A PAIXÓN DO COTIÁN

Fun ver a película A xuventude de Paolo Sorrentino. Penso que o título orixinal é Youth, e digo isto porque o director é italiano e italianos, suízos e franceses son os cartos. Gustoume moito. O tema non é doado, unha ollada cara atrás e cara adiante, da man dos personaxes que interpretan Michael Caine e Harvey Keitel. Atrás e adiante, horizontes xa inalcanzables para eles. Na miña opinión, a proposta estética, quizais por veces excesiva, axuda a mellor levar un tema que sen ese adobío podería causar a depresión do espectador maior e a deserción da xente nova. O guión é moi bo, fondo nos diálogos cando é necesario, e con momentos de humor. Os minutos de Jane Fonda son formidables.

Paréceme que a nómina de personaxes que se reúnen no hotel de luxo de Suíza -un lugar imposible para o común da xente, como imposible era a Roma que viamos en A gran beleza-, compréndense dende a perspectiva do actor que leu a Novalis e debe interpretar a Hitler, cando nos fala da paixón. Nada hai neles de cotián, por máis que o personaxe de Caine diga que finalizadas as vacacións regresará á rutina. Pero todos eses seres: Maradona, o monxe budista, o escalador… viven ou viviron a súa paixón e ese é, paréceme, o nó da película.

lahuellacartelSon seguidor de Michael Caine, dende aquela La huella de Joseph Mankiewicz, que vin, quizais, con 13 ou 14 anos no Xesteira; película na que el e Laurence Olivier mantiñan un duelo interpretativo extraordinario e inesquecible para min.

Agora, nesta de Sorrentino o diálogo, -non exactamente un duelo-  é con Harvey Keitel. Admiro a Keitel. Sei que estivo a piques de deixar o cine por aquela decisión de Coppola o Grande, de substituílo polo noso Martín Sheen, en Apocalypse Now. Pero soubo superar aquel momento difícil e atopou o seu camiño no cine independente ao que se entregou: O piano, Pulp Fiction, Thelma & Louise e ao meu ver, sobre todo, Smoke de Paul Auster e Wayne Wang. Nesa película gañoume para sempre.

Tamén nesa película hai paixón, a paixón do cotián, expresada na teima fotográfica do protagonista, que cada mañá, á mesma hora, toma unha imaxe da rúa e da esquina que olla dende a porta do seu negocio, un café-tenda de revistas e tabaco. Miles de fotografías que semellan retratar o mesmo, pero que son todas diferentes. Xa di el que un día chove e outro vai sol, un neva e outro venta, pasan pola beirarrúa diferentes persoas e pola rúa coches distintos… Eu lembro esa teima súa cada día, cando vou ao traballo. Paso sempre á mesma hora polo mesmo traxecto. Son 300 metros dende o coche ata a escaleira, pero procuro sentir neles a paixón do cotián, a riqueza do día; cada mañá a mañá, como se fose única, a última. Lembro o personaxe de Keitel e busco a diferencia ou o matiz, onte era a lúa chea, hoxe no principio do devalo; dentro dun mes será o amencer; poden ser planetas aliñados, o canto dun merlo na sebe de mirtas, a estridencia das gaivotas, o matrimonio de xubilados que sube no mercedes cada mañá á mesma hora para ir á aldea; a ansia por ver ás persoas que quero na oficina, por compartir un sorriso.

Son lector de Auster, pero admiro a súa capacidade para traballar con eficacia outros rexistros, como o cine. Smoke gustoume moito. En Brooklyn fun á encrucillada da Terceira coa Sétima Avenida só por ver o espazo do film. Iso foi no 2014. Está a esquina, pero non o local que valeu de localización para a película. Gústame moito este trailer, no que Tom Waits interpreta esa canción marabillosa Innocent when you Dream. Aí está o soño desa avoa cega por recuperar seu neto en Noiteboa. Polos soños.  

PUBLICIDADE NUN PROGRAMA DE FESTAS

Chega a min o programa das festas de Dacón do ano 1948. Quen mo pasa coñece a miña relación co Coliseo Xesteira, que debe financiar o programa coa publicidade. No Xesteira, cine fundado en 1939 polo meu tío avó Manuel Xesteira, traballou meu pai dende os 16 anos ata os 62 e nel medrei e vin centos de películas. A el lle dediquei aquí varios artigos, sendo este o principal:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/02/27/o-coliseo-xesteira-en-ourense-no-tempo/

Dacón é vila de Maside, cruzada pola estrada que dende Ourense leva o Carballiño e ascende logo os altos do Paraño. Era este camiño de arrieiros e arrieiro era o meu tío avó, se cadra por iso colaborou nas festas dese ano. Aquí pasou a súa infancia Aurora Bernárdez.

Festas Dacón. Xesteira

Festas Dacón 1O programa é curioso e cumprido. Con fogo fixo e voador, dúas bandas, gaiteiros e alumeado

artístico. Non sei que é iso da carreira ciclista de cintas, pero si as cucañas. A destacar o partido de fútbol que enfrontou a Unión Deportiva Orensana contra o Dacón F.C., reforzado por xogadores do Celta que aínda lembramos hoxe, como Pahíño.

Festas Dacón 2

Significar que o anuncio do Xesteira fala de sala de espectáculos, non só de cine, porque daquela, sobre o escenario, representábanse pezas de ópera, zarzuela e teatro; dábanse concertos e tamén se instalaba un ring para veladas de boxeo.

A CICATRIZ BRANCA

Onte, acompañando a Eva Veiga, asistín á presentación do libro DVD, editado por Galaxia, co filme A cicatriz branca, de Margarita Ledo. Participaban no acto Margarita como directora da película, Eva como protagonista e Víctor Freixanes como editor.

A cicatriz branca

Eu xa vir a película cando a estrea no Teatro Rosalía da Coruña, pero gustoume moito estar con eles, con elas, e escoitarlles falar do feminino, do reto de traballar con actores non profesionais; de como un proxecto que empeza sendo ficción baseado no real pode transformarse en documental que fai ficción coa historia e, sobre todo, de como o actor debe conterse nunha película de ritmo lento como é esta. Quizais a definición mellor dese traballo a deu Eva cando dixo que o actor ten que aprender a falar para dentro.

Era o último acto da feira 2015, coma sempre, o principal acontecemento do libro en Galicia.

LAURA ANTONELLI

Faleceu, hai poucos días Laura Antonelli. Nunca cheguei a ser un seguidor incondicional das súas películas. Parecíame fermosa, cun algo inxenuo na expresión do seu rostro e un corpo que deixou utilizar, en detrimento da súa calidade como intérprete. Sempre me pareceu que era mellor actriz do que parece indicar a súa filmografía.

A min conmoveume fondamente na película El inocente (1976), a última e derradeira de Luchino Visconti, dirixida no limiar da morte, baseada na novela de Gabriele D’Annunzio, na que Laura comparte cabeceira de reparto con Giancarlo Gianni, quen nos agasalla cunha interpretación excepcional no papel de Tullio Hermil, o home de Juliana (Laura).

A escena na que Juliana, núa e deitada sobre o leito, queda en mans do marido burlado por burlón, sempre me pareceu a metáfora da fraxilidade de Laura Antonelli. A min, finalmente, o que me quedou desa historia non é a morte do neno, o inocente, senón esa imaxe dela, entre turbadora e lánguida.

Laura AntonelliA medida da capacidade de Laura Antonelli como actriz, exprésase na película de Visconti e en Malizia (1973), de Salvatore Samperi, a historia da criada que, querendo ou sen querer alimenta os soños eróticos do adolescente da casa.

Curioso o legado artístico desta actriz que foi moi querida, que quixo ser mito erótico, quizais sen se decatar de que o erotismo que pretendía, deixaba en moitos espectadores un sentimento de nostalxia e de desexo de amparo, porque o que transmitía era febleza e fraxilidade.

O COLISEO XESTEIRA EN OURENSE NO TEMPO

Antes de rematar o 2014, Rafael Salgado convidoume a escribir un artigo para o blog Ourense no Tempo, contando algunha anécdota da miña relación co Coliseo Xesteira, o cine onde traballou meu pai e onde medrei.

Outras ocupacións leváronme a adiar a encarga, pero no mes de xaneiro prometinlle que estaría lista neste febreiro que remata hoxe. Hai quince días púxenme ao labor, coa intención de escribir un folio e medio. Produciuse entón unha sorte de catarse, na que non fun quen de dominar as emocións e as lembranzas e o resultado, conténdome, foron seis folios que Rafael publicou estes días na páxina.

Quedan moitas cousas por contar: de cando as instalacións do Xesteira foron tamén ximnasio de boxeadores; do pintor encargado de deseñar e debuxar os grandes carteis da fachada; a memoria das músicas; as marabillosas películas de aventuras de rosas negras e alfombras que voaban, de camelos que falaban, daquel cabalo enorme de madeira nunha película sobre Troia que me impresionou tanto que xa nunca o esquecín.

Acaso un día me anime a escribir todo isto e a lle dar forma de libro. Mentres, por se a alguén lle interesa, deixo as tres entradas nas que organizamos o texto:

http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2015/02/o-coliseo-xesteira-i-francisco-x.html

http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2015/02/o-coliseo-xesteira-ii-francisco-x.html

http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2015/02/o-coliseo-xesteira-iii-francisco-x.html

Aproveitando, Rafa exhumou máis memoria e publicou algunha cousa tan curiosa como ese Western de Antonio Román, o director ourensá, titulado Ringo de Nebraka, película que eu non lembro.

http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2015/02/western-ourensano.html

O GALEGO A ÚNICA BANDEIRA

Unha vez máis polas rúas de Compostela, convocados pola Mesa. Unha vez máis esixindo defensa, amparo, promoción, presenza, políticas activas, atención, coidado, cariño, do e co galego. Unha vez máis. Mani galego 2

Unha vez máis alí, malia non entender a frase ou o lema da convocatoria.

Dende o principio tiven a sensación de que eramos menos. Durante todo o percorrido pareceume advertir menor entusiasmo e un certo escepticismo. Imos breados e non atopamos o xeito de frear o deterioro, de virarlle a tella ao aire.

Non sabemos ou non podemos transmitir o amor pola lingua aos que desertan, aos que rexeitan, aos que recúan. Sei ben de quen é a responsabilidade maior, sei quen representa a irresponsabilidade maior, pero iso non evita que pretenda comprender, que olle ao meu redor, iso non me impide reflexionar.

Máis alá deles, máis alá de nós, hai vida, hai relacións, hai comunicación, hai simpatías e antipatías, hai comunidade. Velaí o espazo onde traballar.

Mani galego 3

Non leva razón o Sr. Feijoo, que onte volveu eludir o seu deber culpando en exclusiva á sociedade da deriva do galego. Aínda aceptando a responsabilidade colectiva, que é certa, á súa obriga é desenvolver políticas que actúen sobre a cerna do problema, prestixiando, dando valor, convocando e recuperando o consenso político e social, a acción común, achegando vontades.

Moito foi o mal causado á lingua en pouco tempo. A argumentación falaz, tantas veces repetida polas voces que gobernan e tan ben recollida nos medios de comunicación, encheu o fardel dos argularios; a estratexia de dividir e de danar deu azos aos inimigos da lingua, que haber, hainos, e incrementou o bando dos indiferentes.

Onte acudimos unha vez máis a Compostela, que non é terra liberada. Ata a conexión eléctrica na Quintana lle foi negada á convocatoria.

É imprescindible a profusión de bandeiras que ondean de cada vez e que a tantos arredan?

Gustaríame percorrer as rúas, en mañá de sol ou de chuvia, convocado por unha única chamada, por unha única bandeira: a da lingua. Penso que estariamos máis, se así fose. É tan difícil? Unha soa organización, a sociedade civil, comprometida e libre, sen outro pavillón, sen outro estandarte, sen outro emblema. Sumando e non restando. Sumando sempre.

CON CORTÁZAR EN PONTEVEDRA

PO, con Juan de la ColinaOnte estiven con Juan de la Colina no museo de Pontevedra. El co seu documental cortAZARgalicia, e eu co libro publicado pola editorial Linteo: O soño galego de Julio Cortázar. Xuntos, Juan e máis eu, ofrecemos un produto patrocinado pola Secretaría Xeral de Cultura, que ten a Cortázar e a Aurora Bernárdez, como referencias.

Antes do inicio do acto, paseando as rúas coa miña amiga Malores, preguntábame se Aurora e el estarían alí, en Pontevedra, nas viaxes a Galicia dos anos 1956 e 1957.

Pouco sabemos do que fixeron cando andiveron por aquí. Viñeron en tren, con dificultades para se desprazar. Da viaxe primeira sabemos que estiveron en Santiago de Compostela, onde chegarían procedentes de Salamanca, e que tomaron un tren en Vigo para marchar. Que aconteceu polo medio?. Eu pregunteille a Aurora se Cortázar estivo con ela en Lago, a parroquia de Maside de onde era orixinaria a familia dela, onde foi acristianada, malia nacer en Bos Aires, e onde pasou os primeiro anos da infancia. Aurora respondeume que non.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Eu non creo que parasen en Redondela e en Ourense, aínda que Julio fala deses dous lugares na carta que escribe a Eduardo Jonquiéres. Penso que os cita porque os ve dende o tren, de paso, pero esa é a miña opinión, discutible.

Na segunda viaxe paran en Lourido, Nigrán, ao sur de Vigo. Supoño queOLYMPUS DIGITAL CAMERA irían a Bayona, que subirían ao Monte Ferro, que pasearían pola Ramallosa. Creo que foron a Vigo en tranvía, non só para tomar o tren do regreso, senón algunha vez máis. Aurora contoume que unha impresión que Cortázar tiña era que en Galicia había moi poucas librarías e esa impresión penso que non estaba limitada a unha soa cidade. Pero non sei se chegarían a Pontevedra. Cortázar, nunha carta previa a Jean Bernabé, anuncia a intención de vir e de visitar as cidades e as rías. Que cidades? Que rías? Non llo preguntei así, expresamente, a Aurora, e xa o lamento, así que deberei esperar para sabelo, por se entre os seus papeis aparece algún diario de entón, un caderno con anotacións, calquera cousa que nos dea algo máis de luz arredor disto. Dende logo, as cartas que coñecemos desta segunda viaxe, escritas todas dende Lourido, nada nos desvelan ao respecto.

A primeira imaxe, na que estou con Juan de la Colina,  foi tomada por Antón Sobral. As outras dúas por Malores Villanueva. Na segunda vese un retrato de Cortázar barbado, feito por Luís Seoane, moitos anos antes de que Cortázar tivese barba de seu.

ANITA EKBERG

Anita.3Tardei moito tempo en saber que a muller que de maneira difusa formaba parte da miña primeira lembranza de vida, era a mesma que me cativou logo, sendo adolescente, cando vin La dolce vita, de Federico Fellini. Nesta película, ela comparte reparto e historia  con Marcello Mastroianni. Quizais esta foi vista nalgunha sesión do Cine Club Padre Feijoo de Ourense, ala polos anos 1972 ou 73.

Pero a primeira visión era de moi atrás. Acaso con catro anos,Loco por Anita.2 non podería concretar en cal dos cines que traballou meu pai, se no Xesteira ou no Yago, sei que vin cun só ollo, por un burato practicado por el no peitoril do palco e sentado no chan, unha película na que dous homes e un can, un gran danés de cor marrón, viaxan nun descapotable vermello na procura dunha muller. Dúas eran as lembranzas que perviviron. Nunha, dous homes viaxan no descapotable e entran nun túnel, un deles conduce, o outro vai á beira e o can vai detrás. Cando saen, é o can quen conduce. A memoria mesturou dúas secuencias, porque o can si chega a conducir o coche, pero non nese momento. A outra lembranza é dos homes e o can, xa no seu destino, acompañados dunha muller loira vestida de branco. Esa muller era Anita Ekberg.

Loco por Anita 1Co tempo fun sabendo que a película era Loco por Anita, título español, que en versión orixinal era Hollywood or bust, interpretada por Jerry Lewis, Dean Martin e Anita Ekberg e dirixida por Frank Tashlin en 1956. Hai anos, unha amiga portuguesa, ao saber esta miña historia, agasalloume cun vídeo coa versión en francés: Un vrai cinglé de cinéma. Por entón, descubrín tamén, que foi a última das películas que fixeron xuntos J. Lewis e D. Martin e que era anterior, en 4 anos, á de Fellini, que é do ano 1960.

Hai tempo, buscando información da miña Anita en internet, fíxome graza atopar unha referencia na que alguén ligaba os nomes dos actores cos personaxes: Jerry Lewis como Malcolm Smith; Dean Martin como Steve Wiley; Gran danés como Mr. Bascom; Anita Ekberg como ela mesma. Precisa a anotación, iso si, porque Anita, na película, só fai de si mesma.

Agora o meu amigo Francesc Torres rescata esta imaxe, tan afastada daquela primeira lembranza miña, pero tan fermosa. El escribiu ao pé: Marcello, come here! La muerte es una cabronada, por más sentido que le dé a la vida. Se ha ido Anita Ekberg.

Anita.1

CINE ALAMEDA, BELINDA E OUTRAS PELÍCULAS

sono galegoOnte, arredor da presentación do libro O soño galego de Julio Cortázar, publicado por Linteo, no Museo de Belas Artes da Coruña, sucederon cousas. A máis importante, sen dúbida, o colapso que viviu a cidade pola manifestación dos traballadores de Alcoa. Pola manifestación en si, tampouco. A cidade foi tomada pola policía, como se agardasen unha batalla campal. Iso dificultou aínda máis o tráfico, transformando o centro e península da cidade nun lugar sen acceso e sen saída e atrasando a público e a Secretario Xeral de Cultura.

A manifestación remataba á beira do Museo, onde están as instalacións da Rede Eléctrica Española, xa que o problema de Alcoa, din os empresarios que propoñen o peche, é o custo da enerxía. Dende aquí quero expresar o meu apoio aos traballadores e a miña solidariedade. Non puiden estar con eles en ningunha das dúas manifestacións convocadas, xa que o pasado venres, durante a primeira, eu presentaba a homenaxe a Miguel González Garcés, e onte… onte presentaba o libro.

A programación de onte estaba concevida como unha homenaxe a Julio Cortázar. Nela estaba programaa a miña presentación e, tamén, a estrea dun documental: Cortázar Galicia, de Juan de la Colina. Cando agardabamos para empezar, un fotógrafo pediunos posar, porque dado o atraso, non podía agardar para facer a foto na mesa. Foi el quen me dixo que había anos, xa me retratara con máis escritores, no Carballiño, na cabina do cine Alameda, á beira da máquina de proxección. O fotógrafo é Moncho Fuentes e aquela foto foi feita o día da presentación doutro libro, Narradores de cine, co que Xerais conmemoraba o centenario do cine en Galicia. Eran as Xornadas de cine do Carballiño do ano 1996. Pedinlla e mandouma. De esquerda a dereita (o burro diante…) estamos: eu, Moncho Caride, Camilo Franco, Xerardo Méndez e José Antonio García Rodríguez.

cinealameda_002

Naquel libro eu incluín o relato Belinda. Cando me chamou Camilo para pedirme unha historia sobre cine, pensei en facelle unha homenaxe a meu pai, logo de 46 anos traballando arredor del, case todos no Xesteira, pero tamén no Iago e no Losada. Pensaba eu en xogar cun cine e unha película e que el entrase dalgún xeito no guión. Pregunteille cal fora a película que máis lle gustara dos centos ou miles que programara ao longo da vida. El díxome: Ben-Hur! Eu non vía ao meu pai no circo romano, organizando a carreira de cuádrigas, aínda que si lle din algunha volta á idea. Insistín, buscando outra oportunidade, e el comentou que unha película que lembraba moitas veces, porque o impresionara, era Belinda.

belindaDirixida por Jean Negulesco en 1948, o filme é adaptación da obra de teatro de Elmer Harris. A protagonista, Hane Wyman, recibiu o Óscar daquel ano pola súa interpretación. A historia da rapaza muda violada, permitiume xogar con espacios queridos: Magarelos de Allariz e co cine Xesteira, introducindo na historia a meu pai e a un falanxista desnortado e vagamundo. Gustou moito da historia Miguel Castelo, quen chegou a escribir un guión para unha curtametraxe de media hora, pero non conseguiu financiamento, e iso que fomos falar con Baltar pai. Este relato incorporouse logo ao libro Historias roubadas, publicado por Everest, e non é a única de cine que alí hai.

Si, sucederon cousas na presentación de onte. Algunhas, curiosas, contareinas nos vindeiros días. Outras non foron tan agradables. Ao remate, un grupo de mulleres pasaba por diante da mesa onde o libreiro vendía os libros e comentaban: el libro puede ser interesante, pero está en gallego. Si estuviese en español lo compraría, pero en gallego que lo compre él. Supoño que eu era él. Así está a cousa.

O documental de Juan de la Colina é moi evocador. Xoga coas imaxes das viaxes de Aurora e Cortázar a Galicia e cos lugares onde estiveron e por onde pasaron. Os fundidos das fotografías sobre a paisaxe urbana ou rural actual están moi ben. O remate é suxerente, surrealista, dixo Pepe Mondelo no coloquio, coa imaxe dun can, que fai de extra e agasalla momentos magníficos, mentres soan as campás dun templo.