RÚA VIVA

Onte, revisando fotografías, atopei esta imaxe que ten o pouso daquilo que foi historia das nosas vidas e, tamén, da colectividade. Debe ser dun sábado de inverno, entre 1979 e 1980. Estamos diante do Alaska, aquela cafetería que había no Parque de San Lázaro de Ourense, que tiña na parede un mural de Xaime Quessada. Viñamos de crear a compañía de teatro Rúa Viva.

Manuel Núñez, Manuel Vidal, Manuel Guede, Camilo Valdeorras e eu.

Manuel Núñez, Manuel Vidal, Manuel Guede, Camilo Valdeorras e eu.

De Rúa Viva falei o ano pasado, no pregón das festas do Corpus. A idea fora de Manuel Guede, que viña de estudar dramaturxia en Barcelona. Tratábase de recuperar a festa, o parateatral, a representación de rúa, que fora tan tradicional na cidade e que aínda o é en toda Galicia. A partir do traballo de investigación e recuperación, a compañía tentaría elaborar unha estética e unha proposta escénica propias do país.

Na imaxe eu levo na man a carpeta onde gardaba a documentación fundacional. Pouco antes de morrer, Benito Losada, quen fora durante tantos anos director da Casa da Xuventude, entregoume copia dos estatutos, porque unha vez constituidos, Rúa Viva fixérase socia da Casa, con dereito a dispor de espazo de ensaio e de traballo.

Rúa Viva convocara a persoas vincualadas coa música, a plástica, a escrita, o teatro, tamén coa costura e coa artesanía (por alí andaba connosco César Lombera, autor, entre outras, das esculturas do Carrabouxo, no Parque de San Lázaro de Ourense, ou das Dúas Marías da Alameda de Compostela e que daquela traballaba o cartón pedra).

Pero entre nós o equilibrio era inestable. As fortes personalidades de Manuel Guede e Manuel Vidal, o enfrontamento entrambos, fixeron fracasar o proxecto. Eu, amigo dos dous, tentei mediar, pero fun quen. Pouco despois, Guede e eu, xunto con Xosé Lois García e Bernardo Corral (Poro), fundabamos Caritel, compañía residente nunha sala pública, na que se desenvolveu unha programación teatral estable.

Manuel Vidal mantivo Rúa Viva durante anos, representando boa parte da obra teatral de Euardo Blanco Amor.

Imagen escaneada

Este programa, deseñado por Mayte Vázquez, corresponde a unha das últimas representacións de Manuel Vidal. Trátase da estrea da obra A Revolución, de Isaac Chocron. A escenografía fora obra do artista César Taboada, a tradución do texto do poeta Víctor Campio, a música de José Loureiro, a dirección de Teresa Villar. En escena, con Manolo, Javier Millán.

A primeira representación de Caritel, foi a estrea da obra Abraham e Samuel, do escritor francés Vïctor Haïm. Guede e eu viaxamos a París, nun autobús da empresa Ampian, no mes de xaneiro de 1981, para nos entrevistar con Haïm. París nevado, Haïm cariñoso connosco e eu que namorei dunha muller na rue de Saint Denis. A tradución e dirección da obra foi de Guede, os actores foron Xosé Lois González e Bernardo Corral (Poro).

Anos despois, Bernardo decidiu entregarse ao río. No libro Miño dediqueille un poema titulado Último acto:

DOBROU a roupa
coma quen prega a derradeira folla
dun almanaque de brétemas.
Ollou o peitoril dos pasos e das voces,
sóubose frío e viuse
enfrontado a un labirinto de ecos
no escenario da ausencia,
recitando un texto que advertía
da rendición das sombras.
Logo, na cegueira da ponte,
o remuíño bebeu
o ronsel do seu aire.

AMIZADE QUE NON CESA

Imos atopando pequenos tesouros da vida con Pepe Fernández Ferreiro. Velaí, agora, esta foto, tomada o día da entrada na Academia, na que estamos os dous -eu perturbándolle no ombreiro o perfecto corte do traxe mercado para a ocasión- entre Manuel Álvarez Torneiro e Víctor Freixanes. Son pequenos tesouros para compartir, para vencer o paso dos días, por transcender o irreparable.

Na academia con Pepe