XULIO GARCÍA RIVAS E O ABELENDARIO

Creba 2016Estivo connosco en Lira, estes primeiros días do ano, o pintor Xulio García Rivas. Con el paseei a ribeira, malia a chuvia. Observamos paxaros, atopamos crebas, compartimos mesa, amigos e observeino traballar. Dúas mostras do que fai quedaron na casa. As dúas recollen a brétema destas mañás de xaneiro, con ese xeito tan suxestivo e sutil que el ten de pintar a néboa. Foi el quen me contou o do petroleiro que se achegou a esta costa para resolver o problema que tiña coa áncora. Por sorte, desta, a cousa quedou en nada. Moito lembrei a Xaquín Maceiras, o Director Xeral de Salvamento Marítimo, de Lira e amigo. Esta creba atopámola no paseo de hoxe.

Xulio e Chisco en Carnota

No cuarto onde o acomodamos, hai un andel con libros. Remexendo neles atopou un de hai ben anos, titulado El Abelendario, un conxunto de debuxos de Alfonso Abelenda, publicado pola editorial Planeta en 1972, e que supoño que recollen parte do seu traballo gráfico para La Codorniz. Eu xa non o lembraba.

Xulio admirouse da actualidade de moitos dos debuxos e mandoume reparar neste.

Abelenda

Penso que nunca ninguén me presentou a Abelenda, pero somos veciños de barrio e tomamos café no mesmo bar. Eu sei quen é el, claro, e sinto admiración pola súa pintura. Dubido que el saiba quen son eu, pero saudámonos. Cousas da boa educación.

CON AHMAD AL HAMMOUD

Ahmad 1Onte celebramos a poxa pola obra do pintor sirio Ahmad al Hammoud. Eu tardei en durmir pola emoción do que vivimos. O local das Portas Ártabras estaba practicamente cheo. Arturo, Felipe Senén e Xes Senén acolléronnos co agarimo se sempre, poñendo a nosa disposición local e tecnoloxía. Noa Morales falou de maneira breve, clara e concisa, da orixe da situación siria e o enquistamento actual do conflito; Ali Ali emocionounos a todos ao falar do seu amigo Ahmad e, sobre todo, cando lembrou a súa familia que está alá, pero tamén cando se referiu a Amal, a súa filla que tivo a sorte de  nacer aquí e que nese momento corría pola sala. Camilo Franco conduciu a poxa con habilidade e simpatía, deixando claro dende o principio que o asunto do que tratabamos era de cartos. As amigas e amigos que acudiron poxaron polas sete obras que se ofreceron, cinco debuxos e dous óleos. Vendeuse todo.

Sei que é moita a xente que padece a mesma situación que Ahmad e aAhmad 2 súa familia e o meu desexo e o das persoas que estabamos onte nas Portas Ártabras, sería axudar a todos. Pero nesta ocasión a chamada tiña rostro, o amigo do noso amigo Ali Ali. Eu lembraba, durante os días previos, que por accións individuais sairon dos campos franceses moitos republicanos españois, entre eles os embarcados por Neruda no Winnipeg, ou Rafal Dieste. Non sei se Ahmad al Hammoud poderá saír do campo de Harran co que onte conseguimos, pero si mellorará a súa situación e a dos seus.

Ahmad 3O fotógrafo Gustavo García Roig envioume pola noite esta reportaxe fotográfica, que deixo aquí como constancia do que vivimos, expresión de xenerosa solidariedade.

Ahmad 4Grazas a todas e a todos por asistir e por participar.

Ahmad al Hammoud

No campamento de Harran, na provincia turca de Sanliurfa, viven máis de douscentos mil refuxiados sirios que conseguiron fuxir da guerra.

Ahmad al HammoudEntre eles, o pintor Ahmad al Hammoud, íntimo amigo e compañeiro do artista Ali Ali, residente na Coruña dende hai anos. Ahmad, en compañía dos seus pais, xa maiores, das súas cuñadas, viúvas dos seus dous irmáns, e de 14 sobriños, sobreviven no campamento en condicións de absoluta precariedade.

Ahmad conseguiu levar canda si algunhas das súas obras. Ese é o seuPoxa imaxe 1 único patrimonio. Con Ali Ali, un grupo de amigas e amigos, consideramos a posibilidade de organizar unha poxa que nos permita recadar unha cantidade que o axude a paliar a actual situación e, se é posible, abandonar, xunto cos seus, o campo e atopar un novo lugar onde vivir e pintar.

Non se trata de realizar unha colecta, senón de permitir que un pintor poida, coa dignidade do seu traballo, acadar medios para sobrevivir, el e os seus, ás circunstancias da guerra.

Ahmad al Hammoud, natural da cidade de Dayr az Zawr, situada na ribeira do Éufrates, é artista de prestixio, con proxección internacional, no ámbito dos países árabes.

Non sabemos que dará de si esta iniciativa. De non acadar o obxectivo, buscarémoslle as beiras, por ver de axudar a Ahmad.

Esta é a convocatoria. Se podedes e o considerades, dádelle difusión. O deseño e maquetación da tarxeta foi obra de Inma Doval.

Tarxeta Ahmad al HammoudSIRIA: ARTE E GUERRA

AS AMIGAS E AMIGOS DO ARTISTA SIRIO AHMAD AL HAMMOUD CONVOCAN ACTO INFORMATIVO SOBRE A SITUACIÓN EN SIRIA E A POXA DAS SÚAS OBRAS.

Poxa 2PARTICIPARÁN: Noa Morales, licenciada en Ciencias Políticas e da Aministración, especializada en estudos árabes e islámicos contemporáneos, quen analizará a situación de conflito que vive Siria e o resto do Medio Oriente, con ela, o artista sirio residente na Coruña Ali Ali.

Presentará o acto o escritor Francisco X. Fernández Naval , e conducirá a poxa o tamén escritor Camilo Franco

Día 9 de xuño, martes, ás 20,15 horas.

Lugar: As Portas Ártabras, sede da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia. Rúa Sinagoga, 22. A Coruña.

LUIS SEOANE, ENTRE OS DOUS LADOS

De regreso de Buenos Aires, cos recendos, os rumores, os bicos, os sabores e a prosodia prendida nos sentidos, retomo a actividade nestas páxinas, que son crónica dos días e, tamén, das descubertas. Foron moitas a emocións vividas e quixera compartir algunhas, por fermosas. Empezo por Seoane.

BA-Seaone 3

Tiven a oportunidade de repasar unha parte da obra pública de Luís Seoane en Buenos Aires: A malla, no Centro Galicia; O nacemento do teatro arxentino, no Teatro Gral. San Martín; o das Galerías Larreta, sen nome e, de xeito particular esta vez, o mural que pintou nunha das cúpulas laterais das Galerías Santa Fe. Fermoso, dinámico, evocador, con baile de muiñeira e músicos que tocan instrumentos do país, velaí o gaiteiro e os que sosteñen as pandeiretas.

BA. Seoane 1

Foi pintado en 1954, xunto cos dos outros artistas que deron luz a teitos, paredes e bóvedas, nun tempo no que o investimento en arte era unha realidade: Raúl Soldi, Gertrudis Chale, Leopoldo Presas, Leopoldo Torres Agüero, a escultora Noemí Gerstein ou o catalán Juan Batlle Planas.

BA.Seoane 2

Nun texto explicativo situado na porta posterior, dise que o mural é a obra creativa máis xenerosa e pública dun artista, xa que non pode especular con ela e sempre está en lugar público para ser compartida por todos. Isto último xa non é exactamente así, que hoxe é posible trasladar murais a lugares privados, pero a filosofía si o é e, sobre todo, era así cando eles os crearon.

Hai unha guía virtual para poder gozalos, non todos, que hai algúns dos que non existe imaxe, pero si os máis singulares e compartidos en espazo público: www.almargen.com.ar/seoane/

ANTÓN SOBRAL

Antón SobralO sábado, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, tivemos ocasión de visitar a exposición de Antón Sobral: Bitácora dun mariñeiro sentimental.

Son moitas as cousas que compartimos con el, moitas as iniciativas e as actividades nas que nos atopamos, sexan obradoiros de arte ao aire libre, encontros de embarcacións tradicionais, accións solidarias, paixón polas crebas, nécoras en Camariñas, memoria de Man ou paseos por Pontevedra.

Sobral 1

A pintura de Antón é oceánica, como o son os seus versos. Océano en calma unhas veces, tempestuoso outras. Ondas tinxidas de vermellos e laranxas, azuis intensos, grises tenebrosos. O trazo groso, decidido e firme, suxire máis que describe, chega a nós como imaxe poética, como sentimento e como canto.

Magníficas, tamén, as paisaxes da ría serena, na que podemos intuír o perfil urbano de Marín, poño por caso, cos seus guindastres e, ao fondo, os montes do Morrazo. Pero Antón, que é epicúreo, tamén soña coa beleza e co pracer, e debuxa fantasías con corpo de serea que as ondas arrolan.

SOBRAL 2Antón gusta de traballar con poetas. Forma parte da exposición o libro Caderno de mar, creación compartida co escritor Xaime Toxo, abano que se abre como un dos ventos recollidos por Cunqueiro. O libro, despregándose, elévase cara o alto, como acontecía coas camisas da doncela, na cantiga de Don Dinís, rei de Portugal, que cando a moza as poñía a secar, na herba, tendidas ao sol, o vento llas levaba ao alto.

Faro Sobral. texto

Eu non vivín un proceso creador compartido con Antón como fixo Toxo, pero si recibín o agasallo dun Caderno de Mar de Lira, no que a súa expresividade plástica, a súa inspiración, a cor dos seus ollos e dos seus soños, acompaña algúns dos meus versos, como estes dp poema Bolboreta.

Faro Sobral

Tamén puidemos ver no mesmo Centro Marcos Valcárcel, a exposición Creando especies, de Herikberto Quesada, moi interesante e suxerente.

 

 

 

ALI ALI E AS MULLERES LIBRES

Había moito que non vía a Ali Ali. Mudou de casa para a zona da Gaiteira e ten que coidar da súa filla Amal, conciliando co horario laboral de Pina. Mantén o estudio preto da nosa casa, pero pinta a deshoras. Vímonos o pasado venres, logo dunha mesa redonda sobre gravado e estampa organizado pola galería Monty, e na que participaba el.

Da galería saímos xuntos el, Maribel, Inma Doval e eu. Entramos nun dos bares clásicos do Monte Alto, El Huevito, na rúa San Xoán. Falamos moito compartindo mesa. El amosounos o seu último cadro, este que se ve a continuación, con meixengra na man dereita da muller. A min a súa pintura paréceme marabillosa, esa explosión de cor, a construción de arquitecturas e de mundos máxicos e somnámbulos, a expresión das mulleres, os animais. Hai algo que vén dende o eco das Mil e unha noites, tradición cultural que se nutre de moitos pobos e de moitos séculos. Pero tamén percibo algo moi moderno, sobre todo nun pintor que provén do mundo árabe coma el, porque sempre propón unha muller libre e dona de si.

Ali Ali último

Pero o que realmente me impresionou da noite, foi escoitarlle falar da situación que vive a súa familia na aldea onde el naceu. A aldea e a provincia están hoxe dentro do territorio que pertence ao estado islámico. Cada día sofren os bombardeos de avións norteamericanos, supoñemos que non tripulados. As bombas caen, sen discriminar demasiado, sobre os lugares nos que previsiblemente acampan e se organizan as milicias do novo estado creado sobre parte dos territorios de Siria e Iraq, pero que pode ser a leira dunha familia de calquera das aldeas. O irmán de Ali Ali quixo escapar coa súa familia, pero non chegaron a ningures e regresaron, tentando procurar amparo das bombas occidentais.

Conta Ali Ali que o outro día, a súa cuñada saíu da casa para ir a da sogra que queda á beira. Foi coa cara sen cubrir, tal e como viviu sempre. Por iso o seu home foi condenado a cincuenta vergallazos e dous días de prisión.

O cuñado de Ali Ali foi sorprendido fumando na rúa. Detido, recibiu oitenta zorregadas e pasou na cadea tres días.

Ali Ali móvese con dificultade pola complexa xeografía da política internacional. O seu país hoxe é un taboleiro de intereses contraditorios. Está, por unha banda, o que resta do exército de liberación, primeiro alimentado por occidente e agora abandonado e case aniquilado. O réxime de Bashar el Asad, logo dunhas eleccións imposibles, reivindica a súa legalidade pola forza; foi el quen armou en principio ao exército do Estado Islámico que agora combate. Este novo modelo de estado ocupa territorios ricos en pozos de petróleo e impón a súa lei: cruxificións, decapitacións, flaxelacións. E está, logo, o exército da xente que loita para si, organizado en milicias entre as que destacan esas que agrupa ás mulleres kurdas, con tanto protagonismo na liberación da cidade de Kobani.

Ali Ali cre na súa cultura de orixe, valora a liberdade, renega das intervencións de occidente en cada país do medio oriente, lamenta a realidade do novo estado islámico, alimentado polo réxime sirio e agora inimigo común. Nada é doado nesa tolemia. Escoitándoo falar pensaba en min. Que faría de me ver nunha situación como a súa? Como a de Ali Ali, digo, xa non como a do seu irmán ou o seu cuñado. Paréceme imposible manter o equilibrio e a lucidez nesta situación. Admiro entón, moito máis, as mulleres dos seus cadros, tan libres, tan vitais, tan namoradas da vida. Penso que así serán os milleiros de mulleres que decidiron loitar para si, nas brigadas de protección da xente, e lamento que tanto esforzo, tanta enerxía, tanto corazón, teñan que ser sacrificados na guerra e non disfrutados na paz. Ali Ali está con elas e, cada día, el pinta para esa paz das mulleres libres.

NO ESTUDIO DO PINTOR XULIO GARCÍA RIVAS

Xulio 1A semana pasada visitamos o estudio de Xulio García Rivas. Digo visitamos, porque alá fomos Maribel e máis eu e dela, claro, son estas fotografías. Nestes últimos meses foron moitos os vínculos que fixeron que os nosos pasos se cruzasen cos de Xulio: amizades compartidas, como Sole Pita, Pedro Ávila Durán ou Antonio García Teijeiro, os espazos e actos aos que acudimos, ou o feito de seren cuñados el, Fernando Alonso Romero e María Castroviejo.

Ascendemos con ánimo, pero sen présa, os cinco andares sen ascensor, que levan ata a atalaia onde nos agarda un mundo, o mundo, diría eu. Pedíranos ir cedo pola luz, quería que vísemos a terraza e o seu ámbito. Polos cadros o da luz do día daba igual, porque el pinta con luz artificial. Tamén os pintores poderían clasificarse así, nos di cando chegamos: os que só pintan con luz natural e os que sempre o fan con luz artificial. El pertence ao segundo grupo.

Xulio 3

Son cativos os espazos do estudio e, malia isto, os cadros dan sensación de infinito, pero tamén están transcendidos de luz, aínda os máis escuros, malia ser pintados con luz artificial.

Xulio 4Xulio vainos amosando as obras que levará á exposición no pazo da cultura de Carballo o día 29 de xaneiro; tamén algúns dos que colgará na galería Atlántica da Coruña no verán. Variados formatos, diversas técnicas e múltiples sensacións. Transitamos por xardíns orientais, escoitamos cantar os xílgaros, contemplamos o voar das andoriñas, paseamos pola beira dun río, sentamos na beirada a contemplar unha treboada na Costa da Morte. O mundo de Xulio é a emoción, pero tamén a auga, a que emprega e destila nos seus cadros e a que suxire, auga que flúe, fertilidade, orixe.

Admiro o centro baleiro deses cadros compostos en tons brancos, grises e negros. Lémbranme a Valente e así llo digo, invocando o texto “Segunda variación en lo oblicuo” incluído no libro El fin de la edad de plata, que fala do emperador e pintor Hui-Tsung: ni el ave ni la flor pueden ser centro, sino tan sólo indicación del centro o guía del ojo que los mira para alcanzar la forma no visible en que el ave y la flor no están inscritos.

Paisaxe para Courbet

Paisaxe para Courbet

Discrepamos sobre o que evocamos cada un diante de Paisaxe para Courbet, cadro de gran formato, acrílico sobre madeira, ao que el deu forma a partir dunha paisaxe que cruza cada día, baixando cara Arteixo pola autoestrada de Carballo. Eu dígolle que en min suxire unha paisaxe africana e agora, escribindo isto, podo engadir que nel recoñecín as paisaxes que a miña imaxinación ía construíndo cando lía O caderno dourado de Doris Lessing, en concreto, a parte que recrea a historia de Anna Wulf en Rodesia, durante a Segunda Guerra Mundial. Amósanos, tamén, a primeira saba que pintou, como sen querer, e que foi fonte dun novo proxecto que reúne, xa, catorce obras elaboradas sobre este soporte.

XGR.2

Escribín eu un poema para o catálogo da exposición de Carballo, que lerei alí, o día 29, na inauguración. Escribino antes de ver os cadros que alumearán a sala e, malia iso, penso que agora, vistos todos, non cambiaría un só verso, porque Xulio é pintor capaz de dar xeito, coas súas propostas, ao soño ou á emoción do espectador, xerándose un fluído e producíndose unha transferencia emotiva que adquire a condición de potencia creadora para quen pinta e para quen mira. Este é o poema:

SON
                   A Xulio García Rivas
Son e non son
lombos de balea,
perfil de trebón,
flor que treme apenas
suspendida do baleiro das furnas.
Son e non son
presaxios, alento de ardentía,
saloucos dun océano
que cada día agoniza
no ronsel do crepúsculo.
Son e non son
preludios, esquecidas lembranzas
no alboio dos días,
canto de xílgaros
que ascende na hora enfebrecida
dunha mañá de agoiros.
Son e non son
ollos de vento que agarima a caluga
do pintor que espreita
dende a atalaia dos versos
e dos soños.
Son e non son
a luada que emerxe do corazón alado,
nimbos que medran
nos ángulos do infindo,
nese lugar escuro
onde o sol se derrama
para nacer de novo
nun albor sen sombra.
Son e non son
esa ansia común de beleza
e harmonía, a música das augas,
o devezo feliz dun instante sen tempo.
Son o compás do silencio,
o sorriso de Xulio, o equilibro sutil
do que nos é entregado.
Son o que eu poida sentir,
chuvia nos meus gromos,
nunha aperta de luz.

URBANO LUGRÍS

Onte, na Coruña, por quinto ano consecutivo e sempre por estes días previos a Nadal, celebrouse o día Lugrís. Urbano Lugrís ou Ylysses Fingal, que ese era o seu heterónimo escritor.

A festa tivo de todo: elaboración dun mural sobre unha parede medianeira, á beira dunha das casas nas que o pintor viviu na cidade. Obradoiro de decoración de paraugas, con moita cor, iniciándose logo unha manifestación surrealista ata o Xardín de San Carlos. Alí, nunha performance, representouse o momento do primeiro encontro entre Lugrís e Antón Avilés de Taramancos, convocados ambos polos versos que Rosalía lle dedicou ao xeneral inglés John Moore, alí enterrado. Fixo de Lugrís o escritor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Fotos Lugris.1

Logo a manifestación de cor chegou ao antigo Papagaio, onde no local Monty celebrouse un recital poético no que participaron Manuel O’Rivas, Xosé Iglesias e o Ulysses dos mares do norte, coñecedor das paisaxes do frío, o mítico mariñeiro de Monte Alto e tamén poeta, Serafín Mourelle.

Moncho do Orzán amenizou a festa co acordeón e a balada de Lugrís escoitouse en toda a cidade: Urbano, Urbano, Urbano Lugrís/ Urbano, Urbano, Urbano Lugrís/ que pintou o mar, soñou un país… Como cada ano, Xurxo Souto foi mestre de cerimonia.

Manuel O’Rivas lembrou os días do Xurelo e a expedición á fosa Atlántica para denunciar os verquidos radioactivos e que axudou a prohibir o verquido deste lixo ao mar en todo o planeta.

Fotos Lugris 2

Foi tarde festiva, poética, de alegría e de amigos.

As dúas imaxes de hoxe son de Xacobe Melendrez, na primeira Moncho do Orzán toca o acordeón. Na segunda Manuel Rivas conta a odisea do Xurelo, diante da foto da tripulación do pesqueiro.

Este é un fermoso poema de Ulysses Fingal, escrito en homenaxe a Picasso. Picasso, que aprendeu a pintar aquí, e non o digo eu, que o deixou escrito el. Por certo, o ano que vén, na Coruña, será o ano Picasso. O primeiro acto foi a presentación, o pasado xoves, do libro PICASSO AZUL Y BLANCO -A Coruña: el nacimiento de un pintor- de Rubén Ventureira e Elena Pardo.

UN RÉQUIEM CATIVO PARA UN PINTOR GRANDE

HOXE pregunteilles as vagas do Orzán,
-¿Qué tristura garda voso verde afán?
que ata as areas tan graves están…
Respondeu o vento -¡Ay foi un amor
do mar maior!
Do mar maior de Riazor,
con vilas sulagadas, e mortas en fror.
(E tódolos sinos do fondo do mar
hoxe todos andan a saloucar,
i a chorar),
as sereas calan. Soio canta o mar.
O mar, testemuño dun neno andaluz,
que tiña nos ollos gardada unha lus.
As ondas do Orzán
van, veñen;
van.

RAMÓN PARADA JUSTEL (II)

Mañá presento no Museo de Belas Artes da Coruña o libro O soño galego de Julio Cortázar, publicado pola editorial Linteo e do que xa din conta nunha entrada anterior. Esta será a primeira presentación, aínda dentro do ano Cortázar, as seguintes virán en xaneiro.

Parada Justel. Coruña

Teño preparada unha presentación con imaxes e hoxe pola tarde, quedei con Manuel Mosquera para probar se todo funcionaba correctamente, dende o punto de vista técnico. Cando cheguei, dixéronme que el avisara do posible atraso duns minutos. Aproveitei e subín á sala 5, do terceiro andar, que alberga a pintura galega do século XIX. Sabía que por alí tiñan que estar os cadros de Ovidio Murguía Castro e de Jenaro Carrera Fernández, membros con Ramón Parada Justel e Xaquín Vaamonde Cornide, da Xerazón Doente. Efectivamente, os cadros están alí. O que non sabía é que tiñan tamén en depósito, cedidas polo Museo Arqueolóxico de Ourense, dúas obras de Parada Justel, tituladas: O tempo, aplicación e emulación A Maja.

Maja Parada Justel

O primeiro é difícil de apreciar e necesita unha restauración urxente. Deixo aquí imaxe dos dous, como complemento da exposición que estes días pode verse en Ourense e da entrada de onte.

P.D. curiosa. Leo o último libro de Fernando Alonso Romero, San Mamed, origen precristiano y significado del culto, publicado por Andavira Editora. Nel, Fernando conta que Conde Valvís descubriu na ermida do Santo, na serra que leva o seu nome, unha lauda visigoda e cita: “pero se la llevó la familia Parada Justel, propietaria del terreno; posteriormente se perdió y se ignora el paradero”.

RAMÓN PARADA JUSTEL (I)

O pintor ourensán máis coñecido do século XIX, é Ramón Parada Justel (Esgos 1871- Ourense 1902), incluido na denominada xeración doente, formada por Jenaro Carrero Fernández, Ovidio Murguía Castro, Xaquín Vaamonde Cornide e o noso Parada Justel, nacidos os catro nos primeiros anos da década dos setenta e mortos entre 1900 e 1902. Ovidio Murguía era fillo de Rosalía e Murguía e naceu no pazo de Lestrove. Xaquín Vaamonde, nacido na Coruña, foi protexido de Emilia Pardo Bazán, quen lle deu papel  protagonista na novela La Quimera, morrendo no Pazo de Meirás. Jenaro Carrero era de Noia.

Parada Justel 3

No centro cultural municipal José Ángel Valente de Ourense, situado na rúa do Paseo, onde antes estaba o Banco de España, o Museo Arqueolóxico Provincial organiza unha exposición sobre o pintor ourensán, ao fío da restauración do cadro Os satélites.

O cadro figura como elemento central ou eixo da mostra, situándose á súa esquerda, sobre paneis, a información detallada do proceso e os traballos de restauración. Á dereita, ordénanse as outras obras do pintor que completan a mostra e, tamén unha pequena referencia biográfica.

Parada Justel 4

A min o cadro que máis me gustou foi o titulado O recordo das xoias, cun aire moi francés, impresionista, con ese xogo de luces, transparencias e reflectires no cristal do escaparate do cambiador, que lle dan o ton nostálxico que ten, tamén recollida, claro, na expresión da muller, nas mans… Logo, se me piden escoller, quédome co titulado A familia do anarquista no día da execución.

Parada Justel Anarquista

Pero hai na exposición unha cousa que me desconcertou. Dende que teño memoria, sobre todo dende que teño memoria cultural da miña cidade e do seu patrimonio, sempre escoitei dicir que a pintura que decoraba o teito do teatro Principal era del. Alguén me comentou hai algúns anos, que había dúbidas sobre a súa autoría. Nada se di dela nos datos biográficos que se ofrecen na exposición, que si recolle os momentos nos que pinta cada unha das obras máis singulares. Non sei se xa está absolutamente demostrado que non foi el quen pintou o teito do teatro, obra que lembramos de iren ao cine de nenos, substituida na actual restauración do edificio por unha alegoría de Xaime Quessada que hoxe podemos contemplar. Porén, con certeza ou sen ela, sabendo que moitos ourensáns seguen considerando que si foi el quen pintou ese teito, ou, cando menos, teñen dúbidas de si foi ou se non foi, ao meu parecer si se puido aproveitar a oportunidade e incluir unha referencia que dixese algo así: “1894: durante moito tempo considerouse que nese ano inicia os traballos de decoración do teito do Teatro Principal. Porén, investigacións recentes poñen en dúbida (ou rexeitan, non sei cal é o alcance do descuberto) que fose el o autor desa obra”.

Parada Justel. Principal

Paréceme a min que algo así non suporía quebranto para ningunha suposición ou certeza, e si tería un importante valor informativo e pedagóxico para os visitantes.

Non sei, se cadra este asunto non resulta de interese para os lectores destas páxinas que non sexan de Ourense, espero que a obra de Parada Justel, si e a referencia á súa xeración, si.