Autor

Caricatura do autor feita polo pintor Alí Alí

Biografía

Francisco Xosé Fernández Naval. Ourense, un xoves de abril de 1956, ás 20,00 horas.Dende o ano 1982, e por decisión propia, resido na Coruña.

Do río ao mar. Constancia da auga e, nese tránsito, un universo de olladas e de sombras, de abrazos e de risos, de ausencias. A vida e a súa firmeza de cristal, un arrecendo a bosque, a visión fugaz dunha mirada, o eco dun cantar nos días da memoria, a saudade das perdas.

E paxaros, unha extensión de brillos e de aire, unha vertixe, a certeza de que as palabras, coma os soños, voan.

Durante a infancia, todos os días á hora do xantar, a radio Marconi, situada nun andel sobre a miña cabeza, anunciaba o parte de noticias de radio nacional. Sempre o mesmo himno, o mesmo son triunfal, a mesma voz. Para fuxir daquela realidade gris que non comprendiamos, pero que afogaba, a miña irmá e máis eu reclamabamos unha historia na voz da nosa nai. Ela non nos contaba unha fábula convencional, as historias que escoitabamos eran a memoria da familia, da aldea, do río e da ribeira. Probablemente así naceron o meu gusto por escoitar e a necesidade de contar. As historias da miña nai e o cine. O meu pai traballaba no cine que fora do seu tío. Antes de ter idade para ocupar unha butaca, sentaba eu no chan dun palco e por un burato que el fixera e cun só ollo, vía as películas. No palco aquel ou na cabina, pensando que a máquina contiña todas as persoas e todas as paisaxes, acaso comecei a soñar. Logo, xa con corpo de butaca, vin todas as películas posibles, unha e outra vez, e memorizaba as músicas. Realmente, a vida é inferior ao cine nisto da música. Na pantalla, nos momentos transcendentes, sempre hai unha melodía que acompaña aos protagonistas.

Aínda que empecei escribindo versos e pezas teatrais, na narrativa atopei un xeito e un espazo para desenvolver mundos. Uns forman parte do territorio da imaxinación e outros do da memoria. Porén, nunca deixei de escribir poemas. Ler e escribir poesía é unha necesidade, é ela a que nos achega á intuición do enigma, do misterio que somos e co que convivimos. A poesía observa dende outra altura a nosa condición humana e efémera. E ela quen máis próxima está á revelación desa verdade que perseguimos pero que foxe de nós, coma unha sombra fuxidía. Cada mañá érgome media hora antes do necesario, por ler versos. Lendo versos nesa primeira hora inauguro o día nun territorio de sensibilidade e de inocencia que me protexe. Logo a realidade poderá desbaratar ese efecto inicial, poderá bater o vento da desolación e da barbarie, pero, aínda sen conseguir a inmunidade, son maiores as defensas e máis firmes os muros que me gardan e protexen.

Os amigos chámanme Chisco. Báñome no mar de verán e de inverno. Hai tempo calveei, pero non me animo a usar sombreiro. Gústanme os paxaros, os amigos, viaxar, andar en bicicleta, ler e poñerlle letra propia a cancións famosas, porque así paréceme que son máis miñas e, sobre todo, gústanme os abrazos.