XULIO GARCÍA RIVAS E O ABELENDARIO

Creba 2016Estivo connosco en Lira, estes primeiros días do ano, o pintor Xulio García Rivas. Con el paseei a ribeira, malia a chuvia. Observamos paxaros, atopamos crebas, compartimos mesa, amigos e observeino traballar. Dúas mostras do que fai quedaron na casa. As dúas recollen a brétema destas mañás de xaneiro, con ese xeito tan suxestivo e sutil que el ten de pintar a néboa. Foi el quen me contou o do petroleiro que se achegou a esta costa para resolver o problema que tiña coa áncora. Por sorte, desta, a cousa quedou en nada. Moito lembrei a Xaquín Maceiras, o Director Xeral de Salvamento Marítimo, de Lira e amigo. Esta creba atopámola no paseo de hoxe.

Xulio e Chisco en Carnota

No cuarto onde o acomodamos, hai un andel con libros. Remexendo neles atopou un de hai ben anos, titulado El Abelendario, un conxunto de debuxos de Alfonso Abelenda, publicado pola editorial Planeta en 1972, e que supoño que recollen parte do seu traballo gráfico para La Codorniz. Eu xa non o lembraba.

Xulio admirouse da actualidade de moitos dos debuxos e mandoume reparar neste.

Abelenda

Penso que nunca ninguén me presentou a Abelenda, pero somos veciños de barrio e tomamos café no mesmo bar. Eu sei quen é el, claro, e sinto admiración pola súa pintura. Dubido que el saiba quen son eu, pero saudámonos. Cousas da boa educación.

2016: LOVE IS

Meu amigo Tacho, como continuación da entrada Polos vellos tempos, mándame o enlace a esta canción Love Is, de Rod Stewart, interpretada por un músico de 70 anos, pero cheo de vitalidade, que canta dende a terraza do edificio Capitol Records de Hollywood, acompañando o solpor.

Tacho considera que é un tema que reborda alegría, cun ritmo de media marcha, con aires irlandeses e uns coros moi efectistas. Mentres cae o sol, Rod segue preguntándose polo amor e lembrando aquela moza que lle dixo: ti sabes que somos mozos para iso. O anterior, tan ben dito e tan fermoso e tan ben dito, está escrito por Tacho, ao que eu sempre lle digo que debería escribir.

Fermoso este LOVE IS para despedir o ano, aquí o comparto (non deixa velo directamente pero convida a ir a YouTube e alí, sen problema). Debaixo queda a letra en inglés. Pois iso, Polo 2016 e polo amor. LOVE IS…

And so you come to me with your questions
On a subject on which I’m well-versed
Though I’m still as dumbfounded as the first time I found her
It’s either a blessing or a curse
Although I cannot offer solutions
It would be reckless of me to try
Cause it’s mystified man ever since time began
But hold on to your hat and I’ll try

Love is like a burning arrow
It can pierce the coldest heart
Love is warm, love is patient
And the craziest thing you’ll ever start
All right

I recall when I was a young man
A day I’m never allowed to forget
There was a girl that I met who I dreamed I would wed
Forever our lives entwined
She said “you gotta stop worrying about the future”
“You know we’re far too young for that”
“I wanna spread my wings like a willow in the spring”
I never saw her pretty face again

Love is life, love is yearning
It does not boast, but speaks the truth
Love is fair and knows no boundaries
And the craziest thing you’ll ever do
Oh, yeah

I wish you well in all of your travels
And may you find what you’re searching for
It’ll hit you like thunder when you find one another
And stay in your heart forevermore

Love is like a four-leaf clover
Hard to find and hold onto
Love is blind, love is tender
And the craziest thing you’ll ever do
So crazy

 

HOMENAXE A FEDERICO GARCÍA LORCA

Acaba de saír o libro 66 poemas, Homenaxe a Federico García Lorca, publicado por Biblos, en edición coordinada por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro.

Lorca en BetanzosO día 30 de xuño recibía un correo de Helena, convidándome a participar nun proxecto que, en principio, considerei complicado. Tratábase de render homenaxe a Federico García Lorca, no centenario da súa primeira viaxe a Galicia en 1916 e, tamén a Ánxel Casal, o editor dos 6 poemas galegos na súa editorial Nós, porque Federico e Ánxel están vinculados para sempre non só por seren autor e editor dos poemas galegos, senón porque os dous foron asasinados o 19 de agosto de 1936.

Para levar a cabo a homenaxe, Suso e Helena convidaban a 36 poetas galegos contemporáneos a se organizaren en 6 grupos, sabendo que a cada grupo corresponderíalle un dos 6 poemas galegos de Lorca. A partir de aí, cada un dos grupos escribiría un poema colectivo en diálogo co lorquiano adxudicado e, ao tempo, cada autor escribiría un individual. Cada grupo tería unha coordinadora ou coordinador que tamén participarían como autores. O meu, coordinado por Helena, estaba formado, ademais, por Marica Campo, F. R. Lavandeira, Xesús Rábade Paredes e Miro Villar.

Os outros 30 autores eran: Modesto Fraga, Rocío Blanco, Alfredo Ferreiro, Alexandre Nerium, Emma Pedreira, X. H. Rivadulla Corcón, Marta Dacosta, Xosé María Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Paco Souto, Eva Veiga, Rafa Vilar, Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Xiana Arias Rego, Olalla Cociña, Gonzalo Hermo, María Lado, Suso Díaz, Miguel Anxo Alonso Diz, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Lorena Rei, Noelia Rodríguez, Lucía Novas, Alba Cid, Xosé Daniel Costas Currás, Rosa Enríquez, Miriam Ferradáns e Ismael Ramos.

O procecto completábase con seis ilustradores, un por cada poema: Nolo Suárez, Viki Rivadulla, Alfonso Costa, Marita Martín Carmona, Irene Silva Xiráldez e Antón Sobral, máis Xosé Vizoso como responsable do deseño de cuberta.

Dicía antes que cando souben do proxecto, este pareceume complicado, porén, a experiencia foi positiva, enriquecedora e creativa e agora síntome moi contento do esforzo por compartir e polo resultado.

66 poema Lorca

A nós correspondeunos o poema Madrigal á cibdá de Santiago:

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ó sol.
                              Chove en Santiago
                              na noite escura.
                              Herbas de prata e de sono
                              cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pol-a rúa
laio de pedra e cristal.
Olla o vento esvaído
soma e cinza do teu mar.
                              Soma e cinza do teu mar
                              Santiago, loxo do sol.
                              Ágoa de mañán anterga
                              trema no meu corazón.

Acordamos nós, como traballo colectivo, facer un madrigal mantendo estrofas de catro versos, con rima asonante nos pares, aínda que isto e o número de sílabas dos versos gozou de certa liberdade. Cada un escribiriamos dúas estrofas, polo que resultou un poema de 48 versos, moi fermoso. A min fascinoume o xeito de se engarzaren as estrofas, e o doado que foi harmonizar. O noso poema titúlase: Madrigal de memoria, longo de máis para incluír aquí. Deixo, iso si, o meu poema individual, xa libre, pero que dialoga cos elementos e o sentir do Madrigal de Federico ou, cando menos, iso pretendín.

LORCA EN COMPOSTELA

Tempo de camelias,
serodias pétalas abertas na lentura,
no berce do amor, no estremecer do día.
Bordadas pétalas no cristal da chuvia,
viso polo que a luz transpira,
cóncavo son de campá,
laio polos soños mudos.
Quizais no leito húmido
sobre o ventre de escamas
por onde o bico tece a liña escura
que fragua no desexo, quizais alí
intuíches o repenicar das bágoas,
a horta de aire mesto no verán da noite,
o resón das voces baixo os lampos de chumbo
e de silencio. A terra e o silencio.
Quizais na escura vibración da salmodia que marca as horas
espertaches suorento e pálido,
exaltado polo sombrío compás que fai tremer o corazón
e as pedras.
Pero estabas aquí, na ourizada peluxe do balor
e era outro, aínda, o calendario, a alborada,
a grilanda do amor,
o timbre do piano,
o agarimo da lingua
o diván e o xenio.
Abríase aínda o corazón a ondas de tenrura.
aquí, entre a herba de prata
sobre lenzos de liño
e almofadas de lúa.
Aquí, onde viñeches
peregrino de versos e metáforas,
a procurar o amor no vento esvaecido,
nos ollos doces do galán transido
na Quintada de mortos e de vivos.

O resultado: un libro fermoso, que suma os 6 poema de Lorca, máis os 6 poemas colectivos, máis os 36 poemas individuais e as 6 ilustracións. Un fermoso agasallo para estes días.

 

POLOS VELLOS TEMPOS

Onte, sábado 26, logo de moito tempo sen coincidir, atopámonos en Ourense Rafa, Vicente e máis eu. Os tres somos amigos dende nenos e a amizade mantívose sen dúbidas nin equívocos dende hai case 50 anos. Con eles compartín a educación sentimental da vida, dende a nenez á xuventude. Quizais o nexo común sexa Rafa, sempre no centro, como na foto. Eu fun compañeiro del xa en primeiro de bacharelato e por el coñecín a Vicente, que estudaba o mesmo curso ca nós, no mesmo colexio, pero en diferente clase. Logo, a partir dun momento, coa fusión de aulas, xa o compartimos todo. Hoxe vivimos cada un nunha cidade e Rafa segue sendo o nexo, o vértice desa amizade que nos emociona. Esta tarde volvía para A Coruña e chamou Vicente, xa en Madrid, porque tiña saudade do encontro de onte. Non o puiden atender, pero falei con el logo, xa na casa.

Con Rafa e Vicente

Os amigos. Onte pola tarde, en Oira, coa nai, logo de tomar un café e pasear o Ourense de Nadal, prendín o ordenador e levado tamén eu pola emoción do encontro da mañá, e pola ausencia de dúas persoas marabillosas coas que compartín parte da vida e que se foron nos últimos catro meses: Carmiña Otero e Pepe Fernández Ferreiro, busquei a canción Auld Lang Syne, esa que fala dos vellos tempos e da amizade. A canción foi moi empregada polo cine, de feito con ela remata Que fermoso é vivir! de Frank Capra. Ese exceso de uso quizais a vulgarizou ou fixo dela un lugar común. Pero hai que saber que é canción tradicional escocesa, coa súa historia. A composición atribúeselle ao poeta escocés Robert Burns, quen a escribiu en 1788 para acompañar a unha melodía tradicional anónima e que non tiña letra. O primeiro verso e o refrán aparecen xa nun poema datado en 1711, escrito por outro poeta, Jame Watson, pero a letra da canción considérase cousa de Burns.

mamaO caso é que buscando en YouTube algunha versión que me gustase, din coa de Rod Stewart, nun concerto no castelo de Stirling, a antiga capital de Escocia, no ano 2012. Entón, achegóuseme a miña nai e preguntoume como era que estaba escoitando aquela canción. “E unha canción ben antiga”, dixo. Eu pregunteille se a coñecía polo cine, ao cabo ela debeu ver máis cine ca min, porque sendo noiva do meu pai, entraba no Xesteira cantas veces quería. Pero para a miña sorpresa dixo que non, que a canción escoitábase na casa cando ela era nena, porque a interpretaba a banda de música de Rivela, que dirixía meu avó. Daquela, cantaruxouna completa.

Podo dubidar da memoria recente da miña nai, pero cústame facelo da dos vellos tempos. Meu avó estivo en Cuba entre o ano 1919 e 1928. Daquela xa era músico. Contaban os irmáns Cudeiro, dous músicos que nos anos oitenta interpretaban jazz nos pubs de Ourense, case con 70 anos, e que foran os números máis novos da banda do meu avó, que el trouxo de Cuba músicas modernas, dicían que, entre outras, pezas de jazz. Puido traer, tamén, ese Auld Lang Syne con que os estadounidenses despiden o ano? Non o sei. De ser que si, a banda interpretaría só a versión musical? A miña nai ten unha memoria prodixiosa para as cancións, tanto para a música como para a letra. Polo si, ou polo non, como aperta de amizade, deixo aquí a versión de Rod Stewart que motivou o comentario da nai. Polos vellos tempos e polos tempos que virán! Por aqueles cos que compartimos a vida e por aqueles cos que a imos compartir!

En YouTube hai versións en escocés.

AMIZADE QUE NON CESA

Imos atopando pequenos tesouros da vida con Pepe Fernández Ferreiro. Velaí, agora, esta foto, tomada o día da entrada na Academia, na que estamos os dous -eu perturbándolle no ombreiro o perfecto corte do traxe mercado para a ocasión- entre Manuel Álvarez Torneiro e Víctor Freixanes. Son pequenos tesouros para compartir, para vencer o paso dos días, por transcender o irreparable.

Na academia con Pepe

A ARTE DE ANDAR

Pepe Mondelo escribiu este poema sobre Pepe Fernández Ferreiro, cando aínda camiñaba varios quilómetros cada día. Compartilo aquí, xunto con esa fotografía de Maribel, feita no ano 2011, é unha emoción:

maribel longueira

A ARTE DE ANDAR

Para Fernández Ferreiro,
amigo dos camiños,
rebelde e soñador.
Eu quixera andar como F. Ferreiro
todo dereitiño polo paseo marítimo,
as mans ás costas,
o rostro erguido
-na barba rubidos os paxaros-
e o paso calmo e constante,
como quen vai de Espartedo a San Estevo
vendo pasar os castiñeiros.
Eu quixera andar así,
como F.Ferreiro,
as mans ás costas,
o rostro erguido
e o paraugas da chuvia ben collido,
Índose en manseliño polo paseo marítimo.
X. Pérez Mondelo

XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO: SAGA DE AFIADOR

Ribeirana do Sil
o día que eu morra,
chora por min.

Onte foise Xosé Fernández Ferreiro, escritor e xornalista de raza, membro da Real Academia Galega, amigo dos amigos, espirito libre. Marchou como quería, nun repente inapelable. Quizais o desexou antes, pero as cousas veñen cando veñen, que diría el.

Pepe Fernández Ferreiro

Hai unhas semanas, xa enfermo, dicíame que non fora quen de escribir un corpus unitario sobre o territorio que amaba: Espartedo, as serras altas de Luintra, a patria da infancia, lugares onde suceden as súas historias. Respondille que, se cadra, a súa obra non naceu con vocación de corpus, pero que a sucesión de historias e as perspectivas, si constitúe un patrimonio literario esencial para comprender ese territorio, e Galicia, e a emigración a Madrid a mediados do século pasado, velaí: A saga dun afiador, O minotauro, Agosto do 36, Co medo nas mans, O atentado, Os últimos fuxidos, Tempo de Centeo. Hai máis títulos, claro: Morrer en Castrelo de Miño, A morte de Frank González, Corrupción e morte de Brigitte Bardot.

Fran GonzálezSouben del no ano 1977, cando publicou o primeiro intento dun escritor galego por facer unha novela do oeste. Había entón un debate sobre a necesidade de que a literatura galega chegase ao territorio popular do quiosco. El realizou esa achega, libro ilustrado por Luís Seoane. Ese mundo non o pillaba lonxe. Unha das súas paixóns era o western. Creo que identificaba a vida solitaria dos heroes do oeste co rodar do afiador polos camiños do mundo. Algunha das súas novelas segue o modelo narrativo deste xénero cinematográfico.

Narrador, si, e cronista, durante tantos anos no ABC, en La Noche, en La Voz de Galicia. Pero o seu inicio foi unha colección de versos de título: Ribeirana do Sil, con limiar de Florentino Cuevillas, quen escribe: Vede, escoitade como na terra de Ramuín nace un poeta. Relaciona logo os elementos que forman o seu universo e que coinciden cos recollidos anos despois por Pepe: o nome das vacas, os afiadores, os lobos, a matanza dos porcos, os tesouros, os fiadeiros, os muiñeiros, a seitura, as medas e a malla… o que fomos e o que somos, podemos engadir.

Formou parte de Brais Pinto, o grupo que, dende Madrid, tentou poñer ao día a cultura galega nunha dirección de vangarda. Aí estivo con Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Bautista Álvarez, César Arias ou Reimundo Patiño. Antes, en Ourense, fundara o grupo Xente Nova, con Víctor Campio Pereira. De Xente Nova a Brais Pinto, velaí o libro no que conta ese tempo de iniciación.

Con Pepe

Na nómina de amigos habería que engadir o de Manuel Álvarez Torneiro, compañeiro nos días de La Voz de Galicia, compañeiro de café nas tardes, e aínda outros, ata formar unha relación imposible de recoller aquí.

Da súa man seguiremos percorrendo a fraga dos paxaros salvaxes e a cidade das chuvias, con el que foi home de aldea: galego de corpo e i-alma, que naceu e morreu na Terra.

(A primeira das imaxes foi tomada nos primeiros anos deste século, penso que polos días do Prestige. A segunda é de hai dúas semanas. Ambas son de Maribel)

SOLEDAD PITE, MAR AO FONDO

Onte, xoves, nun dos salóns do Instituto Rosalía de Castro de Composela, participei na presentación do último libro de Soledad Pite Sanjurjo, Mar ao fondo, publicado pola sección editorial da libraría Follas Novas, dentro da colección Os libros do loureiro, que substitúe á anterior Libros da frouma. Mar ao fondo fai o número 11 da colección.

Soledad Cuberta

Con Sole estabamos Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e eu, e resultou curiosa a formación da mesa porque no ano 2012, os catro presentabamos na Coruña os libros Na véspera do silencio de Soledad e o meu Suite Dublín e outros poemas, ambos incluídos na colección Libros da Frouma. Engadir, tamén, que foi numeroso o público, compañeiros, amigos e lectores, que a acompañaron.

Sole 4

Mar ao fondo é libro fermoso que convido a ler. Está ilustrado, ademais, pola propia autora, que conxuga a arte poética coa pintura. Eu escribín o limiar do libro que deixo a continuación por se axuda a que alguén se achegue con cariño e devoción ao libro de Sole, o único importante neste artigo.

Sole 5

Antes, gustaríame transcribir aquí algún poema, como convite a ler máis, engadindo que as imaxes da presentación son de Maribel Longueira:

Non deixes que te enganen,
que nós somos
-contra toda evidencia-
o máis fero dos males,
e ao mesmo tempo,
      as crebas.

 

Ese lugar
escondido na espesura
que se abre ás veces
co rumor das bolboretas
ou quizais coa última choiva
que bicou a lúa e mesmo
cando a pel recoñece
os xestos eternos da tenrura,
ese lugar,
quizais responda
ao nome de memoria

MAR AO FONDO: UN CANTO DE SAL E DE AMOR

Arredor dos encontros de arte e natureza que varias veces ao ano organiza Antón Sobral, sempre suceden cousas marabillosas, porque Antón ten a facultade de convocar, de xerar correntes de simpatía e de amizade, de facer brillar os días, aínda que chova, de conseguir que o mundo sexa un lugar de máis doado vivir. Nun deses encontros coñecín a Soledad Pite e a Pedro Ávila.

Lembro agora un día de final de inverno do ano 2012, xantando nun local frío de Camelle, logo de participar nun acto arredor de Man, o alemán. Ese día tivemos ocasión de falar de vagar Soledad e máis (mais) eu. Coincidía que ambos publicabamos libro na colección Frouma, de Edicións Follas Novas. O dela era Na véspera do silencio e levaba o número 65 da colección. O meu Suite Dublín e outros poemas facía o 66.

Eu xa recibira o libro de Sole, envío do amigo Luís Alonso Girgado e xa o lera. Ese día ela autorizoume a organizar unha presentación na Coruña, na que estariamos os dous, cada un co seu libro. Acolleunos a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, unha tarde de primavera e no acto, xunto a nós, estiveron Girgado e Luís Cochón quen, ademais, escribía un fermoso limiar no libro de Soledad. Nel falaba da súa poética como “palabra pautada, cadenciosa, medida. Palabra para buscar e rebuscar. A volta ao día en oitenta mundos”.

Pouco despois, traballando eu no libro As crebas, outro xeito de andar ao mar, pedinlle autorización para incluír un poema moi fermoso, o titulado Acaso, no que considera o vivir como un conxunto de crebas que dan conta da existencia: …acaso nós sexamos crebas/ que deixan, día a día,/ unha proba apaixoada e contumaz/ da existencia incerta.

Daquela eu coñecía xa a capacidade de Soledad Pite para expresarse e explicarse a través da pintura, de maneira particular da acuarela, arte na que a súa sensibilidade se manifesta nun diluír de formas e de límites, prescindindo do evidente e do innecesario, reconstruíndo as paisaxes dende a emoción. Esa impresión viuse reforzada cando vin, no pazo de Fonseca, a marabillosa exposición Palabras pintadas, na que nos propoñía un diálogo entre óleos, acuarelas, debuxos, poemas, fotografía, música, vídeo e cadernos de campo; material que reuniu para a mostra. Era o último día da exposición e tiven a fortuna de que ela me acompañase, guiándome polo seu mundo sutil de sentimentos e intimidades.

Hai pouco, con motivo dun novo encontro Arte e Natureza, quedamos sós á beira da enorme laxe dun petróglifo moi singular, a Laxe da escrita, en Carnota. O resto de participantes foi descendendo pola pista, as voces perdéronse na distancia e o bosque ficou en silencio. Foi nese silencio onde Soledad atopou o momento creador. Despregou o papel sobre a beira da rocha, abriu as caixas das cores, os estoxos dos pinceis, os tarros con auga e pintou. Observei como sobre o que en principio eran manchas de cor, naceron as formas. Impresionoume a capacidade que amosaba para conseguir as transparencias, as veladuras a través das que se manifestaba a luz. Porque alí todo era luz.

Lembro ese proceso agora, cando me achego a este Mar ao fondo e leo nun poema: Quizais só o silencio/…/ puido levar a conta/ das ondadas/ para esculpir a fermosa caracola/ e acadar labra a labra/ a definitiva forma. Porque algo semellante foi o que sucedeu aquel mediodía. Foi o silencio de mañá definitiva o que nas súas ondadas fixo posible a obra de Soledad.

Este novo libro está relacionado co anterior, como está relacionado co pintar e debuxar de Soledad, e non podía ser doutro xeito, ela que fala de vestir os soños coas cores que pintamos. Na pintura Soledad Pite prescinde do innecesario. Traballa como as ondas dese mar que invoca, procurando a transparencia e a luz. Mar de fondo é un libro transparente e luminoso, no que a linguaxe recupera o seu dicir sinxelo e pleno; lingua da que Sole se vale, unha vez máis, para dende o significado compartido, dende a claridade, participar co lector da emoción máis íntima nun libro que, sendo claro e sinxelo, non ten nada de simple. Humana intuición do misterio, velaí, se cadra, unha aproximación ao ser deste Mar de fondo que, sen proclamalo, é canto de liberdade. Fixen a proba e observei que cada un dos poemas que forman o conxunto pode ser lido nunha clave diferente á que semella obvia, lectura que sucede por debaixo, como corrente soterrada, e que o lector pode procurar ou non, porque xa nos di ela nun verso que a luz nos agasalla a sombra das cousas, e tamén por ela sabemos que o luceiro da mañá é faro na noite.

Non podemos esquecer unha referencia á música, a cadencia, o ritmo perfecto e conciso de cada poema. Xa Antonio Gamoneda escribiu que o pensamento poético é un pensamento rítmico e, tamén, que as significacións poéticas son creadas pola rítmica. Música que xoga rebuldeira na luz que viste o día e que leva a Soledad a sentir a vida bailándolle na pel, compás marcado por un vento de danzas seculares. A música harmónica semella deterse e ficar en suspenso no final dos poemas, nas últimas palabras, esas ás que chegamos coa fascinación de ser cómplices dunha revelación, coa constante ilusión de quen soña atopar na palabra poética a forza capaz de humanizar o mundo. Nese sentido Mar ao fondo é un canto de amor.

Téñolle escoitado dicir a Sole que unha das cousas que máis bota en falta, dende a súa terrestre residencia no interior, é o mar. Confesa que non pode vivir sen el e que nel pensa cada día, velaí unha das razóns do título deste libro, o mar como rumor de fondo que abala o tránsito das horas, ausencia que só poden suplir os soños. Soña Soledad cun mar que nos devolve en turquesas o esplendor do ceo, océano co que mantén unha relación íntima que lle leva a dicir: Levaba un tempo que te botaba en falta. Quería vir para perderme en ti. Nada me dixo o ceo, algo cuberto. Nada tampouco o teu rum-rum de insomnes ritmos milenarios… pero agardábasme.

Pero o mar non é só unha ansia, nin un simple pano, un decorado, nin sequera unha música que acompaña. O mar en Soledad é, acaso, o propio fondo do seu ser, ese lugar recóndito no que a vida vai deixando as crebas da existencia e que, ao mesmo tempo, tamén é creba, porque: do amor e do sal/ ti e mais eu somos crebas, di comparándose, ou comparándonos, cun pecio, crebas abandonadas nun lugar secreto que acaso responda ao nome de memoria, onde é posible buscar, recoller o seixo branco, o vidro, os mil garabullos que o ar vai pulindo bico a bico na suma dos días.

Con Mar ao fondo, Soledad Pite incorpórase a esa longa nómina de escritoras galegas que fan do mar referencia e paixón. A súa ollada, ademais, non é a dunha observadora pasiva. A súa poética é proposta vital e responde á invocación ou berro lanzado por Xohana Torres naquel mítico poema Penélope, do libro Tempo de ría: Eu tamén navegar!. Porque Sole navega, ábrese á mañá, ama e vive con intensidade, xa dende ese primeiro poema no que interroga ao carpinteiro de ribeira que constrúe a embarcación e que lle dá a táboa e os cravos da memoria.

A lectura dos versos de Soledad Pite axúdanos a reconstruír a esperanza. Nun dos últimos poemas de Na véspera do silencio, ela explica por que escribe, e nese explicarse eu atopo as razóns para lela e dialogar cos seus versos, para deixarme agarimar polas súas palabras, para mergullarme nese mar que arrola o canto quedo dos paxaros. Por iso, aínda sendo do libro anterior, anímome a rematar cunha estrofa que lle pertence, sendo, en calquera caso palabra de Soledad Pite Sanjurjo e, quizais, a íntima conexión daquel libro con este Mar de fondo:

Para os días non escritos que nos resten,
e para non caer, de novo,
na máis terrible teoría do insensato,
e preciso atesourar, corazón,
eses brevísimos intres
en que estremeces porque son
anaquiños certos de eternidade.

NEIRA VILAS e CHAO REGO

Foi esta pasada unha dura fin de semana para aqueles que andamos arredor da literatura galega. A perda sucesiva de Pepe Neira Vilas e Pepe Chao Rego, deixounos dobremente orfos.

Coñecinos e trateinos, máis a Neira Vilas que a Chao Rego. Si axudei, sendo vocal da xunta directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a organizar a celebración dos actos de homenaxe a Pepe Chao, en Vilalba, co gallo de serlle outorgada a letra E de escritor, aínda que, daquela, o principal do traballo correspondeulle a Yolanda Castaño.

DCIM100MEDIA

DCIM100MEDIA

Con Neira Vilas a relación quizais se iniciou forzada, xa que cando máis intimei con el e con Anisia foi no tempo que traballei para a Consellería de Cultura nos días do bipartito. Porén, foi el quen deu un paso adiante, paso xeneroso que sempre lle agradecín, porque cando saíu publicado o primeiro libro sobre nós e Julio Cortázar publicado por Linteo: Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar, interesoulle moito. Chamoume e escribiume en varias ocasións, ofrecéndome a memoria que tiña de Julio Cortázar, tanto dos días de Bos Aires, como dos de Cuba. Por el souben que Cortázar asistira a unha conferencia de Francisco Luis Bernárdez sobre Rosalía no Centro Galego, acompañando a Aurora Bernárdez.

Resulta curioso que do tempo de Cortázar en Cuba tamén me falou Ramón Chao, irmán de Pepe Chao, porque coincidiu con el en 1969, nunha viaxe a Cuba, embarcados nun avión ruso Tupolev, ambos convidados pola Revolución a celebrar o seu décimo aniversario. Esa historia cóntase no libro: O soño galego de Julio Cortázar, tamén publicado por Linteo.

DCIM100MEDIA

DCIM100MEDIA

Non sei cando foi a última vez que estiven con Chao Rego, saudeino algunhas veces polas rúas de Compostela hai xa bastantes anos. Del gardo lembranza de varias lecturas, entre elas o revelador Prisciliano, profeta contra o poder, que non sei se é posible atopar hoxe, porque A Nosa Terra, a editorial que o publicou xa non existe, e, tamén, O demo meridiano-lembranzas dun transgresor-, que editado por Xerais supoño que segue estando vivo nas librarías. Con Neira coincidín en agosto, na feira do libro da Coruña. Dese día son estas fotos que Pepe Carballude propuxo que fixeramos e que hoxe lle agradezo, xa que foron iniciativa súa. Conmóveme o agarimo a a tenrura con que sostén, nesta, a man de Neira.

AURORA E CORTÁZAR EN COMPOSTELA

O pasado domingo cumpriuse o primeiro cabodano do pasamento de Aurora Bernárdez. Para lembrala, El País publicou no suplemento cultural Babelia un fermoso texto que recolle a visita que ela e Julio Cortázar fixeron a Compostela, en 1956. A min contárame esa historia verbalmente, en París, cando nos coñecimos e así a recollo nos libros que escribín sobre a relación de Cortázar con Galicia. Pero a narración oral nada ten que ver con este texto fermosísimo, cheo de agudeza, de frescura, de intelixencia. Canto máis sei dela, máis admiración me causa. Haberá xente que xa o leu, pero aquí queda, tamén como homenaxe e mostra de cariño.

http://cultura.elpais.com/cultura/2015/11/06/babelia/1446825280_612641.html

Santiago de Compostela

Nesta imaxe que pertence ao arquivo fotográfico Julio Cortázar-Aurora Bernárdez, depositado no CGAI e que publiquei con autorización dela no libro O soño galego de Julio Cortázar, vemos a Aurora na entrada das Platerías, da que fala no texto. Non sabemos se é antes de acceder ou na saída do templo, tampouco se ese home que se ve detrás é o Ulrico M. do que escribe e do que me falou a min. A foto foi tomada por Julio Cortázar.