MAN, POR FIN

Foi o venres pola tarde en Camelle. Por fin o esforzo de tantos deu froito e unha parte da obra de Man xa está exposta e a disposición da xente de Camelle e dos visitantes que, se xa ían por alí, sen máis que ver que a desfeita do que foi, agora teñen un alicente máis e este, positivo.

Man 1

O alcalde de Camariñas, Manuel Valenciano, coñecido popularmente como Pichurri, contou que el coñeceu ao Man de traxe, o primeiro que chegou a ese lugar extremo, antes de se despoxar de todo, de se converter en crebeiro, e de facer do seu corpo un elemento máis do Land Art que practicou. Agradeceu, sobre todo, a constancia de Antón Sobral, que ano tras ano, cada 28 de decembro, foi quen de manter vivo o espírito do Alemán e, por suposto, o agradecemento para Carmen Hermo, alma deste proxecto e todo o equipo que xuntou arredor: Jesús Calvo, Víctor Hermo e Andrea Serodio, quen catalogou todo o material. Carmen agradeceu, tamén, a implicación do concelleiro Juan Carlos Canosa.

Man 3

O primeiro paso está dado. A memoria de Man, máis alá das pegadas do seu corpo sobre o formigón do espolón, perdura. Faltan cousas por facer, porque Man foi constante na súa interacción artística co medio e son moitas as posibilidades de aumentar o patrimonio a partir do seu legado, pero nada sería posible sen esta primeira acción que abriu as portas o venres e que nos pon en relación con el.

Nas vitrinas, de deseño fantástico, que aproveitan ao extremo o poucoMan 2 espazo dispoñible, podemos observar: cadernos dos que nos daba aos visitantes para que lle debuxaramos unha forma; tamén os de artista nos que el traballaba os seus deseños; están os libros que lía, coas súa anotacións; as botellas de plástico que quentaba e estiraba  para xogar coas formas e logo decoralas; as ousamentas animais que atopaba e sobre as que tamén actuaba; fotografías, obxectos personais, autorretratos… e un vídeo formidable, en 3D, que amosa o que foi o seu xardín e a caseta onde vivía.

Man 4

Grazas a Antón, a Carmen, e a todos os que con eles colaboraron e, tamén, a Juan Carlos e Pichurri, por crer neste proxecto.

(Pido perdón polas imaxes, malas a rabiar. Son miñas, obtidas co móbil).

FRANCISCO LEIRO

Recomendo con paixón a visita á exposición de Francisco Leiro, inaugurada onte no Kiosco Alfonso da Coruña.

Leiro 1

O tamaño das pezas é proporcional á vocación universal da mostra. As pezas responden a situacións de conflito ou de desastre do mundo. Aí están o Prestige galego; os membros da brigada contra incendios, vítimas do incendio de Guadalajara; o frío do inverno de Nova York; o xenocido tutsi en Ruanda, as guerras de Medio Oriente e, sobre todo, o sufrimento da poboación de Gaza, cunha instalación extraordinaria que expresa a dor, a desesperación e a resistencia das mulleres palestinas. Imposible obter co teléfono unha fotografía desta instalación.

Leiro 2

Estamos diante dun Leiro fiel a si mesmo, con pezas de grande tamaño, pero sobrias, equilibradas e de expresión contida, o que aumenta a súa capacidade de emocionar e conmover, nunha mostra na que o escultor se compromete co mundo no que vive e construída, segundo el mesmo explica, a partir dos titulares dos xornais.

ALEJANDRA SAMPEDRO E O SEU MAR DE CREBAS

A fin de semana das letras galegas, en Camelle, no obradorio de Arte e Natureza, convocado por Antón Sobral, tiven ocasión de coñecer a Alejandra Sampedro, artista que traballa con paixón as crebas, de maneira especial o material cerámico que recolle dende nena nos arredores do Cabo Silleiro, onde seu avó foi fareiro. Alejandra recolle eses restos cerámicos, procedentes dalgún naufraxio ou que alguén verqueu algunha vez alí, e fainos dialogar con outros despoxos.

Os resultados son fantásticos, non só nas pezas grandes, senón tamén na utilización de anacos pequenos que ofrecen algunha imaxe que, descontextualizada do resto da composición, cobran vida por si mesmas e propoñen unha suxestiva interpretación narrativa. Suxestión que parte da propia especulación que o espectador fai sobre a orixe dos mateirais e que, en si mesma, xa é un misterio.

CRISTINA SAMPEDRO MEDUSAFascíname esta medusa da fotografía superior, e tamén este mutante, pero tamén os polbos e tantas outras pezas que é posible ver na súa páxina: http://www.alejandrasampedro.com/

automata ALEJANDRA SAMPEDRONo ano 2013, as torres de Hedjuk, no Gaiás, acolleron a súa exposición Mar de Crebas. Para min que os crebeiros de hoxe son, sobre todo, os artistas como ela que descubriron nos obxectos devoltos e traballados polo mar o material e a razón dunha parte do seu traballo. Esta é a reflexión de Alejandra:

Las crebas me han fascinado desde su descubrimiento por su resistencia, dureza, desgaste y fragilidad a la adversidad de las olas. Las veo como una prolongación del sujeto a quien pudiesen haber pertenecido, casi como un resto arqueológico. Una huella que revela la memoria implícita de toda una vida pasada y de una época.

Se trata de una obra intimista y nostálgica que parte del sentir en la que interesan el tacto y el olfato.

Se busca la belleza del desecho y se entiende la reutilización como un acto necesario.

SOLEDAD PENALTA, DÍA A DÍA

CAM00796 (1)Levo trinta anos convivindo cunha escultura de Soledad Penalta. Trátase dunha peza que representa dous rostros que conviven en harmonía, unidos e autónomos ao tempo; cerámica refractaria, feita en barro cocido a moi alta temperatura, o que lle dá un certo ser volcánico, moi acaído á peza. Foi agasallo dela cando Maribel e eu acordamos formalizar a convivencia no rexistro civil.

Soledad 9

Coincidimos moitas veces. Recitais, inauguracións de exposicións de pintura ou de escultura, presentacións de libros. Compartimos amigos. O sábado pasado, no Soledad 7centro Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, puiden ver a súa última proposta: Esculturas do día a día. Saín fascinado.

Soledad é señora dos materiais, da terra, do ferro e das palabras. Digo o de señora no sentido recollido polo dicionario: persoa de certas propiedades, con autoridade. Francisco González, na inauguración, referiuse a ela como a gran dama da escultura galega.

Soledad 6Todas as pezas da exposición, e son moitas, están feitas con material metálico, ferro e aluminio. Porén, carecen de peso, levedan ou elévanse, no sentido expresado por Gaston Bacherlard respecto da obra poética. Porque hai moito de poema na exposición, xa dende a frase que serve de marco e reflexión e que expresa a suspensión da sílaba e da palabra. Acaso por iso, case todas as esculturas xogan coas palabras. Moitas semellan ser tránsito de anxo, pegadas de luz, construídas con sentido musical.

Soledad 1

Vin a exposición coa miña nai, quen interpretou as figuras antropomórficas recortadas e que se soldan ás formas, como flores, cousa que seguro gustará saber a Soledad.