SAN AMARIÑO DE OIRA

San Amaro 1Día do San Amaro, festiña de Oira, este ano de sol e luz. Pouca xente na misa. Esta é a única misa á que eu vou de maneira voluntaria en todo o ano. Acompaño á miña nai á capela. Logo virán ou non outras misas por obriga social: vodas ou funerais. Este ano veu moi pouca xente. Hai unha fractura social na parroquia, que iso non é cousa exclusiva de Cataluña, o malo é cando afecta a un lugar de cento e medio de habitantes. Fíxose procesión, levando a imaxe no colo, que é pequena, porque estragou o enganche das angarellas. As mulleres que o levaron fixérono con tenrura, case con tanta como a expresada por Carolina Bescansa co seu fillo no Congreso.

San Amaro 3

San Amaro 5A capela de San Amaro é cativa de todo, garda proporción co santo. Forma parte dun edificio que foi conventiño de monxas ata aSan Amaro 2 desamortización. Pertencía a Oseira. Agora é vivenda privada, pero mantense a capela e a devoción. Quedan pegadas do que foi. Esa fiestra con escanos, o sinxelo retablo da virxe, o san Bieito ou o escudo.

No ano 2014, na entrada deste día, compartín o retranqueiro poema de Valentín Lamas Carvajal, sobre o San Amariño de Oira, que aconsello ler porque é moi divertido.

SAN AMARO DE OIRA

Tamén ten canción, composta por Manuel de Dios e interpretada pola Coral de Ruada:

Festa, festiña de Oira,
festa do santo Amariño
naquel campo tan fermoso
ata baila o río Miño.
                                      É un santo milagreiro
                                      o noso santo Amariño,
                                      non faltará boa vitela
                                      e bo viño do ribeiro.

LUZ NOVA DUN NOVO ANO

Entre temporais van transcorrendo os primeiros días do ano. Luz fermosa e limpa cando calma, temporal sen concesións cando peta o vento e chove. A min o mar deixoume entrar nel onte e hoxe, dous baños breves, pero intensos, cara o mediodía, as dúas mañás con sol e paxaros. Estas dúas imaxes que deixo, corresponden á luz de onte entre as 11,00 e as 13,30, a primeira luz de 2016, con arco da vella na segunda. Unha aperta grande.

Día 1

Día 2

DE VOLTA NO POZO NEGRO

Hoxe volvín con Fernando Alonso Romero ao Pozo Negro. Era compromiso adquirido dende a última visita recollida no artigo publicado o 4 de novembro: http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/11/04/outra-vez-no-pozo-negro/

Nesta ocasión acompañounos Xacobe Meléndrez. A idea de Fernando era subir polo curso de río Vadebois, o río que nace no alto do Monte Pindo, e chegar ata preto de Cima da Arca, por ver se había algún outro pozo, diferente do Pozo 2que atoparamos nas dúas últimas visitas, e que puidera ser candidato mellor a figurar nun artigo próximo de Fernando como o lugar da lenda que el analiza e que recolleu hai anos. Nos mapas dan o Pozo Negro á beira dun muíño, así sucede no mapa de 1945, onde ademais lle engade o substantivo “Fuente”. Pero Fernando desconfía dos mapas, considera que, ás veces, a localización dun lugar non é exacta ou tan precisa como sería desexable. Camiñamos polas pedras, pasando dunha beira á outra do río, durante case unha hora ePozo 3 fomos atopando moitos pozos, pero ningún da dimensión e da fondura do que está situado xusto á beira do muíño dos mapas, do que só quedan as ruínas. Algúns deses pozos son estes que se ven nestas imaxes tomadas por min.

A conclusión dos tres é que ten que ser o que consideramos dende o principio, porque, ademais, se tiña o rito que contaban, necesitaría ter auga abonda no inverno e no verán e canto máis arriba, menos auga, xa que no tramo que onte camiñamos, deixamos atrás tres regatos que aumentan o caudal do Vadebois.

Mapa Pozo negro

Bañámonos no Pozo. Día 6 de decembro e bañándonos no río, sen frío. De certo, algo está a cambiar. Xacobe, empoleirado á parede do muíño e logo do baño, fíxonos esta foto tan fermosa a Fernando e a min, á beira do Pozo Negro.

Con Fernando no pozo

Citar, para engadir ao censo de seres vivos do Monte, que atopamos un exemplar de Chioglossa lusitánica, ou salamántiga rabilonga, endémica do norte de Portugal e de Galicia, animaliño que aquí vedes entre as mans de Xacobe, tisnadas de tanto pelexar con xestas e piñeiros queimados.

Tritón Vadebois

PUBLICIDADE NUN PROGRAMA DE FESTAS

Chega a min o programa das festas de Dacón do ano 1948. Quen mo pasa coñece a miña relación co Coliseo Xesteira, que debe financiar o programa coa publicidade. No Xesteira, cine fundado en 1939 polo meu tío avó Manuel Xesteira, traballou meu pai dende os 16 anos ata os 62 e nel medrei e vin centos de películas. A el lle dediquei aquí varios artigos, sendo este o principal:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/02/27/o-coliseo-xesteira-en-ourense-no-tempo/

Dacón é vila de Maside, cruzada pola estrada que dende Ourense leva o Carballiño e ascende logo os altos do Paraño. Era este camiño de arrieiros e arrieiro era o meu tío avó, se cadra por iso colaborou nas festas dese ano. Aquí pasou a súa infancia Aurora Bernárdez.

Festas Dacón. Xesteira

Festas Dacón 1O programa é curioso e cumprido. Con fogo fixo e voador, dúas bandas, gaiteiros e alumeado

artístico. Non sei que é iso da carreira ciclista de cintas, pero si as cucañas. A destacar o partido de fútbol que enfrontou a Unión Deportiva Orensana contra o Dacón F.C., reforzado por xogadores do Celta que aínda lembramos hoxe, como Pahíño.

Festas Dacón 2

Significar que o anuncio do Xesteira fala de sala de espectáculos, non só de cine, porque daquela, sobre o escenario, representábanse pezas de ópera, zarzuela e teatro; dábanse concertos e tamén se instalaba un ring para veladas de boxeo.

OUTRA VEZ NO POZO NEGRO

O domingo volvín con Fernando Alonso Romero ao Pozo Negro, ese lugar situado río Vadebois arriba, na confluencia entre a canle principal que descende dende o alto do Monte Pindo cun regato que baixa dende a zona situada por debaixo dos viraventos.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/03/16/cadoiro-do-xallas/

Segundo o Diccionario dos seres míticos galegos, o Pozo Peago, Piago, Pozo do Inferno, Boca do Inferno, Pozo Mouro, Pego Negro e demais nomes, son pozos negros, fondos, perigosos que hai nos ríos e nas lagoas. Son entradas dos Inferno, que o demo usa como trampa, para facer caer nelas a todo o que se aproxime, ata á mesmísima Virxe María. Pero xa sabemos que o demo perde sempre.Pozo Negro 3

Será porque sabemos iso, que a Fernando e a min nos dá por nos bañar nel, ou neles, sempre que imos, porque agora temos debate sobre cal pode ser o que buscamos e que tan claro aparece sinalado na cartografía dende mediados do pasado século. Tamén nos bañamos este domingo.

Pozo Negro 2

Eu pensaba que o noso Pozo sería aquel da canle de pedra, que xa descubriramos na visita anterior e que vimos de novo agora, con menos auga, o que nos permitiu observar como continúa a canle entre a vexetación e, tamén, a sección interrompida caída no fondo do pozo, tal e como creo que se aprecia nas fotografías. Fernando pensa que o Pozo é o de algo máis arriba, xunto a unha pequena fervenza, pero agora considera que debemos indagar moito máis, que pode haber outras confluencias con pozos de máis fondura. Por aquí agatuñamos xa unha vez cando eramos novos. Hoxe preguntábame se aínda tería dentro de min azos e enerxía xuvenil para repetir aquela aventura de hai vinte ano. Díxenlle que si.

Pozo Negro 1

El recolleu tradición oral nos anos setenta. Dime que a lenda que escoitou sobre o Pozo Negro, contoulla un montañeiro de Vigo chamado Constancio Veiga González e di así: No Pozo Negro hai unha señora que a través dun túnel nos leva ata o mar. Breve, pero Fernando non dubida na interpretación, pois considera que a “señora” é unha moura. Moura e túnel é lenda que se repite nos castros. No caso dos Profundos do Monte Louro, o túnel tamén comunica co mar. Trataríase dunha comunicación co Máis Alá onde nos conduce unha corrente fluvial. Neste caso, como no do Monte Louro, a lenda é máis interesante, pois o destino marítimo do túnel indica unha dirección cara a afastada illa do Paraíso, das crenzas celtas atlánticas.

O autor das imaxes é el, Fernando, o meu amigo de tantas exploracións.

DESCANSO AO PÉ DA ESTRADA

A Crisanto Lamela Rozas, curioso lector desta sorte de bitácora dos días.

Nada máis pasar Lariño, vindo de Muros ou antes de chegar ao núcleo, se un vén de  Lira, a vella estrada agora sen tránsito debuxa unha curva contra o lado do monte. Trátase dunha área de descanso, nunca mellor dito, pero non para os condutores, aínda que algúns paran, en especial para xantar ou botar unha soneca no verán. Pero quen descansa aí son os veciños de Lariño que pasean pola estrada nun ir e vir sen tempo.

Hai varias semanas, La Voz de Galicia, nunha sección que ten sobre curiosidades do país, ou do Impaís, que diría Xavier Alcalá, publicou esta foto, na que baixo un alpendre como de espera de autobús, pero de costas á estrada e con panel informativo, algúns veciños deron en habilitar unha sala de estar ou área de descanso para o seu camiñar de ida e de regreso pola gábea. A  noticia interesoulle moito ao meu amigo Crisanto, por iso vai a el dedicada esta entrada, penso que a primeira que dedico nos anos que leva aberta esta xanela ao mundo.

Lariño 1

Neste lugar, hai anos, ceibei eu unha víbora. Sucedeu que un exemplar aínda novo, apareceu no rueiro, xusto diante da nosa casa en Sestelos. As veciñas que pasaban para a misa, pedían a berros que alguén a matase. Eu saín, convocado polo escándalo. Con dous paus conseguín collela, introducíndoa nun tarro de cristal. Quixen facer da ocasión lección de ciencias. Convoquei os nenos e indiqueilles como identificala: a cabeza triangular, coas glándulas do veleno detrás dos ollos, o centro do corpo máis ancho ca cabeza, o debuxo dorsal. O animal, sometido a estres, non deixaba de evacuar. As veciñas berraban: Mata a esa bicha!, Mátaa!, pero eu acordei que era mellor devolverlla á natureza. Fun ata este sitio, cando aínda non había cuberto nin cadeiras de brazos, abrín o tarro e lanceina contra o monte. O azar quixo que o seu corpo quedase prendido dunha silva, da que non se podía liberar. Con outro pau e con coidado, conseguín encamiñala monte arriba.

Diante do espazo de descanso veciñal, alguén construíu este altar. Vense na contorna, sobre todo na zona de dunas dos areais, altares con candeas e animais mortos. Supoño que responden a algún tipo de rito pagán. Non creo que sexa este o caso. A cruz, as flores, o círculo das pedras, falan, quizais, dun espazo deseñado por alguén para enterrar as cinzas dun ser querido. Alguén que acaso expresou o desexo de ser ceibado aquí, diante da praia, en eterna comuñón coa terra. En calquera caso, un espazo de memoria, aínda que eu ignore o significado exacto, xusto no lugar no que sucedeu o da víbora. Outro xeito de entender o descanso.

Lariño 2

 

TOURIÑÁN

Dende que me iniciei na paixón que é a observación de aves, vivín moitos momentos marabillosos en relación con elas, unhas veces con amigas e amigos cos que compartín emocións e descubertas; outras só. Lembro aquel mediodía no que vin voar sobre a marisma de Carnota unha cegoña negra; cando viaxamos a Doñana para observar o morito (mazarico mouro en galego); o día que presenciei na lagoa das Xarfas a loita entre unha cobra e unha garza real; a xornada de pesca dun martiño peixeiro, que tiven ocasión de presenciar no río Grande, algo máis abaixo de Ponte do Porto; navegar rodeados de milleiros de frailecillos en Islandia, ou aquela vez, facendo só o Camiño de Compostela dende o Cebreiro, un mes de febreiro, no que non podía deixar de axexar o merlo acuático e os seus xogos no río Oribio. Tamén foi fermosa a mañá na que vin, dende a punta do Ancoradoiro, a viaxe de miles de mascatos cara o norte, momento que recollín neste artigo de hai máis de dous anos:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2013/02/18/a-migracion-dos-mascatos-2/

Touriñan 1

Onte o día amenceu con chuvia e vento. Eran os restos do Joaquín, temporal caribeño que cruzou o Atlántico e bateu contra nós nesta ponte de outubro. Pola mañá camiñei o litoral e vin bastantes paxaros, obrigados a se achegar á costa para evitar a fatiga do mar duro. Ao mediodía vivimos unha tregua. Pensei que non estaría mal achegarnos a Touriñán. Maribel aceptou e para aló saímos ás 16,30. Choveunos polo camiño, pero alí a tarde calmou. Sen vento e sen chuvia, puidemos pasear e sentármonos nunha pedra a ver o horizonte e fotografar o alento do mar.

Touriñán 4

Maribel di que foi un momento feliz. Tamén eu o sentín así, entre outras cousas, pola alegría da observación de aves. Os mascatos voaban cara o sur diante de nós. Supoño que polo temporal non mantiñan as liñas e a formación que eu observara outras veces, viñan esfiañados, en grupos de tres, de seis, pero maiormente, sós, adultos e novos, collendo o seo das ondas para manobrar mellor. Iso si, o paso era continuado e sempre cara o sur. En hora e media contei máis de seiscentos. Supoño que estaban en paso estacional, dende as illas de Escocia e Irlanda onde crían, ata ás illas e cantís do litoral do centro de África. Tamén puidemos ver medio cento de negróns, en formación perfecta, na mesma dirección cos mascatos, e dúas pardelas.

Touriñán 2

Non sei quen profanou un espazo tan marabilloso como Touriñán botando o escombro ou “ghasto”, como lle din aquí, debaixo do faro. Sei que son cousas deste país que habitamos, pero creo que o concello de Muxía debería limpar o cantil.

Touriñán 3

Touriñán é un espazo único e que conmove. Tamén o son Fisterra e Vilán, pero hai algo en Touriñán que o humaniza, acaso a menor altura e agresividade ou a evocación dun fiorde das terras do norte, que nos produce a parte interior do tombo. Alí non puiden deixar de pensar como sería agora, se o goberno da Xunta presidida por Touriño chega a ceder ás presións de Pescanova, para facer aquela piscifactoría que, trasladada a Mira, en Portugal, aínda hoxe non resulta rendible. Lembrei tamén as ameazas de Manuel Fernández de Sousa, hoxe imputado por defraudación na xestión da empresa, a quen lembro como persoa prepotente e antipática, nalgunhas reunións nas que coincidín con el cando traballei en Pesca.

Touriñán 5

Touriñán é hoxe espazo vivo. Non sei se é o lugar máis occidental da Europa continental, pero, se non é o primeiro, será o segundo. Andan a reivindicar a súa posta do sol, e está ben, que esas cousas convocan a viaxeiros de todo o mundo. Onte, no tempo que estivemos alí, visitaron o espazo centos de persoas. Si, Touriñán é patrimonio da comunidade

(Non critiquedes moito as fotos. Son miñas, tomadas co móbil)

PORTAVENTOSA: TERRA E CEO EN CARNOTA

Portaventosa vainos deixando experiencias, a relación con xente que vén e que pasa, os acertos e os erros que darán co tempo unha programación de actividades atractiva e estable. Tamén nos deixa imaxes como esta da Moa, en día de excursión con grupo. As imaxes tres imaxes desta entrada foron tomadas por Jaime Martínez, o astrofísico que nos conta o ceo polas noites.

Autosave-File vom d-lab2/3 der AgfaPhoto GmbH

Sorprendeume Jaime. Non só le o ceo e sitúa cada galaxia, cada constelación e cada estrela, senón que sabe os nomes de cada astro, a súa etimoloxía, se a orixe é grega ou árabe, o mito ou lenda que alenta detrás de cada un. É ademais fotógrafo que traballa con cámara analóxica e que, nas imaxes nocturnas, xoga coa exposición longa para conseguir efectos como os destas dúas fotografías que se veñen a continuación. A primeira, dende as dunas de Cancelo, en Mar de Lira, con Caldebarcos e o Pindo diante.

Autosave-File vom d-lab2/3 der AgfaPhoto GmbH

Esta está tomada no miradoiro da estrada que descende dende as Paxareiras. O día estivo cuberto dunha borraxeira moi pegada á terra, de xeito que ascendendo 50 metros, estaba o ceo despexado, o sol pola tarde e logo, pola noite, a lúa chea. Este foi o grupo que participou na segunda convocatoria de Carnota: Terra, ceo e mar. A imaxe foi tomada á unha da madrugada, detras de nós o litoral cuberto pola néboa e o monte do Bico do Santo que asoma como un illote nun mar de brancura.

Autosave-File vom d-lab2/3 der AgfaPhoto GmbH

Descubrín con Jaime, entre outras cousas, que a Osa Maior é algo máis cas sete estrelas que coñecemos como o carro. Sempre me preguntara, en realidade, cal era a razón pola que lle puxeran ese nome a sete estrelas que máis semellan unha tixola que unha osa. Non sabía desta outra imaxe máis complexa, na que a tixola ou carro inclúe a parte da parte traseira do lombo e a cola, pero na que si vemos o animal que xustifica o nome.

osa-mayor

ALBERGUE DE PORTAVENTOSA

Dende o mes de agosto, o noso fillo Daniel rexenta o albergue de Paus, parroquia de Lira, en Carnota. O seu proxecto ten como eixo principal convocar xente arredor das actividades que ten previsto desenvolver: obradoiros, encontros, actividades lúdicas e deportivas, rutas e visitas guiadas.

Portaventosa 2

O albergue está situado nun enclave extraordinario, aberto a unha paisaxe que conxuga: Fisterra, Monte Pindo e areal de Carnota. Só hai que lamentar os cables dos tendidos eléctrico e telefónico. As instalacións contan con aula, cafetería-comedor, unha fantástica terraza, amais dos seis cuartos, cada un con dúas liteiras de dúas camas.

Portaventosa 3

Para a fin de semana do 12 de outubro convoca esta actividade que axudo a divulgar dende aquí, agradecendo que se alguén o considera, tamén a faga circular. Agardamos por vós, por se calquera día queredes pasar por alí.

Portaventosa 1