PREMIO DE POESÍA PARA SINDO

Os que sigan habitualmente este blog, saben que Sindo é un amigo de adolescencia, a persoa pola que eu me iniciei nisto de escribir, algo así como o meu Ramón Sijé, alguén querido a quen debo tanto. Contei xa, tamén, que escribiamos os dous nos anos da primeira xuventude, que fundamos o grupo poético Renovación e que xuntos aprendemos a transitar por camiños novos e vellos. Pero logo eu seguín e el non.

Sempre dixo de si que sería escritor serodio e quizais aquela intuición ou profecía é certa, porque agora, amais dos poemas xa publicados aquí, vén de gañar o premio de poesía da biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, que eu non sei cal é a razón pola que non bautizan o premio co nome do poeta que dá nome á biblioteca, xa que o nome é Premio de poesía na biblioteca pública da Coruña, o que non deixa de ser equívoco, xa que se hai en Galicia unha cidade con bibliotecas públicas, esta debe ser a principal, pero que ten nome e nome de poeta, velaí a súa identidade.

Pero era de Sindo de quen quería falar. Escribiu estas composicións xaponesas, denominadas Tankas. Trátase dun tipo de estrofa anterior ao haiku, formadas por unha estrutura de 5 versos, cunha medida de 5-7-5-7-7 sílabas. Eu alégrome moito deste premio. Dicíalle onte que levo máis de 30 anos agardando por el e agora, coa continuidade que vai tendo o seu dar a coñecer os versos, síntome acompañado e hai algo dentro de min que acouga e recupera unha parte da inocencia durmida.

Para ilustrar o seu texto temos este gravado, tamén del, titulado Sideral, cheo de forza expresiva e de cor.

I Certame de Poesía na Biblioteca Pública da Coruña – Categoría: Poesía en galego

Primeiro Premio

Título: <<5 TANKAS Á LÚA>>

Autor: SINDO (Gumersindo Álvarez Reza)

 

Lúa alba de vidros,

xogas co soño e as rochas,

pel de meniña …

albiscando, lúa nova,

o irto colo do mar …

*****

Lúa mañá de chorima,

medras co encoro e as pontes,

filla do estío …

albiscando, lúa de ámbar,

o morno aroma do río …

*****

Lúa chea de outono,

rodas co alacrán e as cobras,

noiva do acivro …

albiscando, lúa de ferro,

o murcho celme do frío …

*****

Lúa tarde de inverno,

minguas co lobo e as neves,

nai de obsidiana …

albiscando, lúa tola,

o nidio ollo do cume.

*****

Lúa vella de noite,

morres co alén e as chuvias,

meiga do ouro …

albiscando, lúa negra,

o turbio eco do corvo.

 

OUTRA VEZ SINDO

Mándame Sindo novos poemas que aproveito para compartir. Xa non existe a casa que aparece nun deles, a casa onde nos viamos e onde fundamos o grupo poético Renovación. Si a cidade da que fala no segundo, labirinto que tan ben reflectiu Blanco Amor na Esmorga.

A casa familiar de Sindo en Ourense quedaba nun espazo medio rústico, dentro dun patio de mazá, case ao final de Jesús Soria, moi preto de onde ubicaron a escultura de Manuel Patiña. A min, que viña de ler poucos anos antes, todo o que atopara de Enid Blyton no mercado e na casa dos amigos, pensaba que aquel seu fogar estaba sacada dalgunha das sagas da escritora inglesa. Accedíase por un longo rueiro entre dous edificios altos con glicinia emparrada, ata chegar ao espazo con horta onde estaba situada. Eran dous os edificios, o principal, onde vivía a familia, e un máis pequeno, diante, unha sorte de almacén, cuarto de pasar o ferro, pero tamén de cuarto estar, xa que tiña mesa, cadeiras, andeis e estufa. No patio entre ambos, un parral que non sei agora se era de vide ou da glicinia que continuaba a do rueiro e da que el fala no primeiro dos poemas. Máis alá, cara o centro daquel enorme espazo entre edificios novos e altos, as roseiras e a horta. Ese edificio auxiliar e cativo era o noso espazo, sorte de casa de monecos ou merendeiro. Alí estudabamos aperturas e finais de partidas de xadrez; liamos en voz alta os nosos versos; compartiamos os poetas que cada un descubría, ou inventabamos palabras coas que lograr a música e o ritmo do poema.

Xa dixen na entrada anterior que, daquela, Sindo pintaba e non o facía nada mal. El era o noso orgullo. Nesta foto, detrás del, vese un cuadro que nos acompañaba por aqueles días, Newmalco, óleo pintado en 1971 e que o Museo Arqueolóxico incluira nunha exposición de bodegóns.

A pintura de Sindo tiña, e penso que ten hoxe, un evidente trazo surrealista e, tamén, sen que iso supoña contradición, expresionista e, a nós,  parecianos de absoluta vangarda. Rafa, o amigo común, que tamén tiña casa particular, xa que vivía no Chalé Losada, na rúa do Paseo, sempre quixo quedar con este cadro.

A CASA DERRUIDA

 Todo quedou alí, baixo a cerdeira
ao pé do pozo da glicinia
na vertixe na que rematou a infancia.
 Todo quedou atrás, ao outro lado da cancela,
nas escaleiras de mármores rachados.
Todo quedou agochado nesas pedras
por onde subían as roseiras da tristeza.
 Todo quedou no silencio das orixes,
dos pequenos cazadores de paxaros
que tentaban fuxir tras os arames.
Todo quedou no estridente corazón do odio,
no grande sombreiro dos mariachis,
no patético espantallo dos espellos.
Todo nunha longa ferida que aínda nos percorre
como o pesadelo de caer eternamente,
o soño impotente por voar.
Todo foi pechado, repartido, arrincado,
ficou tan só a sombra dunha casa
no medio da cidade e do baleiro.
E volve a cheirar a pechado,
a verniz, a flores murchas,
e ao badalear do medo.
Xa non hai reloxo, nin acios desa viña,
nin roupa de clareo sobre a herba,
nin bufardas con fendas para o soño.
Todo rematou nese cuarto
onde segue cabalgando o espectro da tolemia.
 (Para nós é o intre da fuxida.)

 

CIDADE DA NEUROSE
Alí, entre as pontes e as pedras, toda a túa cidade se encollía.
Alí, nos soportais das prazas, escoitabas a ladaíña das fontes.
Alí bebías do silencio nos pórticos das sombras.
¡Cantas veces falabas con absurda tristeza da túa lúa asasinada!
¿Lembras a nosa urbe, a urbe dos anxos de pedra?
Alí quixeras tornar nube dese abrazo,
dese abrazo chuviñoso que esmigalla os soños.
¿Lembras?, aquela era a urbe das angustias de ferro.
¿Lembras?, alí seguía, no primeiro andar, o teu niño de andoriñas,
alí, as árbores onde rincharon os cabalos.
Alí, naquel campo da feira, nos amenceres arredados,
podreceron os teus froitos.
Alí, nas barroncas, crecían tesouros
con lavas de volcáns e colas de lagartos,
… e, alí, si, alí, desbordáronse os teus ríos.
Alí ollabas a túa urbe inmóbil, escrava e dona do tempo,
coas contradicións, coa dúbida,
… con esa nada pegañenta e destrutiva,
¡tantas cousas!
Mil agarimos degorados,
mil fantasmas que odiabas e que amabas,
pero sempre era ela, a cidade teimosa,
ela,
a eterna Neurose.

GRUPO POÉTICO RENOVACIÓN

Esta é unha desas historias que poucas veces se contan aínda que, ollando para atrás, un chega a decatarse de que a vida é a que é, en boa medida por aquilo que, no seu momento, por falta de perspectiva, non soubemos apreciar ou valorar. Eu conto isto que segue cando vou aos colexios, pero non é algo que me pregunten nas entrevistas, nin que teña ocasión de expresar con frecuencia, así que aí vai.

Empecei a escribir con 14 ou 15 anos. Conservo nunha axenda aqueles primeiros versos en castelán, cuartetas ben medidas e rimadas en consoante, inspiradas en Rosalía e nos poetas románticos españois, particularmente Bécquer e Espronceda. Eran poemas moi sufridos, de adolescente namorado dun imposible, que escribía sobre a dor do amor non correspondido e sobre a morte.

Con 16 anos produciuse un cambio radical. Non sei moi ben como, a estrutura ríxida crebou, o verso fíxose libre e, sobre todo, o aire da vida varreu as vellas palabras, abrindo e osixenando os contidos. Era o curso de COU, o primeiro ano no que nos mesturabamos mozas e mozos, unha novidade, no meu caso, transcendente para toda a vida. Era o tempo de Machado e de Miguel Hernández. Eu non tocaba a guitarra, aínda que non cantaba mal e, malia xogar de reserva no equipo de baloncesto do colexio, non destacaba moito, pero descubrín, que o verso era elemento que chamaba a atención das novas compañeiras, e decidín dedicarme a el.

Foto Sindo e autorretrato

Foto Sindo e autorretrato

Preto de min, no fondo da clase, sentaba Sindo -Gumersindo Álvarez Reza-algo maior ca nós. Deixara de estudar un curso por procurar emprego e recuncara ao ano seguinte cos que iamos por detrás. Nós tiñamos 16 anos, el 17, pero xa lera a Freud, sabía de Marx e de Engels, de Hemingway e a poesía surrealista. Fixémonos amigos, deixeille os meus poemas e convenceume de alí había algo que pagaba a pena e que debía seguir. Sempre que teño ocasión lembro ese momento marabilloso da vida, cando pensei que si, que podía escribir, non dedicarme a iso profesionalmente, só escribir, cousa que sucedeu por el, que tamén escribía.

El empregaba un pseudónimo: Güersy Gar. Fixémonos amigos e empezamos a traballar xuntos. Orientou moitas das miñas lecturas e del recibín moitos consellos. Logo marchou estudar a Madrid e eu quedei en Ourense. Dende alá regresaba nas vacacións e traía as novidades: Ezra Pound, Marineti, Attila Jozsef. Mentres, eu descubría a nosa literatura, que compartía con el. Quizais no ano 1974, con fachenda e entusiasmo, fundamos o Grupo Poético Renovación. Daquela liamos a Nicolás Guillén e procurabamos o ritmo, inventabamos palabras sonoras, imaxes musicais e crebabamos todas as estruturas. Gravamos varias cintas con todos os poemas en galego e castelán. Eu son o depositario. Sindo, ademais, pintaba e non o facía nada mal.

Pasou o tempo. Eu publiquei e el non, aínda que nunca deixou de escribir. Os dous vivimos na Coruña e, ás veces, vémonos. Sempre pensei que había en nós unha raia da vida mal trazada, que de non poder saír os dous, el merecía publicar máis ca min. O outro día deume unha alegría. Na Escola de Idiomas, onde estuda francés, pedíronlles escribir un texto. El fixo seis poemas en galego e francés, seis haikus que mereceron felicitación e recoñecemento. Pedinllos e mandoumos. Velaí van.

<<SIX HAIKUS>>

 (pseudonyme: Gaspard Lanuit)

 Les paroles, les larves,
papillons de désirs:
labyrinthes vides.

***

Névrose et verre:
Un flot de mort soudain
ronge les portiques.

***

La douleur, un jeu d’ombres:
tourbillon et insomnie,
calme et lucioles.

***

Une tour sous la pluie
dans la promenade d’émaux.
Murmures des morts.

***

La bruine: la lune
encore pendue au viaduc
cache les empreints.

***

Nos cendres sacrées:
wagons réduits en miettes,
ardoises sur la mer.

<<SEIS HAIKUS>>

(orixinal en galego)

 (Autor: SINDO – Gumersindo Álvarez Reza)

 Verbas ou larvas,
bolboretas de anceios:
Encrucilladas.

***

Neurose e vidro:
o manancial da morte
roe nos pórticos.

***

Xogo de sombras:
remuíños e insomnio,
calma e vagalumes.

***

Torre entre a chuvia:
polo paseo de esmaltes
voces dos mortos.

***

Orballo: a lúa
colgada do viaduto
borra as pegadas.

***

Cinzas sagradas:
vagóns esnaquizados,
lousas no mar.