POEMA DE OUTUBRO

Vaise outubro, entre sol e chuvia, de vagar, cumprido, saudade do verán, anuncio do inverno. Agradecereille sempre a este outubro de 2015 o agasallo que me deu, devolvéndome unha paixón perdida. Nunca abandonei o gusto de observar paxaros, de buscalos, de camiñar atento a voos e cantos, pendente das sombras entre as follas das árbores e silveiras, dos brillos entre as ondas. Pero este outubro recuperei aquela paixón que sentín hai anos, sendo moi novo, cando en compañía de Manuel Villarino e de Vicente Gracia, membros os dous da sección ourensá da Sociedade Galega de Historia Natural, empecei a saír os domingos pola mañá polos arredores de Ourense a observar a natureza e a interpretar a paisaxe. Unha das primeiras cousas que aprendín foi a distinguir as lavercas, paxaro que introducín nun dos poemas daquela Fonte Abagañada, que foi o meu primeiro libro.

Logo, na Coruña, con Eva Vales e con Luís Míguez, fundamos a sección local da SGHN, porque non existía. O noso grupo ornitolóxico medrou, e todos os domingos, sobre as 7,30 a.m., saiamos con destino a Baldaio, á Barra do Anllóns, aos cantís de Corme ou ao encoro de Cecebre, para censar, para descubrir, para nos emocionar cando viamos unha singularidade, unha especie rara, poucas veces censada en Galicia. Daquela aprendín como son os tarros brancos e os parrulos cristados, souben de mascatos e de mobellas, de garzas e frailecillos, aos que aquí dicimos araos papagaios.

Sandoval avesCon esta actualización das emocións tivo que ver a adquisición de novos binoculares e tamén, sen dúbida, a lectura do libro de Antonio Sandoval, ¿Para qué sirven las aves?. Coñecín a Antonio hai tantos anos, cando SGHN e Grupo Naturalista Hábitat saiamos ás veces xuntos ao encoro de Cecebre. Hai moito que non o vexo e non sabía deste libro, pero en abril, cando viaxei a Bos Aires, o meu amigo e corresponsal porteño deste blog, Jorge Omar Veiga, pediume se llo podía levar. Daquela merquei dous, aínda que a lectura demorou ata setembro. É un libro fermoso, que fala da paixón polos paxaros, pero tamén de amor á natureza no sentido máis amplo e de amor polo país.

Pensando no outubro que se vai e nos paxaros, lembrei un fermoso poema dun poeta Dylan Thomas casaque tiñamos por autor de culto, naqueles anos nos que nacía a tantas cousas. Falo de Dylan Thomas. Lembro que nos viamos reflectidos naquel poema seu no que fala de para quen escribe. Hai unha coincidencia con Celso Emilio, xa que proclama Thomas que non escribe para os soberbios, o mesmo que di Celso Emilio no seu poema sobre a lingua, que ten por título Deitado frente ao mar. Naquel poema Dylan Thomas afirmaba escribir para: …os amantes, os seus brazos abarcando as penas dos séculos,/ que nin pagan nin eloxian/ nin fan caso do meu oficio ou arte. Con iso soñabamos.

Dylan Thomas 2

Refiríame antes ao poema titulado: Poema de outubro, escrito o día do seu trinta aniversario, que sería un 27 de outubro coma hoxe. Nese momento de 1944, vivía na localidade de Laugharne, situada ao oeste de Cardiff. A súa casa e o estudio están situados sobre o estuario do río Taff. Tiven a sorte de estar alí no ano 2013, cando asistimos ao congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos. Daquela, rematado o congreso, Malores Villanueva, Chus Lama, Helena Dylan Thomas 3González, Maribel, Manuel Gago e eu, alugamos un coche. Foi Chus quen se animou a conducir pola esquerda. Eu deixeime levar, sen saber moi ben onde iamos e a primeira parada, para a miña sorpresa, foi Laugharne. Paseamos visitamos os lugares de Dylan Thomas e xantamos. Vimos o fantástico estuario do río, cheo de aves, lugar ao que se refire el no seu poema. As fotos son de Maribel. Tentei facer unha tradución do poema, pero non son quen. Esta das tres primeiras estrofas que segue, ten como guía a versión en castelán de Esteban Pujals, publicada en edición bilingüe por Visor, en 1976, co título Poemas 1934-1952, libro que liamos cando soubemos del.

POEMA DE OUTUBRO

Era o meu trixésimo ano
O meu aniversario
Espertou cara o ceo o meu oído dende o porto e o bosque veciño
E a praia cumprida de mexillóns e de clericais garzas
O saúdo da mañá
Con oracións de auga e berros de grallas e gaivotas
E golpear de embarcacións de vela na parede trenzada polas redes
Para poñerme en pé
Ao instante
E botarme a camiñar cara a vila aínda durmida.
Meu aniversario comezou cos paxaros-
Acuáticos e os paxaros das aladas árbores voaban meu nome
Sobre as granxas e os cabalos brancos
E eu erguinme
No outono de chuvia
E camiñei no medio do chuvasco de todos os meus días
O abalo e a garza mergullábanse cando tomei camiño
Abeirado
E as portas
Da vila permanecían pechadas cando a vila espertaba.
Unha primavera de lavercas e unha rodante
Nube e as matogueiras da beira do camiño desbordaban con asubíos
De merlos e o sol de outubro
Estival
Sobre o ombreiro do outeiro
De socato foron clima amante e doces cantos
Que entraron na mañá pola que eu saía de vagar e escoitaba
Como escorregaba a chuvia
E o vento que sopraba frío
No afastado bosque aos meus pés.

(Continuará)

ALBERGUE DE PORTAVENTOSA

Dende o mes de agosto, o noso fillo Daniel rexenta o albergue de Paus, parroquia de Lira, en Carnota. O seu proxecto ten como eixo principal convocar xente arredor das actividades que ten previsto desenvolver: obradoiros, encontros, actividades lúdicas e deportivas, rutas e visitas guiadas.

Portaventosa 2

O albergue está situado nun enclave extraordinario, aberto a unha paisaxe que conxuga: Fisterra, Monte Pindo e areal de Carnota. Só hai que lamentar os cables dos tendidos eléctrico e telefónico. As instalacións contan con aula, cafetería-comedor, unha fantástica terraza, amais dos seis cuartos, cada un con dúas liteiras de dúas camas.

Portaventosa 3

Para a fin de semana do 12 de outubro convoca esta actividade que axudo a divulgar dende aquí, agradecendo que se alguén o considera, tamén a faga circular. Agardamos por vós, por se calquera día queredes pasar por alí.

Portaventosa 1

O PEDREGAL DE NOVO

Costas do Xigante da Mina, en Chan de Lourenzo

Costas do Xigante da Mina, en Chan de Lourenzo

De novo o Pindo o sábado, ao día seguinte de se cumprir dous anos do incendio que arrasou o monte. Segunda excursión nos últimos oito días, terceira nos últimos vinte. Desta, a mañá amence cuberta, con nubes altas, que segundo transcorren as horas tórnanse baixas. No mar, a escuma esfiañada nas rompentes, anuncia temporal. Porén o tempo é bo, sen vento e cálido.

Paramos en Onde se Adora, por contemplar o mundo que dende alí se divisa. Sobre o alto do Pedrullo, antigo castelo medieval de San Xurxo, aparece un miñato ou ratoneiro común. Voa tranquilo, procurando alimento. Ao cabo, sobre o mesmo espazo, o azor. Tamén el busca o seu xantar. O miñato tenta expulsalo do ámbito polo que el voaba e sobre o que se cernía. Inician unha breve loita e, concentrados nela, non advirten que seis corvos os rodean e atacan en movementos coordinados e eficaces. Ao cabo, miñato e azor abandonan o espazo e os corvos, empoleirados nas pedras que coroan o outeiro, observan a fuxida dos competidores.

As ericas medran sobre o cascallo da antiga mina de wolframio

As ericas medran sobre o cascallo da antiga mina de wolframio

Víbora de seoaneSubimos dende Chan de Lamas e no descenso, a medio camiño, na pequena gándara que se forma na vaguada de rochas, sobre unha laxe, preguizosa e perfecta, unha víbora. Trátase da víbora de seoane, endemismo do norte e noroeste peninsular, descuberta e descrita polo naturalista Víctor López Seoane, nacido en Ferrol en 1832 e falecido na Coruña en 1900.

No seu tempo, Víctor López Seoane foi figura principal entre os naturalistas europeos. Aínda hoxe, nas coleccións de animaisVíctor López Seoane de moitos museos naturais, figuran pezas recollidas por el. Mantivo relación con boa parte do mundo científico do seu tempo, entre outros, polo que significa, con Charles Darwin. Tamén colaborou co Rexurdimento, en particular con Manuel Murguía, responsabilizándose da redacción dos capítulos sobre natureza da Historia de Galicia.

Creo que a víbora que vimos o outro día, individuo adulto, non padeceu o incendio de hai dous anos. O espazo que habita non ardeu, por ser zona moi húmida. Penso, polo tanto, que non se trata da recuperación dunha especie, senón dunha especie que sobreviviu ao lume.

Saben morrer de pé

Saben morrer de pé

O peor da excusión, descubrir novas pintadas no alto da Moa, que non estaban o domingo anterior, estas en amarelo. Non é suficiente o selfi para proclamar o protagonismo? Semella que non, que segue sendo necesario profanalo todo, cargar coa pintura e humillar o espazo, deixar constancia do nome de cada quen sobre as pedras, como se iso lle importase a alguén.

As imaxes da víbora e a de Víctor López Seoane foron recollidas da wikipedia.

As outra son miñas.

MAN, POR FIN

Foi o venres pola tarde en Camelle. Por fin o esforzo de tantos deu froito e unha parte da obra de Man xa está exposta e a disposición da xente de Camelle e dos visitantes que, se xa ían por alí, sen máis que ver que a desfeita do que foi, agora teñen un alicente máis e este, positivo.

Man 1

O alcalde de Camariñas, Manuel Valenciano, coñecido popularmente como Pichurri, contou que el coñeceu ao Man de traxe, o primeiro que chegou a ese lugar extremo, antes de se despoxar de todo, de se converter en crebeiro, e de facer do seu corpo un elemento máis do Land Art que practicou. Agradeceu, sobre todo, a constancia de Antón Sobral, que ano tras ano, cada 28 de decembro, foi quen de manter vivo o espírito do Alemán e, por suposto, o agradecemento para Carmen Hermo, alma deste proxecto e todo o equipo que xuntou arredor: Jesús Calvo, Víctor Hermo e Andrea Serodio, quen catalogou todo o material. Carmen agradeceu, tamén, a implicación do concelleiro Juan Carlos Canosa.

Man 3

O primeiro paso está dado. A memoria de Man, máis alá das pegadas do seu corpo sobre o formigón do espolón, perdura. Faltan cousas por facer, porque Man foi constante na súa interacción artística co medio e son moitas as posibilidades de aumentar o patrimonio a partir do seu legado, pero nada sería posible sen esta primeira acción que abriu as portas o venres e que nos pon en relación con el.

Nas vitrinas, de deseño fantástico, que aproveitan ao extremo o poucoMan 2 espazo dispoñible, podemos observar: cadernos dos que nos daba aos visitantes para que lle debuxaramos unha forma; tamén os de artista nos que el traballaba os seus deseños; están os libros que lía, coas súa anotacións; as botellas de plástico que quentaba e estiraba  para xogar coas formas e logo decoralas; as ousamentas animais que atopaba e sobre as que tamén actuaba; fotografías, obxectos personais, autorretratos… e un vídeo formidable, en 3D, que amosa o que foi o seu xardín e a caseta onde vivía.

Man 4

Grazas a Antón, a Carmen, e a todos os que con eles colaboraron e, tamén, a Juan Carlos e Pichurri, por crer neste proxecto.

(Pido perdón polas imaxes, malas a rabiar. Son miñas, obtidas co móbil).

MAN SEGUE EN CAMELLE

ManOnte cumpríanse doce anos do falecemento de Man, o alemán de Camelle; vítima da catástrofe do Prestige e símbolo colectivo do sufrimento diante de tanta morte, Onte, convocados por Antón Sobral, acudimos a Camelle por lembrar a Man e tamén por escoitar a Carmen Hermo, quen con sixilo, pero con moito amor, dedicación e solvencia,Antón Sobral desenvolveu durante os dous últimos anos un traballo que nos fai soñar coa posibilidade de que Man e a súa memoria sexan unha realidade de futuro e parte da riqueza patrimonial da Costa da Morte.

Chegamos ás 12,00 e logo de saúdar aos amigos e de tomar un café, achegámonos ao xardín escultórico que foi o seu fogar. Alí é evidente a desfeita, consecuencia de dous factores, un certo abandono e, sobre todo, a acción do mar logo dun inverno tan duro como foi o pasado. A construción que lle servía de morada, centro de referencia do conxunto, é unha ruína sen cuberta. Algunhas das máis simbólicas formas que Man ergueu na beirada por lle dar corpo ao aire, desapareceron. Sobre as rochas quedan apenas as pegadas do cemento e os bolos escollidos por el confúndense co resto que forma ese coído exterior ao dique contra o que el loitou.

Carmen HermoPero xa dentro do que hoxe é “A casa do alemán”, escoitando a Carmen, foi medrando a esperanza de que o patrimonio artístico de Manfred Gnädinger, nacido en Radofzell en 1936, teña unha oportunidade de sobrevivir e se transformar en referencia artística, vital e turística de Camelle e da Costa da Morte.

Man xardín 2

Por Carmen soubemos que faltan poucas semanas para que a Fundación Man sexa unha realidade. Tamén que aprobado o proxecto MAN (Mar, Arte e Natureza), dentro das iniciativas que promove o Grupo de Acción Costeira, zona 3, Costa da Morte, xa é unha realidade accesible a páxina web: mandecamelle.com; tamén se realizou un traballo rigoroso de inventariar boa parte do material: fotografías (feitas por Man ou por visitantes), libros intervidos por el, libretas de visitantes, esculturas e pezas realizadas con plástico fundido. Pero ademais, tomando como referencia unha das súas obras fotográficas: Museum vom Einsiedler Man, (Museo do ermitaño Man) creouse un espazo expositivo para amosar parte do seu legado, que poderá visitarse proximamente na “Casa do alemán”. O proxecto desenvolvido por Carmen e as persoas que colaboraron con ela, implica, tamén, que Man xa teña imaxe corporativa, folletos explicativos do proxecto e unha sinaléctica específica de acceso ao espazo onde viviu e traballou dende que afincou en Camelle, no ano 1962.

Man muelle 1

No debate posterior falouse da rehabilitación da caseta, como elemento central que conserve o seu espirito. Sería necesario elaborar un proxecto que permitise poñer cifras ao custo da reconstrución. O concello de Camariñas, neste momento, garda 6.000 euros para realizar unha intervención de urxencia que impida a perda definitiva dese lugar construido por Man para vivir. Apuntei eu a posibilidade de iniciar unha campaña para promover a idea de que a propia comunidade, a través de achegas individuais, se constitúa en custodia dese patrimonio excepcional e tan simbólico, asumindo de maneria colectiva a restauración da caseta, unha vez exista proxecto e orzamento. Escoitando as intervencións da xente, souben que un grupo de veciños limpa periodicamente o espazo do xardín escultórico.

Man Caseta

Man non foi un tolo que vivia espido sobre as penedas do litoral. Man foi un artista que levou ao extremo o concepto Land art, desenvolvido dende principios dos anos sesenta, precisamente cando el chega a Camelle. Como Richard Long, Man abriu carreiros pola beirada, colocou pedras dándolle orde e sentido, xogou coas crebas. Lonxe do afán comercial, quizais intuindo que todo o que facía era efémero, por estar sometido á natureza, Man elaboraba as súas instalacións na paisaxe coa intención de crear unha emoción no espectador. Para lograr iso necesitaba compenetrarse e comprometerse co lugar, por iso o seu corpo nu, os baños diarios, a exposición ao vento.

Arpón golfiñoMoitos dos que acudimos á cita fomos xantar a Punta Arnela, o restaurante de Camariñas que nos acolle sempre que imos aos encontros Arte e Natureza promovidos por Antón Sobral en Camelle. Sentado á beira de Carmen faláballe eu da importancia do traballo desenvolvido e comentáballe que, tendo un edificio como “A casa do alemán” e agora tamén: inventario, páxina web, Fundación e, en pouco tempo, exposición permanente, a memoria e o espirito de Man estaban salvados. Faloume ela de que nunha gravación radiofónica, dunha entrevista feita a Man no ano 1985, fálase de que tamén deixou a súa pegada artística no Monte Pindo. Sería interesante dar con elas, Pindo e Man enriqueceríanse mutuamente con esa referencia. A entrevista pódese escoitar na páxina web. No restaurante onde xantamos estupendamente, coma sempre, conservan un arpón destinado á caza de golfiños que a min sempre me chamou a atención e que onte fotografei.

Sobral Tenreiro

VilánLogo de xantar acudimos ao faro do Cabo Vilán, onde Antón Sobral e Enrique Tenreiro expoñen as súas obras nese proxecto de diálogo pictórico-escultórico do que xa se falou aquí, a propósito da inauguración coruñesa do verán, denominada Contra vento e madeira, aínda que as pezas que forman a mostra van variando en función dos espazos que a acollen. Lembrar que o museo dos faros e a sala de exposicións do faro Vilán, con 50.000 visitas este ano, son dous dos proxectos expositivos que reciben máis visitantes ao longo do ano en toda Galicia.

Posta de Sol VilánDespediunos un marabilloso solpor en día de inocencia, case de fin de ano.

AURORA BERNÁRDEZ, VLADIMIR NABOKOV E OUTROS CAMIÑOS

Risa en la oscuridadO cotián ten cousas sorprendentes. Realmente é el quen lle dá aire aos días. Nel está a aventura maior, a posibilidade de sorpresa, de alegría e, tamén, de decepcións e de tristeza. No cotián váisenos a vida. Vén isto a conto porque estes días, comprobando cantas traducións de Aurora Bernárdez hai entre os meus libros, volvín a Vladimir Nabokov. Ningunha das obras que teño del foi traducida por Aurora e é mágoa, porque si son dela case todo o Calvino que gardo, algún Camus, La Náusea de Sartre, o Cuarteto de Alejandría de Durrell, Simone de Beauvoir; e digo o da mágoa porque me gusta moito como exerce Aurora o oficio de tradutora, o cal sempre supón, tamén, un xeito de escribir. Remexendo, a man deu, ou quedou prendida, a unha novela que non lera, Risa en la oscuridad (Laughter in the Dark), escrita en 1938 e que forma parte xa da obra americana do autor nacido en San Petersburgo.

A lectura deste libro en catro días supuxo unha desas aventuras humildes que suceden no transcorrer das semanas, na quietude do fogar, mentres fóra chove. Son varios os elementos de Risa en la oscuridad que anticipan Lolita, novela ben querida polo director de cine ourensán Xavier Bermúdez e feita película por Stanley Kubrick, en 1963. Está, dende logo, a sedución que a rapaza adolescente exerce sobre o home maduro. Xa o dixen antes de agora, pero non está de máis lembrar que Nabokov e Buñuel son dúas das referencias na obra de Xavier.

A novela narra a historia dun berlinés de clase alta, Albinus, casado e pai dunha filla, que namora de Margot, unha acomodadora de cine. Dende o principio sabemos que a historia non rematará ben, pero non por iso deixamos de ler, velaí a habilidade narrativa de Nabokov, quen nos sorprende con algún xogo malabar extraordinario, como a descrición que fai, cambiando dúas veces a perspectiva, do accidente de coche que Albinus e Margot sofren nunha estrada retorta das montañas da Provence. Albinus case non sabe conducir, circunstancia que compartía con Nabokov, quen nunca aprendeu, dependendo totalmente, dende o punto de vista da automoción, de Vera, a súa muller. Quizais por iso a agasallaba con debuxos de bolboretas fermosas. Porque Nabokov era, tamén, un grande entomólogo, encargado durante un tempo da colección de bolboretas da Universidade de Harvard, exercendo de curador. Un xénero destes lepidópteros recibiu, na súa honra, o nome de Nabokovia.

bolboreta nabokovia

bolboreta nabokovia

A condición de escritor e científico non é infrecuente no mundo da literatura. Goethe deixounos a teoría das cores, a metamorfose das plantas ou os traballos sobre o óso maxilar. En Galicia temos o caso excepcional de Rafael Dieste, autor dun texto sobre os axiomas, dun tratado do paralelismo ou do Testamento geométrico, escollido por Roberto Bolaño como un dos soportes da súa obra maior, 2666, sempre de lectura obrigada e, de maneira particular hoxe, cando asistimos a esa convulsión, case revolucionaria, que padece a sociedade mexicana.

Interior casa Dieste e Carmen

Interior casa Dieste e Carmen

Lembrar, pechando este círculo, que Aurora coñeceu a Cortázar pouco antes de mudar este a vivir no piso de Dieste e Carmen Múñoz na Rúa Lavalle, realquilado a Cortázar por Luis Baudizzone, o encargado por Carmen e Rafael de se ocupar das súas cousas en Bos Aires, no tempo no que Dieste foi lector de castelán en Cambrigde.

Esta Margot da historia lembroume a do tango de José Ricardo e Celedonio Flores, interpretado por Gardel. E volvín de novo, con saudade, ao café Margot, alá por Boedo, onde conservan os seus presuntos guantes e o seu bolso, café onde sitúo un dos relatos do libro Para seguir bailando, o titulado, precisamente Margot a noite e un adeus. Así son os camiños do cotián e aquí deixo o tango en versión de Joan Manuel Serrat.

YAGUARETÉ, A ÚLTIMA FRONTEIRA

O correspondente deste blog en Bos Aires, o ornitólogo Jorge Omar Veiga, envía noticia deste documental sobre o yaguareté, magnífico. Hai unha referencia a este fermoso felino na novela El examen, a primeira e a última de Cortázar, a primeira porque foi a primeira que escribiu, a última porque foi publicada postumamente. O mozo do bar, un enterado, é galego:

El mozo era estupendo; para él solamente la niebla, esa cosa. Traía los imperiales y los exprimidos de limón, y dale con la niebla.
—Pero si no es niebla —dijo el cronista—. Nadie sabe lo que es. Están averiguando en laboratorio.
—Además está lo del yaguareté —dijo el mozo, que conocía al cronista—. ¿No leyeron? En Colonia Cerrillos, en Entre Ríos. Un yaguareté que tiene asustado a medio mundo. Algo bárbaro.
—Todo felino es feroz —dijo Andrés—. El yaguareté es felino.
—¿Es el yaguareté feroz? —dijo Clara.
—Sí —dijo Stella—. Todos los felinos son feroces.
El cronista y Stella hablaron del hueso. El mozo hacía escapadas hasta el mostrador y otras mesas, y se volvía a charlar con ellos. Como la mesa era larga y estaban
Clara con Juan (pero entre los dos una silla con la coliflor y la cartera de Clara) y Andrés, pegado a Juan, llenando una punta y un lado,
de modo que en la otra punta y comienzo del otro lado charlaban Stella y el cronista (con el mozo metiendo la nariz entre ambos)
y había un ruido alto y tenso, que la niebla traía desde afuera amplificado y a la vez disuelto, ruido solo, no ruido de, y dentro del café siempre las cucharitas haciendo sus campanillas a la Lakmé y el gritar de los gallegos con órdenes precisas SEIS SADWICH SURTIDOS, DOS QUE CONTENGA ANC H OA!

Volvendo ao documental sobre o máis grande felino de América, dicir que está narrado polo actor Ricardo Darín, comprometido cos proxectos de recuperación. O pintor que aparece é Aldo Chiappe, grande amigo de Jorge Omar e o documental está dedicado ao conservacionista hai pouco falecido, Juan Carlos Chebez.

Espero lo disfruten, di Jorge Omar, espero que vos guste, engado eu.