AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

AgustinFernandezPaz-DistritoXermar-2013-04Onte pola tarde, xunto con Xosé Cobas, Ánxeles e Irene Penas, achegueime a Vigo. Iamos alá a despedir a unha persoa admirada e querida, Agustín Fernández Paz. Moita xente, chegada de todos os lugares de Galicia para dicirlle ata sempre ao amigo, mestre de mestres, docente sempre comprometido cunha profesión que amaba, escritor admirado que soubo recoller nos seus libros os soños dun país de soños, defensor e militante da lingua.

O acto de despedida, transido de emoción e conducido por Manuel Bragado, contou coas voces de Leidicia Costas; Xavier Senín; Paco Martín; Xosé Lastra do colectivo Avantar do que Agustín foi membro fundador; Fina Casalderrey e Xabier Docambo. A música, interpretando con voz e zanfoña a Negra sombra, púxoa Luis Caruncho.

Na viaxe e durante o acto, lembrei algúns momentos especiais vividos con Agustín. Non nos viamos moito. Non eramos amigos no sentido estrito do que entendemos por amizade, pero había entre os dous un respecto e un cariño fondos, manifestados de maneira expresa en máis dunha ocasión. Penso que el sempre creu en min máis do que cría e creo eu mesmo. Quizais por iso, alá polo ano 2006, recomendou o meu nome a unha editorial catalá que pretendía publicar autores galegos en galego. Tendo como padriño a Agustín, a relación callou, pero o libro que lle propuxen á editorial non gustou moito, e hoxe forma parte dos inéditos que un garda nalgún arquivo perdido dun disco ou dun vello ordenador. Agustín podería dicir comigo o mesmo que lle dixo Vicente Risco a Xosé Fernández Ferreiro, cando, aínda novo, pediu a mediación do mestre diante de Celso Emilio Ferreiro, para publicar un libro de versos na colección Benito Soto, daquela, Risco sentenciou: por falta de unto que non se perda o caldo. O resultado para Pepe e para min, foi o mesmo, o caldo perdeuse, pero non por falta de unto.

Cando coordinei o club de lectores en galego da biblioteca Miguel González Garcés, limos o libro de Agustín Non hai noite tan longa. Se podía, eu convidaba a que autoras e autores compartisen o debate sempre intelixente e curioso coas persoas do club. Agustín, xa enfermo, non puido vir, pero quería estar connosco, e propuxo participar por skype. Aquela foi a tarde de inauguración desa ferramenta de comunicación na biblioteca. Compartimos unha hora longa, momento emocionante que lembrarían estes días as lectoras, sobre todo as lectoras, e os tres lectores que formaban o club. Gustara moito ese texto, unha novela emocionante e intensa, que narra o retorno do protagonista á súa vila, logo da morte da nai.

Na primavera de 2014 eu trallaba na redacción do libro O soño galego de Julio Cortázar, editado por Linteo. Daquela, por Malores Villanueva, souben que na nova novela de Agustín A viaxe de Gagarin, había unha mención expresa ao autor de Rayuela. Tratábase do texto do capítulo 7 da novela, o que fala da boca: …Y si nos mordemos el dolor es dulce, y si nos ahogamos en un breve terrible absorber simultáneo del aliento, esa instantánea muerte es bella. Y hay una sola saliva y un solo sabor a fruta madura, y yo te siento temblar contra mí como una luna en el agua. Merquei a novela, lina e escribinlle. El respondeu axiña. Este é o texto daquel correo que me enviou:

Querido Chisco:
Por suposto que contesto ao que me pides. E paréceme fenómeno que amplíes o libro sobre Cortázar, dá gusto. Fágoo aquí, directamente na pantalla, porque non importa a redacción, só contarcho.
Como a todos os da miña xeración, Cortázar foi unha descuberta das que te deixan anonadado. Non me resulta doado lembrar a orde en que me fun atopando cos libros del. Foi unha descuberta na que, como ben sabes, metiamos no mesmo saco aos latinoamericanos, aínda que fosen tan distintos. Sei que, antes de marchar para Barcelona, no outono do 69, xa lera o Rayuela, que mo prestara Aurorita Nieto, unha mestra de Vilalba. E lera algunhas seleccións de contos del (El perseguidor y otros relatos, La isla a mediodía y otros relatos…). Despois, xa en Barcelona, foi o ir descubríndoo a medida que se publicaban os libros, desde as Historias de Cronopios ata as novelas, pasando polas coleccións de relatos. E despois foi un deses autores que, en canto saía un libro novo, xa o mercaba decontado. Conservo algunhas edicións curiosas, como unha que fixera Alberto Cousté (un exiliado arxentino que era amigo de Miro) cando estaba no Círculo de Lectores, publicando todos os contos que había ata daquela, mais ordenados dun xeito diferente. Fascinábanme, sobre todo, os seus contos, máis que as novelas, aínda que El libro de Manuel me gustara moito, malia o que diga a crítica.
E si, coma doutros escritores, hai cousas de Cortázar presentes no que escribo. Nesta novela hai unha cita explícita de Rayuela, e nalgunha outra tamén, mais tería que repasalas.
O que máis me fascina, aínda agora, son os seus contos. Non todos. Mais hai unha ducia, por dicir un número, que son inesgotables, un non cansa de lelos.
Se desexas algunha concreción, avisa.
Apertas!
Agustín

Agustín está nese soño galego de Cortázar, nas páxinas 262 e 263. Quixo a fortuna que, un ano despois, coincidísemos na entrega dos premios da edición, el recollendo o premio ao mellor libro de ficción por A viaxe de Gagarin, eu o de mellor libro de non ficción por O soño galego de Julio Cortázar. A aquela noite pertence esta foto.

premios editores 2015©ml166.2

O título da novela Non hai noite tan longa, invoca unha cita de Shakespeare: Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día. Iso faremos Agustín, na ausencia de ti.

O retrato do principio pertence ao centro de documentación da AELG. A autoría é de Distrito Xermar (2013). A última é de Maribel Longueira.

SOÑO E VÉRTICE

1275933034473Veiga_evaPresentouse onte na Coruña, no local Portas Ártabras, da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, o libro Soño e vértice, co que Eva Veiga obtivo o premio de poesía Concello de Carral, na súa XVIII edición. Tamén estes días Eva comparte outro libro connosco, Silencio percutido, que case ao mesmo tempo obtiña o XXXI premio de poesía Cidade de Ourense. Os dous forman parte da colección de poesía da editorial Espiral Maior, o primeiro co número 265, o segundo co 266. Ambos foron presentados xa en Carral e Ourense, respectivamente, pero agora inauguran o ciclo  habitual e necesario dos libros de poemas, indo de cidade en cidade, procurando a íntima relación cos lectores.

Mentres lía Soño e vértice, acudiron á miña memoria imaxes de dúas películas. Aquel Paseo polo amor e a morte de John Huston e Hereafter de Clint Eastwood. A primeira porque dende hai anos, dende aquel Paisaxes do baleiro, de 1999, Eva lévanos da man por un carreiro estreito e límite entre a luz e a sombra, entre a lucidez e o desconcerto, guiados sempre polos seus versos que se transforman en frecha azul. A segunda porque a lembranza que eu gardo de Hereafter é a brancura; e o branco máis albo, no mesmo sentido no que era empregado por Eastwood na película, aparece aquí como elemento, para min, principal de este Soño e vértice de Eva.

Quizais xa co seu primeiro libro Fuxidíos, pero dende logo, na miña opinión, dende Paisaxes do baleiro, Eva iniciou un camiño único e singular na nosa poesía. Un camiño que libro a libro a achega ao esencial, despoxando a palabra do innecesario, prescindindo de adxectivación, dicindo o menos posible para suxerir e emocionar máis. Afondando ata o extremo na linguaxe poética, sen perder de vista a reflexión filosófica, atenta sempre á revelación da ciencia, Eva axúdanos a mellor comprender e, tamén, a procurar a plenitude.

Podemos ter sido a un tempo
unha multitude arrastrando
o morto cada quen cara a si
pero sempre até a noite
que ninguén ve. 

ou

Arde un bosque de néboa no cristal.
Unha granada de sangue ausente
a estalar nas rexións do olvido.
Quen pode negar que existe ese abismo
na mesma lingua dos verdes días de onde
ao ollarnos tan desordenadamente puros
dobraba a súa espada o sol?

son versos que me remiten a esa primeira referencia cinematográfica. Porén, a máis intensa sensación do libro está relacionada coa segunda.

Aqueles que viviron a máis límite das situacións, esa de estar, por uns minutos, no gume entre a vida e a morte, falan no regreso de luz e de brancura. Eva viviu esa experiencia e garda lembranza dese instante e do retorno. Da primeira un resplandor ou unha luzada; do camiño de volta unha pinga de auga caendo sobre unha folla. Intuíu, entón, que hai un non lugar onde se fonden o visible e o invisible, un espazo de difícil acceso, onde se concentra toda a tensión poética, a última razón de ser do poema, o misterio da vida e da morte, a máis reveladora achega ao enigma que somos. Non hai nela afán místico, si de transcendencia, de tentar comprender por medio da palabra e da imaxe poética.

Estamos aquí/ no máis escuro/ do branco máis albo./ É como se fose un xogo/ que é en realidade un xogo. Dinos nun poema. Non é doado expresar con palabras a memoria dese lugar que se nos oculta. Sabemos que a presa -acaso nós- de ambos lados foxe cara ao fondo, como foxe a vida, lóstrego fugaz da súa arelante extensión. É necesario levar a linguaxe ao límite, despoxala, espila para poder apreixar e compartir esa intuición, contar como é que sente o corazón ese lugar con auga e canaveiras, porque non sabemos realmente o que alí acontece.

O poema que fai o número 15, vai precedido dunha cita de Czeslaw Milosz, para min ben reveladora: Adoitábase esparexer millo ou alpiste sobre as tumbas/ para alimentar aos mortos que voltaban/ con disfrace de paxaros. Como nacer de novo en formas de flor branca, di Eva noutro poema, sabendo que mentres sexamos visibles, nada realmente importante acontecerá, porque a proposta de Soño e Vértice e, tamén, a comprensión do ciclo da vida e da morte como un todo, flor e bolboreta a un tempo, a certeza de que non somos máis ca proxección causada por un efecto de luz.

Teño para min que, acaso, tamén é ese non lugar da brancura, entre o visible e o invisible, onde acoden, nun ir e vir constante, as persoas maiores desconcertadas, as que esqueceron, as que perderon a vista ou as palabras. Si, creo que, ás veces, transitan por ese doce val da tenrura.

 

EN TRASALBA, FALANDO DO ESTILO

O sábado chegamos a Trasalba cedo, antes das nove dun día que non semellaba primavera. Chuvia e frío. Subimos pola costenta estrada que ascende dende Santa Cruz. A Asociación Galega de Saúde Mental convocara na casa de Ramón Otero Pedrayo a XXI edición das Xornadas de Trasalba, para falar de estilo e/ou identidade.

Otero 1

Eu ía emocionado. Había anos que non me achegaba a este lugar tan querido e noutro tempo tan visitado, cando acudía cada fin de semana a pasear a contorna co meu amigo Antonio. El, daquela, vivía boa parte do tempo na casa dos pais, moi preto da de Don Ramón. Entrei na casa grande. Volvín a ver os cuartos, a biblioteca, os retratos, o salón co mapa de Fontán, tan importante na novela Arredor de si, un deses libros que agora, cando miro cara atrás, considero determinante na miña vida, porque el obrou en min un proceso semellante ao que vive Adrián Solobio, o protagonista da historia.

O mapa de Fontán a través do Espello

O mapa de Fontán a través do Espello

Outra emoción era atoparme, tantos anos despois, con Olga Novo, que tamén participaba na xornada convocada este ano arredor do Estilo. Connosco Antón Casais, Moncho Campos, Xosé Manuel García, María Antonia de Miguel, Xaime Subiela e Manuel Sánchez Salorio. Eu tiña detrás unha fiestra na que non reparei ben cando sentei na mesa, pero logo do descanso, xa entre o público e situado xusto diante, comprobei que era unha marabillosa xanela aberta á natureza. Unha parella de paporroibos foron presenza constante, tamén unha meixengra, pardais, e merlos, outra emoción.

Con Olga Novo, Antón Casais e Moncho Campos, na primeira das mesas. Ía frío

Con Olga Novo, Antón Casais e Moncho Campos, na primeira das mesas. Ía frío

Gustáronme todas as comunicacións, tamén a charla de Salorio. Pero Olga emocionoume de maneira particular, non só polo que dixo, como se referiu á súa relación coa terra, senón porque leu un poema dedicado a seu pai, enfermo da mesma enfermidade que vai apagando a miña nai. Falei con ela diso, da necesidade de escribir sobre a enfermidade e recoñecín que tamén eu deixaba fluír os versos dese ciclo de poemas que a teñan a ela por único centro.

Rodeando os Chaos de Amoeiro, os outeiros de Pena Corneira e a Serra da Martiñá, á que Otero, que tamén era poeta, dedicou este poema:

A SERRA DA MARTIÑÁ

Serra da Martiñá, baruda serra,
esquiva nai da nordesía ouveante,
miras pasar os signos sobre a terra
eterna e simpre com’o mar bruante.
Gardas  na túa conciencia misteriosa
a lembranza de estrelas esquencidas,
i a túa penedía bretemosa.
Ve nascer i morrer as nosas vidas
com’os lustrigos que na noite moura
fan os foliós na escura lonxanía,
cando o bido do sol túa cume doura,
cando dos vellos pinos a harmonía
se axiganta nas noites de luar.
Serra da Martiñá, na túa outura
está o xenio dos ventos a cantar
coa lira eterna da túa pedra dura.

MANUEL MARÍA

Muiñeiro de brétemasNo ano 1950, a colección Benito Soto publicaba o primeiro libro de Manuel María, Muiñeiro de brétemas. No proxecto Benito Soto participaba un poeta tan esquecido como bo, Manuel Cuña Novás. Sempre amei ese libro, dende que empecei a ler poesía galega. Sei que nun momento influíu moito en min, en nós, os mozos que aprendiamos a escribir nos primeiros anos setenta.

Tentabamos collerlle o ritmo aos seus poemas, xogabamos con el a facer endecasílabos, que moi ben nos ían para os poemas militantes que escribiamos. Nel tamén aprendiamos a escribir versos comprometidos, aínda que aquel primeiro libro seu estaba lonxe da poesía de loita e só mantiña compromiso co ser do poeta. Lembro por exemplo o principio de Horizontes:

Eu vou pensando en tí polos camiños
que me dicen unhas cousas moi estranas
pra que se perdan logo no horizonte
ou nas ponlas verde-oscuras dun carballo.

Si, procurabamos o ritmo, o xeito de adxectivar, a relación coa natureza, aprendiamos o léxico. Viñeron logo outros libros, outros autores, pero eu sempre gardarei lembranza desa obra, como a gardo da Esmorga, de Blanco Amor, o libro que me levou a escribir en galego, ou Arredor de si, de Otero Pedrayo, que me fixo tomar consciencia de Galicia.

Este 17 de maio é o seu día. Manuel María sempre foi poeta da xente, e é moita a xente que lle quere. Eu deixo aquí esta lembranza e cariño para con el, e comparto este poema Alborada, daquel primeiro libro seu:

Xogando na luz da alba
con aguilladas de sombras
muiñabas doces brisas
no teu muíño de follas.
 
                                   Os ventos, que non te ouvían,
                                   cos seus foguetes nas eiras
                                   depenicaban nas eiras
                                   garabullos de milleiros.
 
Asubiaban os melros
alalás entre as silveiras.
¡E a preta noite morría
aforcada nas cerdeiras!

 

Hai meses escribín para un proxecto colectivo un poema que xogaba con versos seus. Escollín eu o poema Sei dun país, vai como complemento ou coda.

Sei dun país que existe e non existe
Sei dun país –O camiño é unha nostalxia-
Manuel María
Sei dun país que existe e non existe
Sempre agochado e sempre tan presente
Entre o si e o non, arrriba, abaixo
Un pé no mar e outro na almofía.
 
                                  Nunca souben, nin sei, cal é o soño
                                  Extraviada procesión de ausentes
                                  Corpo de sal confundido na brétema
                                  Esquecida voz na sucesión dos días.
 
Entre o devalo do merlo e o cantar da lúa
O meu país recita nos cantís doentes
Respira e dorme, avanza e retrocede
Paixón que se desangra en poesía.
                                 Horizonte de mar, berce de terra
                                 O meu país latexa arborescente
                                 Ten orgullo de seu, ten soidades,
                                 Confundido de pranto e de alegría.
 
Son dun país que amo e que rexeito
Deitado entre solpores e abrentes
Co futuro debuxado en pedra,
Vizoso corazón, sede de vida.

MAURO CASTELLÁ FERRER

Devolvín onte na biblioteca, logo de telo un mes na casa, este libro curioso, titulado Historia del Apóstol de Iesus Christo Santiago Zebedeo Patrón y Capitán General de las Españas. O autor Mauro Castellá Ferrer, militar e escritor que naceu en Celanova no ano 1567 e que morreu en Madrid no 1612.

Non foi o título, dende logo, o que me chamou a atención. Souben del por un artigo de Xosé Luis Méndenz Ferrín, publicado no suplemento cultural do Faro de Vigo e titulado: O erudito de Bubadela.

Mauro Castellá 1Nas setecentas páxinas cumpridas do texto, amósase Mauro Castellá Ferrer como un apaixonado defensor da historia do apóstolo como certa. Argumenta e replica todo canto argumento coñece que negue o que é para el verdade incuestionable. Informa de cousas curiosas, como que Pedro e Andrés pescaban á parella con Santiago e Xoán, no mar de Galilea, e que era Caifás quen lles mercaba o peixe.

Para min, o máis singular, é como conta Galicia dende a perspectiva do século XVI. O país dos neriones, dille, supoño que lembrando os nerios. Recolle todas as lendas que vinculan o noroeste peninsular coa mitoloxía grega. Interpreta o topónimo Pontecesures como Ponte feita por Xulio César; afirma que a Ara Solis estaba no lugar no que se ergue a igrexa de Santa María das Areas en Fisterra, e dá por certo que Santiago estivo en Iria Flavia, que el corrixe e cita como Illia Flavia, pero tamén en Duio, Muxía, A Coruña e Lugo, antes de marchar cara Braga. Segundo escribe, Ourense pillaría ao Apóstolo fóra de camiño, pero Mauro Castellá fala da cidade e do Castelo Ramiro. Algunhas achegas son ben singulares, como este mapa da xeografía apostólica:

mapa do santo

Afirma que nos días nos que o Apóstolo andaba por aquí de prédica, na Gallaecia había rebelións locais contra o Imperio, cousa que eu sempre sospeitei, aínda que non teñamos moita memoria deses feitos, ou eu non coñeza as probas.

A Historia de Lupa que nos conta é moi semellante á do Códice Calixtino, aínda que afirma que ela provén dunha familia romana, cousa que a min me custa crer. En fin, libro curioso, singular para días de chuvia

MARINA TSVIETÁIEVA

Lin estes días pasados, por recomendación de Inma Doval, o libro Cartas del verano de 1926, que recolle a correspondencia cruzada nese período entre Marina Tsvietáieva, Borís

Rainer María Rilke

Rainer María Rilke

Pasternak e Rainer María Rilke. Gustoume regresar a Rilke, un dos poetas máis amados, despois de anos sen me achegar a el. Penso que o último libro que lera del foi a tradución galega dos Sonetos de Orfeo, de Lois Tobío. A aproximación tivo o seu reflectir na entrada que aquí escribín conmemorando o día da poesía e a inclusión, nela, dese poema seu tan querido por min dende a xuventude. Debo confesar que coa lectura das cartas medraron en min as figuras de Rilke e, sobre todo, e dun xeito especial, a de Marina Tsvietáieva. Non sucedeu o mesmo con Borís Pasternak, tan recoñecido e admirado sempre, sobre todo por ser quen de se enfrontar ao poder da URSS e pola súa obra poética e narrativa que lle valeron o Nobel. Porén, nas cartas pareceume unha figura celosa en exceso, dependente da opinión que os outros teñen del e do escribe, cheo de dúbidas e con dificultades para se entregar no afecto.

• Guerra del 15-3

Recoñezo que o meu coñecemento de Marina Tsvietáieva era limitado. Algúns poemas, a admiración que por ela sentía Eva Veiga, a súa vida difícil e pouco máis. Agora, grazas ás cartas daquel verán, achegueime a boa parte da súa obra poética, en boa parte traducida polo escritor cubano Severo Sarduy e lin, tamén, os Diarios da Revolución de 1917.

Marina Tsvietáieva

A revelación e iluminación da súa obra poética, non impide valorar, tamén, a súa prosa, fondamente innovadora e cunha singular capacidade de disección da alma humana, de se achegar ao centro das cousas a partir do coñecemento profundo das palabras e da lingua, e de conmover dende unha admirable dignidade persoal.

Xa non ri
(Inscrición sobre a miña cruz)

Meu cuarto. -Nalgún momento o deixarei (?). Ou é que xa nunca xamais, nun-ca-xa-máis verei nada distinto ao abrir os ollos, que a fiestra alta no teito -a cubeta no chan- trapos en cada cadeira- a machada- o ferro (co ferro golpeo a machada), a serra… 

Con ese ferro, esa machada e esa serra subía Marina, cada mañá, ao sollado para cortar anacos de trabes da cuberta da casa, coas que prender o lume da estufa co que quentaba o cuarto no que vivía coas súas dúas fillas. O seu home era oficial do exército branco, loitando na guerra civil.

Nunha das cartas a Rilke fálalle de poesía e da tradución, desa carta deixo aquí estes parágrafos:

A poesía xa é unha tradución da lingua materna -a outra, sexa esta o francés ou o alemán, dan o mesmo. Ningunha lingua é lingua materna. Crear versos significa traducir. Por iso non comprendo que se fale de poetas franceses ou rusos ou outros. Un poeta pode escribir en francés, pero non pode ser un poeta francés. É ridículo. 

Eu non son un poeta ruso e sempre me asombro cando me consideran ou me ven como tal. Convérteste en poeta (se é posible converterse en poeta, se non se é de antemán!) para non ser francés, nin ruso, etcétera, para se todo. Ou, dito doutro xeito, un é poeta porque non é francés. A nacionalidade é in- e reclusión. Orfeo fai estoupar a nacionalidade ou ensancha as súas fronteiras a tal punto que todos (pasados e presentes) están incluídos. Fermoso alemán -aquí! E fermoso ruso!.

Entendo o parágrafo como a proposta de Marina de que existe un mundo, un lugar, común a todas e todos (e isto é está posto con intención), no que compartimos o esencial, máis alá da lingua e do lugar de nacemento, o que non quere dicir que non traballemos pola supervivencia das linguas, das culturas, das identidades, dos estilos de vida.

(As traducións ao galego dos textos de Marina Tsvietáieva están feitas dende as extraordinarias versións en castelán de Selma Ancira, imposible para min traducir dende o ruso).

MANOEL PRIETO MARCOS

coral de ruadaContáronme o outro día que pronto teremos novo disco da Coral de Ruada. É este un proxecto moi importante no devir desta formación, unha das corais históricas de Galicia fundada en 1929. No disco participan algunhas das máis importantes figuras da música, outros grupos e corais, nenas e nenos cantores.

Quen isto me contaba faloume de que o disco servirá, tamén, para reivindicar a figura de Manoel Prieto Marcos, poeta, músico e compositor nacido en Tui no ano 1905. En 1928, coa súa dona Nandela, Manoel emigra a Arxentina, primeiro a Entre Ríos e logo a Bos Aires. Na capital dirixe coros como o da Nova casa de Galicia, Lembranzas de d’Ultreya, Saudades ou Os rumorosos. Antes de marchar, en Vilagarcía, fora subdirector da banda municipal de música.

Manoel Prieto falece sendo novo, en 1945. Escribiu versos que publicabaManoel Prieto Marcos en revistas e xornais da Comunidade e que xuntou nun libro con título Versos en gama de gaita, publicado en 1970, ao se cumprir o 25 cabodano do seu pasamento, por iniciativa da Irmandade Galega de Buenos Aires e cun crowdfunding da época, ao que se suman 50 persoas, relacionadas ao final do libro. Eu non atopei imaxe del, polo que me atrevo a inserir aquí esta fermosa alegoría do pintor Paz Antón, na que está Manoel.

A ilustración de cuberta de Versos en gama de gaita é de Luis Seoane. O libro leva un limiar no que eu non percibo a prosa de Eduardo Blanco Amor, aínda que hai quen di que é del. Os versos van precedidos dun texto de Manoel que remata así:

Irmáns na patria e na esperanza: ai van eses versos, moxenas do meu esprito, momentos da miña vida inútil. Prégovos que os admitades, porque vai neles a lentura d’un corazón agradecido. E ti, leitor… disimula. 

Versos en gama de gaita

Seus versos fluén rítmicos, ricos na linguaxe e nas imaxes, poesía vinculada á vida rural e do mar e, ao tempo, cun certo ton modernista e de vangarda que algúns sitúan no ronsel de Amado Carballo. De seguro que, de vivir máis anos, a súa obra tería madurecido e florecido e, acaso hoxe falariamos dunha referencia poética para o país, en lugar do esquecemento que cobre a súa memoria.

Eu deixo aquí estes dous poemas. O primeiro pola primavera que se achega e que xa respiramos. O segundo porque, de coñecelo cando fixen aquela colección de poemas vinculados coa carpintería de ribeira e as embarcacións tradicionais, (Tamén navegar. Editorial Toxosoutos), figuraría nela, e só se me ocorre agora un xeito de subsanar ese baleiro, que é compartilo aquí.

ROMANCE DA PRIMAVEIRA

Nas cerdeiras frolecidas,
ramallos de volvoretas;
ou pingas de sol maduro,
quizais bágoas das estrelas…
Ai, que ti viñas rubindo
camiños da miña espera,
i-o meu ollar criou lume
i-o lume ergueu bambinelas.
Pero ben vin que petaba
no teu sangue a primaveira.
                            Xila, que linda ficabas
                            garnida de garnicela!…
                            Volallas ao teu redor
                            -cachizos de ollada acesa-
                            queimaron íntimos liños
                            e gusmiñaron roseira
                            toda albariza de rosas,
                            toda de rosas doncelas.
                            Ai, cómo tamén petaba
                            no meu sangue a primaveira!
Lene chamarís da lúa
chamando pol-as noitebras;
o sol apagaba os lumes;
os paxaros tiñan festa.
As mans da bris, a trenzar
risos e canzóns antergas;
i-a fita roxa das gaitas,
i-o queixume das ovellas…
O teu sangue i-o meu sangue,
vértigos trenza que trenza.
¡Ben comprida foi de nós
a manda da primaveira!
…………………………………………
Xila, que na miña carne
madura, magra e morena,
aínda recenden as rosas
novas da tua carne albeira.

VERSOS DE BEIRAMAR

Ai, a belida peixeira
ben querida na ribeira.
           (Levaime, barcas!…)
Ai, a peixeira belida
na ribeira ben querida.
           (Levaime, barcas!…)
                Po-los vieiros do mar
                van proa á noite as barquelas
                ceibando alalás no ar.
                              As estrelas
                derrétense encol das velas.
                Encol da miña emoción,
                derrétese corazón.
Nas túas pernas dispidas,
peixeira de Vilaxoán,
alóngase esta serán
que adorme as miñas feridas.
Atustulla nos meus bicos
a mariñeira faciana
namentras o trebón brúa
i-o mar arremuiña barcas.
                Navegarei o teu corpo,
                                ai, a-la-la!

 

CAROLINA ZAMUDIO: O QUE BRILLA

CarolinaCoñecín a Carolina Zamudio en Nova York, no mes de outubro de 2014. Os dous acudimos a participar no festival de poesía organizado pola editorial Artepoética press, coa colaboración de varias entidades, entre outras: o Instituto Cervantes, a Casa Museo de Walt Whitman ou o Center for Worker Education. No recital que abriu o recital, no auditorio do Center for Worker Education, escoitei recitar a Carolina por primeira vez. Leu ela poemas do seu libro La oscuridad de lo que brilla. Escoitándoa tiven a sensación de que había algo neses versos que tiña relación co meu Bater de sombras, por iso, rematado o recital, achegueime a ela e comenteillo. Ese encontro foi o inicio dunha fermosa amizade.

Ela, arxentina de orixe, vive en Barranquilla, Colombia, con Gustavo e as fillas de ambas, Rocío e Delfina. Na súa casa acolléronme cando viaxei, en xullo do ano pasado, a participar no festival POEMARÍO. Natural do estado de Corrientes, nos últimos anos viviu en tres continentes: Asia, Europa e, de novo, América. Esa experiencia de xeografías e culturas afastadas e diversas, vai deixando un pouso enriquecedor na experiencia da vida e, tamén, no seu dicir poético.

Cando nos coñecimos, Carolina publicara o libro Seguir al viento. Este outono, Carlos Aguasaco, na súa editorial Artepóetica press, publicou, en edición bilingüe, aquel La oscuridad de lo que brilla, que xa, dende o título, nos predispón a asistir a unha iluminación, a luz da sombra, a pescuda nos ángulos de nós tantas veces invisibles. A xeito de presentación, elaborouse este vídeo, no que os versos, na súa voz, conxugan coas imaxes fermosas e coa música de Shubert.

A partir dos textos de Carolina, o tamén arxentino Jorge Paolantonio, narrador e poeta, confeccionou unha plaquette co título Teoría sobre la belleza y otros poemas, cuberta que pode verse no centro da composición fotográfica que segue, aínda que resulta difícil ler o título:

Plaquette Carolina

Tiven o privilexio de ser lector de La oscuridad de lo que brilla cando era borrador. Algunha suxestión fíxenlle a Carolina, pero o libro estaba maduro e feito. Esta é unha mostra da súa obra:

Teoría sobre la belleza
 Me dijo que le duele la belleza
que la alegría, la razón la abruman
detesta el suave cinismo de los días
la aparente armonía.
Me lo dijo con la voz que sale de los ojos
desaguándose tan completa
que no pude más que creerle.
La belleza no cabe
en un trozo de papel
sí en los ojos. Como ajustar
el enfoque de una lente
por detrás.
No en la punta de la lengua
más allá.
Cabe en el aire
al abarcar el ser.
Puede asirse la belleza
en silencio al reposar el cuerpo
desde atrás, en eso de ser
atesorar lo que haya sido
y bello es.
La belleza habita en la oscuridad
el don que nos fue dado oculto
la cáscara que se quita
lo bello es un fin vacío de principios
nace en el último tramo del próximo deseo.
La belleza abraza la luz de la muerte
o desata la nebulosa de la vida.
E este traducido por min, como agasallo a ela:
Esbozo para un autorretrato
Non nos foi dado un guión.
Intuín ao nacer que me foi negado o paraíso
a premura de parto
alumbrou un camiño en sombras
un contraluz de audacia que me ubica en beiras
por alí, erguidas ou dobregadas
van as noites.
Tampouco nos foi dado un final.
Fuxo do paraíso
entrégome á loita dos homes
que é a falta de certezas
o exiguo tintinar de palabras
a razón ou o amor, segundo o día
a convención, precaria
da felicidade.
Non será doado atopar La oscuridad de lo que brilla, pero si é posible a adquisición directa á propia editorial ou en Amazon.

 

SOPHIA DE MELLO BREYNER ANDRESEN

SophiaComentei nunha entrada anterior do mes de xaneiro, a descuberta de Sophia de Mello Breyner Andresen, como agasallo dunha viaxe a Melgaço en día de chuvia, acompañando a Xesús Franco.

Como consecuencia da breve nota sobre a escritora portuguesa, María Tilve deixoume para ler dous libros de relatos: Histórias da Terra e do mar e Contos exemplares. Foi esta unha das lecturas que me acompañou nos días de entroido, recluído na casa por mor da gripe.

A lectura dos relatos de Sophia afirmou a miña primeira impresión. Gústame como escribe e tamén o que escribe. Do primeiro libro gustoume moito o relato que o inicia, longo en comparación cos outros, titulado Historia da gata borralheira, historia dunha mociña, Lúcia, que vive unha sorte do conto de Cincenta que Sophya Martodos coñecemos. Quizais compre lembrar que Perrault basouse, para escribir a historia clásica, nun conto popular italiano que leva por título La gata cennerentola, que traducido ao portugués viría sendo o título do relato de Sophia. Cambia ela madrasta por unha tía e madriña. O final tráxico da historia afástase da versión máis coñecida, sobre todo pola película de Disney, que tantas veces vimos no cine e na televisión.

Porén, quizais o relato que máis me gustou é o titulado A casa do mar, no que a casa é protagonista exclusivo, un relato moi fermoso de cor e luz e no que hai crebas: Para além das dunas a praia estende-se a todo o comprimento da costa e só o limite do olhar a limita. E, de norte a sul, ao longo das areias, correm três linhas escuras e grossas de algas, búzios e conchas, misturados com ouriços, pedaós de cortiça e pedaços de madeira que sao restos de bóias e de barcos.

Os Contos exemplares veñen precedidos dun extenso limiar de Antônio Ferreira Gomes,Sophya Contos sobre a condición exemplar dos relatos, e unha reflexión moi interesante sobre o valor relixioso e moral da narrativa e como este evolucionou dende Cervantes. Se me pediran escoller, quedaríame con O jantar do bispo, A viagem Homero, pero gustei de todos e cada un dos que forman o libro.

Sophia de Mello (Oporto 1919- Lisboa 2004) foi a primeira muller que recibiu o máis importante premio das letras portuguesas, o Camões, en 1999. En 2003 recibiu o Reina Sofía de Poesía. Foi parlamentaria elixida nas listas do Partido Socialista Portugués, na Asemblea Constituínte, primeira logo id_natalia_correia_gfda revolución do 25 de abril. A Praça da Graça, en Lisboa leva seu nome. Eu lembro que alí vivía e alí coñecín a outra escritora portuguesa, iberista e moi amiga de Galicia e dos galegos, Natália Correia, tamén elixida parlamentaria.

Deixo aquí, como remate, este poema de Sophia que, dalgún xeito, dialoga con aqueles primerios versos do poema Tabacaria de Álvaro Campos- Pessoa: Não son nada./Nunca serei nada./ Não posso querer ser nada./ Á parte isso, tenho em min todos os sonhos do mundo. 

Este é o poema:

Apesar das ruínas e da morte.
Onde sempre acabou cada ilusão,
A força dos meus sonhos é tão forte,
Que de tudo renasce a exaltação
E nunca as minhas mãos ficam vazias. 

 

(A imaxe de Sophia de Mello foi obtida na páxina: www.wook.pt/ a de Natalia Correa en: www.supecultura.org)

A LÚA É SEMPRE MULLER

O último día de Terranova, a recente novela de Manolo Rivas, agarda sobre a mesa o seu momento de lectura. Con ela algunha outra, tamén de amigo, como Os elefantes de Sakúrov, de Antón Riveiro Coello. Pasoume xa con eles outras veces, pásame con moitos libros desexados. Sinto a necesidade de deixar que suceda o momento inicial, que deixen de ser novidades, para xa sen urxencia abandonarme a eles con vagar.

Sei, porén, que O último día de Terranova é unha homenaxe ás librarías, eses lugares queridos, nos que moitos medramos e aprendemos cousas importantes do mundo e da vida. Non teño eu delas a sensación de templos. Na miña vida convivín con librarías mal ordenadas, nas que non se podía entrar, como a de Clemente, o comunista de Ourense, que escondía os libros naquela acumulación do portal da rúa do Progreso. Coa crise e os cambios que nas nosas vidas introduciu a tecnoloxía, perdemos moitas das mellores que tiñamos. Sobreviviron outras e naceron as novas, en lugares grandes e pequenos, nos barrios das cidades e nas vilas, que tanto están axudando a dinamizar o libro e a lectura e ás que desexo toda a sorte e longa vida.

StrandGústame, se podo, entrar nas librarías dos lugares que visito. O catálogo sería longo, pero hoxe quero falar dunha que é un clásico, Strand, situada na esquina entre a rúa 12 e Broadway de Manhattan. Universo de andares cara arriba e cara abaixo, con libros en todas as línguas, máis ou menos ordenados por xéneros, pero tamén con sección de novidades, as suxestións das vendedoras e vendedores e, nos últimos andares, os recunchos dos bibliófilos, con libros singulares e, tamén, o dos escritores da cidade, cos seus altarciños particulares. Espazo no que deixar pasar as horas sen que ninguén moleste, nin apremie.

A última vez que pasei nela unha mañá, demorei moito na sección de poesía. Buscaba libros de autoras contemporáneas norteamericanas. Merquei varios, entre eles un titulado The moon is always female da escritora Marge Piercy. Ese día botei horas alí, quería, tamén, ter a sensación de sentir como transcorría o tempo no local, porque é unha das localizacións da miña nova novela. Todos estes prolegómenos a conto dun poema do libro de Marge Piercy, o que lle dá título.

Female

Tentei a tradución eu só, pero venceume e deixeina na metade. Agora, coa axuda de Inés Lafoz, moza de Daniel, licenciada en filoloxía inglesa e profesora, cheguei ao final, e comparto o poema aquí porque sendo longo e duro, paréceme un berro necesario, non só contra a mutilación, senón tamén contra calquera outra das múltiples violencias exercidas sobre as mulleres aquí e acolá. Nese sentido, impresiónanme as declaracións do irmán de Chamaco Carballo Neira, o asasino dunha muller en Becerreá, porque dende un punto de vista psicolóxico din moito do pensar de boa parte da colectividade en relación con esta violencia que nos desangra, do substrato de complicidade que aínda sobrevive no inconsciente colectivo, acto fallido froidiano. Di seu irmán: “O Chamaco debería amañar as cousas doutro xeito, non cunha escopeta”. Quere isto dicir que el comprendería e ampararía a mutilación, unha paliza ou o acoso?.

A LÚA É SEMPRE MULLER

A lúa lúa é sempre muller e así
son eu aínda que con frecuencia neste val
de follas de afeitar desexei que puidera
poñer e quitar o meu sexo como un vestido
e por que non? Os homes levan posto
sempre o seu sexo? O cura, o médico, o mestre
todos nos din que veñen ás súas profesións
neutros como as ameixas e a verdade é que
cando traballo son pura coma un anxo
tigre e claro é o meu ollo e quente
o meu cerebro e silenciosos todos os porquiños
choromiqueiros pola fame.
Éramos sacerdotisas para as deusas
as que lle foron ofrecidos os primeiros altares
de pedra torpe sobre pedra e saltos de animais  
na escura cova do útero, moito antes de que os homes
puxeran saias e máscaras para asustar os bebés.
Nós eramos curandeiras con herbas e cataplasmas
Co noso leite e dedos coidadosos
moito antes de que aprenderan a cortar
a vida facendo chistes sobre os cadáveres.
Nós estabamos facendo sons coas nosas gorxas
e labios para advertir e alentar as indefensas
mozas moito antes de seren construídas as escolas
para aprenderlles aos nenos a obedecer e seren aburridos e matar.
Esperto no estraño leito brando e baleiro
dun motel, tremendo como secas follas soltas
que o vento esgarra, e a miña cabeza
está prendida a unha rapaza de doce anos
cos todos os órganos femininos, pero as entrañas entumecidas
están sendo cortadas con coitelo. Clitoridectomía
ou calquera outro nome que lle deas en Latín, nun cuarto
do mundo as mociñas son mutiladas.
e penso nelas e non podo parar.
e penso nelas e non podo parar.
Se ti es muller, sentes o coitelo nas palabras.
Se ti es un home, entón, con catro anos ou ben
aos doce ti es amarrado e colgado cara abaixo
e o teu pene é cortado.  Quédanche
os testículos pero están cosidos
á túa entreperna. Cando a túa esposa te compra,
te desgarra e te abre para que o teu valioso
seme poida ser extraído, por suposto
ti non sentes nada.  Só dor. Só dor.
Para o uso dos homes fomos masacradas
e mutiladas e silenciadas e trinchadas
baixo a lúa que medra e brilla
e se encolle de novo ata ser nada, encinta
e despois minguante, cara a súa pequena morte
mensual. A lúa e sempre muller pero o sol
é feminino só nas terras onde ás mulleres
lles é permitido correr e ascender ao sol.
Unha muller está berrando e eu escóitoa.
Unha muller está sangrando e véxoa
sangrando pola boca, o ventre, os peitos
nunha fonte de sangue escura e lúgubre
mágoa cotián e tedio bastante agradable
para o gusto dos poderosos e dáse por suposto
que o pan da domesticidade amásase
coa nosa carne, que o noso corazón constrúese
cos nosos ósos de animais criados para dar carne e leite
que abrimos e baixo os que xacemos e choramos.
Quero dicir sobre os nomes das miñas nais
como as pedras dun camiño polo que vou trepando
rocha tras rocha esvaradía ata as néboas.
Nunca, incluso a punta de navalla, quixen
ou estiven disposta a converterme nun home.
Só quero ser eu mesma e ser libre.
Estou agardando a saída da lúa. Aquí
abáixome, o mundo enteiro coas súas fundicións
de aceiro e as súas minas de carbón e as súas prisións
ás miñas costas o continente inclínase
cara as montañas desgarrado por lagos brillantes
todo detrás de min nesta gadaña de palla,
un molde de area entre as ondas do océano, e eu
agardo a saída da lúa vermella e pesada
nos meus ollos. Xélida, rara, temerosa
na escuridade agardo e estou todo o tempo
escalando por rochas esvaradías entre a brétema mentres
moi por debaixo das ondas estámpanse as furnas;
estou descendendo unha escada baixo o mar que xeme
mentres as negras augas me abanean
como argazos dun lado para outro.

 

Nadei na superficie das augas brincando
de ledicia na pel dun golfiño do mesmo xeito
no necesario aire e no tumulto da poderosa onda.
Estou entrando nos cuartos que visitei.
Abollei sobre eles mentres durmía e durmía,
andando e espertando, afogándome nunha paixón
engalanada con corbelas de sufrimento.
Vaguei por eses cuartos na rocha
onde a lúa conxela o aire e todo o pelo
é negro ou prateado. Agora contareiche
o que aprendín deitada baixo a lúa
espida como fan as mulleres: agora contareiche
os cambios da lúa crecente e minguante.
Polas pedras duras da necesidade chuchamos
o que da auga podemos e así sobrevivimos
mulleres nacidas de mulleres. Pódese coñecer
cos dentes e tamén coa lingua
e pódese coñecer coas xemas dos dedos
e tamén coas palabras e con todas
as palpebrexantes ansias do cerebro.