AZORES E O CRISTO DOS MILAGROS

Lin o venres no The New York Times, que cada ano, miles de cidadáns norteamericanos (canadianos e estadounidenses), viaxan á illa azorina de Ponta Delgada, para celebrar o Cristo dos Milagres, de moita devoción no arquipélago. O día da festa coincide coa celebración do Corpus.

Procesión Azores

Calcúlase que un millón de norteamericanos descenden de emigrantes procedentes das Azores. Foron varias as ondas de emigración dende as illas a América. Unha das primeiras foi a que levou a mariñeiros e arponeiros, especializados na caza do cachalote, ata a illa de Nantucket, en Massachusetts. Dende o seu porto saíu o Pequod, o barco de Akab e de Ismael, que percorre tres océanos perseguindo a Moby Dick. Melville conta na novela que varios mariñerios eran de Azores, terra propicia para os baleeiros, di. Tamén fala que enrolados no Peqod ían mariñeiros españois, que eu imaxino vascos ou galegos, ou vascos e galegos, que eran os que mellor dominaban a técnica da caza na península e os que levaban séculos facéndoo.

A pesca do cachalote foi o motor económico inicial da economía dos Estados Unidos, o antecedente do imperio, e tiña que ver, coma hoxe, coa enerxía. Foron os habitantes de New Beford e de Nantucket os que decidiron cambiar a caza da balea pola do cachalote, xa que este posuía un elemento cun poder lumínico extraordinario, o espermaceti, do que carecía a balea. O espermaceti é sa masas graxa que o cachalote ten nunha cámara enorme situada na cabeza e que lle permite descender a profundidades abisais, no exercicio que fai de compresión e descompresión.

Pero esta caza era perigosa e, sobre todo, debía realizarse en mar aberto, que os cachalotes non costean tanto como as baleas. Ademais o cachalote ten boca con dentes, é un odontoceto, polo que tiña dúas armas de defensa, boca e cola; non como a balea que só se defendía, e mal, coa cola, xa que sendo un misticeto en lugar de dentes, ten barbas.

cachalote

Outra característica do cachalote era que, ao se sentir ferido, fuxía cara as profundidades onde só el, o calamar xigante e outros seres aínda descoñecidos para nós poden chegar, lugares inalcanzables para a balea e aos que aínda hoxe non chegou o home. Todo isto supuxo unha revolución económica, de técnicas de navegación, de construción de barcos e chalanas, de procesado do espermaceti, que deu como consecuencia un imperio económico que alumeou todas as cidades de Europa, dende Lisboa a San Petersburgo, ata que a graxa foi substituida polo petróleo e logo pola enerxía eléctrica.

Quizais pensaban nisto algúns dos azorinos americanos que onte acompañaron a imaxe do Cristo polas rúas estreitas de Ponta Delgada, algúns, se cadra, descendentes dos mariñeiros cos que navegou Herman Melville.

(A fotografía da procesión, procede da información publicada polo The New York Times. A do cachalote de internet)

 

 

EUSKADI: BARCO BALEEIRO

En Euskadi constrúen a réplica dun baleeiro tradicional, daqueles que levaron aos mariñeiros vascos polo mundo, perseguindo baleas. Están nese proxecto algúns amigos, mellor dicir amigas, vinculadas ao mundo das embarcacións tradicionais e da carpintería de ribeira. Hoxe recibín este correo con novas do proceso e aquí o comparto.

“O proceso de construción da Nao San Juan segue avanzando. Hoxe venres 31 de outubro, a partir das tres da tarde, o equipo técnico de Albaola, a Factoría Marítima Vasca, enfrontará a posta da roda, unha peza estrutural do esqueleto do San Juan.

A roda da Nao San Juan componse de dous madeiros curvos que forman un arco de 5,16 m de radio, que se une á quilla por medio dun sólido escarpe; a roda é unha parte fundamental da estrutura do baleeiro. A colocación permitirá apreciar aínda mellor a forma e proporcións do casco.

balleneiro euskadi
Albaola e San Sebastián 2016 convídanvos a seren testemuñas deste fito importante e facervos dese xeito partícipes de todas e cada unha das fases da construción desta obra de arte: a réplica do baleeiro vasco San Juan.

Lembrámosvos que a Factoría está aberta de luns a domingo de 10:00-14:00 e de 15:00-18:00, e que podedes coñecer o estaleiro con percorridos tematizados en catro linguas. Toda a información referida a tarifas, situación e acceso está dispoñible na página web de Albaola (www.albaola.com).

Axúdanos apadriñando un cravo do San Juan:
http://www.albaola.com/es/site/patrocina-una-pieza

Ou compartindo o proxecto no teu entorno e nas túas redes sociais:
https://www.facebook.com/albaola.faktoria
@dss2016
@albaola

BALEA FRANCA AUSTRAL

O amigo, lector, colaborador e correspondente austral deste blog, Jorge Omar Veiga, escribe dende Bos Aires para informar dunha curiosidade fermosa, arredor da balea 125, na Península de Valdés, publicada na revista Noticias francas, do Instituto de Conservación de Ballenas. A protagonista da información non é esta que se ve na imaxe, pero si un exemplar da mesma especie.

Este blog sempre estivo interesado nos cetáceos, de feito, hai unha categoría, “Ecuación dos cetáceos”, que remite a eles. Na nosa relación con Jorge Omar os cetáceos, e en particular a balea franca austral, teñen a súa importancia. Con el e con José Luis vivimos a experiencia de navegar o Golfo Novo, logo de embarcar en Puerto Madryn, aquel día no que non só as vimos, senón que tamén as escoitamos. Aquel día tocounos vivir a relación próxima cunha nai e o seu baleato, que pasaba de seguido a rentes da nosa embarcación, como procurando unha caricia, tal e como se ven na imaxe superior. Da balea 125 pódese ler máis aquí:

http://www.icb.org.ar/noticias.php?noticia_id=102

Tamén, procedente da mesma revista, Jorge Omar envía esta selección arxentina para xogar no mundial da vida:

NON SE XOGA UN SÓ MUNDIAL

¡Hay Equipo! Alfonsina, Serena, Esperanza, Troff, Mochita, Gabriela, Espuma, Antonia, Cassiopeia, Josefina, Medialuna son el equipo mundialista.

Arranca desde el fondo a toda velocidad. Dos buques se cruzan en su camino para cerrarle el paso, pero los esquiva con una gambeta fuera de serie, dando fuertes soplidos y coletazos que dejan una estela de agua por detrás. En pleno avance, una red con varias boyas a la deriva se engancha en su aleta izquierda. Salta fuera del agua, gira y cae levantando una gran ola. Con sus hábiles movimientos se libera de la red. Continúa avanzando, aunque la aturden los estruendos que llegan desde la hinchada, con ecos y ruidos que la desorientan en su carrera. Pero sigue adelante. Avista la entrada del Golfo San José. Cruza el agua turbulenta. Algunas gaviotas picotean su lomo para alimentarse de su piel y le causan dolor. Pero finalmente logra entrar a las bahías tranquilas y silenciosas del golfo, donde en pocos días más traerá una nueva cría a esta población de ballenas francas australes de la Patagonia.

¡Cada día las ballenas juegan su propio mundial! Ellas son las campeonas de la vida en los océanos todos los días, miles de obstáculos y amenazas ponen en riesgo su vida.

¡Por eso, debemos ayudarlas a que no sean derrotadas!

Es nuestra responsabilidad que los océanos sean hogares seguros para las ballenas y todos los seres vivos que comparten su hábitat.

Te invitamos a sumarte a nuestros esfuerzos para lograr su protección. Para eso, en este mundial… ¡Adoptá una Ballena!

Juntos, podemos ayudarlas a ganar su mundial de la vida.

¡Adoptá una ballena,ingresando aquí!

Se puede difundir citando la fuente. © Instituto de Conservación de Ballenas  

Un servicio brindado gracias a la gentileza de MadrynCom

CETÁCEOS

Continuando coa viaxe a Islandia, que o paso dos días non fai máis que enriquecer, en Husavik embarcamos nun dos barcos recuperados do abandono, antes dedicados á caza dos cetáceos, e agora empregados na observación.

A Husavik chegamos con tempo para embarcar na expedición das 13,30, pero a empresa decidira suspendela, antes da nosa chegada, por falta de viaxeiros, así que agardamos á última da tarde, que saía as 17,00. Facendo tempo paseamos o porto e puidemos ver unha foca. Seal!!! Seal!!!, berraban os vellos mariñeiros que facía corro no peirao, advertíndonos da presenza do mamífero mariño de tamaño considerable. Tamén nos achegamos ao museo da balea e ao municipal, onde admiramos a sala dedicada á pesca e barcos tradicionais. Antes de embarcar entramos nun café onde tomamos té e tarta, unha de chocolate e outra de cenoria.

A navegación resultou ben. Dous tripulantes e sete observadores, turistas ou viaxeiros: nós os cinco, unha parella e unha rapaza norueguesa que realiza un estudo sobre a biodiversidade do fiorde de Husavik. O responsable da expedición explicounos que a viaxe duraría tres horas e que iriamos cara a outra beira do fiorde, xa que era alí onde cada día, estaban avistando exemplares de balea. O mar fervía cos frailecillos, pero tamén con paxaros para min descoñecidos, acaso págalos e gaivotas de groenlandia.

Transcorridas as dúas primeiras horas, con todos os ollos escrutando un mar que só ofrecía bater de ás, o desánimo e o excepticismo callou en todos, tripulantes e observadores. Eu, resignado, repousei o corpo na banda de estribor e nese intre, á miña beira, sentín o xordo e mineral estoupido do sopro do cetáceo, aquel que facía berrar aos vixías dos barcos de caza: Por alí resopra! Volvinme con tempo de ver o lombo enorme e negro da balea, á beira do casco do noso buque. Logo, durante media hora, xogamos con ela, nun constante observar e perder, pero foi xenerosa e puidemos apreciar as tumoracións da cabeza, a lonxitude do corpo e a curva do lombo que lle dá o nome xibardo, megaptera noveangliae.

Eu traballei durante dous anos, co obxecto de escribir un libro sobre a relación que ao longo da historia mantivemos, como comunidade, cos cetáceos, e non falo unicamente da caza. Moito é o material acumulado e moita a información, pero outros proxectos desprazaron este, que deberá agardar. Con todo, quixera compartir o primeiro capítulo dese libro futuro:

Nacín con máis de cinco quilos de peso. Dado o tamaño da criatura que viña, o doutor Echegoyen, coa conformidade dos meus pais, acordou cesárea. Cando me viron, rosado e groso coma un anxo, sen padecemento fetal, as enfermeiras decidiron chamarme Cachalote, supoño que con cariño. Dende neno escoitei contar esta historia, coñecida entre os veciños da rúa de San Domingos, en Ourense, onde viviamos. Con todo, quero crer que este alcume non me afectou nin condicionou o meu xeito de ser, si influído por outras circunstancias da vida.

Ourense queda afastado do mar. Arredor de cen quilómetros, ou algo menos, pero eu medrei vendo cada día nesa mesma rúa onde os veciños lembraban que fora cachalote, aínda que agora me chamaban Paquito, un letreiro enorme, coas letras pintadas de negro sobre unha parede medianeira, que anunciaba o restaurante La ballena.

O negocio era da miña madriña, tía de meu pai, quen rexentaba a casa de hóspedes e o restaurante ou casa de comidas. Nela xantaban os domingos Vicente Risco e familia. Vivían diante mesmo, na outra beirarrúa, nunha casa cunha placa na fachada que lembraba que aquel fora fogar do xeneral Moscardó, heroe do Alcázar. Agora sei que, cando marchou trasladado, o que sería honra da cruzada franquista, deixou varios meses sen pagar. A memoria das miñas tías, en especial de María Esperanza, daquela nena que servía as mesas, lembra que a don Vicente gustábanlle as canas de crema e o touciño de ceo, as dúas especialidades da casa.

Non sei cal foi a razón que levou a miña madriña, natural de Allariz, tan terra dentro, a lle poñer ao negocio un nome cetáceo. Dáme a impresión de que nunha decisión dese calibre, palabra axeitada falando de baleas, brilla un vestixio de cultura, de coñecemento, que fuxindo do obvio, da paisaxe rural e montesía do interior, asoma ao universo misterioso dos soños, ese no que un enorme peixe podía acoller, durante días, o escepticismo dun home santo chamado Jonás, ou soportar a San Barandán e a tripulación do seu barco, misando sobre o lombo dunha illa que non era.

Hoxe, recuperando e escribindo estas lembranzas, sei que non foron elas, nin os feitos que as provocan, os que espertaron en min a curiosidade polos cetáceos. Ou si. Acaso elas deixaron unha pegada inconsciente nun lugar afastado, un eco que sempre me fixo ollar con fascinación ese mundo abisal, de vida e de sombra, representado inicialmente pola balea e no que logo entraron cachalotes e golfiños.

Quizais a primeira evidencia da que gardo memoria, é un cromo, pegado nun álbum de cubertas vermellas de chocolates Nestlé, que amosaba unha balea cazada e disposta para ser despezada, deitada sobre o costado e ofrecendo o ventre branco e estriado, que é o que mellor lembro. É posible que desa mesma colección sexa a imaxe dun canón con arpón, situado na proa dunha embarcación que persegue un surtidor que xorde entre ondas verdecentes.

Pinocho e a radio debe ser a seguinte referencia. Creo que escoitei o conto de Carlo Collodi pseudónimo de Carlo Lorenzini, por primeira vez, na emisión infantil das tardes de radio Ourense -EAJ-54, dicían daquela-, emisión patrocinada por Colacao. Aí aprendín a canción daquel negriño do África tropical, que relataba as cualidades do produto sen par. Non lembro a película de Walt Disney, que logo vería tantas veces co meu fillo Daniel. Non son consciente, tampouco, de relacionar a historia de Pinocho coa de Jonás, malia que, daquela, si liamos no colexio e na catequese da parroquia, capítulos do que chamaban Historia Sagrada, pero entón a Jonás non o tragaba un cetáceo, senón un peixe grande. Si que pensei de neno, escoitando a radio, na dificultade de atopar leña seca e mistos no ventre dunha balea, cos que prender un lume, como fan Geppetto e Pinocho por indicación de Pepe Grillo, pero vese que ata aí hai crebas.

O canadense Manly Palmar Hall, ofrece unha interpretación esotérica do conto de Collodi. Di que o escritor foi influído pola historia clásica de iniciación espiritual que representa o bíblico libro de Jonás. Esta historia, recollida polo cristianismo, o islam e o xudaísmo, tamén é lectura nas escolas do misterio. “A historia de Jonás é realmente unha lenda de iniciación aos misterios e o gran peixe representa a escuridade da ignorancia que envolve ao home cando este se lanza pola borda dun buque ao mar da vida”. Igual sucedería con Pinocho, quen tras probar a vida profana volve á casa para se atopar co carpinteiro, creador e pai, pero este foi tragado por unha balea. Tamén o monicreque, tras saltar á auga, remata no ventre do cetáceo. O proceso de fuga simbolizaría o paso da ignorancia á luz espiritual. Unha vez máis o ser renace da escuridade (o ventre da balea) á vida.

Con once anos, completei o álbum La naturaleza y el hombre. Supoño que para enchelo faría moitas listaxes e cambiaría moitos cromos repetidos, actividade que me gustaba e da que me ocupaba con paixón. Un dos capítulos está dedicado a peixes e cetáceos. Tres son as postais dedicadas a estes: Balea ártica (Balaena Mysticetus), Cachalote (Physeter Macrocefalus) e Golfiño (Delphinus Delphis). A primeira non aparece nin como ártica, nin como mysticetus, nas modernas clasificacións das familias de baleas. Misticetus serían todas, por teren barbas. Pola fisionomía da recollida no cromo, trataríase da balea de Groenlandia ou boreal.

O texto ao pé da imaxe da balea, conta que: “Despois do rorcual xigante ou balea azul (BALAENOPTERA MUSCULUS); que é o maior animal vivente da Terra e un dos maiores que existiron, pois pasa dos 30 metros de longo e as 140 toneladas de peso, séguelle a continuación a balea ártica. É un mamífero da orde dos cetáceos. Ten respiración pulmonar, polo cal, cada quince ou vinte minutos, vese na obriga de emerxer”. Aínda que impreciso, o texto era informativo e quizais aprendín nel as primeiras particularidades dos cetáceos. Esta balea ártica é a que perseguimos na viaxe que fixemos os representantes das entidades que formaban parte do proxecto Fishernet, entre Siglufjordur e Husavik, a bordo da embarcación Haukur, no mes de maio de 2010. Ese día, tras varias horas de navegación, cruzando a liña do Círculo Polar e pasando moito frío, non vimos máis cetáceo que un golfiño. Iso si, os tripulantes insistían en que alí, por onde nós pasabamos, enredaban elas o día anterior.

O cachalote da colección ten cara simpática e os nenos aprendiamos que só tiña dentes de abaixo e que era cazado para aproveitarlle o aceite (non lembro como imaxinaba o aceite do cachalote, se en lata ou se en botella). Con 25 metros, era considerado tamén de gran tamaño, correspondendo un terzo do seu ser á cabeza e dicíasenos que frecuentaba os mares temperados, o que non resulta exacto. En calquera caso, o que se ve na imaxe da colección, non leva dentes nin arriba nin abaixo.

Dos golfiños di que miden dous metros, que abundan nos mares cálidos, onde viven en bandadas. Moi áxiles acompañan os barcos, dando grandes saltos e xogando coas ondas. Son recoñecibles, segundo o álbum, pola característica prolongación das súas mandíbulas en forma de pico.

Máis ou menos certo, supoño que todo isto foi construíndo un imaxinario no que os golfiños ocuparon un lugar principal. A isto contribuiría a película Mi amigo Flipper, que tiven ocasión de ver no cine e, tamén, o feito marabilloso e inesquecible de que chegados por primeira vez de vacacións a Baiona a Real, quizais con 13 anos, vin, por vez primeira, advertido polo meu padriño Alexandre, os golfiños ao natural, saltando diante da praia da Concheira. Golfíns, dicíalle el, tan emocionado coma min ao velos xogar. Aínda agora, cando os vexo nadando polo mar de Lira, lémbrome del e daquela primeira observación.

As baleas alimentarían de novo as fantasías e os soños a partir da visita que fixen cos meus pais as instalacións de Massó en Cangas, onde fóramos os catro un día de verán: pai, nai, miña irmá e eu, como agasallo deles a nolos dous, nunha viaxe que nos levou de Marín a Cangas en autobús, de Cangas a Vigo en barco e de Vigo a Ourense en ferrobús. Veu logo un artigo lido nun libro xuvenil que escolmaba algúns dos publicados na revista do Reader’s digest. Alí souben do arpón noruegués, da persecución e caza por todos os mares, do despece, e comprendín a mecánica do proceso que intuíra en Cangas.

Fascíname esa relación do cetáceos cos nenos. Paréceme que entre eles se produce unha atracción que é proceso correspondido, de ida e de volta, quizais pola inocencia que comparten, porque xogan ou, porque agás os orcos que perseguen pingüíns ata a praia, non se coñecen imaxes sanguinarias dos cetáceos. Ao cabo ninguén puido filmar a pelexa do cachalote coa lura xigante. Os cetáceos teñen, ademais, a propiedade, de transformar en nenos aos homes máis rexos. Luis Sepúlveda, no libro Mundo del fin del mundo, refire unha experiencia inesquecible, cando embarcado no Evangelista, ve por vez primeira aos golfiños que se achegaban ao barco, case rozando a proa e engade: “os mariñeiros chilotes rían coma nenos felices. Dúas horas. Os golfiños respondían aos berros e asubíos con saltos aínda maiores”. Nese mesmo libro, algo máis adiante cuestiona que ás veces os golfiños semellan máis sensibles que os seres humanos e máis intelixentes. Afirma que son a única especie animal que non acepta xerarquías e denomínaos os “ácratas do mar”, antes de concluír que é posible que o seu ser amistoso sexa máis forte que o instinto de conservación. Noutro dos seus libros, Patagonia Express, Sepúlveda conta a historia de Panchito Barría, o neno que falaba cos golfiños. Antes de cumprir os tres anos, Panchito sufriu unha poliomielite que o deixou inválido. Seus pais, pescadores, cruzaban cada verán o estreito de Magallanes para instalarse en Angostura. O neno viaxaba con eles, coma un amoroso vulto, un ser triste, túzaro, que case non sabía falar. Pero un día, un grupo de golfiños austrais apareceu diante de Angostura. Panchito, en canto os viu, ceibou un berro esgazado. Os golfiños afastáronse, mentres os seus berros aumentaban de volume e desconsolo. Por fin un golfiño regresou e empezou a dar saltos na auga e canto máis saltaba, Panchito máis berraba. Entre o neno e o cetáceo establecérase unha comunicación única. O golfiño visitou ao neno todos os días do verán. Co inverno o golfiño deixou de aparecer e Panchito regresou cos seus pais ao outro lado do estreito. Panchito non sentiu mágoa, dixo que o golfiño tiña que evitar que o atrapasen os xeos, pero que regresaría ao ano seguinte. Así foi. Panchito cambiou, volveuse falador, alegre, xogou cos outros nenos, aprendeu a ler e a escribir, traballou coa comunidade. Foi así durante seis anos. Un día do verán de 1990 o golfiño non acudiu á cita. Os pescadores buscárono. Non o atoparon. Co que si deron foi cun buque factoría ruso, asasino do mar, navegando moi preto de Angostura. Aos dous meses, Panchito morría de tristeza.

A saber en que lingua lle falaba o golfiño a Panchito. Álvaro Cunqueiro consideraba a posibilidade de que os golfiños falasen latín. Quizais o golfiño non sabía nin o mapuche, nin as linguaxes incaicas da cordilleira, nin o castelán dos chilotes. Se cadra era Panchito quen falaba a lingua dos cetáceos, unha lingua simple e primitiva, pero chea de significados, no que as palabras non significan o contrario do que queren dicir, como tantas veces acontece entre nós.

O ser amistoso do cetáceo transcende a morte. Os nenos xogan con eles máis alá da vida. Durante anos, en Fisterra, preto do Mar de Fóra, permaneceu arrombado o esqueleto dun cetáceo, cachalote ou balea, previamente varado e descomposto. As mulleres sentaban sobre as vértebras nos parladoiros do serán e os nenos empregaban as costelas como columpios e tobogáns. Fernando Quiñones, nun dos poemas de Las crónicas de mar y tierra, lembra que as baleas eran: festa, cartos, graxa, carne, cadeiras e xoguetes, citando a Jovellanos, quen refería como os nenos de Xixón embarcaban sobre as costelas, entregándose nelas ao xogo das naves.

Hai algo máxico nos esqueletos arrombados dos cetáceos, máxico e útil. Coloane no seu libro El camino de la ballena, conta como o buzo Andrade aproveitou a osamenta dunha balea enferma ou ferida de arpón, que varou na praia diante da súa casa, e logo de despezala, aproveitou con enxeño os osos cos que arranxou a fronte da casa e o xardín, instalando uns asentos feitos con vértebras e costelas. O resto da osamenta, branquexada polo sol, distribuíase entre árbores froiteiras e flores. Neses asentos sentaban o buzo e Pedro Nauto, para falar coma homes e tecer as redes.

Os nenos de Lariño, co espelma atopado nas praias e empregado polos maiores para facer candeas, reproducían as naves dos pais e dos avós, principalmente xeiteiras. O espelma actual é considerado polos crebeiros da Costa da Morte como unha tumoración sebácea do cachalote, aínda que o que podería ser, na maior parte dos casos, é parafina da empregada nas soldaduras.

A Ramón, irmán da protagonista da novela Así nacen as baleas, de Anxos Sumai, as baleas gústanlle e forman parte do seu imaxinario vital. O pai, que vive no afastado Xapón, non entendía como do seu fermoso corpo nacera un ser tan estúpido e tan descomunal coma as poucas baleas que vira nas súas viaxes. Ao pai non lle interesaban as baleas, nin a súa forma de cantar, nin de dicir, nin de respirar. A ela, a Nena, a protagonista da historia, si. Quere ao seu irmán, atrasado por unha lesión cerebral, consecuencia do parto. Ela pensa que a voz de Ramón, cando canta, é coma unha explosión de burbullas.

Ramón sabe que as baleas son animais enormes, os máis grandes que existen, e cando fala delas fai: blop, blop, blop, con cara de globo, como de peixe, e soña cumprir algún día o seu íntimo desexo de se transformar en cetáceo, grazas aos baños da nai, e marchar ao mar. A Nena, xa morto Ramón, dedícase ao estudo das baleas e sabe que se elixiu ese traballo foi por el, porque unha vez amou a un ser cun corazón que pesaba, polo menos, catrocentos quilos, que porfiaba por se transformar en balea e que dicía que as baleas cantan, as baleas respiran debaixo da auga polos pulmóns, as baleas zurrichan o leite dos tetos na boca dos seus fillos, que nacen polas colas das nais.

PAISAXE DE BATALLA

Hoxe, tras mes e medio de espera, atopeime con mar de inverno. Nestes últimos días botábao en falta, afeito a convivir con el todos os anos. O que atopei no paseo que vai dende a casa en Sestelos ata a Boca do Río, foi un mar desatado e salvaxe, unha natureza vencida polo vento e pola auga, a visión dun territorio familiar vestido hoxe dunha desacougante beleza.

A praia transformada

A praia transformada

A icona de Mar de Lira, agora símbolo dun naufraxio

A icona de Mar de Lira, agora símbolo dun naufraxio

Antes xa María me puxera ao tanto. Mal ano, dixera, cinco mortos na parroquia e dous barcos perdidos, un deles o da confraría. Si, o Novo Belay, o que quixo ser abandeirado do proxecto Mar de Lira, un vello pesqueiro de Fisterra, adquirido e restaurado para navegar de novo, agora con outra función, habilitado para facer turismo, para levar viaxeiros, tamén persoas con discapacidade. Fixéramos nel, no verán do ano 2011, unhna viaxe inaugural, de Lira a Caldebarcos, logo toda a Costa das Crabas e o Pindo, pasando por diante das Lobeiras. Isto é o que resta del.

Paisaxe de batalla, pero aínda non despois da batalla. Moita natureza morta: medusas, paxaros, cetáceos. Atopei os corpos de 6 araos e 4 frailecillos. Un dos araos aínda vivía cando o atopei. Deixouse coller e procurou a miña calor. Fíxenlle un niño mentres buscaba algo para protexelo ata a casa, porque chovía e non tiña onde metelo. Cando volvín xunta del, xa estaba morto.

 

 

 

 

 

 

 

 

PRESTIGE, UNHA SENTENZA, UN ESTADO

Pensaba escribir hoxe doutra cousa máis lírica, máis musical, máis fermosa, pero sinto que debo dicir algo sobre a sentenza ditada onte sobre o afundimento do Prestige e as súas consecuencias. Deixei pasar unhas horas, asomeime ao texto do tribunal, vin moitos comentarios. Agora, pasado o tempo, quixera reflexionar e, se é posible, compartir ou dialogar sobre algo que a moitos nos deixou atónitos.

A verdade é que xa non confiaba moito na xustiza. En xeral non confío nada na xustiza da marca España. Onte foi o Prestige, antes o peche en falso do accidente de metro en Valencia, logo Garzón, dende hai semanas imos advertindo por onde encamiñan a investigación, dilixencias e instrución da trama Gürtel e as súas derivacións: cambio de mandos policiais, resolucións xudiciais sobre asuntos relacionados coas iniciativas do PP na destrución de probas. Hoxe mesmo escoitamos e lemos as conclusións do fiscal sobre a infanta.

Dende a incredulidade, un certo noxo e fastío, penso que a sentenza asinada por Juan Luis Pía Iglesias, Salvador Sanz Crego e Mª Dolores Fernández Galiño, non fai máis que facer súa a sentenza previa ditada polo corpo social da nosa comunidade, que en sucesivos procesos electorais actuou como un gran xurado popular. Hai tempo que a maioría da sociedade galega expresou o seu ditame, absolvendo a calquera responsable e decidindo pasar páxina.

Afondar na investigación procurando botar luz sobre as causas, a cadea de decisións e as consecuencias, supoñía, sen dúbida, investigar o grao de culpa de cada quen. Só era posible garantir a inmunidade dos responsables negando a posibilidade de avanzar nas pescudas. E iso fixeron. Producen rubor as afirmacións do tribunal de que logo de once anos e tantos meses de vista, non foi posible investigar nada, nin sequera o destino final da carga do buque. Ler todo o que non se investigou, resulta revelador. Penso que elas, as Sete magníficas, os sete soles que durante tantos meses alimentaron a case cen mil voluntarios, non o entenderán.

As sete magníficas. Foto Maribel Longueira

As sete magníficas. Foto Maribel Longueira

Nese sentido hai que salientar a noticia que hoxe publica a prensa, en relación coa condena millonaria á empresa Chevron por parte dos tribunais de Ecuador e a iniciativa de procurar apoios internacionais para facer efectivos os embargos alá onde a empresa teñan bens. Non todos os estados nin todas as cortes de xustiza actúan igual, porque aínda que non se consiga que Chevron pague o sanción imposta pola sentenza, é evidente a diferencia de actitude con respecto ao noso. A conclusión en Ecuador é clara: quen contamina, paga.

A sentenza do Prestige é unha mostra máis da excelencia da marca España, marca da que eu quixera borrarme. De poder non estaría aquí e non descarto afastarme en canto poida. Cada día sinto máis forte a presión, a dificultade para vivir en liberdade, a perda da condición de cidadán. Procuramos ser felices nunha sorte de exilio interior e loitamos contra a resignación, pero, ao cabo, sigo, ou seguimos, a ser cans que ladran polas esquinas, comentario que ninguén retirou, palabras ditas contra centos de miles de nós.

Expresado todo o anterior, debo dicir tamén que manteño unha relación constante co mar de Lira, un dos máis afectados entón. Imaxes coma esta que recolle o vídeo que vos convido a ver e que non son de alí, pero si da costa coruñesa, falan dun mar que loita por recuperar o pulso e con ser de novo un mar de vida. Este verán eu asistín a varios espectáculos coma este:

O vídeo anterior pertence a Carraxe Wave Produztions, tan bo nome para o día de hoxe. E para mar de vida, esta canción La mer, de Charles Trenet, que a min sempre me gustou e que vén sendo coma un brillo de ondas nun mar en calma.

 

CACHALOTE E ÁMBAR GRIS

Meu amigo Xosé Manuel envíame estas dúas páxinas coa crónica da varada dun cachalote en Esteiro de Lugo. A crónica, escrita por un mestre chamado Chemi Lombardero, ten a súa miga e o que máis me chama a atención é a cobiza final polo ámbar gris, ese tesouro producido polo estómago dos cachalotes, pero non de todos, só daqueles que se alimentan de luras xigantes, como esa que hai pouco conseguiron filmar xaponeses e americanos.

Ámbar gris anacos

Mostras de ámbar gris

A lura xigante vive no fondo abisal, onde só o cachalote pode descender, grazas á materia graxa que conforma a súa cabeza, de tanta potencia luminosas, coñecida como esperma e que tamén aparece no artigo. Vencido e devorado a lura, as súas partes duras non poden ser dixeridas polo estómago do cetáceo, revestíndoas dunha materia viscosa coa que as envolve. Esta materia, en contacto coa auga e co aire, endurece. O ámbar gris, coñecido dende antigo, foi esencial para a perfumería de luxo. O paradoxo é que sendo un dos elementos máis nauseabundos da natureza, ten a propiedade de fixar os recendos todos, transformándose así en esencia, símbolo de elegancia e de voluptuosidade.

Vai a crónica de Chemi Lombardero Rico.

Cachalote en Esteiro.1Cachalote en Esteiro.2