoman, ademais, a ese escenario enorme e brutal da II Guerra Mundial.
Para quen poida estar interesado, vai este anuncio, indicando os lugares nos que estaremos e os amigos que nos acompañarán:
Santiago, venres 3 de maio, con Armando Requeixo.
Ourense, venres 7 de xuño, con Manuel Outeiriño.
Vigo, venres 5 de xullo, con Ramón Nicolás.
Rianxo, sábado, 27 de xullo, con Xerardo Agrafoxo.
A Coruña, venres 2 de agosto, con Eva Veiga (pendente de confirmación definitiva).

RUBÉN DARÍO E ANTONIO LOBO ANTUNES

No ano 2006, na feira de Guadalajara, asistín a un encontro de Antonio Lobo Antunes cos seus lectores mexicanos. Alí contou a razón que o levara a ser escritor (os escritores sempre buscan unha razón para esa pulsión que senten e que non son quen de interpretar). Lembraba el os seráns de terror na selva, en Angola, durante a guerra colonial que desembocou no abril revolucionario. Todos as tardes, o exército insurxente, bombardeaba as posicións portuguesas con artillaría de máis potencia ca que eles posuían. Todos os seráns, no campamento reinaba o terror e sempre, o comandante convocaba aos oficiais á cabana onde se reunía o mando e, mentres arredor estouraban os obuses, líalles poemas. Os soldados admiraban aos seus oficiais que, sen medo aparente, escoitaban a lectura dun libro mentres a morte se estendía arredor. Lobo Antunes descubriu entón o valor da poesía e quixo ser poeta. El, como moitos outros narradores, di que non reunindo as calidades necesarias a tal fin, fíxose novelista.

Na volta coincidimos na viaxe. El viña enfermo do estómago e eu procurei axudalo, sobre todo no tránsito pola nova terminal de Barajas, ata a porta de embarque do voo a Lisboa. Falamos entón de literatura galega e, sobre todo, de Rosalía de Castro, á que coñece ben. Lembranza dese instante é un exemplar dedicado de Ontem nao te vi en Babilonia.

Na novela A noite branca, no peor momento do bombardeo da artillaría soviética, o alférez Casanueva, destinado na División Azul, recita a Rubén Darío baixo os bidueiros nos bosques de Pushkin. A situación está tomada da realidade e lembra a vivida por Lobo Antunes. Semella que a poesía contribúe a dar valor aos homes nos momentos máis críticos. Durante a viaxe que fixemos dende A Coruña a Novogorov e San Petersburgo, eu cumprín a promesa feita ao fillo de Casanueva, de ler este poema de Rubén Darío, que tantas veces recitara alá o seu pai en condicións agónicas. A fotografía, tomada por Maribel, corresponde a ese momento.

Yo fui un soldado que durmió en el lecho
de Cleopatra la reina. Su blancura
y su mirada astral y omnipotente.
Eso fue todo.
¡Oh mirada! ¡oh blancura! y oh, aquel lecho
en que estaba radiante la blancura!
¡Oh, la rosa marmórea omnipotente!
Eso fue todo.
Y crujió su espinazo por mi brazo;
y yo, liberto, hice olvidar a Antonio.
(¡Oh el lecho y la mirada y la blancura!)
Eso fue todo.
Yo, Rufo Galo, fui soldado y sangre
tuve de Galia, y la imperial becerra
me dio un minuto audaz de su capricho.
Eso fue todo.
¿Por qué en aquel espasmo las tenazas
de mis dedos de bronce no apretaron
el cuello de la blanca reina en brama?
Eso fue todo.
Yo fui llevado a Egipto. La cadena
tuve al pescuezo. Fui comido un día
por los perros. Mi nombre, Rufo Galo.
Eso fue todo.

DA MAN DOS LIBREIROS

Dende a saída da novela A noite branca foi moi intensa a relación mantida cos libreiros do país. Máis de vinte participaron nos actos de presentación e promoción da novela. Quizais esta última fin de semana esa relación se incrementou. O venres pola tarde estiven en Gondomar, na libraría Libraida, espazo fermoso aberto ao parque, onde presentamos a novela a profesora de historia Rosa Pascual e eu. Compartimos tarde alí con outros amigos aos que facía tempo que non viamos, como Camiño Noia e Xulían Maure.

Con Rosa Pascual na libraría Libraida en Gondomar

Con Rosa Pascual na libraría Libraida en Gondomar

O sábado tocou festa en Monforte. Alí recollín un dos premios Irmandade do libro, convocados pola Federación de libreiros de Galicia e que, este ano acadaron a XXII edición. Na opinión do xurado, A noite branca mereceu o recoñecemento de libro do ano 2012. Difícil explicar a alegría, a emoción e a honra que supuxo este premio.

Dándolle voltas á relación cos libreiros, cheguei á conclusión de que eles están na miña vida dende un tempo que coincide co da memoria. De cativo, todos os domingos, meu pai mercábame un “chiste” no local de Mary, na rúa de Santo Domingo e tamén de moi cativo, ía ata La viuda, nos xardíns do Pai Feixoo, en Ourense, para cambiar os cromos.

Premios Irmandade do libro. Monforte 2012

Premios Irmandade do libro. Monforte 2012

Coa adolescencia foron Tanco, La Región e algo despois a libraría de Clemente, na rúa do Progreso, onde podiamos atopar os libros prohibidos. Tamén en Tanco tiñan trastenda. Nela coñecín e fíxenme amigo do poeta Antón Tovar. En todo ese tempo só roubei un libro, foi A revolución de Marx de Althusser e sería por expiar a culpa, que decidín sacalo na novela Sombras no labirinto.

Hoxe manteño vinculación e relación coas librarías, particularmente coas que me son fisicamente próximas, como Sisargas, que é a nosa, a do barrio, que di Eva Veiga, pero tamén con outras, tanto da Coruña, como de Compostela ou de Ourense.

Vendo o venres Libraida, pero tamén, logo de visitar A lus do candi en Arteixol, Aira das letras en Allariz ou Biblos de Lugo, observo que hai un novo concepto, unha nova estética, máis próxima aos tempos que vivimos, establecementos que non precisan de tanto fondo editorial, pero que están rexentadas por moi bos profesionais.

DE GALICIA A NOVGOROD

Bastante xente , durante os 14 actos de presentación da novela A noite branca polo país, se me achegou preguntando o enderezo do blog que mantivemos en La Voz de Galicia, durante a viaxe feita na Panchita, nos meses de marzo e abril de 2011. O enderezo vai abaixo. Se alguén desexa acceder por calquera das entradas que aparecen en google, atopará, na marxe dereita, un índice que sinala o tempo no que o blog se mantivo activo: marzo, abril e maio. Premendo en cada mes pódense ver os artigos escritos nese período. Acompaño esta entrada cunha foto daqueles días, en concreto a vista do Kremlin de Novgorod, primeira capital do imperio dos tsares, á beira do río Volchov, feita por Maribel.

blogs.lavozdegalicia.es/degaliciaanovgorod/

Novgorod

Kremlin de Novgorod