AS FÁBULAS DE FERNANDO PÉREZ BARREIRO

Hai tempo que non escribo de Fernando Pérez Barreiro, quen ten categoría propia neste blog. Chégame agora a información de que na biblioteca da Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, hai un exemplar dun libro del, publicado en 1954, con título e subtítulo: Ducia e pique de fábulas (Atiriño pra un fabulario gallego), ilustrado polo pintor e escritor de San Sadurniño José Leyra Domínguez.

Fábulas Fernando

As fábulas foron escritas durante o ano de repouso e convalecencia que Fernando debeu pasar en Ferrol, como consecuencia dunha tuberculose pulmonar, tempo no que segundo nos conta nas súas memorias recollidas en Amada liberdade, aproveitou para ler moito e falar algo máis da conta co seu pai, en particular sobre socialismo e galeguismo. Moitas noites sen sono pasou eses días, nas que lle deu por lembrar a Esopo, matinando na posibilidade e escribir un fabulario galego. Trece fábulas compoñen este atiriño: O Morcego; A Curuxa; O Sapo; O Burro; O Grilo; O Merlo; Os Empeños; Os Lostregos; A Cigoña; O Can, o Lobo y-o Oso; O Corvo, O trato do Raposo e As Pulgas. 

Aquí vai a primeira, sobre o morcego:

O morcego tén as as,
e o morcego non é páxaro;
d’o rato tén o carís,
e o morcego non é rato.
¡Abofellas que o mourán
é semellante a un demacho,
esbatuxando nas as
n’as noites limpas d’orballo
tras das bruxas de San Xohán
que andan soltas o meigallo!
Abre un ollo o paxariño
que, xa no niño deitado,
sinte pasar o morcego
que a trasmán anda voando,
e escondendo a chola, di:
“¡Xus, que isto non é páxaro!”
Y-o rato asoma o fuciño
e mira po-lo burato,
e cheo de medo di:
“¡Xus, que isto non é rato!”
E así tamén d’algúns homes
fuxen os que son honrados.
“¡Xus, que isto non é carne!
¡Xus, que tampouco é pescado!
¡Xus, que se vai cos da feira,
e volve cos do mercado!”

LUIS MERA

Díxomo Eva Veiga o luns: esta noite morreu Luis Mera.

Luis Mera

Coñecino por ela, neses anos de final de século pasado e principios deste, nos que tantas veces fun a Ferrol, asistindo ou participando en actos culturais, moitos deles organizados por Luis, activista cultural dende sempre, militante pola liberdade e contra a ditadura, amante da música, pero tamén da poesía e da literatura toda. É posible que o primeiro, cando o coñecín, fose na antiga sede do Ateneo, nun acto celebrando o día da paz, no que recitei con Eva.

A miña relación maior con el veu cando asumiu a publicación da revista Ferrol Análisis, do Club de Prensa de Ferrol. Encargoume varios artigos para ela, que sempre tiñan unha lonxitude considerable e que sempre celebraban centenario. Lembro o que me encargou sobre Jean Paul Sartre, no ano 2005, centenario do nacemento do filósofo e escritor francés.

– Pero Luis, se eu de Sartre sei pouco -dixen cando mo propuxo.

– Pero ti es licenciado en filosofía e algo del lerías, non si? -retrucou.

Eu algo si lera: La náusea, na versión de Aurora Bernárdez, relatos, Los caminos de la libertad e, sobre todo, teatro. E alá me aventurei.

Tamén lembro o que me pediu no centenario do pasamento de Curros Enríquez, no 2008, e no que eu enredei sobre a condición de predicador protestante do poeta de Celanova.

Máis doado foi escribir de Luís Seoane no 2010, porque limiteime a ampliar un pouco o capítulo que lle dedicaba no libro Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar.

O último, solicitado no seu nome por José A. Ponte Far, foi para o número do ano pasado, dedicado a Cortázar.

Gustaríame, dende aquí, e xa que non tiven ocasión de darllos persoalmente onte, enviarlles unha aperta e un bico a Encarna, súa muller, e ao fillo de ambos José Luís.

E para el, en homenaxe, publico aquel primeiro artigo que me encargou, dedicado a Manuel Curros Enríquez. Sei que é algo longo, pero espero que Tacho, que sae no artigo, sexa comprensivo. A foto está tomada en Coruña, o día 26 de xaneiro de 2009, na presentación do número da revista do ano 2008.

-QUEN RECE POR MIN-
NO CENTENARIO DO PASAMENTO DO ESCRITOR MANUEL CURROS ENRÍQUEZ.

A Luis Mera, in memoriam

Na novela Unha falsa luz, a última das que compoñen a triloxía Evanxélica memoria, o escritor Xavier Alcalá inclúe varias referencias á condición de membro da igrexa evanxélica de Manuel Curros Enríquez (Celanova 1851- A Habana 1908). A triloxía ten, entre outras virtudes, a de amosarnos a realidade dunha sociedade galega máis complexa, participada por máis colectivos e composta por máis pregues e matices dos que habitualmente lle atribuímos e, tamén, a de lembrar a condición relixiosa do escritor celanovés do que este ano se celebra o primeiro centenario do seu pasamento e do enterro multitudinario na cidade da Coruña.

Manuel_curros_enriquezHai quen atribúe a incorporación de Manuel Curros Enríquez á igrexa evanxélica a unha viaxe a Londres, fuxindo da autoridade do pai, en compañía dun irmán e sen máis equipaxe que o posto, unha frauta e uns ferriños, tocando e cantando polo mundo á procura de fortuna. Alí, na igrexa evanxélica de Trafalgar Square e cando deambulaba polas rúas canso, famento e con frío, atópase cun pastor de nome M. Jamesson, que o acolle e ofrece fogar, pedíndolle a cambio que lle dea clase de español ás súas fillas.

Sobre esta suposta viaxe non se poñen de acordo os biógrafos. Carlos Casares que a considera posible, pero que non compromete unha opinión definitiva sobre o asunto, lembra que o propio Curros falaba dela, tal e como acreditan as testemuñas de Benito Fernández Alonso ou de Vicente Risco, que llo escoitaron contar e que o contaron logo. Valentín Lamas Carvajal, nunha suposta entrevista con Curros, que non é máis ca un exercicio literario, pero que foi escrita e publicada cando o poeta de Celanova tiña pouco máis de vinte anos, pon na súa boca, e sen que el o negase, o seguinte: “¿non coñeces o tolo de Celanova, aquel rapaz a quen lle deu a teima de facer copras, que caía morto de fame polas rúas de Londres o ano 71…?

Viaxe misteriosa, hai quen a dá por certa e quen non, pero aínda, entre os que cren nela, a partir da testemuña do seu fillo Adelardo e da biografía escrita no seu tempo por Celso Emilio Ferreiro, existen dúbidas sobre as datas, xa que uns sitúana no ano 1865, cando Curros tiña escasamente catorce anos e outros en 1867. Nos dous casos a viaxe sería en compañía do seu irmán; pero aínda outros, entre eles Celso Emilio, sitúana entre os meses de abril e outubro de 1870, en calquera caso ningunha data coincide coa expresada por Lamas Carvajal. Carballo Calero, quen dubida dos datos facilitados por Celso Emilio, acepta como posible a viaxe. Non así Luis Carré Alvarellos, quen considera que a viaxe a Londres, nunha idade tan temperá, está fóra de lugar, apostando por que a primeira saída de España de Curros, foi a que o levou a Cuba.

Patrocinio Ríos Sánchez participou no congreso internacional “Curros Enríquez e o seu tempo” organizado no ano 2001 en Celanova polo Consello da Cultura Galega, cunha comunicación titulada: “Contribución a la Biografía de Curros Enríquez: su relación formal con el protestantismo en Madrid en 1870”. Aborda en primeiro lugar as contradicións xa expostas sobre a misteriosa viaxe a Londres, lembrando que sobre ela non existe proba documental algunha, e logo revela os froitos da súa investigación, achegando, esta vez si, probas documentais que acreditan que Curros, a partir do 22 de xaneiro de 1870 aparece inscrito na igrexa protestante da rúa de Madera Baja, número 8, de Madrid, figurando como segundo evanxelista –predicador- no cadro organizativo desta igrexa fundada polo misioneiro norteamericano William Ireland Knapp. A esta igrexa pertencía tamén o escocés John Jameson, suponse que o Jamesson que, segundo os biógrafos defensores da viaxe a Londres, acolleu a Curros na igrexa de Trafalgar Square. Os detractores da viaxe consideran que existe unha confusión de nomes e anos, debida, quizais, a unha versión interesadamente novelada da vida do poeta, admitida por el e transmitida polo seu fillo, non sabemos se consciente ou non do equívoco.

Acaso resulte pertinente lembrar que Curros Enríquez era de Celanova e que nesa parte da provincia de Ourense existiu tradición de igrexa evanxélica. Nos anos 2005 e 2006, durante moitas semanas, cada mércores acudín a Ourense a recoller, en compañía do meu amigo Eustaquio Puga, a memoria vital de Pepín Alemany López, nacido en Cuba, pero residente dende neno en Nigueiroá, parroquia de Bande, militante comunista que fuxiu da casa cando o golpe militar de 1936, por escapar da morte certa a mans dos falanxistas. Acompañado de Gumersindo González Míguez –Barbiñas-, amigo e compañeiro do partido, camiña en principio en dirección a Portugal, pero cando a Garda Civil e voluntarios de falanxe lles cortan o paso, toman rumbo cara as terras de Valdeorras e, dende alí, a Asturias, onde se integrarán no exército republicano e onde Pepín casará coa miliciana Honesta Fernández. Logo da caída de Xixón, o matrimonio busca primeiro o exilio francés, pero axiña, na súa condición de cubano, Pepín consegue pasaporte para os dous e marchan para La Habana onde vivirán o resto das súas vidas, participando na revolución e formando parte dos fundadores do moderno partido comunista cubano, ata o regreso, a mediados dos anos noventa. O paradoxo fixo que viaxasen nun barco alemán, no que ondeaba a bandeira nazi e que no barco nacera o seu único fillo. De Gumersindo só sabemos que regresou a Galicia para continuar a loita, uníndose á xente que andaba fuxida polos montes, pero nada de cal foi o seu destino.

Contaba Pepín, que antes de fundar a célula do partido comunista en Bande, mantivo íntima relación cun bispo “protestante” dicía el, Edmundo Woodford, co que colaboraba moito, pois os dous perseguían as mesmas finalidades: axudar aos labregos a se liberar dos foros, aprenderlles a ler e a escribir e loitar por unha sociedade máis xusta. Alentaba en Pepín un forte anticlericalismo xa que, na súa opinión, a igrexa católica contribuía a manter todo o que el quería cambiar, intuíndo que co traballo de apoio ao bispo evanxelista, debilitaba a estrutura e a forza da igrexa católica ourensá ou galega.

Eu sempre pensei que este Edmundo sería o bispo ao que se refire Luís Soto no libro Castelao a UPG e outras historias, cando conta a súa chegada a Cuba, acompañando a Castelao: “Do porto mesmo saímos, naquela data, para un gran mitin que estaba programado polas sociedades protestantes residentes en Cuba e que organizara un bispo evanxelista que tivera que fuxir de Ourense perseguido polas forzas represivas. Tiña a súa sé en terras de Bande”. Pero establecido contacto co seu neto Timoteo Woodford, a través de Manuel Molares, principal informante de Xavier Alcalá, este afirma que ese bispo nada ten que ver co seu avó, do que non ten constancia de que estivera nunca en La Habana, lembrando que Edmundo non fuxiu de Ourense, senón que foi desterrado a Vigo e apuntando que quen si fuxiu foi outro misioneiro inglés, de nome Roberto, que acompañou un tempo a Edmundo por terras ourensás, que marchou a América nun barco que foi torpedeado, falecendo con el toda a súa familia.

Quen é o bispo do que fala Soto? Outro misterio sen resolver e que, se cadra, non resolveremos nunca.

Apuntaba eu a posible pertinencia deste apuntamento sobre Pepín, porque da información recollida nos parágrafos anteriores advertimos unha igrexa evanxélica galega fortemente relacionada cos movementos sociais e tamén co galeguismo, compartindo con eles a procura dunha sociedade máis xusta, obxectivo que non parecía interesar á igrexa católica. Cómpre lembrar, neste senso, que ás charlas de Edmundo Woodford asistían, entre outros, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Velo. Posiblemente estes mesmos ideais atopou Curros na igrexa evanxélica na que se integra, recibindo o seu bautismo, segundo as conclusións de Patrocinio Ríos, nalgún momento do verán de 1870.

Cortexo fúnebre de Curros Enríquez na Coruña

Cortexo fúnebre de Curros Enríquez na Coruña

Todo o exposto non supón unha variación substancial do concepto que os galegos temos sobre Curros: poeta civil, de ideas republicanas, comprometido coa transformación da sociedade, contrario á pena de morte. O que si reforza é a idea de que Curros non era un escritor antirrelixioso, senón anticlerical. E, vistas así as cousas, probablemente sexa outra a perspectiva que o lector teña da súa obra, en particular do Divino Sainete e deses poemas que lle valeron condena e excomuñón: No convento, A igrexa fría, Mirando ó chao. A conclusión sería que, máis alá dos valores sociais que defendía, Curros era escritor fondamente relixioso e crente, pero que, como acontece tantas veces e como xa se expresou máis arriba, formaba parte dunha sociedade máis complexa, máis plural e máis rica da que a miúdo se nos quere ofrecer, composta por colectivos tamén comprometidos, tamén perseguidos, pero aos que a historia, interesadamente, privou de voz.

Curros foi, no seu tempo, un escritor que gozou dunha enorme popularidade entre os galegos, sería, sen dúbida, por esa posición firme diante da inxustiza, aínda que hoxe outras sombras perturban a súa biografía (carácter difícil e malos tratos dentro do fogar). Foi poeta realista e acaso narrativo en exceso, nun momento no que a poesía xa emprendera outros camiños, cando un lector formado podía ter acceso á obra de Lautremont, Wordsworth, Coleridge, Poe, Rimbaud ou Baudelaire. Hoxe ningún poeta do noso entorno goza do prestixio e cariño do público que el tivo en vida, e a súa obra, tan carente de metáforas, tan pouco simbólica, é cuestionada en voz baixa. Porén, a min aínda me emocionan varios dos seus poemas: A Rosalía de Castro, O maio, Na morte da miña nai, Cantiga ou Nouturnio, poño por caso. Por eses versos, Curros, malia todo o que sabemos e todo o que ignoramos, ocupa un lugar no meu corazón, xa que foi parte importante da miña educación sentimental, razón pola que lle dedico un poema en Miño, o meu último libro de versos.

Recoñezo tamén a súa condición de poeta da xente, voz que se anticipou na defensa de moitos conceptos esenciais para a vida democrática, memoria e compromiso que transmitía o seu sobriño Manuel Curros Moreno, mariño, pintor e extraordinario debuxante, que compartía co tío estes principios ideolóxicos, expresándoos nos seus debuxos de forte crítica ao clero, aos militares e aos burgueses. Esta de Curros Moreno é figura que tamén cumpriría recuperar, pero esa é outra historia.

FERNANDO PÉREZ-BARREIRO NOLLA NA LEMBRANZA

Retrato de Fernando,  realizado por Maribel Longueira

Retrato de Fernando, realizado por Maribel Longueira

Hoxe cúmprese o quinto cabodano do pasamento de Fernando Pérez-Barreiro Nolla en Lancaster. Quizais porque vivía lonxe e só nos viamos de cando en vez, non me afago á idea de que xa non está. Moitas veces penso que calquera día o atoparei de novo en Londres, agardando por nós na estación de Paddington, para logo coller o tren a Lancaster ou tomando un café quente e un pastel, na cafetería do faro, nunha mañá fría en Morecambe.

Boto de menos os seus correos, as conversas sobre política galega e poesía, as leccións sobre o mundo do café, asunto que coñecía ben polo seu traballo na Organización Mundial do Café.

Sabía de paxaros, de versos, de tradución, de política internacional e local, de linguas, delibro Fernando xeografía, de música, de historia. Falar con el, escoitalo, era unha regalía da vida. Esta que segue, en cursiva, é a referencia bibliográfica que atopei na Wikipedia e que non podería mellorar. Engadir, acaso que deixou escritas as súas memorias, Amada Liberdade, que cun texto complementario de Teresa Barro, as súa dona, titulado A vida xuntos, foi publicado por Xerais no ano 2012 e que é texto que recomendo, sobre todo porque axuda a comprender o mundo. Apuntar, tamén, que el podería ser exemplo dunha diplomacia galega que tivo os seus antecedentes en Plácido Castro ou en Lois Tobío. Conta Xesús Fraga que na BBC chamábanlle Mister Nolan, incapaces de dicir Nolla, e el contaba que tivo que improvisar a necrolóxica de J. F. Kennedy, xa que aínda que os informativos da televisión inglesa sempre teñen elaborada unha ficha, en previsión da morte dos personaxes do mundo, ninguén podía prever o que sucedeu en Dallas. Con Fernando en Londres

Fillo do escritor e avogado Fernando Pérez Barreiro, licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Sumouse ao ambiente galeguista da capital galega, e grazas a estas relacións consegue un posto de traballo na emisión en galego da radio da BBC británica, onde compartirá espazo con Plácido Castro. Múdase entón a Londres en 1963 e alí traballará para os servizos exteriores da BBC ata 1969, onde empregou o pseudónimo Fernando Nolla.

Posteriormente incorporouse como tradutor á Organización Internacional do Café, onde traballou ata a súa xubilación en 1993 e onde seguiu colaborando durante varios anos con posterioridade. Nese tempo licénciase tamén en lingua e literatura chinesa pola universidade de Westminster, e realiza unha estadía en 1982 en Pequín.

Na década dos noventa exerceu como profesor universitario de tradución na universidade de Westminster e na universidade do Val do Támesis. A súa relación con Galicia mantívose a través das traducións do inglés ao galego e do seu labor como membro do consello asesor do IGADI. Tamén escribía con regularidade para publicacións galegas, como A Nosa Terra e Tempos novos.

Ao ano da súa morte, o IGADI organizou unha homenaxe na súa honra, na que estivo Teresa, o seu fillo Gabriel e moitos amigos. Alí eu lin o texto que deixo a continuación. As imaxes son as que son, e xa algunha vez foron publicadas nalgunha das entradas deste blog, pero compre dicir que Fernando ten nel categoría propia, por dereito.

En primeiro lugar quero agradecer ao IGADI e, en particular a Xulio Ríos, a posibilidade que me brindan de estar aquí, hoxe, participando neste acto de homenaxe ao amigo común Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Para min é unha emoción e un privilexio, como privilexio foi poder gozar do seu cariño e da súa amizade.

Eu vou falar de Fernando e a poesía, xa que a poesía foi quen nos presentou e nos uniu. Tiña Fernando esa calidade excepcional, que unicamente se manifesta nos bos e xenerosos, de transferir ao outro as súas virtudes e de expresar un agradecemento que, en boa lei, e en base a todo o que el nos daba, debería de ser, cando menos, recíproco.

Unha mañá de outono e chuvia, eu recitei os meus poemas en Corcubión, nun dos actos que pechaban o programa do congreso sobre Plácido Castro. Ao rematar, un home alto, elegante e tranquilo, agardaba por min no centro do corredor do auditorio. Era Fernando que quería falar comigo dos meus versos. Ese día, arredor da poesía, naceu a nosa amizade, curta no tempo, pero intensa e fecunda.

Para Fernando, a poesía era a realidade primaria do ser humano, así o expresou en máis dunha ocasión. Opinaba que aínda que non houbese poetas, habería poesía agardando por un primeiro explorador que a descubrise. Esta reflexión era consecuencia dunha vida enteira dedicada a ela. Dende a adolescencia escribiu poemas, en principio influído polas vangardas, imitando a Rubén Darío, lendo a Lorca, aprendendo en Vento Mareiro de Ramón Cabanillas, un libro principal co que conviviu moitos anos; emocionándose coa descuberta de Rosalía, Curros e Pondal, autores dunha obra para el transcendente e que o acompañarían sempre, ao tempo que se abría a outras voces que se expresaban noutras linguas. Axiña intuíu que “a pedra de toque do poeta” é comprobar se fala ou non dunha realidade distinta, se se lle abriu ou non a xanela pola que ve un mundo que reclama a súa expresión singular e única, en definitiva, a descuberta da voz propia.

Escribiu poesía toda a súa vida e, agás na xuventude, cando publicaba os poemas na revista Aturuxo, a poesía foi para el unha experiencia íntima, pero esixente, o que lle valeu para se exercitar e formar un patrón persoal co que poder exercer a crítica literaria e o labor de tradución. Deixou escrita moita poesía nunca publicada, pero quizais cumpre salientar aquí que, máis alá desta labor de creación, el mantivo co poema, seu ou alleo, unha relación de tensión e respecto absoluto e sempre, cando traducía, procuraba a mellor versión posible, sen volverlle as costas ás dificultades. Foi esa a vocación que presidiu a súa tradución do Macbeth, versión en verso semellante ao utilizado por Shakespeare, mantendo a métrica orixinal e, tamén, o que o levou a enfrontar o poema inicial do libro de Lewis Carrol As aventuras de Alicia no país das marabillas, poema considerado polos tradutores como moi difícil e que moitas versións, en moitas linguas do mundo, evitan, pero que a galega mantén grazas ao seu esforzo. Completou el a tradución de todos os textos poéticos desta obra, ocupándose Teresa Barro da parte narrativa. Este traballo compartido mereceu, como xa sabedes, o premio Nacional de Tradución de libros infantís e xuvenís do ano 1985.

A Fernando non lle deu tempo de rematar o capítulo sobre a Poesía que, no seu proxecto, ía ser o último das súas Memorias. Deixounos uns primeiros parágrafos nos que explica a súa opinión sobre esa realidade que era para el algo máis ca un xénero literario, porque para Fernando a poesía era tamén un xeito de vivir. Pretendía logo ir comentando os poetas, os poemas e os libros que foran determinantes na súa vida.

Seguro que, de ter oportunidade, tería falado alí de William Blake e os seus labirintos, que moita ledicia e moita inquedanza lle producían, de feito sabemos que foi este un dos últimos poetas que leu, quizais o derradeiro, voz á que volvía cada certo tempo. Habería espacio para John Keats e William B. Yeats, poetas aos que regresaba cando precisaba alento para continuar. Gustaba el de camiñar polos lagos de Cumbria, compartindo o paseo cos versos de William Wordsworth, Samuel T. Coleridge e Robert Southey e, nalgunha ocasión expresou que unha das cousas que máis pracer lle causarían, sería lerlle, á beira dos lagos, os poemas de Rosalía a John Ruskin.

Importante foi para el, Noriega Varela, poeta, segundo se dicía en Viveiro, de maneiras tan finas que semellaba portugués, tal e como lembra nun capítulo das Memorias, autor que leu por consello do seu tío Pepe, o presbítero, pero tamén Aquilino Iglesias Albariño, Luís Pimentel, Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos e, por suposto, Franco Grande e Bernardino Graña, cos que, na mocidade, deambulaba polas rúas de Compostela falando de poesía.

Pero, ademais,  como esquecer a súa intelixente lectura de W.H. Auden ou de T.S. Eliot e a admiración que sentía polo tratamento da natureza de Edward Thomas?

Quédannos, entre outros, os textos publicados no diario La Voz de Galicia en 1985, un referido a Seamus Heaney e outro escrito cando o centenario de D.H. Lawrence, así como os seus traballos sobre a poesía chinesa contemporánea, pola que sentía particular curiosidade e admiración e que el traduciu para todos nós.

Tamén nos queda, coma un facho, o seu compromiso coa lingua que, na súa opinión, nos abre as portas á diversidade, tal e como declarou nunha entrevista feita por Nicolás Vidal para o Diario de Ferrol. E quedan os seus versos, inéditos como xa comentei, algúns espallados por casas de amigos, xa que deles se valía, ás veces, como agasallo para amosar o seu afecto. Supoño que nalgún intre convirá reflexionar sobre a procedencia ou non de ordenar e dar a coñecer esta parte fundamental de si mesmo. Mentres, con autorización de Teresa, finalizo a miña intervención con este poema seu:

ES TI

¿És ti, amor, quen expira neste couto?
Debes ser, porque és fráxil e dependes
dos tixolos vermellos desa casa
da esquina, que hai dous meses derrubaron.
Dos carteis que ainda vexo, os mais caíron
en xiróns empapados de augas turbas,
das pontes reemplazadas tantas veces,
pouco máis permanentes do que o río.
Como ti trata en menudecias áxeis
e convírteas en formas que non morren
ou non queren morrer e fan punxente
o ar das despedidas e os encontros.
És amor, sí, pois fuches encontrado
ou conferido, non gañado, certo,
non herdado, non sei, porque na neboa
dos séculos aínda son novício.
Cinco lustros de ollos non abondan
para abrir o que pode sondar fondo,
ese pozo onde está o tesouro todo.
Agarrado nos días da cidade
ámoa e sufro porque é corto o día.

 

 

Edward Thomas

Onte demorei un minuto escaso diante da televisión, cando no Intermedio  ironizaban co resultado do debate parlamentario. Debo dicir que vendo os rostros sorrintes e fachendosos dos membros do goberno e do partido que o respalda, sucumbín a un sentimento que non era exactamente indignación e que definiría como cólera. Sentado a miña beira estaba Daniel, o meu fillo, sen traballo. Todas as mañás acudo a unha oficina na que tramitamos expedientes de conciliación en materia laboral, despidos e salarios, basicamente. Se o ano pasado, batindo récords, abrimos pouco máis de 7.000, este ano, aínda non finalizado febreiro, acadamos o número 1.203, polo que a proxección anual nos levaría aos 7.500. A nómina, en xaneiro, baixou de novo. Cando non é por unha razón, é pola outra, pero pagamos máis por case por todo.

Hoxe decidín que non podía enlamar niso, aínda que a realidade me afecte, aínda que nos oídos e nos ollos sobreviva coma insulto, o eco dos risos e aplausos parlamentarios. Nunca se aplaudiu tanto, di hoxe o xornal.

Así que busquei acougo nos versos. Leo estes días a Edward Thomas, o poeta inglés morto en Francia, nas trincheiras da I Guerra Mundial, da que tanto se falará este ano. A edición que me acompaña é a bilingüe e estupenda de Linteo. É un luxo ter en Ourense unha editorial como Linteo, tanto polo catálogo que nos ofrece, como pola calidade das edicións. Cada mañá, mentres almorzo, procuro ler dous ou tres poemas de Thomas, primeiro en inglés e logo na tradución feita por Ben Clark.

Souben de Edward Thomas por Fernando Pérez Barreiro, do que tantas veces falo neste blog. Foi el quen me achegou a ese escritor descoñecido para min, contándome que había moitas semellanzas entre el e eu, e para min, só que o pensase, non deixaba de ser unha honra. Falaba Fernando do gusto de ambos por escribir de certos aspectos da natureza; de observar os paxaros; de reparar nos cambios das estacións. Thomas está considerado un war poet, quizais porque foi vítima da guerra, xa que tampouco non son tantas as referencias que hai ao conflito bélico nos seus versos e, cando as hai, sempre están referidas ao impacto que esta ten sobre a vida da xente e sobre a natureza. Escritor durante toda a súa vida, os 142 poemas que forman a súa obra poética completa foron escritos nos dous últimos anos.

Quizais nos parece que vivimos nun mundo sen guerra, pero hoxe os xornais lembran o incremento de conflitos no mundo, moitos deles silenciados, velaí: Afganistán, Siria, Pakistán, Irak, Malí, República Centroafricana ou a guerra sórdida de México. Así que, pensando que non están de máis, van estes versos del, pero anuncio outros, xa que me gustaría compartir a súa compañía a partir de marzo, que el ten poemas para cada mes, para cada serán, para cada momento e, ademais, vexo nel un antídoto contra o insulto e contra a cólera.

Estes son os últimos versos do poema titulado “Tarde de febreiro”, coma esta de hoxe, primeiro o orixinal, logo a versión de Clark:

Time swims before me, making as a day
A thousand years, while the broad ploughland oak
Roars mill-like and men strike and bear the stroke
Of war as ever, audacious or resigned
And God still sits aloft in the array
That we have wrought him, stone-deaf stone-blind.

El tiempo nada ante mí, haciendo de un día
mil años, mientras el ancho roble del campo arado
ruge como un molino y los hombres golpean y soportan el mazazo
de la guerra como nunca, audaces o resignados, 
y Dios aún está sentado allá en los cielos,
con la magnificencia
con la que lo hemos supuesto siempre, completamente ciego y sordo.

DECEMBRO

Fernando Pérez-Barreiro Noia procuraba os versos de diferentes poetas segundo a época do ano e o estado de ánimo.  Así, cando intuía as sombras, regresaba a William Blake e os seus labirintos, que moita ledicia e moita inquedanza lle producían, de feito sabemos que quizais foi este o último autor que leu, pero tamén a William B. Yeats, voz que buscaba cando precisaba alento para continuar.

Tamén a min me sucede algo así. Logo dun novembro perturbador, que nos tivo nun sobresalto seguido e que nos sacudiu con forza, chega decembro. Cando vén a tormenta eu procuro acudir a voces e autores que son coma portos de refuxio e de espera. Por suposto que aí están Blake e Yeats, pero tamén Eva Veiga, Torneiro ou Vicente Aleixandre.

A obra de Vicente Aleixandre sempre foi coma un bálsamo na enfermidade e, tamén, cando o corazón sente como o golpea a vida. Nada humano lle era alleo. El soubo achegarse ao significado das palabras, ao xeito que teñen de acompañar aos que sofren, soubo do seu valor e, tamén, do valor dos silencios: Entonces son posibles ya las luces, las caricias,/ la piel, el horizonte,/ ese decir palabras sin sentido/ que ruedan como oídos, caracoles,/ como un lóbulo abierto que amanece/ (escucha, escucha) entre la luz pisada.

Ou este fragmento do fermosísimo poema que ten por título LA PALABRALa palabra fue un día/ calor: un labio humano./ Era la luz como mañana joven; más: relámpago/ en esta eternidad desnuda.

Ou este outroÉl decía palabras./ Quiero decir palabras, todavía palabras./ Esperanza. El Amor. La Tristeza. Los Ojos./ Y decía palabras,/ mientras su mano ligeramente débil sobre el lienzo aún vivía./ Palabras que fueron alegres, que fueron tristes, que fueron/ soberanas…

El que nos dixo aquilo tan fermoso: A palabra responde, por el mundo… Pero a veces, muchas más veces, la palabra limita con el hombre, es el hombre…

Os poetas e os poemas que amamos, pero, tamén as músicas. Estes días procurei acougo en cancións e melodías que sempre me axudan a atopar dentro a forza necesaria non só para seguir, senón para seguir cos outros. Hai algo nesta canción de Tom Waits que vos deixo, que produce en min un efecto catártico; sosego, diría; música e voz que, máis alá do que digan, son coma un vieiro interior de procura e de acougo, unha luz que nos leva para non equivocar o camiño, que nos axuda a comprender a ambigüidade e a transcendencia que pode haber na Fannin Street que cada un de nós levamos dentro.

SEAMUS HEANEY

Seamus Heaney

Seamus Heaney

O venres da semana pasada chegábanos a noticia do pasamento do poeta irlandés e premio Nobel de literatura Seamus Heaney. Sabiamos dende hai tempo da súa enfermidade. Heaney fora nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, o 28 de xuño de 2000. Intensa relación con el mantiña o profesor Raul de Toro Santos, autor da antoloxía Poesía Irlandesa Contemporánea, publicada en 1999 por Espiral Maior.

Heaney mantiña con Galicia unha singular relación. No seu discurso, o día do nomeamento como Doutor Honoris Causa, falaba el dos vellos vínculos entre Galicia e Irlanda e dicía: Dende neno, dúas das miñas verbas preferidas foron Fisterra e Biscaia. Estas verbas repetíronse vegada tras vegada na radio, a todas as horas, día e noite; eran elementos constantes nas predicións do tempo e advertencias de temporais retransmitidos ppar os barcos no mar. E aínda engadía: Fisterra, que significa “a fin da terra”. Mais a fin da terra só se miraba dende o punto de vista dos que falaban a lingua latina e vivían no centro do mundo coñecido, e foron os primeiros en chamalo finis terrae. Visto dende Irlanda, por exemplo, Galicia non é a fin da terra, se non o seu comezo, a primeira terra que atopamos mentres o globo describe unha curva cara o sur, afastándose de nós cara África e a liña do Ecuador.

É posible ler parte da obra de Seamus Heaney en galego. Amais dos poemas que figuran na antoloxía de Raúl de Toro, está a tradución do libro Traballo de campo, que Vicente Araguas fixo en 1996 e tamén a obra teatral A cura en Troia, tradución de Manuel Outeiriño de 1998.

Quizais foi Fernando Pérez-Barreiro Nolla, quen primeiro escribiu aquí sobre el, en artigo enviado dende Londres para o Caderno de Cultura de La Voz de Galicia, publicado o 18 de abril de 1985. Hoxe, aquel artigo pódese ler nas memorias de Fernando publicadas este mesmo ano por Edicións Xerais, co título Amada liberdade. Xa Fernando facía referencia a varias das características de Heaney, destacadas estes días: a súa pertenza a dúas realidades culturais, coma Yeats, xa que sendo fondamente irlandés, escribe en inglés; a súa capacidade de harmonizar intelixencia e sentimento e a sabedoría que lle permite ser lírico, sen deixar de prestar atención ás cousas que pasan, de xeito que non satisfacendo a ninguén, en aparencia, finalmente cando o río da Historia, que nunca para, nos leva a pasarmos por diante doutras ribeiras e doutros templos, só fica a voz do poeta que rexeitou o conforto fácil das garatuxas dos beatos da hora, escribía Fernando.

Between my finger and my thumb
The squat pen rests.
I’ll dig with it.
Entre o meu indicador e o polgar
descansa a pluma gastada.
Cavarei con ela.

Cavar coa pluma, iso propoñía no poema Digging do seu primeiro libro Death of a Naturalist, de 1966, no que fai un símil entre o oficio de escribir e o da cavar do pai e do avó, comprometéndose a escribir coa mesma mestría coa que eles cavaban a terra e a turba.

Nos últimos anos, máis alá dos seus versos, a min moito me acompañou e enriqueceu o libro Al buen entendedor -ensayos escogidos- textos seleccionados y traducidos por Pura López Colomé e publicado en 2006 polo Fondo de Cultura Económica, con singulares reflexións sobre o oficio de tradutor, pero, tamén, sobre poetas irlandeses e galeses, entre eles Yeats e Dylan Thomas. O libro inclúe o discurso de aceptación do premio Nobel en 1995. O último libro que lin del foi Distrito y Circular, publicado na colección Visor de Poesía.

Durante as semanas que pasei en Dublín no ano 2010, fun varias veces á Biblioteca Nacional. Había alí unha gran exposición sobre W.B. Yeats, con imaxes que acompañaban a voz de Yeats recitando os seus versos e, tamén, os que recitaban outros escritores e actores irlandeses, entre eles Heaney. Porén, o vestíbulo acollía unha exposición pequena, arrombada contra a parede, na que non era doado reparar. Nela preguntábase a autores do mundo cal era o seu poema preferido de entre todos os que dan corpo á poesía universal. O material expositivo eran as cartas de resposta dos autores e os poemas elixidos por cada un.

Heaney respondía, en carta manuscrita, que para el o poema que máis o emocionaba e que máis o desacougaba era Cuchulain Comforted (Cuchulain Consolado), acaso o último que escribiu Yeats, no que este fala da intuición da morte por parte do heroe seis veces ferido, intuición que podía expresar o que  el mesmo sentía. Dende entón lin moitas veces este poema e procurei traducións diferentes. Os últimos versos din así:

“Now must we sing and sing the best we can
But first you must be told our character:
Convicted cowards all by kindred slain
Or driven from home and left to die in fear” 
They sang, but had nor human tunes nor words,
Trough all was done in common as before,
They had changed their throats and had the throats of birds.

A tradución ao castelán de Antonio Rivero Taravillo sería:

“Ahora debemos cantar lo mejor que sepamos,
pero antes debes saber quiénes somos:
todos cobardes condenados, asesinados por parientes
o expulsados de casa y abandonados a morir de miedo”.
Cantaron, pero sin melodías ni palabras humanas,
aunque todo se hizo en común como antes;
habían cambiado sus gargantas y ahora eran gargantas de pájaros.

Probablemente non está moi lonxe esta imaxe, daquela escrita por José Ángel Valente, tamén nun dos seus últimos poemas: Cima del canto. El ruiseñor y tú ya sois lo mismo.

Penso que tamén a voz de Seamus Heaney se transformou en canto de paxaro o pasado venres.

AMADA LIBERDADE E A VIDA XUNTOS.

Xa está nas librarías Amada liberdade as agardadas memorias de Fernando Pérez-Barreiro Nolla, publicadas por Edicións Xerais, que se complementan, no mesmo libro, cun texto de Teresa Barro titulado “A vida xuntos”.

Coñecín a Fernando no ano 2005, no último acto do congreso sobre Plácido Castro e o seu tempo. Foi el quen se me achegou, logo do recital que pechaba o congreso, na aula de cultura de Corcubión. Dende ese momento a nosa amizade no fixo máis que medrar, alimentándose de encontros aquí e de visitas a Londres primeiro e logo, a partir do ano 2008, a Lancaster. A conversa con el era algo emotivo, divertido, enriquecedor e eu sempre tiven a sensación de que con el descubría unha parte da historia de Galicia que aquí nunca se contara ben. Lembro, en particular, un longo paseo dende a casa que compartía con Teresa en Maida Vale ata a canle que atravesa Londres, espazo que moito lle gustaba, no que comprendín que camiñaba a carón de alguén que fora testemuña dunha parte importante dos acontecementos históricos da Galicia recente. Foron logo moitas as conversas que se sucederon, sobre todo porque contra o solpor, mentres Teresa e Maribel falaban de astroloxía ou desenvolvían sesións fotográficas, el eu camiñabamos ata un pub próximo á casa e alí sentados, el cun refresco e eu cunha pinta de Guinness, repasabamos a súa memoria e falabamos de poesía.

Moito de todo iso está nas memorias que el empezou a traballar antes do traslado a Lancaster. Dende o pasado familiar e a infancia, ata os días do IGADI, institución coa que colaborou intensamente e co entusiasmo que el poñía sempre nas cousas nas que cría. Tamén dese proceso de enfiar recordos, fomos testemuñas Maribel Longueira e máis eu.El falaba e Teresa tomaba nota, para deixar que logo fose el quen lle dese xeito ao torrente de lembranzas e de feitos convocados cada día. Pero ese fluír non era caótico. Traballaban de xeito sistemático, levando a orde que Fernando quería tivesen as memorias.

A literatura memorialista non é un xénero habitual nas nosas letras. Non sucede así no Reino Unido. Alí, a memoria de quen viviu con intensidade o seu tempo, atento, sobre todo, ao que acontece nas beiras, axuda a construír o ser colectivo e alimenta o sentimento de comunidade. Fernando, residente en Londres dende o ano 1963, gustaba moito dese estilo anglosaxón e, seguramente, esa é a pegada que se advirte en Amada liberdade. Ao cabo, o resultado é o compromiso dun home coa sociedade á que pertence e co seu tempo, ofrecendo un punto de vista subxectivo, pero intelixente, sobre o devir histórico.

Fernando non puido rematar de escribir as súas memorias. Traballou ata o que pensaba debía ser o último capítulo, que trataría sobre a súa relación coa poesía, para el algo esencial. A familia, en particular Teresa, acordaron non prescindir das sete páxinas que deixou escritas, engadindo algúns dos seus traballos sobre poetas e obras que amaba, textos difíciles de atopar, que amosan cal era a súa relación coa poesía. Por certo, o título Amada liberdade, provén dun verso de William Blake, un dos poetas que máis amaba e ao que lía días do seu pasamento.

Como complemento e, ás veces, como enriquecedor contrapunto, Teresa Barro conta en “A vida xuntos”, os anos de convivencia con el, as decisións, ás veces difíciles, que deberon adoptar, os amigos comúns, os traballos compartidos, os fillos, a reflexión sobre Galicia, o proxecto do Grupo Galego en Londres… Dúas vidas en comuñón vizosa e fértil, interrompida, abruptamente, o 4 de xaneiro de 2010.

No novo cemiterio de Lancaster, onde Fernando repousa, rodeado de árbores e de persoas de orixe polaco alí enterradas, unha lauda de pedra negra lembra: “Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Ferrol 1931-Lancaster 2010. Cabaleiro galego”. Si, Fernando foi un cabaleiro e paladín desta Galicia que sempre ollou con amor e con espírito crítico. Ese amor e ese sentido crítico son unha das riquezas deste libro, para min, tan necesario.

 

REALIDADE PRIMARIA EN FERNANDO PÉREZ-BARREIRO

Fernando Pérez-Barreiro sabía do meu gusto polos paxaros e considerábame un bo observador. Na súa poesía evoca moito  a carricanta, pero a min sempre me pareceu que o paxaro que máis quería era o paporrubio, o robin dos ingleses. Onte e hoxe pola mañá, ao iniciar o paseo que dou polo litoral cando estou en Carnota, e que me leva a camiñar catro horas e percorrer sobre 16 ou 18 quilómetros á procura de paxaros, amosóuseme un paporrubio que non fuxiu cando me acheguei, polo contrario, foime acompañando polo camiño, agardando por min, iluminando a mañá co seu peito brillante co sol primeiro. Onte cumpríase o terceiro cabodano do pasamento de Fernando e deume por pensar que, dalgún xeito, o paxaro que vía era outro que observabamos xuntos moitas veces preto da súa casa de Lancaster e que viña a traerme novas del.

Na súa memoria rescato agora este texto escrito para a revista Centro e periferia. LInguaxe, Tradución e Poesía, na que el colaboraba habitualmente. Ignoro se este traballo se publicou algunha vez. Vai por el, pola súa amizade, pola súa memoria.

-POESÍA E TRADUCIÓN EN FERNANDO PÉREZ-BARREIRO NOLLA-

1.- FERNANDO

Non todas as persoas teñen a calidade de ser unha e varias, ao tempo; de se identificar cunha cerna íntima, coherente e firme e, ao tempo, abrirse ou ofrecerse coma unha árbore ou un cristal, en múltiples facetas, que enriquecen a visión do mundo. Algo así era Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol 1931- Lancaster 2010). Algo diso expresaron algunhas das voces que o evocaron nos días que seguiron ao seu pasamento en Lancaster, no mes de xaneiro de 2010. Gentleman, cun certo aire de axente secreto, persoa sumamente intelixente, xeneroso, vital, cun grande sentido do humor, membro dun posible corpo diplomático galego, comprometido con Galicia e coa súa cultura e, ao tempo, crítico. Poderiamos concretar todo isto e dicir que Fernando era un intelectual do seu tempo; licenciado en dereito que exerceu durante anos como redactor nas emisións radiofónicas da BBC;  lúcido analista da situación política internacional; tradutor que mereceu o premio Nacional de Tradución de libros infantís e xuvenís do ano 1985, xunto con Teresa Barro, pola versión do libro de Lewis Carrol As aventuras de Alicia no país das marabillas, pero que tamén nos abriu a fiestra ao horizonte da poesía chinesa ou que traduciu a Shakespeare por vez primeira ao galego; impulsor do Grupo de Traballo Galego en Londres, que no momento necesario reflexionou sobre a implantación do ensino en galego; políglota; académico correspondente da Real Academia Galega; recoñecido con Pedrón de Honra (2005), Premio Tradución da Consellería de Cultura e Deporte (2007) e Medalla Castelao (2009), Fernando era un cabaleiro galego, tal e como afirma Teresa Barro, a súa compañeira da vida, era tamén amigo dos amigos e, sobre todo, poeta.

2.- A POESÍA

É o propio Fernando, nas súas Memorias, quen recoñece a importancia que, desde a adolescencia, tivo para el a poesía. Xa mozo e estudando en Compostela, ao tempo que se esforza nas materias máis complexas da carreira de Dereito, afírmase nun mundo paralelo de sensibilidade e emocións, íntimo e propio, non mesturado cos personaxes da vida académica nin coas institucións.

Fernando escribía poemas desde a adolescencia, actividade que exerceu durante toda a súa vida. Porén, agás nos anos composteláns, tempo no que participou nas Festas Minervais e cando entregou algúns orixinais para seren publicados na revista Aturuxo, a súa obra mantívose inédita, coa excepción dalgún poema dedicado a un amigo e publicado por este, como é o caso de Xosé Luís Franco Grande, quen na edición de 2004 do seu libro Os anos escuros, inclúe o poema “EPÍSTOLA MORAL A FRANCO”, dedicado por Fernando e escrito en 1993. É este un poema longo, o máis longo de cantos lle coñecemos, composto por 156 versos distribuídos en 13 estrofas de medida irregular, primando as de 9 versos. Nel o autor conversa con Franco Grande dende Londres, arredor dunha experiencia vital anterior relacionada co proselitismo galeguista. Franco, no seu libro, cualifica o poema como “desconcertante”, e seríao para el, que quizais non chegou a albiscar o sentido que Fernando lle daba a expresión como frautistas e ratos, por exemplo. A ese poema pertencen estes dous fragmentos:

………………………………..
“London, poema longo, adiviñanza
en que me perdo e encontro cada día,
sedela de pesca nunha tarde longa
que trae verdades con escama húmida
ao caer a tardiña. Volta á casa.
Trinta anos nestes ollos misteriosos
que serven para ver como os dos cegos.
Músicas das esferas nos recunchos
de parques que me falan amodiño”
…………………………………………………….
London, poema longo, adiviñanza,
tiras o azougue de espellos cativos,
trasme de novo aos vivos. Xa ves, Franco,
aquí sigo, xogando. Xogando neste xogo
que nin gaño nin perdo, porque iso
son xogos de frautistas e de ratos.
E eu so noutra cousa. Mas no medio do xogo
agradezo esaxeros amistosos. Remato.
Non culpes ao país: teñen nome os culpables”
Responde este poema a un tipo de poesía da que gustaba moito, ou que el prefería. Trátase deses poemas nos que a voz individual do poeta, amais de afondar nas circunstancias de si mesmo en canto home, asume tamén a responsabilidade de se transformar na voz da colectividade. Advertía el que ese xogo era moito máis frecuente na poesía inglesa ou irlandesa que noutras. Lembro varias conversas sobre Seamus Heaney -do que el escribira xa un longo artigo en 1985, no diario La Voz de Galicia- e esa capacidade do premio Nobel de 1995 para reproducir ese xogo do que Fernando tanto gustaba. Recordo, en concreto, unha mañá na que paseando por Lancaster, comentamos o poema de Heaney “A estrada de Toome”, no que non se dá unicamente ese xogo do que el gustaba, senón tamén un forte contraste entre violencia e inocencia: Unha mañá cedo atopei carros blindados/ en convoi, cantarolando sobre potentes pneumáticos,/ todos camuflados con pólas partidas de ameneiro,/ e soldados con auriculares de pé nas torretas./ Canto tempo levaban achegándose aos meus camiños/ como se lles pertencesen? Todo o país durmía… A tradución é de Vicente Araguas.

Eu falei moito de poesía con Fernando, mantiñamos tamén un periódico intercambio epistolar a través do correo electrónico, no que ese era o noso tema principal de conversa. Dende que o coñecín intuín que non só era tradutor e bo lector de poesía, senón que tamén escribía, logo cheguei a confirmalo, pero aínda nese momento, non fun quen de albiscar a dimensión da súa vocación como autor e o volume da obra que gardaba, cousas que descubrín cando axudei a Teresa Barro a ordenar as Memorias e, en particular, a completar o último capítulo que el non puido rematar e que leva por título: Reflexións sobre a poesía.

Para Fernando, a poesía era a realidade primaria do ser humano, así o expresou en máis dunha ocasión. Opinaba que aínda que non houbese poetas, habería poesía agardando por un primeiro explorador que a descubrise. Axiña intuíu que ser poeta non é, exactamente, actuar mimeticamente, facendo o que fan os poetas, senón que a pedra de toque de quen pretende dedicarse á poesía, é comprobar se un fala ou non dunha realidade distinta, se ao autor se lle abriu ou non a xanela pola que ve un mundo que reclama a súa expresión singular e única, en definitiva, a descuberta da voz propia. O poeta debe descubrirse como tal a si mesmo nun océano de poetas. Dese descubrimento derívase a reflexión ou a experiencia que debe levar do que Yeats chamaba emocións iniciais ao que denominaría responsabilidade posterior, xa que “o xogo rexoubante” de lanzar emocións contra o muro da realidade exterior, non dura moito.

O pensamento poético de Fernando era consecuencia dunha vida enteira dedicada á poesía. Como xa se dixo, dende a adolescencia escribiu poemas, en principio influído polas vangardas, imitando a Rubén Darío, lendo a Lorca, aprendendo en Vento Mareiro de Ramón Cabanillas, un libro principal co que conviviu moitos anos; emocionándose coa descuberta de Rosalía, Curros e Pondal, autores dunha obra para el transcendente e que o acompañarían sempre, ao tempo que se abría a outras voces que se expresaban noutras linguas.

Como dicía, a Fernando non lle deu tempo de rematar o capítulo sobre a poesía que, no seu proxecto, ía ser o último das súas Memorias. Deixounos uns primeiros parágrafos nos que explica a súa opinión sobre esa realidade que era para el algo máis ca un xénero literario, porque para el a poesía era tamén un xeito de vivir. Pretendía logo ir debullando poetas, poemas e libros que foran determinantes na súa vida.

Seguro que, de ter oportunidade, tería falado alí de William Blake e os seus labirintos, que moita ledicia e moita inquedanza lle producían, de feito sabemos que foi este un dos últimos poetas que leu, quizais o derradeiro, voz á que volvía cada certo tempo. Habería espazo para John Keats e William B. Yeats, poetas aos que regresaba cando precisaba alento para continuar. Supoño eu que demoraría nese “Chuchulain consolado”, un dos últimos do poeta irlandés, tamén premio Nobel, que remata con este fermoso verso: “…cambiaran as súas gargantas e agora eran gargantas de paxaros”.

Gustaba el de camiñar polos lagos de Cumbria, compartindo o paseo cos versos de William Wordsworth, Samuel T. Coleridge e Robert Southey e, nalgunha ocasión expresou que unha das cousas que máis pracer lle causarían, sería lerlle, á beira dos lagos, os poemas de Rosalía a John Ruskin.

Importante foi para el Noriega Varela, poeta, segundo se dicía en Viveiro, de maneiras tan

Retrato de Fernando, realizado por Maribel Longueira

finas que semellaba portugués, tal e como lembra nun capítulo das Memorias, autor que leu por consello do seu tío Pepe, o presbítero, pero tamén Aquilino Iglesias Albariño, Luís Pimentel, Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos e, por suposto, Xosé Luís Franco Grande e Bernardino Graña, cos que, na mocidade, deambulaba polas rúas de Compostela falando de poesía. É o propio Franco Grande quen lembra que na convocatoria das Festas Minervais do ano 1955, foron premiados os tres, xunto con Blanco Losada e Edmundo Escariz Vázquez. Pero, ademais, como esquecer a súa intelixente lectura de W.H. Auden ou de T.S. Eliot e a admiración que sentía polo tratamento da natureza de Edward Thomas?

Como herdanza, quédannos, entre outros, o texto publicado no diario La Voz de Galicia o 18 de abril 1985, referido a Seamus Heaney e ao que xa fixemos referencia, e outro escrito cando o centenario de D.H. Lawrence e publicado o 19 de setembro do mesmo ano, no que analiza as razóns polas que a literatura galega elixiu como modelo ao católico Joyce, en lugar do protestante Lawrence, que, na súa opinión, iría moito máis co noso ser, artigo que remata con esta reflexión: Galicia escolleu hai tempo a Joyce. Na realidade social xa estaba aí, aínda que en forma algo atenuada no medio rural polo bon sentido camponés, e moito máis acentuada na ridiculez vilega e cidadana. Despois, nos reducidos círculos intelectuais foi escolla decidida. Probablemente polo vicio enraigañado de apuntarse “á última”, que tantas veces nos levou e nos leva a facer os experimentos que xa están feitos. Lawrence é o antídoto. E non estaría mal aproveitar o centenario, non para facerlle homenaxes en público, senón para pensar na casa e ver de tomar en serio o espírito e as súas exixencias; para combatir, no cabo e remate, a complacencia, mol e fachendosa a un tempo, que nos condena a morte.

Salientar, tamén, os seus traballos de crítica sobre a poesía chinesa contemporánea, pola que sentía particular curiosidade e admiración e que el traduciu para todos, abríndonos unha fiestra a esa cultura milenaria, ata hai pouco tan afastada de nós.

 3.- DA TRADUCIÓN

Fernando coñecía e respectaba as linguas. Hai unha anécdota divertida, que el contaba con graza, que explica como era esa relación coa fonética, a prosodia, a entoación e a música das linguas. Sucedeu que a BBC encargáralle a Yehudi Menuhin unha selección de pezas de música clásica para editar unha colección destinada a un público amplo. Cada disco iniciábase cunha entrada do propio Menuhin, explicando as características e importancia da peza proposta. A colección sería editada en varios idiomas europeos, entre eles o español e Menuhin debería falar en cada unha das linguas propostas. Porén, el estaba preocupado, xa que non dominaba o ritmo e a música do castelán, razón pola que a BBC decidiu poñerlle un profesor, elección que recaeu nun redactor que traballaba na radio, de nome Fernando Nolla, que así era coñecido na emisora e que sabía de linguas. Comezaron as clases nas que, á maneira de ensaios, Menuhin aprendía a cadencia de cada unha das frases que debería pronunciar. Sen embargo, achegándose o día da gravación e sentíndose inseguro, preguntoulle ao seu profesor se este podería dirixilo mentres falaba no estudio diante dos micrófonos. Fernando aceptou. Pautaron os textos e, chegado o momento, un Fernando con batuta e diante dun atril, dirixía a Yehudi Menuhin, indicándolle con exactitude non so o ritmo, senón, sobre todo, a entoación de cada frase. Eu dirixín a Menuhin!, contaba logo con rexouba.

Ese coñecemento e respecto recoñecidos tanto polos responsables da BBC, como polo “director dirixido”, había que aplicarllo á súa relación con todo o ser das linguas, con atención especial ao traballo de tradución, polo que Fernando sentía unha grande atracción e, ao tempo, un respecto absoluto.

Consciente da dificultade do oficio e, sobre todo, da dificultade de traducir poesía, Fernando reflexionou e escribiu, tentando aportar a súa achega e compartir debate cos compañeiros tradutores. A propósito dunha comunicación sobre a tradución da métrica, tomando como referencia a súa experiencia co Macbeth de Shakespeare, recoñecía a crecente dificultade que entrañaba o texto segundo o tradutor se afastaba do nivel léxico, recoñecida no tratamento da sintaxe, converténdose en incertezas ao enfrontar as figuras retóricas e reducíndose o campo de visión ao chegar á métrica, cunhas conclusións que escapan do marco teórico.

Na súa opinión, as presentacións teóricas máis correntes, como o concepto de equivalencia, naceron no nivel léxico e, sendo problemáticos de seu, fanse aínda máis problemáticos ao iren subindo de nivel as estruturas que demandan seren traducidas.

Non é moi ricaz, pois, a colleita de escritos sobre a tradución métrica. Os principios da equivalencia formal e da equivalencia dinámica, rozan o problema sin pararse moito nel. Incide a máis a cuestión da aceptabilidade ou normalidade da expresión na lingua de destino, fronte ao mantimento do exotismo ou alienidade do orixinal. A procura dunha resposta do lector da tradución que sexa semellante á resposta do lector que le o texto na súa lingua orixinal e compartillada, tan tentadora en teoría, amósase pouco práctica e cría máis problemas dos que resolve para o tradutor literario, e sobre todo, para o tradutor de poesía e, no que agora nos concerne, para o tradutor de Shakespear, poeta dramaturgo.

Na súa opinión, a tradución intercultural ou a importancia de ter en conta as diferenzas de cultura, é tema importante na reflexión teórica sobre a tradución, aínda que non esclarece moito a cuestión de se debe traducirse a métrica ou non. Aconsella el acudir a traducións dos clásicos do grego e do latín, nas que o problema é semellante e formaliza a súa proposta na tradución que el realizou do Macbeth, versión galega en verso semellante ao utilizado por Shakespeare, tras realizar unha fonda análise da versificación do autor inglés.

 4.- OS SEUS POEMAS

Mentres non se acomete o traballo de edición da súa poesía completa, e como aproximación á mesma, inclúense, a continuación unha breve selección de poemas escritos por Fernando e, ata agora, inéditos:

 ES TI

¿És ti, amor, quen expira neste couto?
Debes ser, porque és  fráxil e dependes
dos tixolos vermellos desa casa
da esquina, que hai dous meses derrubaron.
Dos carteis que ainda vexo, os mais caíron
en xiróns empapados de augas turbas,
das pontes reemplazadas tantas veces,
pouco máis permanentes do que o río.
Como ti trata en menudecias áxeis
e convírteas en formas que non morren
ou non queren morrer e fan punxente
o ar das despedidas e os encontros.
És amor, sí, pois fuches encontrado
ou conferido, non gañado, certo,
non herdado, non sei, porque na neboa
dos séculos aínda son novício.
Cinco lustros de ollos non abondan
para abrir o que pode sondar fondo,
ese pozo onde está o tesouro todo.
Agarrado nos días da cidade
ámoa e sufro porque é corto o día.

Norte, amor,
xa non teño que che diga,
non teño cousa en min que a tin non vaia,
olla pra min, xeado na campía,
irto entre as herbas, morto no valado.
Norte, amor,
xa non teño melodías,
a miña ispida frouma esta rachada.
Vou pra ti e veño nesta treboada
e non sei onde estás nin si te teño.
Amor, meu norte, cume que non vexo,
norte, amor, pedra aimán, lume no cume,
dondo norte no vento, con ergueito
nunha costa ruxinte que me bota
sempre de novo a istas mouras ondas.
Norte, amor, norte,
berro que non chega,
barco que non arriva,
norte, morte, no fin,
meu amor, norte.

MAZAROLIÑO
Tanto tempo tentando tratativas,
tanto ver si a ver si vendo vese….
¡Ei ven o tempo de mazar o liño!
 
Acabou, e xa está. Veñan os ventos.
E sexa o que quixer.
Vinde, miñatos, que foi moita a espera.
¡Ei ven o tempo do liño mazar!
 
A empezar, pois, criaturas dos carreiros,
Quedade por aí, meus bois da espranza,
lentos de mais na encosta dos desexos.
¡Ei ven o tempo, rapazas do Miño!
 
E alá vamos, por fin, sin Deus por diante.

¡Ei ven o tempo de estroupelear!


Os poemas que seguen, teñen como elemento común a carricanta. Fernando, posto na tesitura de ter que elixir entre formiga e carricanta, optaba por esta, xa que se identificaba coa súa vocación de cantar.

Baixando desde A Toca ás Enviadas,
alí estaba, no medio do camiño,
poliédrica e chea de razón puntiaguda,
verde campante desafío ao mundo.
“É a carricanta” –díxome o meu pai
apontando có ferro do caxato.
E alí encontrei o meu destino certo.
“Quero ser carricanto cando eu medre”
E aquí estou, entre a Toca e As Enviadas,
Entre Camden e Putney,
Entre Innsbruck e Sölden, no Ótztal,
Cantando sempre, o Carricanto.
(Sölden, baixando do Stallwiess Alm,
22 de agosto de 1994)

Morreron os saltóns
¡Tantos que había!
A herba alta, sin eles, tan parada.
E pensando, pensando, xa hai ben tempo
que as miñas primas carricantas faltan.
Eu que pensaba andar abrindo estirpe
ainda vou ser o último carricanto.

O carricanto encontra ao Lagarto
Non foi nada, meu ben, foron feridas
leves. Non, no corazóns non, que é verdade e duro.
No rabo, non importa. Nascin lagarto ha pouco
O rabo de reposto, meu ben, e ben garrido.
Millor que aquele outro, din e digo.
¡Ei, pola laxa adiante! Lagartadas
que ven e ven. No sol duro do vran
confortos do penedo, meu irmán.

O carricanto vello destragouse
Por non saber as contas, xa na escola,
E despois, e asi sempre.
Por pensar que, si cadra e Deus da sorte,
Dous e dous serán tres, ou tal vez cinco.
Motivos de estragarse non lle faltan
A ninguén nestes mundo. Citaba a Salomón
Que tíñase perdido –diz o Libro-
Por excesivo amor polas mulleres.
Pero el non era rei nin millonario
E as contas facíanllas os outros.
Multiplicando sempre, a vida cuase toda,
Até chegar no fin a hora da resta,
Conta final, a resta, a resta sempre…
Ensinoume esta lingua
E ensinoume a cantar. En gloria estexa.
(Galzig, St. Anton, Xullo 1995)

O CARRICANTO TRANSCENDENTAL
Que queres que che conte, se as historias
xa están todas contadas, menos unha;
e eu non son quen para contala ainda,
improbable profeta que se esconde
nas sebes, nas canteiras, nas congostras,
por non contar o que só sabe a medias,
o que non quer nunca saber de todo.
Deíxame en paz… pero non me condenes
a non cantar, porque sinon eu morro.
4.2.96

CARRICANTOS DO MUNDO, XUNTADEVOS!
Carricantos do mundo, xuntádevos xa, veña;
Non tedes que perder mais do que xa perdíchedes.
Xuntarse carricantos quer dicer, xa sabedes,
Cantar e mais cantar, cada un no seu cantiño,
Seu cantar cadaquén, cadaquén os seus élitros;
E o mundo pesa mais e tamén pesa menos
Con ese canto noso, e voan os penedos
Sen sair de onde están, e se pasman as cobras
E fitan os miñatos a sua preia sen presa.
Todo anda parado e todo para andando.
E entón e cando os carricantos pregan
A quen os deu, ao que inventou o canto.

17 xulho 96
Os que á terra voltaron sen teren recibido
promesas que albiscaron nas mañanciñas frescas
veñen a perguntarme nas noites sen estrelas.
E non sei que decirlles agora que xa pouco
pode faltarme, carricanto vello,
para irme sen ver a terra prometida
a esa outra terra negra e xa sabida.

 

Fernando Pérez-Barreiro Nolla na lembranza

Dentro de poucos días cumprirase o terceiro cabodano do pasamento de Fernando Pérez Barreiro Nolla, intelectual, ensaísta, tradutor e, sobre todo, cabaleiro galego, tal e como lembra a lauda chantada na terra no cemiterio de Lancaster, a cidade onde viviu os seus últimos anos e onde faleceu. Tamén, dentro de poucas semanas, as súas memorias tituladas Amada liberdade, verán a luz. Como anticipo, lembranza e homenaxe para o amigo, quero rescatar este artigo publicado hai algún tempo no suplemento Nordesía do Diario de Ferrol. Nos vindeiros días, nesta mesma sección do blog, irán aparecendo outros textos relacionados con el.

FERNANDO PÉREZ-BARREIRO DENDE OS MONTES DE CUMBRIA

Non todas as persoas teñen a calidade de ser unha e, ao tempo, varias; de se identificar cunha cerna coherente e firme e, ao tempo, abrirse ou ofrecerse coma unha árbore ou un cristal, en múltiples facetas, pólas que investigan o aire enriquecendo a visión, construíndo novas realidades. Algo así era Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Algo diso expresaron algunhas das voces que o evocaron nos primeiros días de xaneiro que seguiron ao seu pasamento en Lancaster. Gentleman, cun certo aire de axente secreto, persoa sumamente intelixente, xeneroso, vital, cun grande sentido do humor, membro dun posible corpo diplomático galego na liña de Loís Tobío, comprometido con Galicia e coa súa cultura e, ao tempo, crítico.

Sendo todo isto certo, había máis cousas en Fernando, pequenas intimidades, xogos e costumes dunha personalidade complexa que aprendeu que o máis importante que temos é a vida e que a grandeza desta nace da certeza da morte.

El era quen dominaba as claves informáticas coas que Teresa interpretaba os logaritmos das cartas astrais, eses mapas vitais, individuais ou colectivos, que non adiviñan nada pero que, ás veces, axudan a desenmascarar ou a recoñecer as dificultades do labirinto polo que nos movemos.

Fernando mantiña relación con amigos secretos que o enriquecían dende a sombra. Velaí, senón, as figuras de Paul Manserg, veciño das rexión dos lagos da que Fernando gustaba tanto, ou o Tembrás dese Londres no que Fernando viviu case corenta anos.

Dende o día en que nos coñecemos en Corcubión, Fernando sempre quixo que eu fora aos lagos, por percibir o eco das voces de Wordsworth , Coleridge e Southey, por sentir o alento das voces románticas que alí confluíron, por coñecer a Paul e pasear con el.  Foron varios os intentos frustrados de ir xuntos, ata que no mes de xuño pasado fomos en tren, nunha viaxe na que el non nos acompañou, pero si Teresa.

Polas rúas de Londres e de Lancaster, nos vellos pubs onde el pedía un refresco e eu unha pinta de cervexa negra, falamos moito de poesía, unha das súas paixóns. Del aprendín o pouco que sei de poesía chinesa contemporánea; el amosoume o camiño para mellor comprender os versos de Auden; inicioume na poesía de D.H. Lawrence, segundo el moi próximo a nós, os galegos, na concepción do mundo e na interpretación das cousas; por el souben máis de Seamus Heaney e, sobre todo, aceptei o seu consello de afondar na figura de Edward Thomas, o poeta inglés morto nunha trincheira durante a Primeira Guerra Mundial, xa que, na súa opinión, había algo común entre Thomas e eu, unha relación particular coa natureza, dicía Fernando, unha atención a esas cousas pequenas de cada día que suceden arredor de nós e nas que só reparamos se alguén nolas advirte, sexa un xeito particular de chover, o canto do merlo ou o primeiro agromo das árbores.

Na primavera, no xardín que rodea Ashworth Mansions, o edificio onde Fernando e Teresa tiñan o domicilio londiniense, cantaba o reiseñor. En Lancaster eran os paporrubios, o robin que vén sendo o paxaro nacional inglés. Fernando estaba atento e escribíame sobre os paxaros novos que vía, identificándoos ou describíndoos. El e Teresa vivían encantados na casa de Lancaster, á beira da súa filla Beatriz e do neto Cameron que alumeaba os seus días. Dende as fiestras da traseira vían a badía de Morecambe, xa no mar de Irlanda e, por detrás, as montañas de Cumbria, nese territorio comprendido entre a rexión dos lagos e o sur de Escocia.

Por mediación de Fernando, e durante un tempo, mantiven correspondencia con Paul, falabamos de poesía. A Tembrás non sei se o volverei a ver pola rúas de Londres. Se cadra si, na biblioteca da que el e Fernando eran socios.

No último correo electrónico enviado por Fernando, xa metidos no Nadal, dicíame: “Nevou moito estes días e os montes de Cumbria son un caleidoscopio engaiolador. Paul e Tembrás rifan moito este inverno, e a culpa téñoa eu, que non consigo armonizar”. E cada vez que o leo non podo evitar un arrepío, ao tratar de interpretar se esa dificultade para harmonizar expresaba unha sensación, un desacougo, a intuición dese frío que se nos veu tan de socate o día catro de xaneiro, e busco a súa ollada e o seu sorriso que soñan Galicia dende os montes de Cumbria.