A MIÑA TÍA LELA

Esta fin de semana, en Oira, repasei coa miña nai imaxes do pasado. Ela tiña as coleccións de fotos alí á beira. Supoño que pasará moitas das súas horas deténdose no rostro e no sorriso dos que xa non están. Xuntos, o sábado, convocamos a moitos seres tan queridos para nós.

Lela barca

Para ela e para min foi persoa principal a miña tía Lela, a que a seguía, terceira e cuarta dun conxunto de seis, cinco irmás e un home. Miña nai sempre a considerou máis amiga que irmá, porque medraron xuntas, xuntas foron a festas e bailes, xuntas ían ao monte coas vacas, xuntas durmían no mesmo cuarto. Na foto que precede este parágrafo e que ten o valor etnográfico e patrimonial da barca, están ela, na popa, Olga a irmá pequena e, no centro, tan atrevida, Toña, unha das curmás arxentinas, que estaban pasando en Oira unha tempada e que chegaran traendo a novidade o tango, entre outras cousas.

Lela Anxo

Para min Lela sempre significou o río e dela sempre recibín cariño. Había algo nela que hoxe penso como desinhibición física, sempre disposta a tomar o sol ou arremangar a saia. Pero sobre todo, por ela recibín os versos de Rosalía de Castro e de Curros Enríquez, nun tempo no que mantivo relación coa xente da Agrupación Cultural Auriense, facéndose amiga de Anxo Martínez, de quen teño falado noutras entradas e viaxando con el e coa Asociación a excursións organizadas que percorrían o país. Penso que foi neses días cando aprendeu os versos que logo me recitaba. Na foto anterior podemos vela cun grupo de excursionistas, entre eles Anxo, quen olla para atrás sentado no ángulo da esquerda. Non sei con certeza cal é o templo románico que lles vale de fondo, aínda que, de memoria, apostaría por Santa Mariña de Augas Santas. Tampouco teño claro quen son os compañeiros da fotografía. Na seguinte Lela pousa diante do hórreo de Carnota, supoño que a finais dos sesenta ou primeiros setenta.

Lela Carnota

Eu dediqueille o libro Miño, cheo de referencias a ela. Dentro de poucos días cumprirase o noveno cabodano. Cando morreu eu estaba en México, de viaxe de traballo, abrindo o camiño para a presenza da literatura galega na FIL, a feira de Guadalajara. Aquel día, na distancia, escribín este poema que incluín no libro:

27 DE NOVEMBRO

E o desalento do mar,
esa agonía que afoga
no anhelo dos teus labios,
refacho de marea
íntima que penetras
e se fai doce
onde voan as fragas
e medran as lavercas
Fronteira do silencio
fondal da claridade
que xermina no baluarte das sombras.
E ti,
corpo tendido o sol
e hoxe vencido, ti,
garza de póla incerta,
constancia da silveira,
cántico da alborada,
descendendo aos abismos
da tenrura.

PEDRERES DE S’HOSTAL: LABIRINTO LÍTHICO

O pasado vernes inaugurouse nos salóns do hotel NH de Coruña, a exposición Labirinto Líthico, que amosa as imaxes que o fotógrafo Gustavo García Roig tomou no parque das Pedreres de S’Hostal, nunha viaxe a Menorca.

Líthica 1

Non é a primeira vez que escribo aquí de Gustavo. Falei da súa exposición anterior, sobre o templo da lúa e do sol de Chanquillo, en Perú. Gustavo gusta de traballar a pedra: as texturas, as formas, as sombras. Eu coñecín tres proxectos seus, un a partir das formidables laxas do dolmen de Axeitos; a dos indios mochicas e o seu calendario e agora este, e todos teñen a pedra como denominador común.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/?s=Gustavo+Chanquillo&submit=Buscar

Como se pode apreciar nesta imaxe de Gustavo, os espazos das canteiras de S’Hostal son impresionantes:

16. Totem

Un día Gustavo faloume da posibilidade de colaborar nalgún proxecto futuro. Sabedor da súa debilidade, propúxenlle as antas da Costa da Morte, aceptou. Pero aos poucos días, citoume para me amosar unha colección de fotografías tomadas nas vellas canteiras de rocha de marés, en Menorca. A proposta era escribir sobre elas. Eu son remiso a escribir do que non coñezo e nunca estiven no parque de S’Hostal. Porén, cando fiquei só coas imaxes, advertín que había nelas algo que chamaban por min. Por unha banda estaba a posibilidade de dialogar dende a nosa cultura da pedra con outra ben diferente, como é a balear. Estaba tamén o feito de que na construción do xardín, Laetitia Sauleau, a artista que veu posibilidades de poñer en valor o patrimonio que supoñen a serie de canteiras de Menorca, e os seus colaboradores, configuraron o espazo xogando co labirinto e coa mitoloxía e a min, o asunto ese de Dédalo, Ícaro, Ariadna, Teseo e o Minotaruro sempre me interesou. Estaban, tamén, claro, as propias imaxes de Gustavo e a súa capacidade de suxerir, de sorprender, de facer soñar.

O resultado é esta exposición, coas súas imaxes, acompañadas de dezaseis poemas escritos para a ocasión. O cartel e icona da mostra é esta sombra felina que Gustavo captou nun momento do paseo, e que para el resulta simbólica, por todo o que ten de suxestión, de forza e de misterio:

10. Felina

A exposición percorrerá outros hoteis da cadea NH na nosa comunidade e é posible que nalgún momento chegue a Menorca. O texto que figura na tarxeta de invitación, é o seguinte:

PEDRERES DE S’HOSTAL: Durante séculos, os canteiros de S’Hostal sacaron das pedreiras os bloques de rocha de marés. Con eles construíron a casa, o templo, o peirao, a campa. Hoxe, por iniciativa da artista Laetitia Sauleau e os membros da Asociación Líthica, este labirinto de corredores, escaleiras, xardíns e formas, foi incorporado ao patrimonio da cidade de Menorca. O conxunto ofrece unha sucesión de espazos suxestivos, con evocacións míticas, lembranza dun oficio fundamental para a vida da comunidade. Arredor deles dialogan as imaxes de Gustavo García Roig e os textos de Francisco X. Fernández Naval. 

E estes son dous tres dos  poemas, coa súa imaxe:

POZO

Líthica 5

Os pés descalzos
dun ser perdido
achéganse, ás veces, a este pío.
Sempre é de madrugada
cando o alento do eclipse e das sombras.
El bebe e os batracios calan.
Verdello de seda na pucharca escura.
Un ser destemido e agnóstico,
unha parte animal, outra memoria,
achégase, ás veces, a este marasmo
na procura de amor.

PAZO

Líthica 3
Todos os pazos teñen recunchos de xofre,
ángulos sen palabras,
lugares sen memoria,
escaleiras que non levan a ningures,
tránsito entre cadeas e celadas.
Todos os pazos albergan a traizón e o espasmo,
a secuencia finita do poder e da gloria,
o eco da caverna,
coa súa luz
e coas súas tebras.

ARIADNA

Todos os meus fíos conducen a ti,
dende a rutina circular dos días
ata o teu corazón atormentado.
Sento nestes chanzos e entrégome
a un tecer de amor e recendo de nardos
A urdidoira dos meus soños fecunda a esperanza
alivia o temor do leme e das velas,
brancas ou negras,
do helmo e da espada,
do sangue e do espanto.
Meu irmán! meu amor!
ofrenda do meu sangue,
meu primeiro ronsel,
meu primeiro pranto.

Líthica 4

ALEXANDRE NERIUM

Alexandre 1Recibo estes días unha publicación que envía e asina o meu amigo, o poeta fisterrán Alexandre Nerium (Nocturnidade do sal, Vogar de couse) titulada Detrás da néboa o felo. Trátase dunha colección de poemas nos que Alexandre, a proposta do escritor e etnógrafo de Coles (Ourense), Emilio Araúxo, tende unha ponte ou un vínculo poético entre o seu mar de Fisterra, o mar de Fóra, ese mar que navegou e que tan ben coñece, e o entroido do val de Maceda, tomando como referencia a figura do felo, o personaxe que tanto nos lembra a outros da provincia ourensá, como peliqueiros e cigarróns.

Detrás da néboa o felo: abica o medo
escorrentando a ingravidez do día.
Novamente outro abismo, outra derrota:
cabelos de muller feitos sedelas
sentindo do ollomol a súa trabada.

Alexandre 2

Emilio Araúxo foille enviando fotografías do entroido, non as imaxes dunAlexandre 4 turista, senón instantáneas tomadas coa visión do etnógrafo, que humanizan as figuras da celebración, tan distantes e alleas cando a vemos correndo polas pistas e corredoiras, pero tan próximas cando as observamos no momento de ser vestir, no abrazo, na espera, no descanso. Consegue Alexandre un efecto fantástico nos versos, ao considerar el que tamén o mar é unha máscara de salitre: A máscara do mar ten ollos gacios./ Un sorriso de furna cada tarde/ sostén na comisura o precipicio./ O acantilado desminte o que pasou ás sete vagas. 

Alexandre 3

A colección de poemas remata cun soneto titulado Cinza, arte na que Alexandre é experto (poña cada un o fin de estrofa seguindo a clásica secuencia de versos 4/4/3/3, os catorce que pide Violante):

Arrostra o mar a máscara do día

cun xesto azul de clara escuridade.

A chuvia entre as pupilas, a saudade

levemente marfil xunta a avreguía.

Rosma o solpor febril, queda utopía

ancorada na cinza: exhausta idade

que se perde mordaz na inmensidade,

que se agocha baleira na ardentía. 

O mar esculca o vendaval vizoso.

co paraugas de man baila inconsciente.

Do chocallo a harmonía, o seu saloma. 

Simplemente vivir, grisáceo aroma,

requente sabor doce, aínda se sente

disfrazarse en Maceda o mar vidroso. 

Xa outras veces teño falado aquí de Alexandre Nerium, o poeta mariñeiro, o cabaleiro de mar, no seu día presidente do batallón da Costa da Morte, hoxe guía excepcional do centro de interpretación da pesca situado no Castelo de San Carlos de Fisterra, lugar de visita obrigada, tanto polo que amosa como, sobre todo, por quen o amosa, que o guía tamén é patrimonio.

Xeiteira de Lira. Maribel Longueira

Xeiteira de Lira. Maribel Longueira

Alí el explica como son as artes de pesca dese mar que se estende ao norte e ao sur do Promontorio Nerium, entre elas o xeito, unha das máis antiga e máis selectiva das nosas artes, exclusiva da sardiña e que deu unha embarcación tan fermosa como a xeiteira, amais de ditos e cantigas. Por iso, aínda co temor pola alarma recente da prohibición das redes de deriva, incluido o xeito, sen ter en conta as súas particularidades que a fan singular, e aliviados sabendo que acaso ese temor quede en nada, escoitamos a voz de Alexandre explicando que é o xeito para o programa Vivir o mar da CRTVG. Aquí queda este enlace ao blog de Miro Villar, As crebas, un dos vinculados a este, onde quen o desexe pode escoitar a Alexandre, quen remata con ese poema seu, tan fermoso, que se inicia co verso: O xeito faise ao mar sen despedida.

http://crebas.blogaliza.org/files/2014/12/XeitoNerium.jpg

CHANKILLO E OS DEUSES

Hoxe pola mañá, domingo 2 de novembro, clausurouse no museo da casa de María Pita, na Cidade Vella coruñesa, a exposición de fotografía: Esperando ao deuses en Chankillo, do meu amigo Gustavo García Roig, arxentino de nacemento, protagonista de exilios, habitante de varias patrias, cidadán do mundo, quen, dende hai anos, vive connosco aquí na cidade do aire, da Torre e do océano.

Templo do sol coa primeira luz do solsticio de inverno

Templo do sol coa primeira luz do solsticio de inverno

Gustoume moito a mostra, con algo de reportaxe e moito de fotografía artística. A exposición contaba algo para min descoñecido, a existencia do Templo do sol e das Trece Torres Lúa de Chankillo, un lugar situado no deserto, a 400 quilómetros de Lima, no val de San Rafael. O observatorio solar, considerado o máis antigo de América, construído 2000 anos antes da aparición da cultura inca e arredor de 400 anos antes de Cristo, foi construído pola cultura moche e permite situar o sol dende o solsticio de inverno ata o solsticio de verán e determinar tamén o momentos dos equinocios, podendo planificar, así, o momento das colleitas, a chegada da auga procedente do desxeo da cordilleira ou a seitura.

As trece Torres Lúa dende o Templo do sol

As trece Torres Lúa dende o Templo do sol

Humildemente, pero con pracer, colaborei con Gustavo, traducindo ao galego o texto escrito por el e que figuraba na tarxeta da exposición. Hoxe, a lectura dese texto foi o último acto dunha familiar e entrañable cerimonia de clausura, que ofreceu a posibilidade de realizar unha visita guiada á exposición, acompañados por Gustavo.

Solsticio de inverno. O sol xunto á primeira Torre Lúa

Solsticio de inverno. O sol xunto á primeira Torre Lúa

A exposición clausurouse, pero eu quero colaborar a que nos acompañe e permaneza, deixando constancia dela aquí. As fotografías que se ofrecen forman parte da mostra e ao final vai o texto de Gustavo na versión galega.

Condor protector en Chankillo

Nesta imaxe, Gustavo captou o voo dunha nube con perfil de cóndor, paxaro sagrado dos mochicas ao que estes atribuían a capacidade de trasladar as almas dos mortos ata as estrelas, por iso deixaban os corpos dos defuntos en lugares aos que eles puideran acceder. A nube-cóndor voaba sobre as Torres Lúa e Gustavo, que sabe da existencia doutras realidade, interpretouna como un símbolo protector. A casualidade quixo que hoxe mesmo, rematando o libro Mansa chatarra de Francisco Ferrer Lerín, dese con este texto que tamén deixo aquí, porque ofrece a posibilidade dun diálogo de disciplinas e culturas. Pertence ao relato La ciudad alejada, que ben puidera ser Chankillo: ¿Dónde estoy? La extensión de terreno no cabe en los mapas, no hay nación que pueda permitirse disponer de enclaves de esta envergadura. Me hallo pues fuera de cualquier territorio ¿y también fuera del tiempo? ¿Y la ciudad? Dijeron que los cadáveres de sus habitantes eran colocados sobre los tejados, y que los buitres -¿o cóndores?-, al amanecer, daban cuenta de ellos. Mas ¿quién lo vio?

ESPERANDO AOS DEUSES EN CHANKILLO

Lembro que aínda era noite cando espertei. A xente ollaba o ceo alumeado polas escintilantes estrelas. De socate, un lampo fugaz moveuse a gran velocidade, creando un fermoso espectáculo. Estou seguro de que os chamáns nos falarán do seu significado na cerimonia de hoxe no Templo do Sol.

Os deuses enviaban sinais para nos indicar as nosas tarefas. Nalgunhas ocasións realizabamos un sacrificio animal, como o da llama. Noutras, xuntabámonos arredor dos lumes e adorabamos as figuras de barro modeladas polos oleiros e que representaban os guerreiros que nos protexían, como facía o cóndor, encargado de levar as almas dos nosos mortos ata as estrelas.

Cando escaseaban os alimentos da terra, saiamos ao mar, a pescar nas nosas embarcacións de totora e, no tempo das colleitas, a Pacha Mama bendicíanos cos seus alimentos.

Esa noite a maxia flotaba no aire. Quilla, a Lúa, acababa de nacer e brillaba no ceo xunto con Venus. A estrela fugaz agarimara a ambos co seu resplandor deixándonos unha mensaxe. Iamos subindo pola ladeira da duna cara o sagrado Templo do sol. Alumeabámonos con fachos en honra á Lúa Nova, a Venus e ao Solsticio, unha conxunción astral propicia.

Ao chegar ao Templo, cruzamos as tres órbitas polos túneles, ata nos agrupar no Centro do Pai Sol, arredor dos chamáns e o Curaca que rexía Chankillo. Tras un fondo silencio, escoitamos o son da buguina e o Curaca falounos con voz vibrante e transcendida de emoción: chegara o tempo do Solsticio de Inverno, o tempo das colleitas.

O Sol, Inti, amencía na Primeira TorreLúa para iniciar o seu novo periplo e percorrer, outra volta, o longo camiño das Trece Torres construídas polos nosos devanceiros. Os sabios chamáns pasaran moitas lúas e soles consultando o ceo e, consonte o movemento dos astros, sinalaron a posición precisa das Trece TorresLúa aliñadas de Norte a Sur no monte Chankillo.

O Curaca chamoume para me encargar a misión de seguir o paso do Sol e da Lúa, ademais dos outros astros que se albiscaban ao amencer e ao declinar de Inti, no seu incesante camiño de reencarnación ata a última Torre.

Nalgunhas ocasións, ao camiñar cara as Torres, atopábame con algunha das “presenzas” que velaban por nós. Eran enviadas polos deuses que moraban no mundo invisible. Ás veces, elas, facíanse visibles. Aparecían cando realizabamos os rituais en honor ao noso deus supremo A apaec.

Conforme transcorrían os días e as noites observando o ceo, sentía que eu tamén ía cambiando cos astros e aínda que algunhas noites anubraba, podía intuír o movemento das estrelas que nos guiaban.

Decateime de que en Chankillo o ceo únese coa terra para crear a vida a través da auga, regando as nosas colleitas nutridas pola luz do Sol e o magnetismo da Lúa, a sutil dona da noite.

Os moches estamos unidos por unha forza espiritual que nos permite vivir en harmonía coa natureza do deserto, a influenza dos ceos e a sabedoría do Universo.

Chankillo une o ceo coa terra

ALLIN HAMUSKA/BENVID@S

Solsticio de inverno de hai 2.300 anos.

 

EN ISLANDIA

Alá foi a primeira semana. Nestes días coñecimos xente, en particular a Elías Knorr, con quen puiden recitar onte e a Holmfriour Gardarsdottir, a profesora da universidade que, sen nos coñecer, confiou en nós e decidiu acollernos. É profesora de español, lingua que fala con acento porteño, xa que boa parte da súa formación foi en Costa Rica e Bos Aires.

Onte foi día longo e intenso. Primeiro a conferencia das crenas. Moi pouca xente, estudantes galegos e vascos e algunha persoa de aquí. Logo a inauguración e o recital con Elías. Estaba a televisión pública de Islandia, que fixo reportaxe sobre todo o evento e entrevistou a Maribel.

Deixovos esta foto na que está Elías con garavata, Níels, Holmfriour, ao meu lado e no centro, vestida de branco, á beira de Maribel, a expresidenta Vigdis Finnbogadóttir, que tal e como di unha reportaxe sobre ela que limos nunha revista, está entragada ás causas que cre xustas e que sente non corazón: a cultura, as linguas, a natureza. Onte estivo moi cariñosa e alabou moito o traballo de Maribel. Non sei quen é a moza que está á miña esquerda.

Dentro de media hora saímos para Akureyri. Alí repetiremos a experiencia. Esta foto é dunha xornalista que cubrir o acto.

AS CREBAS

Saíu o libro das crebas. Chegounos o venres. Resultado de tantos paseos pola beirada do litoral entre Muros e Fisterra, de tanto perdernos por recunchos do litoral da Costa a Morte, de tanta conversa e tanta información recollida, da curiosidade, do xogo, da casualidade e da descuberta. Corenta fotos de Maribel e un texto meu deron este, As crebas, outro xeito de andar ao mar, que a editorial Baía acolleu no seu catálogo, nunha colección chea de luz. Esta é a cuberta, lembranza e homenaxe a Man. As crebas, título tamén dun libro de poemas e do blog de Miro Villar. Falando delas percorremos moitos lugares e con elas iremos a Islandia, país de crebeiros, entre abril e maio. Fotos, versos e conferencia acompañada de imaxes, na compañía de Elías Knörr e de Níels Einarsson.

Onte, en Area Maior, dei con este cavaco (madeira na linguaxe dos crebeiros), que ben valería para apuntalar o tellado da casa, madeira de teca en bo estado, agardando por alguén que a recolla.

Estando xa o libro disposto para imprimir, no límite do tempo, puidemos recoller, como colofón, fóra de texto, a imaxe da estación meteorolóxica que apareceu en Lira o mes pasado, procedente de Miami e que xa foi comentada nunha entrada anterior.

Espero que esta achega nosa axude a ollar ese mundo con curiosidade, porque del tamén se obtén información e por el aprendemos cousas. Hoxe a maior parte das crebas son lixo e sobre iso deberamos tomar consciencia. No libro fálase das illas artificiais formadas pola acumulación de moléculas de plástico nos lugares dos océanos onde conflúen as correntes. Gustaríame que este noso dea outros moitos libros, porque a súa vocación deste non é esgotar nada, senón abrir e dialogar.

 

PAISAXE DE BATALLA

Hoxe, tras mes e medio de espera, atopeime con mar de inverno. Nestes últimos días botábao en falta, afeito a convivir con el todos os anos. O que atopei no paseo que vai dende a casa en Sestelos ata a Boca do Río, foi un mar desatado e salvaxe, unha natureza vencida polo vento e pola auga, a visión dun territorio familiar vestido hoxe dunha desacougante beleza.

A praia transformada

A praia transformada

A icona de Mar de Lira, agora símbolo dun naufraxio

A icona de Mar de Lira, agora símbolo dun naufraxio

Antes xa María me puxera ao tanto. Mal ano, dixera, cinco mortos na parroquia e dous barcos perdidos, un deles o da confraría. Si, o Novo Belay, o que quixo ser abandeirado do proxecto Mar de Lira, un vello pesqueiro de Fisterra, adquirido e restaurado para navegar de novo, agora con outra función, habilitado para facer turismo, para levar viaxeiros, tamén persoas con discapacidade. Fixéramos nel, no verán do ano 2011, unhna viaxe inaugural, de Lira a Caldebarcos, logo toda a Costa das Crabas e o Pindo, pasando por diante das Lobeiras. Isto é o que resta del.

Paisaxe de batalla, pero aínda non despois da batalla. Moita natureza morta: medusas, paxaros, cetáceos. Atopei os corpos de 6 araos e 4 frailecillos. Un dos araos aínda vivía cando o atopei. Deixouse coller e procurou a miña calor. Fíxenlle un niño mentres buscaba algo para protexelo ata a casa, porque chovía e non tiña onde metelo. Cando volvín xunta del, xa estaba morto.

 

 

 

 

 

 

 

 

O CAMPO DE OIRA

Na anterior entrada lamentaba non ter a imaxe do bar flotante no medio do río, aquela que hai tempo, me enviara Marcos Valcárcel. A cousa axiña quedou resolta, xa que Rafa Salgado, o responsable do blog “Ourense no tempo”, que xa me facilitara a foto que figuraba nese artigo sobre o san Amaro, e os amigos Eustaquio e Jorge achegaron novo material, e entre as imaxes enviadas, había varias do bar flotante, lugar que tivo o seu glamour, xa que a el, nos mediodías de xullo e agosto, levaban as actrices que chegaban a Ourense polo verán, para representar as obras de teatro ou os musicais no teatro Losada.

Sen moita gana de me poñer nostálxico, debo dicir que o bar flotante forma parte entrañable da miña infancia. Lembro un día no que fomos ata el en barca. Remaba meu pai e ía connosco, que eu lembre, a tía Lela. Esa lembranza, ese instante, foi o que quixen recoller no poema que incluín no libro Miño:

O BAR FLOTANTE
 
Sobre bidóns de aire
o bar,
a barca,
os remos choupeando
nun desacougo manso
de rapaz.
Baixo a sombra das canas
a calor do papá,
os risos do barqueiro
os bicos bébedos.
Ía sol
no centro das olladas
na corrente admirable,
destino de ser mar
por ser de auga.
Ía sol
na forza do papá de pulso escuro
no corpo azul das aureanas núas.
Era no bar flotante
de verán e a louza, o cristal, o xeo,
o porrón do que bebían
os celebrados heroes de sifón:
o Toñito Patata, o Capitán Bombilla,
a Concha do cigarro.
Foi nun verán de bar e de barcas
e de aire,
na flotante memoria das sombras.

Ao bar ïamos nas barcas que Carlos Arias, no seu comentario, identifica como “batuxos”, que debe ser nome da zona de Lugo, tanto da cidade como da Terra Chá e máis abaixo, cara Portomarín, que eu nunca así lles escoitei chamar ás nosas barcas. Cando elaborei a colección de poemas galegos dedicados á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais, publicada pola editorial Toxosoutos co título Tamén navegar, en homenaxe a Xohana Torres, como o libro era froito dunha colaboración coa Federación galega pola cultura marítima e fluvial, procurei introducir tamén textos que invocasen as embarcacións de río. Un delas é un poema de Manuel María no que aparece o batuxo troiteiro:

Aínda se olla navegar un que outro
batuxo de troiteiro, leve
e veloz como un salouco.
Deixa un pequenísimo ronsel
no cristal, terso e escuro,
das ondas, doadas e amigas.
O batuxo é o irmao fluvial
das dornas e as gamelas.
Amo a súa gracia vencedora
de remuíños, agachadas correntes
e riadas. O batuxo feito está
de escumas. E navega xentil
entre un soño de oucas e andoriñas.

 

Grazas pola colaboración e por estar aí. Apertas. Chisco

LUISA VILLALTA: PAIXÓN E COMPROMISO

O pasado venres, na capela de San Roque de Sada, vivimos unha emoción moi especial. Cumpríndose os 25 anos de vida do Instituto Isaac Díaz Pardo, alumnos e profesores quixeron desenvolver un programa de actividades singular, no que ocupa un lugar principal a figura de Luísa Villalta, que foi profesora do Instituto.

As 20,30, na capela, inaugurábase a exposición de Maribel Longueira O papagaio, a pegada dos sentidos, imaxes que dialogan cos textos que Luísa escribiu para ese traballo fotográfico de Maribel e que tamén se exhiben. Este traballo conxunto deu lugar ao libro póstumo, publicado por Laiovento, que leva o título da exposición. Momento particularmente emotivo foi a estrea do documental Luísa Villalta: paixón e compromiso, elaborado e producido por profesores e alumnos do instituto e que vai a continuación.

Seguimos botando en falta a Luísa, nove anos e medio despois do seu pasamento. Ela era voz de referencia, non só pola súa obra literaria, senón tamén pola súa capacidade de reflexión, espírito crítico e capacidade para a convivencia. Estas son as imaxes de Maribel e logo vai un poema de Luísa, que eu sinto particularmente intenso:

O PAPAGAIO/EL PAPAGAYO 

A amizade ten flor que rebenta nas paredes,
sobrevive da podremia mutua
e só precisa das fiestras abertas
onde nace e se deita o sol de dentro.
Compartir as cordas de tender a roupa
vibrantes de emoción e de necesidade
por aquelas cousas que a auga da vida
non dá lavado, pola dor que as esfrega
deteriora, volve inúteis
e entón hai que poñelas a secar
ao ar das bocas abertas, xanelas asustadas.
Non é amor no sentido estrito da palabra
senón amor de luz, esa grande indiferencia
que produce estar ao alcance
porta con porta, vida con vida,
coas cordas frouxas, destensadas
máis e máis a medida que a auga do tempo
amolece o tecido irreversíbel
destes corpos nosos, o único que somos.