CON CORTÁZAR EN PONTEVEDRA

PO, con Juan de la ColinaOnte estiven con Juan de la Colina no museo de Pontevedra. El co seu documental cortAZARgalicia, e eu co libro publicado pola editorial Linteo: O soño galego de Julio Cortázar. Xuntos, Juan e máis eu, ofrecemos un produto patrocinado pola Secretaría Xeral de Cultura, que ten a Cortázar e a Aurora Bernárdez, como referencias.

Antes do inicio do acto, paseando as rúas coa miña amiga Malores, preguntábame se Aurora e el estarían alí, en Pontevedra, nas viaxes a Galicia dos anos 1956 e 1957.

Pouco sabemos do que fixeron cando andiveron por aquí. Viñeron en tren, con dificultades para se desprazar. Da viaxe primeira sabemos que estiveron en Santiago de Compostela, onde chegarían procedentes de Salamanca, e que tomaron un tren en Vigo para marchar. Que aconteceu polo medio?. Eu pregunteille a Aurora se Cortázar estivo con ela en Lago, a parroquia de Maside de onde era orixinaria a familia dela, onde foi acristianada, malia nacer en Bos Aires, e onde pasou os primeiro anos da infancia. Aurora respondeume que non.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Eu non creo que parasen en Redondela e en Ourense, aínda que Julio fala deses dous lugares na carta que escribe a Eduardo Jonquiéres. Penso que os cita porque os ve dende o tren, de paso, pero esa é a miña opinión, discutible.

Na segunda viaxe paran en Lourido, Nigrán, ao sur de Vigo. Supoño queOLYMPUS DIGITAL CAMERA irían a Bayona, que subirían ao Monte Ferro, que pasearían pola Ramallosa. Creo que foron a Vigo en tranvía, non só para tomar o tren do regreso, senón algunha vez máis. Aurora contoume que unha impresión que Cortázar tiña era que en Galicia había moi poucas librarías e esa impresión penso que non estaba limitada a unha soa cidade. Pero non sei se chegarían a Pontevedra. Cortázar, nunha carta previa a Jean Bernabé, anuncia a intención de vir e de visitar as cidades e as rías. Que cidades? Que rías? Non llo preguntei así, expresamente, a Aurora, e xa o lamento, así que deberei esperar para sabelo, por se entre os seus papeis aparece algún diario de entón, un caderno con anotacións, calquera cousa que nos dea algo máis de luz arredor disto. Dende logo, as cartas que coñecemos desta segunda viaxe, escritas todas dende Lourido, nada nos desvelan ao respecto.

A primeira imaxe, na que estou con Juan de la Colina,  foi tomada por Antón Sobral. As outras dúas por Malores Villanueva. Na segunda vese un retrato de Cortázar barbado, feito por Luís Seoane, moitos anos antes de que Cortázar tivese barba de seu.

NIMBOS: CÁLIZ FERVENDO!

O martes presentouse, no salón nobre da Real Academia Galega, o número XXIX dos Cadernos que publica o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación e as Humanidades, dedicado á figura de Xosé María Díaz Castro, a quen este ano se rendeu homenaxe na nosa festa das letras. O caderno, en realidade un libro, con máis de trescentas páxinas, leva por título: Nimbos: cáliz fervendo!

Foron responsables e coordinadores da edición Luís Cochón e Luís Alonso Girgado. Con eles, vintecatro colaboradores analizan a vida e a obra de Díaz Castro dende múltiples perspectivas, enriquecendo así a visión que tiñamos ata agora do autor e a interpretación dos seus poemas.

Por indisposición do Presidente da Academia, en nome da Academia abriu e pechou o acto un ex-presidente, o historiador Xosé Ramón Barreiro. Compartiron mesa con el: Luis Cochón, Marica Campo, Pilar García Negro e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

Luís Cochón, Marica Campo e Pilar García Negro, analizaron con brevidade e precisión diversos aspectos de Nimbos, o libro principal de Díaz Castro no que o autor teimou por facer visible o invisible, en palabras de Cochón.

Precisamente foi Luís quen me convidou a escribir un traballo para a revista. Sucedeu un día de xaneiro, cando falando con el por teléfono, preguntoume: Atréveste co último poema, o da espada? Quixen eu evitar o compromiso, pero non houbo xeito, que Luís teimou ata conseguilo. Pregunteille eu entón se chegarían tres folios? El pediu sete. Finalmente, penso que foron seis. Por se alguén está interesado, aquí quedan o texto e o poema, neste final de maio.

NIMBOS: A ESPADA E A BELEZA

Coma unha espada é o título do último poema do libro NIMBOS de Xosé María Díaz Castro, libro singular, non só pola súa calidade poética -especialmente pola súa calidade-, senón tamén por ser o único coñecido do seu autor. Estamos, pois, diante dunha desas curiosidades ou paradoxos, nos que non sabemos se é o escritor quen fai o libro ou se o libro fai ao escritor.

Nimbos, na edición do ano 2006, publicada conxuntamente pola editorial Galaxia e a Xunta de Galicia, consta de 32 poemas, ordenados en sete epígrafes, tituladas: Pórtico, Noite, Lus, Espranza, Milagre, Soño e Ferida.

Son varios os poemas nos que, como sucede neste “Coma unha espada”, Díaz Castro emprega a conxunción comparativa xa dende o título: “Coma ventos fuxidos” e “Coma brasas”, pertencen a Pórtico; “Coma un anxo airado” é o penúltimo poema de Noite; “Coma un río” e o segundo dos tres que forman Soño; “Coma unha escada”, “Coma unha insua” e “Coma unha espada”, pertencen ao último apartado, Ferida. En todos eles o autor propón a identificación entre o elemento designado no título e tamén recollido no poema, e un aspecto esencial, normalmente íntimo, da natureza, vida ou do pensamento do poeta.

Os fragmentos do ser pérdense coma fuxidío vento de amor, salvados por un anxo, no primeiro caso. No segundo as palabras que representan as perdas arden como brasas e manteñen a calor das cousas amadas, sexan estas obxectos, seres queridos, tempo vivido, Galiza como pan e como leite coa súa dobre condición de rúa da mar e fogar da terra, ou relixiosidade a través da cruz.  O anxo airado do terceiro convida a loitar contra a confusión das sombras na sombra, confirmada a calidade efémera da gloria.

No cuarto a evocación do río, malia ese ir cara o mar do segundo verso, semella invocar máis un sentido filosófico que poético, máis heraclitiano que manriqueño, non só a vida transcorre coma o río, senón que o poeta sabe que non regresa. A corrente onde non nos bañaremos máis inclúe a música do mundo, os recendos da lembranza, as voces e luces coma o aire que non pousa en nada, agás, se cadra, na raíz do sangue. En Nimbos os ríos suxiren unha idea poética ou filósofica segundo o poema. Son imaxe poética do vivir, o ancho río da vida nova do poema “No novo ceio” ou o da segunda estrofa de “Coma unha espada”, do que falamos máis adiante.

A escada do quinto sería a escada de Xacob ou da luz, unha das varias referencias biblícas do libro. Por esa escada sobe e baixa o amigo perdido, nun tránsito entre este mundo e o de máis alá. A escada é a canle que separa esta vida da outra, o lugar ignoto da claridade e a sombra que habitamos. Unha oración turra desa escada, porta de acceso ao ceo e a Deus; visión que sobrecolle, como lle acontece a Xacob no seu soño.

No sexto, a nai, a patria, a Galicia do paso adiante e atrás do poema Penélope, identifícanse con esa insua que o poeta añora, fatigado de viaxar, necesitado de ancorar e de procurar acougo.

Porén, probablemente é o último, “Coma unha espada”, o máis complexo, porque o poema incorpora moitos dos elementos simbólicos recorrentes ao longo do libro: río, música, lapas, pombas, teadaraña, estrela, adeus, folerpas ou falopas, ferida e, sobre todo, a espada e a beleza.

O título do poema é “Coma unha espada”, mais podería ser Beleza, pois ela é quen de ferir como espada, sendo, ademais, causa e razón dese verso que se repite como ladaíña ou mantra, ao final de cada unha das estrofas: “A beleza fireume para sempre”, que como lenda ou epitafio figura gravado na tumba de Díaz Castro.  Beleza que é necesidade para o poeta, que sente sede dela, como a sente de xustiza, de pureza, de lus, tal e como nos di no último poema “O verme i a estrela”, da segunda epígrafe.

Son catro as estrofas, de catro versos cada unha, que forman o poema “Coma unha espada”. Os versos, hendecasílabos todos eles acentuados na décima sílaba, son bo exemplo do coñecemento dos modelos clásicos de construción do poema e da capacidade rítmica de Díaz Castro. 

O río do primeiro verso ten a mesma condición que apuntabamos ao falar do poema “Coma un río”, no sentido de que os ríos de Nimbos, agás as excepcións xa mencionadas, son a imaxe ou a representación do tempo ou do destino. Todos os ríos, todos os anceios, di, pasan pola alma do poeta, todos cheos de Deus, e música e lapas, acaso entendida a música como representación do xuízo final e da gloria, e as lapas como a luz do paraíso, xa que Deus e a súa gloria son elementos que orientan e dan pulo ás vivencias do home, no sentir de Díaz Castro, alimentado pola fe de que as almas -as pombas do terceiro verso- constitúen a referencia principal do seu amor.

O mundo amósase, no primeiro verso da segunda estrofa como unha escura teadaraña, que representa o enredo, a tentación, o mal, pero é a estrela que cae sobre o río, aquí, como xa dixemos, identificado polo autor como imaxe da vida, quen libera ao ser desa trampa, e chama por el coma un eco continuo, actuando ela mesma como guía, o que lembra a invocación da tradición portuguesa, referida ás estrelas fugaces: Deus te guie ben guiada, que no céu foste criada. Chamada que se repite e que o poeta escoita ás veces, coma un eco de adeus que non entende, unha chamada que lembra a condición efémera do ser e anticipa a morte como paso inevitable e necesario, chamada que fire como espada ardendo, como fire a beleza, xa que esa chamada, finalmente, sendo morte, é o necesario tránsito, a fronteira a traspasar e que separa o vivir corporal do vivir eterno. Nesa espada ardendo atopamos outra das referencias bíblicas do libro, pois así é a espada do anxo que garda a porta do paraíso.

Os anos pasan, caen como folerpas ou falopas de neve, caen sobre a sede de inmortalidade, sobre os ollos tristes, pero non chegan a enterrar a ferida que produciron a chamada, a espada e a beleza, porque esa ferida é ao tempo a morte e a vida que o ser do poeta agarda e que non chega. Tanto aquí, como no resto do libro, atopamos claras referencias á poesía mística española.

A ferida, a espada ardente e a beleza son os elementos esenciais do poema. A espada, tanto por lle dar título, como por figurar no terceiro verso da terceira estrofa con ese valor referido á xénese, ao paraíso. A ferida por ser invocada e repetida tantas veces, causada pola beleza, pola espada ou pola chamada.

En todo o libro alenta o sentido da dobre condición do home, por unha banda a evidencia de habitar o territorio das sombras, a certeza da condición efémera do corpo e da vida na terra, a nostalxia dun pasado que non volve, pero que arde en nós, a alegría de amencer e de sentírmonos un co mundo e, por outro, a certeza doutra existencia que agarda, sendo a morte o erro que interrompe a conxunción unitaria das dúas vidas, a necesaria peaxe entre unha e outra. E é que de non ser pola morte, a vida humana e a gloria serían unha e o crente non tería que agardar para vivir permanentemente na beleza. Ambas as vidas producen ferida, cada unha a súa, cada unha por distinta razón. A humana porque é limitada e desemboca na morte e na separación do que queremos. A da alma, que é obxecto da fe, porque non chega. Ferida producida polo adeus, pola beleza que perdemos e pola que intuímos, pola esperanza dun existir pleno en comuñón coa luz, que asusta, pero chama, porque xa dicía Novalis que a vida é unha enfermidade do espirito.

Díaz Castro sente a ferida do ser mortal porque intúe e comprende. A beleza feriuno para sempre a través da fe e do coñecemento. Coñecer ten, tamén, un dobre valor, o do gozo e disfrute das cousas marabillosas e seres entrañables cos que convivimos e, ao tempo, a certeza de que elas e eles, coma nós, son fuxidíos, condenados a desaparecer. Pero dende a súa formación relixiosa, o poeta confía en que a consciencia da beleza que agarda fai máis radiante todo canto existe. O coñecemento e a fe non só iluminan as cousas coa beleza, senón sitúan a esta nas propias cousas, tal e como dicía Nieztsche e, ao cabo, xa apuntou María Zambrano que a vitoria só pode darse alí onde sufrimos a derrota.

A espada do poema non é a do relato “Ulrica”, de Borges. Aquí non se sitúa entre Sigurd e Brynhild, impedindo o contacto do héroe co obxecto do seu desexo, senón que penetra e fere, permitindo contemplar e posuír, por primeira vez e quizais por última, a imaxe de Ulrica, a súa fermosura. Esa contemplación e posesión teñen un prezo, a evidencia do tempo que esvaece como area e, tamén, producen dor, xa que coñecida a luz, sufrimos por non poder gozala a cada instante.  Espada e beleza coma morte e verdade, como imposible degoro para o ser finito, como límite do que nesta realidade mortal podemos agardar.

Unha última consideración, referida tanto ao libro como a este poema. Xosé María Díaz Castro, formado no seminario, non oculta a súa relixiosidade e a súa fe. Porén, a súa capacidade expresiva, a fondura con que reflexiona sobre a condición humana, a proximidade de cada un dos poemas a esa beleza da que el fala, permite a calquera lector, crente ou non, achegarse e dialogar cos versos, gozando da súa luminosidade e sensibilidade, compartindo eses nimbos, que son, tal e como el di, coma cinzas de rosas. 

COMA UNHA ESPADA

TÓDOLOS ríos pasan pola miña
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza fireume para sempre.
Ó traveso da escura teadaraña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédome chamando.
A beleza fireume para sempre.
En cada vez eu oio unha chamada
cun longo eco de adeus que non entendo,
pro que me fire coma espada ardendo.
A beleza fireume para sempre.
I as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
pro no enterran a boca da ferida!
A beleza fireume para sempre.

 

EN ISLANDIA

Alá foi a primeira semana. Nestes días coñecimos xente, en particular a Elías Knorr, con quen puiden recitar onte e a Holmfriour Gardarsdottir, a profesora da universidade que, sen nos coñecer, confiou en nós e decidiu acollernos. É profesora de español, lingua que fala con acento porteño, xa que boa parte da súa formación foi en Costa Rica e Bos Aires.

Onte foi día longo e intenso. Primeiro a conferencia das crenas. Moi pouca xente, estudantes galegos e vascos e algunha persoa de aquí. Logo a inauguración e o recital con Elías. Estaba a televisión pública de Islandia, que fixo reportaxe sobre todo o evento e entrevistou a Maribel.

Deixovos esta foto na que está Elías con garavata, Níels, Holmfriour, ao meu lado e no centro, vestida de branco, á beira de Maribel, a expresidenta Vigdis Finnbogadóttir, que tal e como di unha reportaxe sobre ela que limos nunha revista, está entragada ás causas que cre xustas e que sente non corazón: a cultura, as linguas, a natureza. Onte estivo moi cariñosa e alabou moito o traballo de Maribel. Non sei quen é a moza que está á miña esquerda.

Dentro de media hora saímos para Akureyri. Alí repetiremos a experiencia. Esta foto é dunha xornalista que cubrir o acto.

CABO VILÁN

Gabarra Camariñas

Gabarra Camariñas

Alí, naquel confín do mundo hoxe colonizado polos viraventos e a instalación de Stolt Sea Farm, érguese misterioso e meláncolico o faro, o primeiro peninsular que funcionou con enerxía eléctrica. O cabo, entre a borraxeira, mantén intacta a súa grandeza, a mesma que encollía os corazóns dos homes de mar que navegaban por diante del en noites de temporal. Ao norte, esa longa liña de cantís, nos que a presenza humana é simbólica. Aí, nese litoral que vai do cabo Vilán ata Santa Mariña, naufragou este inverno unha gabarra, unha embarcación de máis de cen metros de eslora, castigada polas ondas dende hai un mes e medio. O sábado quixemos achegarnos. Puidemos vela e tirarlle fotos, pero dende lonxe. A pista impracticable polo inverno non deixaba pasar o coche e a chuvia e o vento da mañá non animaban ao paseo.

Fomos ao Vilán a nos atopar cos amigos que acoden de cada vez aos encontros de arte e natureza convocados por Antón Sobral. O último, en Lariño no mes de setembro, deu como resultado unha serie de obras que estarán expostas durante este mes na sala do faro Vilán. De faro a faro, esa é a proposta. Alí, a asociación de empresarios de Camariñas, puxo a funcionar o museo dos faros da Costa da Morte, abriu unha cafetería e unha fermosa sala de exposicións.

Veu bastante xente, tendo en conta a meteoroloxía, moita coñecida e querida. A exposición quedou moi ben. Por esa sala pasan cada ano 44.000 persoas, máis que por moitos dos museos abertos nas cidades do país. A petición de Antón, eu recitei uns poemas. Logo tivemos ocasión de falar entre nós, e eu escoitei as reflexións de Antón Castro sobre as posibilidades de restauración do santuario da Barca. Tamén puidemos coñecer a Detlef Kappeler, un artista alemán que vive coa súa dona en Muxía.

1989 BIBLOS EN BETANZOS

Onte pola tarde estiven en Betanzos. Acudín a presentar a novela 1989, de Xabier López López, último gañador do premio Xerais deste ano, con outro título, Cadeas, que sairá nas vindeiras semanas. Xa falei del algunha outra vez neste blog.

1989 é obra publicada por Biblos.  Novela breve, pero non por iso menor, que coma espello reflicte a sociedade na que derivou Galicia logo da chegada da democracia, tempo transcendente que é necesario contar porque, en boa medida, explica este momento arrepiante que vivimos. E isto xa é mérito para un libro. A partir da chegada a unha vila imaxinaria (o das vilas e cidades imaxinarias en Xabier convén poñelo en corentena, xa que sempre podemos intuír de que lugar se trata, pero aí está o xogo) dun xaponés, prodúcese unha sorte de revolución, na que participan todos os membros da comunidade, intrigados polo obxectivo último dese personaxe misterioso.

Cinco son as voces que nos falan, ou seis, se contamos os informes da policía local: Buah! a dun aprendiz nun taller de xoiería; Si muller si, a muller da pensión onde se hospeda en principio o xaponés; Pois resulta, o bibliotecario e escritor enchufado do alcalde; Que non che, o sindicalista da Federación de industrias afíns e O que eu che diga, dun ex combatente da guerra civil, bébedo e ilustrado, que sabe de Cunqueiro e recita anacos do Tenorio. Poderiamos engadir os partes que informan das actividades do xaponés, elaborados polos policías municipais que responden aos códigos CP 0001 e CP 0002.

Cinco voces e unha vila ensarillada no contar dos cinco: o empresario Miranda, os traballadores dos talleres de xoiería, os clientes dos bares, mariñeiros do fondal da ría, mulleres do club de alterne, o obxector de conciencia que fai servizo social substitutorio… A novela de Xabier causa en nós, por veces, un certo desalento, xa que recoñecemos nesa armazón social a sociedade que hoxe aínda vivimos e, por veces, riso, polas situacións estrambóticas que se producen. Esa retranca, ese xeito irónico de contar, é algo tradicional na narrativa de Xabier, escritor que forma parte desa nómina de autores que publican con regularidade textos de calidade e, ao tempo, accesibles ao público, escritores que alimentan e fornecen unha literaturae a visita doutro estranxeiro moito máis indefinido aínda. Escritores bidueiro, que eu lles chamo.

Novela coral, na que todas as voces manteñen o mesmo rexistro, sen que unhas medren por riba das outras e, tamén, novela da linguaxe, da palabra, xa que é a palabra a que dá ser aos narradores.

Alegreime de estar alí, porque estou vinculado ao proxecto Biblos dende a orixe como clube de lectores. Un día da primavera do ano 2003, viaxaba eu pola Costa da Morte realizando visitas a talleres artesáns por cousas do traballo cando, da oficina déronme o aviso de que tiña unha chamada. Aínda non tiña móbil. Dende unha cabina teléfonei ao número que me deran. Era Tucho Calvo, para preguntarme se tiña algún libro inédito co que poder iniciar a colección Mandaio, que durante anos foi o referente de Biblos clube de lectores. Eran os días do Prestige, e mentres vía voluntarios e persoal de Tragsa retirar o fuel do litoral de Camariñas, escoitei como Tucho me explicaba o proxecto que nacía. Van dez anos dende entón. Díxenlle que si, que tiña un conxunto de relatos que buscaban editor. Quedei en enviarllos e a resposta foi inmediata. Sete noites e un amencer foi o primeiro título da colección, o primeiro editado por Biblos.

Agora Biblos, que segue a ser clube, abre libraría. De corazón deséxolles sorte e éxito e ofrézolles a miña colaboración permanente. Sei que dedicación e amor polo libro non faltarán, coñecendo como coñezo a Carmela González e a Tucho Calvo.

A gran sorpresa da tarde, a emoción maior, foi ver a Inma, Violeta e Xacobe, que acudiron ao acto de presentación acompañados de Cristian ou Gabriel, ou Cristian Gabriel, os catro acabados de chegar de Perú. Sorprendeume a naturalidade coa que Gabriel se integrou no grupo familiar e fascinoume o proceso que vive de descuberta deste mundo no que vivimos nós, tan diferente do seu. Onte empecei a exercer de padriño. Penso que cariño non vai faltar. Velaí esta imaxe dos dous na libraría, cousa de Xacobe, claro.

 

OS LIBROS

Intensa actividade a destes días arredor dos libros. A semana pasada, presentabamos Versos no Olimpo -O Monte do Pindo na poesía galega-, edición da que somos responsables Miro Villar e eu e editado por Toxosoutos. Primeiro foi en Compostela e o sábado no Pindo. Estivo ben en Compostela, pero no Pindo foi fantástico, a presentación transformouse nun festival e non só porque había público, porque estaban oito dos autores que participan nel e que recitaron os seus versos, senón porque xente do público, animada polo momento, tamén recitou poemas. O libro foi pensado para dotar a asociación Monte Pindo Parque Natural de recursos, nun tempo difícil, no que a achegas públicas son practicamente inexistentes.

Presentación "Versos no Olimpo", na confraría do Pindo “Versos no Olimpo”, na confraría do Pindo. Imaxe Maribel Longueira.

O venres 28 de xuño, acompañaba a Xosé Manuel Núñez Seixas, Ramón Villares e Javier Jiménez, o editor de Fórcola, na presentación de Cadernos de Rusia, de Dionisio Ridruejo. Onte luns estiven con Correa Corredoira na presentación do seu poemario Fibra de poliéster, en Vigo. O venres día 5, nesa mesma feira, dialogarei con Antón Ribeiro Coello, sobre as nosas novelas Laura o deserto e A noite branca. Modera desta vez Ramón Nicolás.

Hai períodos de tempo así, nos que se acumula traballo e compromisos, tempo que nos esixe, tanto dende o punto de vista intelectual, como físico e, tamén compre dicilo, económico. Intelectual porque un debe ler, reflexionar, pensar que vai dicir e expresalo. Físico porque hai que ir aos sitios, regresar a casa tarde polas noites, durmir pouco. Económico porque os gastos de ir e vir, normalmente, corren a cargo de cada un. Isto non é unha queixa, é só unha evidencia, pero que non se nos diga que todo se move só polo interese e polos cartos. Toda esta actividade forma parte da amizade, do amor que temos polos libros, pola palabra e, tamén, da solidariedade entre nós, hoxe por un, mañá por outro, así que non hai lamento. Somos moitos os que cremos que o libro, hoxe, sobre todo hoxe, debe ser acompañado. Hai que darlle aire, presentalo, facelo visible, sacalo á rúa, e niso andamos, convencidos de que, malia que aquí os ventos sexan contrarios, a lectura -dáme igual o soporte- segue sendo fundamental para transformar e articular unha sociedade mellor.

Ás veces preguntámonos cal é a razón pola que os islandeses, poño por caso, foron quen de enfrontar a políticos e banqueiros, xulgalos e envialos ao cárcere cando procedeu. Quizais a razón está nesa noticia que leo hoxe no xornal, de que alí a media de lectura de cada persoa é de 40 libros ao ano. Non esquezo que, dende hai uns días, cazan baleas de novo, actividade que semella en contradición co ser do lector, pero tamén sei que o movemento en contra desa medida, alí, é forte.

Onte de madrugada, volvendo de Vigo con Correa Corredoira, comentábame que non superariamos a actual crise moral e de valores, tamén a de supervivencia como especie, mentres seguisemos mantendo un sistema social, económico e alimentario, baseado na morte do outro, e o do outro non se refire só a seres humanos, que tamén. Quizais teña razón, en calquera caso, a cousa dá para pensar.

Mentres, os libros e as cousas que nos din, feliz encontro co outro, cos outros, sen conflito e sen tregua.